Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 11 de febreiro de 2002 Páx. 1.595

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2001, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da modificación e renovación da subestación Sidegasa a 220/30 kV de Curtis (A Coruña). (Expediente 31667).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A. con enderezo para efectos de notificación na avda. de Arteixo, 171, A Coruña, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-O día 13 de novembro de 2000 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. solicita a autorización administrativa da modificación e renovación da subestación Sidegasa 220/30 kV e a aprobación do seu proxecto de execución.

Acompañan á dita solicitude o preceptivo proxecto a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en vigor en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e a Lei 54/1997, do 28 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da ampliación e modificación da instalación son as seguintes:

-Rehabilitación parcial da subestación eléctrica Sidegasa, en Teixeiro, consistente en nova subestación 220/66 kV, con chegada de liña de Mesón do Vento, un transformador 220/66 kV de 75 MVA e unhas barras de 66 kV, con tres posicións, transformador liña Teixeiro de 66 kV e conexión planta de coxeración de Bioetanol Curtis.

Segundo.-O citado proxecto someteuse a información pública, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 9 de marzo de 2001, publicándose no DOG do 24 de abril e no BOP da Coruña do 31 de marzo.

Durante o período legalmente establecido non se recibiron alegacións.

Terceiro.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño e o Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que lle atribúen os artigos 11 e 14 do Decreto 2617/1966.

RESOLVE:

1. Autoriza-la modificación e renovación da subestación Sidegasa 220/30 kV, en Curtis (A Coruña).

2. Aproba-lo proxecto de execución da citada instalación.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas