Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 12 de febreiro de 2002 Páx. 1.657

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Celta de Artes Gráficas, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Celta de Artes Gráficas, S.L., con nº de código 3603202 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-12-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data do 30-11-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 20 de decembro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo Celta de Artes Gráficas, S.L.

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio colectivo será de aplicación en tódolos centros de traballo onde Celta de Artes Gráficas, S.L. desenvolve as súas actividades.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a todo o persoal que preste os seus servicios na empresa mediante contrato laboral, calquera que fose a súa función.

Quedan expresamente excluídos:

a) O persoal ó que se refiren os artigos 1, tres, c) e 2, un, a) do Estatuto dos traballadores.

b) Profesionais liberais vinculados con contratos civís de prestación de servicios.

c) Asesores.

d) O persoal pertencente a empresas concesionarias que teñan formalizado un contrato civil de prestación de servicios con Celta de Artes Gráficas, S.L.

Artigo 3º.-Ámbito temporal e absorción.

A vixencia deste convenio será dun ano, contado desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2001. Tódolos conceptos económicos terán efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2001.

Operará a compensación e absorción cando os salarios realmente aboados no seu conxunto e cómputo anual sexan máis favorables que cós fixados na orde normativa ou convencional de referencia.

Artigo 4º.-Denuncia e vinculación á totalidade.

A denuncia realizarase por escrito cunha antelación mínima de dous meses ó seu vencemento.

En caso de non media-la dita denuncia por calquera das partes coa antelación mínima referida, o convenio considerarase prorrogado nos seus propios termos de ano en ano. Se as deliberacións se prolongaran por un prazo que excedera da vixencia do convenio entenderase este prorrogado, mantendo o seu teor normativo e obrigacional mentres non se asine e alcance vigor o que o substitúa, sen prexuízo de que o novo convenio teña efectos retroactivos, as condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible, polo que ambas partes se obrigan ó respecto da totalidade das estipulacións.

Artigo 5º.-Remisión.

En tódalas materias non reguladas polo presente convenio colectivo haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores e normas concordantes.

Organización e condicións de traballo

Artigo 6º.-Principio xeral.

A organización práctica do traballo e a asignación de funcións é facultade exclusiva da dirección da empresa.

O comité de empresa ou delegados de persoal ten atribuídas funcións de asesoramento, orientación e proposta nos temas relacionados coa organización e racionalización do traballo, tendo dereito a presentar informe con carácter previo á execución das decisións que aquela adopte nos casos de implantación ou revisión de sistemas de organización e control de traballo, todo isto sen prexuízo das normas legais que sexan de aplicación.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas de traballo semanais.

Artigo 8º.-Período de proba.

Establécense os seguintes períodos de proba, dentro dos que ambas partes poden resolve-lo contrato sen obriga de indemnización nin aviso previo:

Técnicos de grao superior e medio e persoal de similar categoría (tres meses).

Persoal administrativo e persoal cualificado (dous meses).

Persoal non cualificado (un mes).

A incapacidade temporal que afecte o traballador durante o período de proba interrompe o cómputo deste. O período de proba ha de constar no contrato de traballo.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

Tódolos traballadores acollidos a este convenio terán dereito ós permisos retribuídos que define o artigo 37 do vixente Estatuto dos traballadores, coas seguintes variacións:

-Quince días naturais en caso de matrimonio.

-Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

-Dous días por traslado do domicilio habitual.

-Un día por asuntos propios, sempre que as necesidades da empresa o permitan e de mutuo acordo do responsable da sección.

Artigo 10º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio desfrutará de 30 días naturais de vacacións. O calendario de vacacións deberá elaborarse durante o primeiro trimestre de cada ano.

A incapacidade temporal no transcurso do ano non dará lugar a desconto de días de vacacións.

Artigo 11º.-Festivos.

Os traballadores das sesións ou departamentos que corresponda presta-los seus servicios nalgún ou

algúns dos días declarados festas oficiais no calendario laboral, desfrutarán de día e medio natural de descanso por cada festivo traballado.

O desfrute destes días de descanso poderá incrementar ou non o período de vacacións anuais, de acordo coas necesidades da empresa, e unha vez oído o traballador.

Artigo 12º.-Vestiario.

Ó persoal de rotativa, talleres mecánicos, servicios auxiliares e de mantemento, facilitaránselle dúas mudas de roupa de traballo ó ano, consistentes en pantalón e chaqueta ou camisa.

Artigo 13º.-Saúde laboral.

Para estes efectos haberá que aterse ó disposto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e demais normas de aplicación.

Artigo 14º.-Xubilación.

A xubilación dos traballadores poderase producir en calquera dos momentos seguintes:

a) De forma anticipada, antes de cumpri-la idade de 65 anos, mediante acordo entre a empresa e o traballador e con coñecemento do comité de empresa ou delegados de persoal, aboándolle a empresa catro mensualidades de salario real por cada ano de anticipación ós 65 anos, como incentivo á xubilación anticipada voluntaria que se estableza de mutuo acordo entre a empresa e o traballador.

No suposto de aplicación de cesamentos laborais por renovación tecnolóxica, o traballador desfrutará das vantaxes concedidas pola lexislación de acordo coa estimación de pensións.

Libremente empresa e traballadores pactarán a indemnización ou compensación prevista no cesamento por cambios tecnolóxicos ademais das condicións enunciadas nos parágrafos anteriores.

b) De forma obrigatoria, ó cumpri-lo traballador a idade de 65 anos, non poderá permanecer por máis tempo prestando os seus servicios á empresa, co fin de implantar novas tecnoloxías, permitindo a reconversión e modernización do cadro de persoal.

c) Para tódolos efectos garantirase que non se producirá a xubilación forzosa dos traballadores ós 65 anos sen que estes reúnan as condicións precisas para obte-la prestación correspondente da Seguridade Social.

Artigo 15º.-Seguro colectivo de vida.

A empresa contratará un seguro colectivo de vida con indemnización de 2.000.000 (dous millóns) de pesetas por falecemento e invalidez.

Premios, faltas e sancións

Artigo 16º.-Premios.

Os comportamentos excepcionais ou especialmente meritorios no desempeño do traballo poderán ser

premiados pola dirección nunha ou varias das formas seguintes:

a) Mención honorífica, que deberá constar no expediente persoal, levando anexa a anulación de posibles notas desfavorables de sancións.

b) Bolsas, asistencia a seminarios, conferencias, feiras profesionais ou viaxes de estudio.

Artigo 17º.-Faltas e as súas clases.

O bo comportamento laboral enténdese inherente á realización do traballo. Baixo este principio, os actos ou omisións contrarios á disciplina e á boa orde laboral que debe existir na empresa terán a consideración de faltas laborais, as cales, en atención á súa transcendencia, clasificaranse en leves, graves e moi graves.

De conformidade con esta clasificación por niveis de gravidade, relaciónanse os artigos seguintes, a título meramente enunciativo, algunhas destas posibles infraccións, sen que isto implique que existan outras que por analoxía poidan ser encadradas na dita clasificación.

Artigo 18º.-Faltas leves.

Serán faltas leves as seguintes:

1. Ata tres faltas de puntualidade na entrada ou saída do traballo, durante un período dun mes, superiores a dez minutos e inferiores a trinta.

2. Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivos xustificados, a non ser que se comprobe a imposibilidade de telo efectuado.

3. O abandono sen causa xustificada do servicio, aínda cando sexa por breve tempo. Se como consecuencia deste se causase prexuízo dalgunha consideración á empresa, o fose causa de accidente, esta falta poderá ser considerada como falta grave ou moi grave, segundo os casos.

4. Pequenos descoidos na conservación do material.

5. Falta de aseo e limpeza persoal. Esta falta, en caso de persoal que realice tarefas de atención ó público poderá ser considerada grave.

6. Non atende-lo público, persoal ou telefonicamente, coa corrección e dilixencia debida.

7. Non comunicarlle á empresa os cambios de residencia ou domicilio, así como os cambios das contas bancarias nas que estivera domiciliada a nómina.

8. Faltar ó traballo un día, nun mes, sen causa xustificada.

Artigo 19º.-Faltas graves.

Clasificaranse como faltas graves as seguintes:

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade no traballo cometidas durante un período de trinta días.

2. Faltar dous días ó traballo, nun mes, sen falta xustificada.

3. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na situación familiar que poidan afectar á Seguridade Social ou ó tipo de retención do IRPF. A falta maliciosa nestes casos poderá considerarse moi grave.

4. Entregarse a xogos ou distraccións, calquera que sexa, estando de servicio.

5. A simulación de enfermidade ou accidente.

6. A desobediencia ós superiores en calquera materia de servicio. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela derivase prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada moi grave.

7. Simula-la presencia doutro traballador, fichando, contestando ou asinando por el.

8. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha do servicio.

9. A imprudencia en actos de servicio. Se implicase risco de accidente para o traballador, para terceiros ou perigo de avaría para as instalacións considerarase moi grave.

10. A reincidencia en faltas leves, aínda que se trate de infraccións de distinta natureza sempre que se cometan dentro dun período dun mes.

11. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas nun período de seis meses e vinte durante un ano.

Artigo 20º.-Faltas moi graves.

Consideraranse como tales as seguintes:

1. Realizar, sen o oportuno permiso, traballo alleos á empresa durante a xornada ou empregar para usos particulares ferramentas desta, incluso cando isto ocorrera fóra da xornada de traballo.

2. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa como ós compañeiros de traballo ou calquera outra persoa dentro das dependencias de traballo ou durante acto de servicio en calquera lugar.

3. Facer desaparecer, inutilizar, estragar ou causar danos en primeiras materias, útiles, ferramentas maquinarias, aparellos, instalacións, edificios, utensilios ou documentos da empresa.

4. A continuada e habitual falta de aseo e limpeza, de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo.

5. A embriaguez ou calquera tipo de intoxicación de drogas durante o servicio.

6. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa ou dos seus traballadores.

7. Revelar a elementos estraños á empresa datos de reserva obrigada.

8. Dedicarse a actividades que a empresa declarara incompatible.

9. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto e consideración ós xefes, compañeiros ou subordinados, así como a terceiras persoas, sempre que neste último caso se produzan dentro das dependencias da empresa.

10. Acoso sexual.

11. Causar incidente grave por imprudencia ou neglixencia inescusables.

12. Abandona-lo traballo en postos de responsabilidade.

13. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do traballo.

14. Orixinar frecuentes rifas e pendencias cos compañeiros de traballo.

15. A reincidencia en falta grave, aínda que se trate de infraccións de distinta natureza sempre que se cometan dentro dun período de seis meses.

Artigo 21º.-Sancións.

As sancións máximas que poderán impoñerse ós que incorran en falta serán as seguintes:

a) Por faltas leves: amoestación por escrito.

b) Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de 2 a 14 días.

c) Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de 15 a 60 días ou despedimento.

Artigo 22º.-Tramitación.

A valoración das faltas e as sancións que se van aplicar en cada caso corresponderalle á dirección da empresa, sen máis trámite que a comunicación escrita ó traballador, facéndolle consta-los feitos constitutivos da falta, a sanción imposta e a súa data de efectos, debendo mediar, nos casos de sancións graves e moi graves, comunicación previa ó comité de empresa.

Artigo 23º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós dez días; as graves ós vinte días e as moi graves, ós sesenta días a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido.

Réxime económico

Artigo 24º.-Remuneracións.

O incremento salarial nominal para o ano 2001 será do 4%, aplicado á base salarial.

O persoal incluído neste convenio colectivo percibirá doce pagas anuais na contía fixada no anexo I para cada categoría profesional.

Para efectos do disposto no artigo 26.5º do Estatuto dos traballadores, a remuneración anual en función das horas de traballo é a que figura no expresado anexo I deste convenio.

Artigo 25º.-Antigüidade.

Os traballadores comprendidos neste convenio desfrutarán, como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico polo tempo de servicios prestados na empresa, consistentes en dous trienios e quinquenios sucesivos. A contía do dito complemento de antigüidade será do 5% do salario base que figura na táboa do anexo I.

Artigo 26º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécese un total de tres gratificacións extraordinarias: verán, Nadal e febreiro. A súa contía será equivalente a unha mensualidade do salario base do anexo I, excepto a paga de febreiro que será equivalente ó 8% do salario base máis a antigüidade.

As gratificacións de verán e Nadal faranse efectivas o día 15 de xullo e o 15 de decembro, respectivamente, e a de febreiro aboarase durante o mes de febreiro do ano seguinte ó que corresponda.

Artigo 27º.-Aprendizaxe.

A retribución do contrato de aprendizaxe fixarase por riba do salario mínimo interprofesional e estará conforme o artigo 11 b) da sección cuarta do título primeiro do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e conforme o Real decreto 488/1998, do 27 de marzo.

Artigo 28º.-Dereito a necrolóxica.

Todo o persoal afectado polo presente convenio terá dereito a unha necrolóxica por falecemento e outra de gracias, ó tamaño de tres columnas, gratuíta, en caso de falecemento de familiar de primeiro grao.

Artigo 29º.-Axuda para mellora da visión.

Todo o persoal da empresa terá dereito a percibi-lo 50% do valor dos cristais de lentes ou do importe das lentes de contacto, logo de presentación de factura emitida pola óptica e unha soa vez ó ano. O máximo importe por persoa ascenderá a 20.000 (vinte mil) pesetas.

Artigo 30º.-Axuda escolar.

Para os traballadores que teñan fillos en idade escolar (ESO excluída) establécese unha axuda de 15.000 pesetas por fillo e ano.

Artigo 31º.-Bolsa de vacacións.

Para todo o persoal segregado de Faro de Vigo establécese un incremento na bolsa de vacacións de 20.000 (vinte mil) pesetas, pasando de 95.000 no ano 2000 a 115.000 (cento quince mil) no ano 2001.

Artigo 32º.-Complemento de transporte.

Para todo o persoal segregado de Faro de Vigo, o transporte será incrementado nun 4%.

Artigo 33º.-Complemento dominical.

Para todo o persoal segregado de Faro de Vigo, o complemento dominical será incrementado nun 4%.

Artigo 34º.-Complemento extraordinario.

Todo o persoal de Celta, excepto os segregados de Faro de Vigo, percibirá un complemento extraordinario, a pagar dunha soa vez, de corenta mil (40.000) pesetas por persoa e para os contratos de xornada completa. Esta cantidade será proporcional nos contratos a tempo parcial.

Artigo 35º.-Vixilancia e cumprimento do convenio.

De conformidade co establecido no artigo 85.D do Estatuto dos traballadores, constituirase unha comisión paritaria para a vixilancia e cumprimento deste convenio, que estará integrada por dous membros designados pola empresa e dous traballadores designados polo comité.

E en proba de conformidade asinan este en Vigo, o trinta de novembro de dous mil un.

Pola empresa:

Fernando Fernández Núñez.

Apoderado.

Polo comité:

Constante Iglesias Orge.

Ramiro Burés Pérez.

José Carlos Rúa Fuentes.

Javier Míllara Álvarez.

José Manuel Pérez Rodríguez.

ANEXO I

Táboa salarial ano 2001

* Técnicos (soldo mensual)

Técnico titulado de grao superior159.615 ptas.

Técnico titulado de grao medio117.963 ptas.

Técnico non titulado111.230 ptas.

* Administración (soldo mensual)

Xefe de sección163.396 ptas.

Xefe de negociado144.598 ptas.

Oficial primeira129.529 ptas.

Oficial segunda111.230 ptas.

Auxiliar95.658 ptas.

* Servicios auxiliares (salario día)

Telefonista2.303 ptas.

Encargado de almacén3.050 ptas.

Almaceneiro2.789 ptas.

* Oficios propios (salario día)

Xefe de taller (rexente)4.379 ptas.

Xefe de sección3.954 ptas.

Xefe de equipo3.448 ptas.

* Rotativa (salario día)

Oficial primeira3.167 ptas.

Oficial segunda3.050 ptas.

Oficial terceira2.932 ptas.

* Composición fotomecánica e montaxe

(salario día)

Oficial primeira3.167 ptas.

Oficial segunda3.050 ptas.

Oficial terceira2.789 ptas.

* Cerre (salario día)

Oficial primeira3.167 ptas.

Oficial segunda3.050 ptas.

Oficial terceira2.789 ptas.

Auxiliar2.303 ptas.

* Oficios auxiliares (salario día)

Oficial primeira3.050 ptas.

Oficial segunda2.789 ptas.

Oficial terceira2.789 ptas.

Porteiro2.303 ptas.

Mozo2.303 ptas.

Peón2.303 ptas.

Conserxe2.303 ptas.

Ordenanza2.303 ptas.

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE