Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 08 de febreiro de 2002 Páx. 1.482

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 17/2002, do 1 de febreiro, polo que se crea a estructura orgánica da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

O Decreto 309/2001, do 17 de decembro, determinou os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, entre os que figura a Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos. En consecuencia, procede o establecemento da estructura orgánica e funcional da devandita secretaría xeral, atendendo ós principios de economía e eficacia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, logo de informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e de Economía e Facenda, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos é o centro encargado de executa-la política xeral da Xunta de Galicia en materia das relacións institucionais cos medios informativos e da publicidade e imaxe institucional da Xunta de Galicia.

2. A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos dependerá funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Artigo 2º

Correspóndelle á Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos o exercicio das seguintes funcións:

a) As competencias da Xunta de Galicia en materia de relación cos medios informativos, así como o exercicio das competencias ás que fan referencia os números 2º e 3º do artigo 34, no relativo á prensa, e número 31º do artigo 27, no que se refire á publicidade, ámbolos dous do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) As relacións cos medios informativos e a dirección e coordinación dos gabinetes de comunicación da Xunta de Galicia e da súa Presidencia.

c) O deseño e a realización da publicidade institucional da Xunta de Galicia.

d) Deseñar e planifica-la política de imaxe e publicidade da Xunta de Galicia, dirixindo e coordinando tódalas actividades que neste sentido leven a cabo

en tódolos sectores e medios de comunicación, tanto convencionais como on-line, a Xunta de Galicia e as súas institucións.

e) A preparación da normativa referente ós medios informativos e á publicidade.

f) A tramitación de expedientes relativos a subvencións, bolsas e axudas ós medios de comunicación.

g) A realización de estudios e, se é o caso, a súa coordinación sobre materias relativas a tódolos sectores da información e medios de comunicación en xeral.

h) A execución do orzamento da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

Artigo 3º

A Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos, para o exercicio das súas funcións e competencias, contará coas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Xestión Orzamentaria.

Correspóndenlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) O apoio ó secretario xeral na xestión das competencias que ten asignadas.

b) A elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral, a súa execución, o seu seguimento e a súa coordinación.

c) A contratación administrativa da Secretaría Xeral.

d) Seguimento e control orzamentario dos gastos xerais da Xunta de Galicia e os organismos públicos dependentes dela en acordos e convenios de colaboración cos medios informativos.

e) Cantos outros asuntos lle encomende a Secretaría Xeral no ámbito das súas competencias.

2. Gabinete de Comunicación.

O Gabinete de Comunicación proverase con persoal eventual. As súas funcións serán as seguintes:

a) A relación cos medios informativos en tódalas materias que afecten á Presidencia da Xunta de Galicia e ás institucións dependentes dela.

b) A coordinación da comunicación interdepartamental da Xunta de Galicia.

3. Gabinete de Análise e Avaliación.

O Gabinete de Análise e Avaliación proverase con persoal eventual. As súas funcións serán as seguintes:

a) Estudio, análise e avaliación, tanto do mercado da comunicación como da súa reciclaxe, e os propios contidos dos medios de comunicación en xeral.

b) Deseñar e planifica-la política de imaxe corporativa e publicidade da Xunta de Galicia, dirixindo e coordinando tódalas campañas institucionais.

4. Club Internacional de Prensa.

O Club Internacional de Prensa proverase con persoal eventual. As súas funcións serán as seguintes:

a) Promove-la formación e a reciclaxe do persoal dos medios de comunicación, tanto públicos como

privados, mediante cursos, conferencias, mesas redondas e publicacións.

b) Facilita-lo contacto de tódalas empresas e institucións que o soliciten cos medios de comunicación, mediante a convocatoria de roldas de prensa, tertulias, comparecencias e presentación de iniciativas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dicta-las normas complementarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública