Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 29 de xaneiro de 2002 Páx. 1.049

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 9/2002, do 10 de xaneiro, polo que se establece o currículo do grao medio das ensinanzas de danza e o acceso ó dito grao.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina, no seu artigo 4, que os compoñentes do currículo son o conxunto de obxectivos, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada un dos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades nos que se organiza a práctica educativa. Así mesmo, a citada lei orgánica efectúa unha dobre repartición competencial; por unha parte, atribúello ó Goberno fixa-los aspectos básicos do currículo que constitúen as ensinanzas mínimas en todo o Estado coa finalidade de garantir unha formación común de tódolos alumnos e a validez dos títulos correspondentes; por outra, atribúelles ás administracións con competencia en materia educativa o establecemento do currículo do que formarán parte estas ensinanzas mínimas. Polo tanto, unha vez aprobado o currículo do grao elemental polo Decreto 260/1994, do 29 de xullo, e definidas as ensinanzas mínimas correspondentes ó grao medio de danza polo Real decreto

1254/1997, do 24 de xullo, procede establece-lo currículo deste grao para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Nos anexos a este decreto establécense os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación de cada unha das materias así como uns principios metodolóxicos de carácter xeral.

A nova estructura destes estudios no referente ó grao medio amplía, na súa totalidade, a duración deste período de estudios en relación co sistema anterior e permite, en primeiro lugar, unha nova organización dos contidos que asegura a súa mellor adaptación ó proceso psicoevolutivo dos alumnos e posibilita un desenvolvemento máis gradual do coñecemento e a práctica da danza. En segundo lugar, o conxunto de especialidades e materias que se establecen neste grao pretende un equilibrio entre o coñecemento, o desenvolvemento das destrezas técnicas e a aprehensión dos principios estéticos que determinan o fenómeno artístico en relación coa danza.

Os contidos non teñen que ser interpretados como unidades temáticas nin, por tanto, necesariamente organizados na mesma orde na que aparecen nesta norma. Precisan, polo tanto, dunha ulterior concreción por parte dos profesores. Esta concreción ten que se referir principalmente á distribución de contidos por ciclos e cursos, ás liñas xerais de aplicación dos criterios de avaliación, á metodoloxía e ás actividades de carácter didáctico. Finalmente, cada profesor, no marco destes proxectos, ten que realiza-la súa propia programación, na que se recollan os procesos educativos que se propón desenvolver na aula.

Os criterios de avaliación establecen o tipo e grao de aprendizaxe que se espera que alcancen os alumnos, respecto das capacidades indicadas nos obxectivos xerais e nos específicos de cada materia. Estes criterios de avaliación constan dun enunciado e dunha breve explicación e refírense ó conxunto do grao. Nas materias nas que o currículo se prescribe para todo o grao, os criterios refírense ás capacidades que os alumnos teñen que ter adquirido ó seu remate. Será, pois, necesario reformulalos segundo a secuencia de contidos para cada curso, tendo en conta as características específicas do alumnado e o contexto do centro. O profesorado, atendendo ós obxectivos xerais da materia, terá que adoptar puntos de vista flexibles para medi-lo nivel de cumprimento destes criterios, evitando facelo de forma mecánica.

Os equipos docentes dos centros terán que tomar decisións curriculares sobre a determinación das intencións educativas do centro, a partir dos obxectivos xerais do grao e da materia, sobre a distribución de obxectivos e a secuencia de contidos e criterios de avaliación ó longo do grao, sobre os métodos de ensino e os materiais e recursos didácticos que utilizarán, sobre os criterios, os momentos e as formas de avaliación. Esta toma de decisións, unha vez materializada nos correspondentes proxectos curriculares de centro, constituirá o referente fundamental para que cada profesor elabore a súa propia programación, na que se expresen os procesos educativos que se propón desenvolver na aula.

O currículo elabórase coa intención de asegurar unha formación cun nivel de expresión artística propio duns estudios especializados, que teñen como meta o exercicio profesional e que, por tanto, están destinados a aqueles alumnos que posúan aptitudes físicas e vontade para dedicarse a eles. Por iso, necesítase un currículo das ensinanzas de danza que non se limite ó dominio puramente práctico da técnica e dos coñecementos académicos vinculados ó ensino máis tradicional, senón que inclúa outros aspectos inherentes á danza como fenómeno tanto histórico-cultural como estético, que posibiliten un desenvolvemento máis acorde co carácter humanista que esixe a formación integral do bailarín, e coa dobre finalidade de servir de formación para o acceso ó mundo profesional ou para acceder a estudios de especialización no grao superior.

Así mesmo, este decreto regula o acceso ó grao medio mediante unha proba específica que debe avalia-los coñecementos e o grao de madurez necesarios para continuar estudios de carácter profesional. Estes coñecementos deben estar referidos tanto ó desenvolvemento das capacidades técnicas relativas á precisión, coordinación, control do corpo, etc. como a aqueloutras que poñan de manifesto a calidade interpretativa, a capacidade de resposta ó estilo, a comprensión da forma, etc.

En virtude de todo isto, e por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, tralo informe do Consello Escolar de Galicia, logo

de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xaneiro de dous mil dous.

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Este decreto regula o currículo das ensinanzas de danza do grao medio, de acordo co establecido no punto 3º do artigo 41 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo e integra o establecido no Real decreto 1254/1997, do 24 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas mínimas deste grao.

2. Así mesmo, esta disposición regula as diferentes probas de acceso ó grao medio, nas diferentes especialidades.

Artigo 2º

O ensino profesional de danza, no grao medio, organízase en tres ciclos de dous cursos cada un.

Artigo 3º

Enténdese por currículo do grao medio das ensinanzas de danza o conxunto de obxectivos, contidos, principios metodolóxicos e criterios de avaliación que regularán a práctica docente neste grao.

Artigo 4º

O grao medio das ensinanzas de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as seguintes capacidades:

a) Demostra-lo dominio técnico e o desenvolvemento artístico necesarios que permitan o acceso ó mundo profesional.

b) Habituarse a asistir a manifestacións escénicas relacionadas coa danza para forma-la súa cultura dancística e establecer un concepto estético que lles permita fundamentar e desenvolve-los propios criterios interpretativos.

c) Valora-la importancia do dominio do corpo e da mente para utilizar con seguridade a técnica, co fin de alcanza-la necesaria concentración que permita unha interpretación artística de calidade.

d) Afondar no desenvolvemento da súa personalidade artística a través da necesaria sensibilidade musical, co fin de alcanzar unha interpretación expresiva.

e) Analizar criticamente a calidade da danza en relación cos seus valores intrínsecos.

f) Participar en actividades escénicas que permitan vivi-la experiencia de traslada-lo goce da danza a outros.

g) Aplica-los coñecementos históricos, estilísticos e coreográficos para conseguir unha interpretación artística de calidade.

h) Te-la disposición necesaria para saber integrarse nun grupo como un membro máis del ou para actuar como responsable do conxunto.

i) Actuar en público con autocontrol, dominio da memoria e capacidade comunicativa.

j) Adaptarse coa versatilidade necesaria ás diferentes formas expresivas características da creación coreográfica contemporánea.

k) Improvisar de acordo co estilo, a forma e o carácter da música, así como a partir de diferentes propostas auditivas, plásticas, poéticas, etc.

l) Reaccionar cos reflexos necesarios que require a solución dos problemas que poidan xurdir durante a interpretación.

m) Formar unha imaxe axustada de si mesmos, das súas características e posibilidades e desenvolver hábitos de estudio, valorando o rendemento en relación co tempo empregado.

Artigo 5º

O currículo do grao medio das ensinanzas de danza referirase a cada unha das seguintes especialidades:

Danza clásica.

Danza española.

Danza contemporánea.

Artigo 6º

As materias das especialidades anteriores, que integran o currículo do grao medio das ensinanzas de danza, organízanse en:

a) Materias comúns ás distintas especialidades.

b) Materias específicas de cada especialidade.

Artigo 7º

As materias comúns a tódalas especialidades son as seguintes:

Anatomía aplicada á danza.

Historia da danza.

Música.

Artigo 8º

As materias específicas de cada especialidade do grao medio das ensinanzas de danza son as seguintes:

a) Especialidade: danza clásica:

Danza clásica.

Paso a dous.

Repertorio.

Danzas de carácter.

Danza contemporánea.

b) Especialidade: danza española:

Danza clásica.

Escola bolera.

Danza estilizada.

Flamenco.

Folclore.

Folclore galego.

Repertorio de danza española.

c) Especialidade: danza contemporánea:

Danza clásica.

Improvisación.

Técnicas de danza contemporánea.

Artigo 9º

1. Os alumnos no terceiro ciclo deberán cursar, polo menos, unha materia optativa.

2. Os centros incluirán, no terceiro ciclo, dentro da súa oferta educativa, alomenos dúas materias optativas, das cales interpretación será de oferta obrigatoria, completándose o resto con aquelas materias que cada centro poida ofrecer en función do profesorado e da carga lectiva que asuma.

Artigo 10º

1. As materias correspondentes a cada curso e ciclo do grao medio de cada especialidade e os tempos lectivos son os que se establecen no anexo I deste decreto.

2. Os obxectivos, contidos e criterios de avaliación do currículo do grao medio son os que se establecen no anexo II deste decreto. Os principios metodolóxicos deste grao figuran no anexo III.

Artigo 11º

1. Os centros docentes concretarán e complementarán o currículo do grao medio das ensinanzas de danza mediante a elaboración de proxectos curriculares para este grao.

2. O proxecto curricular de centro deberá conter:

a) Adecuación dos obxectivos xerais ás características do alumnado.

b) A contextualización dos obxectivos xerais de cada materia e a concreción dos contidos que posibiliten a súa consecución.

c) A distribución para cada materia dos obxectivos por curso e a secuencia e distribución dos contidos e dos criterios de avaliación.

d) Os criterios metodolóxicos de carácter xeral e os específicos das materias.

e) As decisións sobre o proceso de avaliación que comprenderá os procedementos para avalia-la progresión dos alumnos na aprendizaxe e os criterios de cualificación.

f) A determinación das materias optativas que ofrece o centro.

g) Os contidos e os criterios de avaliación das probas de acceso.

3. O proxecto curricular do centro formará parte da programación da súa actividade docente e incorporarase á programación xeral correspondente.

4. Os profesores desenvolverán programacións da súa actividade docente de acordo co currículo e co proxecto curricular do centro.

Artigo 12º

1. A función titorial e orientadora que forma parte da función docente desenvolverase ó longo de todo o grao.

2. O profesor titor dun grupo de alumnos terá a responsabilidade de coordinar tanto a avaliación como os procesos de ensino e de aprendizaxe e realizará a función de orientación persoal dos alumnos.

Artigo 13º

1. Os referentes para a avaliación no grao medio serán os obxectivos do ciclo e os de cada unha das diferentes materias, así como os criterios de avaliación que, para cada materia, se establezan no proxecto curricular do centro.

2. A avaliación da aprendizaxe dos alumnos será continua e integradora, aínda que diferenciada segundo as distintas materias do currículo.

3. A avaliación será realizada polo conxunto dos profesores do alumno coordinados polo profesor titor, actuando estes de maneira coordinada ó longo do proceso de avaliación e na adopción de decisións resultantes deste proceso.

4. Os profesores avaliarán tanto a aprendizaxe dos alumnos como os procesos de ensino e a súa propia práctica docente.

5. A avaliación e cualificación final dos alumnos terá lugar no mes de xuño.

Artigo 14º

1. A cualificación negativa dunha materia, cando se trate de cursos que non sexan finais de ciclo, permitirá a promoción ó curso seguinte. A recuperación da materia pendente deberá realizarse na clase do curso seguinte se esta forma parte del. No resto dos casos os alumnos deberán asistir ás clases da materia non superada no curso anterior.

2. Nos cursos que non son finais de ciclo, a cualificación negativa en dúas ou máis materias impedirá a promoción dun alumno ó curso seguinte.

3. A promoción do alumno desde un ciclo ó seguinte estará condicionada á superación de tódalas materias do ciclo anterior.

4. No grao medio, o límite de permanencia en cada curso será de dous anos, non podendo permanecer máis de tres en cada ciclo, nin máis de oito no total do grao.

5. Con carácter excepcional poderá ampliarse nun ano a permanencia no grao medio en supostos de enfermidade que perturbe substancialmente o desenvolvemento dos estudios ou noutros que merezan igual consideración. Corresponderalle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional conceder esta ampliación por solicitude do interesado e logo de informe do centro.

Artigo 15º

É competencia do consello escolar de cada centro autorizar, con carácter excepcional, a matriculación en máis dun curso a aqueles alumnos que, logo de orientación do profesorado, así o soliciten, sempre que o informe do conxunto de profesores a que se refire o punto 3º do artigo 13 deste decreto asegure a adecuada capacidade de aprendizaxe.

Artigo 16º

1. Os alumnos que ó remate do grao medio acaden os seus obxectivos terán dereito ó título profesional, no que constará a especialidade cursada.

2. Tódolos alumnos, en calquera caso, recibirán unha acreditación do centro educativo na que conste os cursos e materias superadas así como as cualificacións obtidas.

Artigo 17º

1. Para inicia-los estudios de primeiro curso do grao medio será preciso superar unha proba, de acordo co establecido nos puntos seguintes.

2. Para a especialidade de danza clásica, a proba consistirá en:

a) Tódolos exercicios que compoñen a barra, cunha duración non superior a corenta e cinco minutos.

b) Realización de diferentes variacións no centro, cunha duración non superior a corenta e cinco minutos.

c) Unha improvisación sobre un fragmento musical que será dado a coñecer previamente ó aspirante polo profesor pianista acompañante, cunha duración non superior a tres minutos.

d) Unha proba de carácter musical para valora-las aptitudes musicais de cada un dos aspirantes (capacidade rítmica e escoita activa).

3. Para a especialidade de danza española, a proba consistirá en:

a) Exercicios de base académica na barra e no centro, cunha duración non superior a corenta e cinco minutos.

b) Realización de primeiros pasos, tanto de escola bolera cos seus braceos e toques de castañolas, como de flamenco e de folclore, cunha duración non superior a setenta e cinco minutos.

c) Unha improvisación sobre un fragmento musical que será dado a coñecer previamente ó aspirante polo profesor pianista ou guitarrista acompañante, cunha duración non superior a tres minutos.

d) Unha proba de carácter musical para valora-las aptitudes musicais de cada un dos aspirantes (capacidade rítmica e escoita activa).

4. Para a especialidade de danza contemporánea, a proba consistirá en:

a) Exercicios de base académica na barra e no centro, cunha duración non superior a noventa minutos.

b) Realizar unha interpretación persoal, a partir dunha secuencia de movementos previamente determinada, cunha duración non superior a cinco minutos.

c) Unha improvisación sobre un fragmento musical que será dado a coñecer previamente ó aspirante polo profesor pianista acompañante, cunha duración non superior a tres minutos.

d) Unha proba de carácter musical para valora-las aptitudes musicais de cada un dos aspirantes (capacidade rítmica e escoita activa).

5. Tódolos exercicios de que consta a proba de acceso serán dirixidos e acompañados por profesores do centro.

Artigo 18º

1. A proba establecida nos puntos anteriores cualificarase globalmente de cero a dez puntos, e é precisa unha cualificación mínima de cinco puntos para superala.

2. Para a avaliación desta proba constituirase un tribunal por cada especialidade, composto por tres profesores designados polo director do centro.

3. A proba de acceso realizarase nunha convocatoria anual que terá lugar no mes de xuño. O número máximo de convocatorias por especialidade será de dúas; non se computarán, para estes efectos, as probas nas que se obtivo a puntuación mínima para acceder ó grao medio.

4. A adxudicación das prazas vacantes en cada especialidade realizarase de acordo coa puntuación obtida na proba de acceso.

Artigo 19º

1. Poderase acceder a calquera outro curso de grao medio sen ter superados os anteriores, sempre que, na proba regulada nos artigos anteriores, o aspirante demostre os coñecementos necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes. Esta proba terá lugar no mes de setembro.

2. O tribunal determinará, se é o caso, o curso ó que corresponda acceder ó aspirante, de acordo co rendemento global demostrado na proba de acceso.

Artigo 20º

Para establece-los contidos e os criterios de avaliación da proba de acceso terase en conta a distribución por cursos dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación explicitados no proxecto curricular de cada centro. Unha vez aprobado o proxecto curricular, os centros anunciarán publicamente, coa suficiente antelación, a convocatoria e o contido da proba.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitará ó alumnado a posibilidade de cursar simultaneamente as ensinanzas de danza e as de réxime xeral a través da creación, se é o caso, de centros integrados e da coordinación na organización e ordenación académica de ámbolos tipos de estudios.

2. De acordo co establecido no artigo 41.2º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, os alumnos que superen o terceiro ciclo do grao medio de danza e as materias comúns do bacharelato obterán o título de bacharelato.

3. O bacharelato específico a que se refire o punto anterior recibirá a denominación de bacharelato en danza e considerarase integrado polas materias do terceiro ciclo de grao medio na especialidade correspondente e, ademais, polas materias comúns do bacharelato.

4. As ensinanzas recollidas no punto anterior poderán cursarse simultaneamente. Así mesmo, poderán realizarse os estudios das citadas materias do bacharelato con posterioridade á superación do terceiro ciclo do grao medio de danza.

Segunda.-Queda suprimida, para as ensinanzas ás que se refire este decreto, a modalidade de ensino libre.

Disposición derradeira

Única.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Santiago de Compostela, dez de xaneiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Grao medio: materias e tempos lectivos

por especialidades

Especialidade: danza clásica.

CicloMateriaTempo semanal (horas)

Danza clásica11

Danza de carácter1

Música1

Danza clásica12

Danza contemporánea1,30

Música1

Repertorio1,30

Danza clásica10

Danza contemporánea2

Paso a dous2

Repertorio5

Anatomía aplicada á danza1

Historia da danza1

Música1

Optativa por cada centro1

Especialidade: danza española.

CicloMateriaTempo semanal (horas)

Danza clásica5

Escola bolera3

Danza estilizada1

Flamenco2

Folclore galego1

Música1

Danza clásica5

Escola bolera3

Danza estilizada3

Flamenco3

Folclore1

Música1

Danza clásica5

Escola bolera2,30

Danza estilizada5

Flamenco2,30

Repertorio de danza española2

Folclore2

Anatomía aplicada á danza1

Historia da danza1

Música1

Optativa por cada centro1

Especialidade: danza contemporánea.

CicloMateriaTempo semanal (horas)

Danza clásica5

Técnicas de danza contemporánea6

Improvisación1

Música1

Danza clásica5

Técnicas de danza contemporánea7

Improvisación3

Música1

Danza clásica5

Técnicas de danza contemporánea10

Improvisación4

Anatomía aplicada á danza1

Historia da danza1

Música1

Optativa por cada centro1

ANEXO II

Ensinanzas correspondentes ó grao medio de danza

1. Materias comúns ás diferentes especialidades.

* Materia: anatomía aplicada á danza.

Introducción

O coñecemento da anatomía sempre mantivo unha estreita relación coa técnica da danza, como o proba o interese crecente mostrado cara ós mecanismos anatómicos e fisiolóxicos que rexen o movemento por parte dos bailaríns, coreógrafos e mestres de danza.

As diferentes áreas relacionadas co movemento foron recentemente obxecto de importantes estudios que contribuíron ó progreso, gracias a unha aplicación intelixente dos coñecementos adquiridos, de todas aquelas actividades humanas, artísticas e deportivas nas que o corpo humano é, á vez, obxecto e medio.

Aínda que o desenvolvemento da anatomía tivo desde a súa orixe un enfoque médico na maior parte dos estudios e tratados, no caso da súa aplicación ó ensino da danza debe primar unha concepción funcional, e non simplemente descritiva dela, que garanta o coñecemento profundo dos diversos aspectos relativos ó aparello locomotor, a acción dos músculos e das articulacións, ou o funcionamento fisiolóxico da musculatura e dos tendóns, que permitan en todo momento descifra-los sinais que estes envían: dor, fatiga, tensión, etc.

Así mesmo, a presencia da anatomía aplicada á danza persegue inculcar nos alumnos unha concepción hixiénica do corpo, como base para o coidado da saúde e a prevención das posibles lesións.

Polo tanto, o estudio da anatomía aplicada á danza non debe enfocarse desde un punto de vista estático, senón que debe ter como obxectivos fundamentais o coñecemento e a comprensión práctica, non só teórica, dos movementos corporais, que en todo momento lle permitan ó bailarín a facilidade da súa execución técnica para a súa utilización na danza.

Obxectivos

O ensino de anatomía aplicada á danza no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Ser conscientes da importancia do corpo como instrumento ó que hai que coñecer, coidar e valorar.

2. Coñece-los principios anatómicos, biomecánicos e fisiolóxicos que rexen o movemento, e ser conscientes da súa utilización práctica na danza.

3. Coñece-las posibilidades e os límites do corpo humano, para saber utilizar correctamente a súa mecánica ó servicio dun fin expresivo.

4. Chegar a un coñecemento anatómico vivenciado das principais actitudes e pasos da danza.

5. Ser conscientes da necesidade de utilizar correctamente unha concepción hixiénica da danza, entendendo por hixiene o coidado da saúde e a prevención de lesións que hipotequen o futuro como bailaríns e como persoas.

Contidos

Estudio e recoñecemento, por medio da observación nos propios bailaríns, dos diferentes elementos que configuran a nosa anatomía: ósos, articulacións, cápsula sinovial, ligamentos, tendóns e músculos. Planos do movemento e os seus diferentes graos de mobilidade: colo, tronco, ombro, cóbado, pulso, man, cadeira, xeonllo e pé. Estudio das lesións que adoita sufrir un bailarín: recoñecemento e prevención

delas. As capacidades motrices elementais: concepto de forza; concepto de resistencia; forza de resistencia; concepto de flexibilidade; concepto de velocidade; a respiración; a postura. Aplicación práctica, sobre pasos de danza, dos conceptos de forza, resistencia, forza resistencia, velocidade e flexibilidade. Análises biomecánicas que rexen o xiro, os saltos e os equilibrios.

Criterios de avaliación

1. Coñece-los diferentes elementos que configuran a nosa anatomía, a través do seu recoñecemento e identificación de maneira práctica.

Con este criterio preténdese valora-lo coñecemento que posúen os alumnos acerca dos ósos, as articulacións, os tendóns e os músculos.

2. Coñece-los principios anatómicos, biomecánicos e fisiolóxicos que rexen o movemento, así como a súa utilización práctica na danza.

Este criterio permite valora-lo coñecemento que posúen os alumnos dos principios básicos de anatomía, fisioloxía e biomecánica, e a súa capacidade de relacionalos dunha maneira práctica coa danza.

3. Coñece-los diferentes graos de mobilidade do colo, tronco, ombro, cóbado, pulso, man, cadeira, xeonllo e pé.

Con este criterio de avaliación trátase de comprobar se os alumnos coñecen a función de cada articulación, os seus graos de movemento e a súa colocación correcta.

4. Coñecer de forma básica as lesións que pode sufrir un bailarín.

Mediante este criterio de avaliación trátase de comprobar se o alumno é capaz de identifica-las diferentes lesións que adoita sufrir un bailarín, os signos externos e os mecanismos de producción, así como os medios para previlos e as medidas que hai que adoptar, como primeiros auxilios, despois dun accidente.

5. Coñecer, de forma diferenciada e aplicada a cada situación, as diferentes calidades motrices: resistencia, forza, forza resistencia, flexibilidade e velocidade.

Con este criterio preténdese valora-la capacidade do alumno para aplica-las diferentes calidades motrices ás diferentes accións de bailar, así como de diferenciar nos movementos cándo actúan a forza, a flexibilidade ou a resistencia, e o grao de dominio dos métodos que permitan progresar nas diferentes calidades.

* Materia: historia da danza.

Introducción

A danza é un feito cotián e intimamente relacionado co momento histórico, cultural e social en que se desenvolve. Nas súas tres vertentes principais -lúdica, relixiosa e escénica- tivo funcións específicas ó longo da súa historia, converténdose finalmente nun reflexo, individual e colectivo ó mesmo tempo, de cada etapa nela retratada.

As bases sobre as que se sustentan a técnica, a dinámica e o estilo das danzas clásica e española aparecen no século XV e desenvólvense a partir do século XVI, enriquecéndose o vocabulario coreográfico durante os séculos XVII e XVIII; xorde a finais deste unha penúltima evolución que alcanzará o seu apoxeo no período Romántico, e que segue en todo momento unha traxectoria paralela á da música.

A principios do século XX emerxe a máis recente renovación, e a partir dese momento aparece o que hoxe se denomina danza contemporánea con dúas correntes relacionadas aínda que ben diferenciadas: unha europea e outra norteamericana.

Actualmente conviven en España as tres formas de danza, sempre distintas e cunha relación mutuamente enriquecedora.

Na formación do futuro bailarín, sexa cal for a súa especialidade, non só se teñen que aborda-los aspectos técnicos e artísticos da danza, senón que, chegado un momento determinado, é imprescindible completar esta formación con aspectos teóricos, e un dos primordiais consiste en acceder ó coñecemento da traxectoria da danza a través da historia e a súa relación coas demais artes (música, pintura, arquitectura, escultura e literatura), e o contorno que a rodea.

Gracias a estes coñecementos o alumno poderá apreciar na súa xusta medida e situar no contexto apropiado cada unha das pezas de repertorio que tomarán vida propia no momento da súa interpretación, dotándoa de matices e calidades que, doutro modo, resultarían imposibles, ó tempo que enriquecerá a súa linguaxe coreográfica para poder chegar a compoñer novas obras.

Con iso, así mesmo, enriquecerase notablemente o acervo cultural do futuro bailarín profesional, fomentarase o respecto interdisciplinar e evitaranse os anacronismos e imprecisións interpretativas que conducen, inevitablemente, á deterioración e ó desvirtuamento das obras coreográficas de repertorio.

A historia da danza debe ser, pois, unha materia que vincule intimamente os aspectos teórico e práctico dun feito artístico, proporcionando a información necesaria para coadxuvar á comprensión dos códigos coreográficos, e fomentando, por tanto, a creatividade nos futuros bailaríns.

Obxectivos

O ensino de historia da danza no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Apreciar e valora-lo significado das diferentes definicións da danza a través da historia e a súa repercusión no feito coreográfico.

2. Valora-la danza como vehículo de comunicación de ideas e sentimentos.

3. Valorar e respecta-los diferentes tipos de danza a través da historia.

4. Coñecer e valora-la danza tradicional, tanto autóctona como das comunidades veciñas, e a súa situación dentro do panorama intercultural español.

5. Coñece-las características rítmicas e dinámicas, e as posibilidades e recursos expresivos da danza nas diferentes épocas e estilos, en relación coas formas musicais e poéticas correspondentes, para conseguir unha interpretación de calidade tanto de calquera peza de repertorio como na improvisación sobre un tema coreográfico.

6. Coñecer dunha forma básica os diferentes soportes coreográficos que se sucederon a través da historia: notación, filmación e uso do ordenador.

7. Apreciar e valora-la incidencia da indumentaria e o calzado na evolución da danza.

8. Coñecer e valora-las relacións da danza co resto das artes (arquitectura, escultura, pintura, música e literatura), e a súa incidencia no léxico e os códigos coreográficos, a creatividade e a evolución da técnica.

Contidos

Concepto de danza nas diferentes etapas da historia. Os grandes períodos da historia da danza: formas, estilos e elementos coreográficos; a súa evolución e a súa correspondencia coas formas musicais. A danza tradicional, autóctona e as súas relacións coa danza das comunidades veciñas: situación xeral da danza tradicional. Relacións entre a danza e as demais artes. Evolución do léxico e dos códigos coreográficos; significado de cada termo a través da historia. Soportes coreográficos, desde a notación ó vídeo e ós novos soportes informáticos. Incidencia da indumentaria e o calzado na danza, a través da historia; indumentaria e calzado cotián, de corte, baile e teatro. Creadores, transmisores e intérpretes.

Criterios de avaliación

1. Coñecer e distingui-los diferentes conceptos de danza nas distintas etapas da historia, entendendo as súas similitudes e diferencias.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo nivel de comprensión do alumno relativo á evolución, a través da historia occidental, dos diferentes conceptos que caracterizaron a danza e o baile.

2. Establecer de forma esquemática os grandes períodos da historia da danza: formas, estilos e elementos coreográficos; a súa evolución e a súa correspondencia coas formas musicais a partir do Renacemento.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento da capacidade do alumno para establece-las liñas xerais do devir da danza a partir do momento histórico e artístico coñecido como Renacemento, así como as principais formas, estilos e elementos coreográficos que evolucionarán paralelamente ás formas musicais.

3. Establece-las analoxías e diferencias entre as linguaxes coreográfica, falada e musical (son/movemento, palabra/compás, musical/paso, frase gramatical/frase musical/frase coreográfica), en Europa desde o século XVII.

Este criterio de avaliación pretende comproba-la capacidade do alumno para relaciona-la danza, a música e a linguaxe como distintas disciplinas que entrañan códigos de comunicación, estructurados e paralelos, coa súa evolución desde o século XVII.

4. Coñecer e aprecia-las relacións entre a danza e as demais artes.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento da capacidade do alumno para aprecia-la danza como un fenómeno poliédrico, situala dentro do contexto xeral das artes e da historia, así como establece-las súas relacións coas artes que tratan o volume e a imaxe (arquitectura, escultura, pintura), o ritmo e o son (música) e a linguaxe (literatura).

5. Coñecer e aprecia-la evolución da terminoloxía da danza e a propia evolución coreográfica: valora-la importancia do significado de cada termo a través da historia.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento da capacidade de comprensión do alumno sobre o significado dos principais termos coreográficos, e a súa evolución a partir dos tratados de danza dos séculos XVII ó XIX (nos casos da danza académica e española), e a súa pervivencia durante o século XX, así como relacionalos coa aparición de novos termos.

6. Coñecer e avalia-la incidencia da indumentaria e o calzado na danza a través da historia: indumentaria e calzado cotián, de corte, baile e teatro.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento da capacidade de comprensión e relación do alumno acerca da incidencia que a indumentaria (vestido e calzado), tivo na evolución da danza, tanto desde o punto de vista técnico coma estético.

7. Creadores, transmisores e intérpretes.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento da capacidade de comprensión e relación do alumno sobre a decisiva importancia do factor humano no progreso e pervivencia da danza, materializado no constante fluxo de información coreográfica por Europa e América a través dos mestres, coreógrafos e intérpretes.

* Materia: música.

Introducción

A música, como interpretación artística das relacións sonoro-temporais, presenta unha total correspondencia co mundo da danza, o movemento e a linguaxe corporal. De feito, a danza, desde as súas orixes representou a vivencia corporal da música: a imaxe plástica que expresa o contido do pensamento musical. Esta correspondencia música-danza-plástica supón, de feito, a sinestesia máis antiga e fructífera da historia das manifestacións artísticas.

A pedagoxía musical, consciente sen dúbida das posibilidades formativas desta correspondencia, incorporou desde as primeiras décadas do noso século o movemento e a danza como elementos básicos

da aprendizaxe da expresión musical. Polo seu carácter temporal, o feito musical está integrado por unha serie de parámetros que, tanto en forma illada como en conxunto, están en íntima relación co movemento; por un lado, a organización sintáctica dos elementos melódicos e harmónicos conduce a un discurso integrado por unha cadea de segmentos, ou xestos, formais dotados dunha direccionalidade determinada tanto pola propia música como polo compositor; por outro lado, e por ser esencialmente movemento, non é nin sequera concibible unha mera comprensión racional do ritmo sen senti-la forza cinética que conduce á acción, de igual maneira que non pode entenderse a danza como unha mera técnica corporal desvinculada do impulso, a emoción e o carácter que lle proporciona a música.

A educación musical contribúe de forma decisiva á adquisición e ó desenvolvemento das capacidades que se recollen nos obxectivos xerais do grao medio de danza, tales como: unha mellor comprensión das relacións espacio-temporais e da súa vinculación coa organización formal da linguaxe sonora; unha correcta coordinación de movementos a través do sentido rítmico e unha sensibilidade corporal para expresar coa precisión necesaria a dinámica e o fraseo en relación coas esixencias do estilo.

Sendo esta a finalidade da música no currículo de danza, os contidos serán necesariamente os mesmos que os que se atopan na base da formación do músico. No caso do alumno de danza, e dado o esencial para esta disciplina da práctica de conxunto, estes contidos serán desenvoltos a través do canto, o movemento e a práctica instrumental con instrumentos de técnicas non complexas como medios expresivos propios da práctica musical de conxunto.

Xunto a iso, o ensino da música no grao medio debe ocuparse de poñer en contacto os alumnos tanto con aquelas obras e autores polos que os bailaríns e coreógrafos de tódolos tempos mostraron unha predilección especial, como por outras que poidan ser obxecto de novas coreografías, e, de forma moi especial, as pertencentes á creación musical contemporánea, en asociación coa cal a danza experimentou unha enorme transformación técnica e expresiva ó longo do século XX.

Por último, xunto á adquisición destes coñecementos débese estimula-lo desenvolvemento de actitudes de curiosidade e interese por todo o relativo ó significado da música como linguaxe artística e medio de expresión cultural dos pobos e as persoas.

Obxectivos

O ensino de música no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Expresar de forma orixinal as súas ideas e sentimentos mediante o uso da voz e os instrumentos, en situacións de interpretación e improvisación, co fin de enriquece-las súas posibilidades de comunicación, respectando outras formas distintas de expresión.

2. Valora-la expresión vocal (falada e cantada) como fonte de comunicación e expresión de ideas e sentimentos.

3. Interesarse polo coñecemento da música e das normas máis xerais que rexen a composición do discurso musical, e o seu proceso creativo.

4. Coñece-las características, posibilidades e recursos expresivos da música das diferentes épocas e estilos, para conseguir unha interpretación de calidade tanto de calquera peza de repertorio como na improvisación sobre unha obra musical.

5. Valorar e respecta-las manifestacións musicais doutras culturas.

6. Valora-la importancia do silencio como condición previa para a existencia da música e como elemento de harmonía na relación cun mesmo e cos demais, tomando conciencia da agresión que supón o uso indiscriminado do son.

Contidos

A voz e a palabra como medios de expresión musical. Improvisacións vocais: individuais e en grupo, libres e dirixidas, con e sen melodía. Práctica do repertorio vocal. Ritmo, melodía, harmonía e forma como elementos da música. Pulso, acento e fraseo como elementos da linguaxe musical. A repetición, imitación, variación, desenvolvemento e improvisación como procedementos compositivos. Utilización da percusión corporal e os instrumentos escolares para acompaña-lo movemento e a danza. Os grandes períodos da historia da música: formas e estilos. Pluralidade de estilos na música contemporánea. A música doutras culturas. Música e medios audiovisuais.

Criterios de avaliación

1. Intervir en actividades de canto colectivo adaptando a súa expresión e entoación ó nivel sonoro do conxunto.

Este criterio pretende avaliar se o alumno ten unha intervención activa nas situacións de canto colectivo, así como a actitude coa que se achega ás actividades de canto, observando a súa vontade de adapta-la expresión e entoación vocal ó nivel sonoro do grupo.

2. Respecta-lo marco de actuación de esquemas rítmico-melódico-harmónicos (entre 8 e 16 pulsos de duración e no ámbito da escala natural) en situacións de improvisación.

Este criterio intenta comproba-la habilidade do alumno en respecta-lo marco de actuación da pauta rítmico-melódica proposta, observando a capacidade musical de intervir con soltura e con naturalidade durante a improvisación, achegando ideas orixinais e sabendo calar a tempo cando a intervención se complica.

3. Ler música no contexto das actividades musicais do grupo como apoio ás tarefas de interpretación e audición.

Este criterio avalía a utilización funcional da lectura musical. Non se trata de avaliar desde un punto

de vista solfístico, senón de observa-la destreza coa que o alumno se desenvolve na lectura, unha vez creada a necesidade de apoiarse na partitura para progresar nas actividades musicais do grupo.

4. Utiliza-la terminoloxía musical adecuada para comunicarlles ós demais xuízos persoais relacionados coas obras musicais escoitadas.

Este criterio avalía a capacidade de utilizar unha linguaxe musical adecuada á hora de xulga-la música, xa que saber falar de música implica a asimilación dos conceptos e principios musicais básicos.

5. Participar nas actividades de interpretación en grupo asumindo o intercambio dos roles que se deriven das necesidades musicais.

Este criterio avalía a mobilidade do alumno en asumir calquera dos papeis que demanda unha situación musical. Actuar indistintamente desde calquera instrumento, desde o canto, como director, como solista, etc., suporá ter superados os comportamentos estereotipados que se dan a miúdo na interpretación en grupo.

6. Establecer algunhas pautas para a improvisación que permitan expresar musicalmente ideas extraídas da análise doutras áreas artísticas.

O fin deste criterio é comprobar que o alumno é capaz de trasladar musicalmente as ideas expresadas noutras áreas artísticas. Isto implica a análise da estructura que as soporta, para despois establece-los convencionalismos musicais pertinentes que permitan operar con eles.

* Materia: interpretación.

Introducción

A presencia da materia de interpretación no grao medio dos estudios de danza pretende subministrarlles ós alumnos a información necesaria sobre os diferentes papeis dos ballets e as coreografías, coa finalidade de dotalos dos recursos suficientes para elaborar un código orgánico sobre o que apoiarse e orientarse á hora de estudialos.

Iso fai preciso o desenvolvemento do sentimento interno do alumno, que permita a aprendizaxe necesaria para mostra-los diferentes estados de ánimo desde un punto de vista evocativo, evitando caer nos resultados forzosamente mecánicos ós que conduce a mera imitación.

A materia de interpretación precisa para o seu correcto desenvolvemento dun labor de introspección do alumno, co fin de conseguir que a danza non se limite só a unha perfección técnica, senón que esta vaia sempre asociada cunha presencia interna, impalpable pero evidente, de que o bailarín se poida servir individualmente para proxecta-lo seu propio código expresivo e adaptalo ás esixencias de cada partitura.

Só ese coñecemento interno de si mesmo por parte do alumno fará posible alcanzar un estado no que poida verse sen recorrer á axuda de espellos, tan

imprescindibles por outra parte neste período formativo, e dos que só será posible prescindir cando o alumno sexa capaz de asumi-la adopción do carácter do personaxe requirido en cada momento.

Neste sentido, a materia de interpretación no grao medio debe centrarse no dominio e control das capacidades expresivas do alumno, a través do desenvolvemento dunha comunicación non verbal na que o corpo non é un mero suplantador da linguaxe falada, senón un inmenso potencial de creación de formas e mensaxes.

Obxectivos

O ensino de interpretación no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Coñece-las técnicas básicas da interpretación e a súa utilización na escena.

2. Realizar exercicios, improvisacións, xogos actorais e traballos coreográficos onde estea integrada a técnica de danza coa técnica actoral, para alcanza-la máxima calidade na execución.

3. Saber utilizar, desde a creación persoal, a técnica actoral dentro do estilo da obra e do papel que se desempeña para poder expresar e transmitir emocións.

4. Valora-la relación espacio-tempo desde o punto de vista teatral.

5. Coñece-la linguaxe do corpo desde o punto de vista dramático.

Contidos

Estudio das diferentes técnicas teatrais e a súa aplicación na escena. Práctica de exercicios, xogos, improvisacións individuais e en grupo, aplicados en concreto a/ás personaxe/s que se van representar. Análise física e psicolóxica do personaxe para descubrir analoxías e diferencias no intérprete e poder abordalo dentro da época e do estilo da obra, pero respectando a personalidade do/a bailarín/a-intérprete. Adestramento da memoria, observación e capacidade de escoita. Desenvolvemento e control da enerxía. Estudio da linguaxe corporal como vehículo para expresar emocións. Coñecemento e utilización do espacio e do ritmo respectando a coreografía pero buscando os puntos álxidos de proxección en escena. Desenvolvemento e potenciación da imaxinación e a creatividade.

Criterios de avaliación

1. Realizar exercicios, improvisacións e xogos teatrais, individuais e grupais, similares ós realizados nas clases.

Este criterio permite valora-la asimilación por parte dos alumnos da técnica actoral e a súa utilización.

2. Analizar personaxes de diferentes ballets física e psiquicamente, e a súa situación.

Este criterio permite valora-la destreza en crear e escoller desexos, estímulos, necesidades ou intereses segundo os requira o carácter da situación ou contexto dramático.

3. Realizar diferentes traballos actorais dentro dunha obra coreográfica, marcados polo profesor no momento.

Con este criterio preténdese valorar: a capacidade de resposta interpretativa e o grao técnico alcanzado; a integración por parte do alumno da técnica teatral coa da danza, así como da súa personalidade na proposta; a súa capacidade para memorizar e reproducir, desde a súa personalidade creadora, formas de conducta de diferentes épocas; a súa utilización da imaxinación e a creatividade, así como a súa capacidade de evocar sensacións e imaxes; o seu dominio do espacio e do ritmo; a súa utilización da enerxía.

4. Realizar ante o público traballos propostos polo alumno sobre coreografías concretas que xunten a técnica de danza e a actoral.

Este criterio pretende valorar: a imaxinación e creatividade do alumno; a súa utilización e integración das técnicas aprendidas; a súa capacidade de organización, observación e memoria; a súa capacidade para confronta-la formación da súa disciplina actoral con espectadores eventuais, adecuándose eficazmente a esta circunstancia; a súa capacidade de transmitilo ó público.

2. Materias propias de cada especialidade.

a) Especialidade: danza clásica.

Introducción

Tras un proceso que comeza na cultura europea occidental nos albores do Renacemento, o ballet cristaliza como forma artística definida entre os séculos XVII e XIX. Disto establécese e universalízase a chamada hoxe comunmente danza clásica, cimento de tódalas expresións cultas do baile na sociedade moderna.

A danza clásica, no seu termo común, ou máis correctamente dito ballet académico, é hoxe a disciplina universal de base que todo bailarín debe posuír primeiro, para poder realizar, crear ou transmitir despois calquera outro tipo de danza escénica.

A súa técnica é unha verdadeira linguaxe do movemento rítmico humano, que se adquire, como calquera outra forma ou idioma de expresión ou comunicación, de maneira gradual e progresiva.

A súa aprendizaxe desenvolve no alumno o coñecemento e dominio do seu corpo, facendo deste o instrumento de expresión artística.

A execución e interpretación da danza clásica ou académica supón un total dominio e preparación do corpo para que a práctica dos diferentes estilos reflicta o seu valor estético e adquira unha mensaxe significativa no artístico superando a mera calistenia.

A formación e o desenvolvemento destas capacidades esixen un longo proceso no que resulta imprescindible a sistematización do estudio, cunha dedicación diaria que precisa da tutela permanente do profesor. Este proceso de ensino e aprendizaxe, polas

súas propias características espaciais, localízase sempre no ámbito da escola.

Os contidos do grao medio perseguen o dominio dos elementos fundamentais da técnica do ballet académico, aprendizaxe que se iniciou no grao elemental, para a correcta colocación do corpo, que permita o desenvolvemento dunha base sólida das calidades físicas e expresivas. A célula básica deste proceso de ensinanzas e aprendizaxe é a clase de ballet, entendida hoxe en día nas súas diversas modalidades de complexidade e segundo o esquema historicamente aceptado, barra e centro, que tivo a súa orixe na definición manual de Carlo Blasis. A clase organízase arredor dos aspectos seguintes:

A estirada e suxeición controlada de todo o corpo.

A elasticidade controlada das articulacións, de cadeiras e outros puntos anatómicos.

O control, primeiro, e a flexibilidade, despois, das costas como elemento axial básico.

O desenvolvemento controlado das resistencias e musculación do corpo e as extremidades inferiores.

O control da pelve.

O desenvolvemento da postura chamada tecnicamente en-dehors (sic, cara a fóra) como punto de partida corporal do ballet.

O desenvolvemento do pé en canto á súa forza, estirada e capacidade como punto de soporte dinámico, a súa utilización como elemento de transición, pausa e descanso.

O maior dominio do plié (sic, dobrado) en canto á elasticidade e estirada pola súa conveniencia na obtención dun rendemento óptimo do equilibrio e a flexibilidade.

O dominio da coordinación interior e rítmica de tódolos movementos (cabeza, brazos e pernas).

Descubrimento do propio equilibrio corporal.

Desenvolvemento do emprego dinámico do espacio nos exercicios, mediante a utilización progresiva de desprazamentos ó tempo que se incentiva a coordinación das partes do corpo.

Aprendizaxe da respiración correcta tanto no tempo coma na dinámica específica do exercicio para obte-lo seu máximo rendemento.

O aproveitamento óptimo do grao medio reverte sobre o futuro bailarín como a preparación técnica e artística capaz de situalo en condicións de ingresar no mundo profesional. Así mesmo, o ballet académico imprime no discípulo o rigor e os condicionantes técnicos de apertura a outras expresións, entendendo que, pola súa antigüidade e grao de madurez na didáctica, o ballet é o berce histórico natural de tódalas ramas da danza culta e escénica, independentemente de que, nas súas manifestacións artísticas terminais, aparezan moi diferenciadas entre si.

* Materia: danza clásica.

Obxectivos

O ensino de danza clásica no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Controla-la correcta colocación do corpo que permita o dominio da coordinación e o desenvolvemento de tódolos movementos.

2. Realizar con musicalidade a execución de tódolos movementos que configuran a danza.

3. Saber utiliza-los coñecementos técnicos e estilísticos da danza clásica para consegui-la necesaria calidade do movemento que permita alcanza-lo máximo grao de interpretación artística.

4. Valora-la importancia do espacio como elemento tanto estético coma formal, e ser conscientes do papel que xoga na interpretación.

Contidos

Coñecemento de tódolos pasos que compoñen o vocabulario da danza clásica, e execución correcta destes de acordo cos seus tempos musicais, acentos e coordinación de movementos. Adestramento permanente e progresivo da memoria. Desenvolvemento do control de todo o corpo, a dinámica, o ataque do movemento e a respiración. Execución precisa e definida de tódolos pasos que configuran a técnica da danza clásica, coas súas direccións e desprazamentos. Dominio da batería; adagio; saltos pequenos e saltos grandes. Utilización correcta do espacio. Interiorización da música para desenvolve-la sensibilidade artística coa elegancia e enerxía que a danza require. Desenvolvemento da sensibilidade musical como premisa indispensable para a obtención dunha boa calidade de movemento. Clase de puntas: estudio de tódolos pasos sobre zapatillas de media punta, e sobre zapatillas de punta para as mozas. Clase para mozos: estudio de tódolos aqueles pasos que especificamente son denominados pasos de homes.

Desenvolvemento do perfeccionamento técnico e interpretativo do xiro e do salto. Desenvolvemento das capacidades creativas.

Criterios de avaliación

1. Coñecer e recoñecer tódolos pasos do vocabulario da danza clásica, entendendo a súa aplicación técnica.

Este criterio de avaliación pretende comprobar que o alumno aprendeu o nome de tódolos pasos, a súa realización, as súas características e o seu significado técnico na danza.

2. Realiza-los exercicios da barra de ballet que o profesor marque no momento, co acompañamento musical propio deste nivel.

Con este criterio trátase de comproba-lo grao de madurez, das capacidades físicas do alumno, necesario para o dominio da técnica do ballet clásico.

3. Realizar no centro un exercicio de adagio que o profesor marque no momento.

Con este criterio de avaliación trátase de comproba-lo desenvolvemento da capacidade técnica do

alumno en canto ó sentido do equilibrio, amplitude e elevación das pernas, definición e concreción das posicións do corpo no espacio, coordinación, colocación e movemento dos brazos e da cabeza. Ademais, comprobarase o grao de madurez da súa personalidade artística, musicalidade, expresividade e comunicación.

4. Realizar no centro dous exercicios de xiros que o profesor marque no momento.

Con este criterio trátase de comprobar que o alumno adquiriu o dominio da técnica do xiro, a coordinación e o sentido do movemento no espacio, ademais da limpeza, definición e precisión dos pasos e os entrepasos.

5. Realizar no centro dous exercicios de saltos pequenos que o profesor marque no momento.

Con este criterio de avaliación preténdese comproba-lo nivel técnico adquirido polo alumno na execución do salto, a forza e a elasticidade dos pés, o traballo de plié (elasticidade, suxeición de baixada e empuxe para o impulso), ademais da coordinación, acentos musicais e musculares, elevación das cadeiras e suxeición do torso.

6. Realizar no centro un exercicio de batería que o profesor marque no momento.

Con este criterio de avaliación trátase de comproba-lo grao de execución e dominio adquirido na técnica da pequena batería, comprobando o desenvolvemento físico e muscular do en-dehors para a batería, a limpeza, definición e concreción dos movementos de pernas e pés, a coordinación e os acentos musicais e musculares dos saltos.

7. Realizar no centro varios exercicios de saltos grandes que o profesor marque no momento.

Con este criterio de avaliación preténdese comproba-lo desenvolvemento máximo da capacidade de movemento, a enerxía que produce o traballo muscular para saltar utilizando o máximo de amplitude, a precisión e colocación do corpo no aire, a coordinación dos brazos e pernas e a sincronización de impulsos, pernas, brazos, torso e música.

8. Realizar no centro varios exercicios específicos de homes que o profesor marque no momento.

Con este criterio de avaliación preténdese comproba-lo dominio adquirido polos alumnos homes da técnica específica de mozos na danza clásica.

9. Realizar no centro diversos exercicios específicos para as mozas en puntas que o profesor marque no momento.

Con este criterio de avaliación preténdese comproba-lo nivel técnico adquirido polas alumnas na técnica de puntas.

10. Realizar un exercicio de improvisación a partir dun fragmento musical que o pianista toque anteriormente.

Con este criterio de avaliación preténdese comproba-lo grao de madurez do alumno para ser capaz

de, escoitando unha música, saber plasmar con movementos as imaxes e sensacións que a música lle produce, ademais de comproba-lo seu sentido creativo, sensibilidade e musicalidade.

En tódolos criterios de avaliación se comprobará a capacidade artística, sensibilidade, musicalidade e comunicación expresiva.

* Materia: paso a dous.

Obxectivos

O ensino de paso a dous no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Consegui-lo grao de homoxeneidade e coordinación de movementos que permita a compenetración técnica entre ámbolos bailaríns, imprescindible para alcanzar un resultado artístico de calidade.

2. Conseguir unha comprensión unitaria do ritmo, para que o impulso anterior a calquera movemento teña unha coordinación perfecta entre os bailaríns.

3. Demostrar, no caso dos alumnos homes, a forza necesaria para poder realiza-lo seu papel coa calidade técnica e artística necesaria.

4. Demostrar, no caso das alumnas, a estabilidade e o equilibrio necesarios sobre as puntas para poder realiza-las diferentes posicións, promenades e xiros coa parella.

5. Coñece-la linguaxe e a técnica para a realización dos diferentes pasos do paso a dous.

6. Interpreta-lo argumento que se lles presenta en cada paso a dous, dando unha marxe de improvisación á capacidade expresiva de ámbolos bailaríns.

Contidos

Execución en parella dos diferentes pasos, analizando a súa técnica. Realización e planificación de exercicios que permitan un acoplamento e comunicación na parella. Análise do papel que cada membro debe asumir no ballet que se execute. Exercicios que lle permitan consegui-la forza necesaria ó bailarín para realiza-las diferentes partes. Combinacións par térre con mans na cintura. Pasos de acoplamento. Promenades. Xiros nas diferentes posicións. Levantamentos no aire ata o nivel do peito e dos ombros. Grandes saltos con elevación da alumna cos brazos no talle.

Criterios de avaliación

1. Realizar unha variación que inclúa diferentes combinacións a térre con posicións da alumna en l'air e promenades en dehors e en dedans.

Con este criterio de avaliación trátase de comproba-lo coñecemento e dominio técnico do alumno para saber coloca-la alumna no seu eixe, estando pendente da súa estabilidade e controlando as diferentes translacións do centro de gravidade da alumna.

2. Realizar unha variación que inclúa xiros en dehors desde a cuarta posición e xiros desde unha posición de relevé ou tombé en dehors e en dedans.

Con este criterio de avaliación preténdese comprobar se o alumno asimilou e comprendeu a técnica do xiro do paso a dous, colocación de mans, sincronización dos impulsos, etc., e que a alumna é capaz de manter con solidez e suxeición o seu corpo axudando así o alumno a situala en calquera desprazamento do seu eixe de equilibrio.

3. Realizar unha variación con elevacións en l'air, saltos pequenos e elevacións ata o nivel do peito e dos ombros.

Con este criterio de avaliación preténdese observar que o alumno é capaz de utiliza-lo impulso do salto da moza, así como de elevala e baixala suavemente e en eixe ata o chan, e comprobar que a alumna pode realizar no aire a posición clara e precisa mantendo a colocación e estética da danza.

4. Realizar unha variación que inclúa un salto da alumna sobre o peito ou o ombro do alumno.

Con este criterio trátase de comproba-la sincronización dos impulsos de ambos e a aprendizaxe técnica destes pasos para a súa execución.

5. Realizar unha variación que inclúa elevacións con fixacións de posicións no aire cos brazos do alumno estendidos cara a arriba.

Con este criterio de avaliación preténdese comproba-la preparación física dos alumnos, coa utilización do traballo e a forza das pernas e non das costas, a sincronización dos impulsos de ambos e a aprendizaxe adquirida desta técnica.

En tódolos criterios avaliarase a capacidade artística, a sensibilidade e a musicalidade dos alumnos, así como o grao de asimilación do papel do acompañante por cada membro da parella.

* Materia: repertorio.

Obxectivos

O ensino de repertorio no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Interpretar obras ou pezas de repertorio da danza clásica ou a danza neoclásica, coa naturalidade do dominio técnico e a pureza de estilo da obra.

2. Interpretar danzas en grupo, papeis de solista e ballets completos.

3. Coñecer e diferencia-los ballets máis significativos das diferentes épocas e tendencias artísticas, afondando na variedade de estilos e matices.

4. Relaciona-los coñecementos e circunstancias históricas dos ballets coa súa forma e estilo interpretativo.

Contidos

Aprendizaxe de obras de repertorio de diferentes épocas e tendencias artísticas, afondando na variedade de estilos. Adquisición dos coñecementos técnicos e históricos dos ballets para a súa correcta

interpretación dancística. Análise do carácter de cada personaxe para a súa correcta interpretación dramática. Estudios da interpretación dos diferentes papeis, dentro do estilo e forma requiridos pola obra escollida. Desenvolvemento da individualidade artística e do virtuosismo técnico. Práctica e interpretación de bailes de conxunto. Práctica e interpretación de variacións de semisolista e primeiro/a bailarín/a. Coñecemento e valoración das normas de comportamento para bailar en grupo. Adestramento permanente e progresivo da memoria.

Criterios de avaliación

1. Interpretar obras coreográficas dirixidas ó público no centro, ensaiadas previamente.

Este criterio pretende valora-la aptitude necesariamente disciplinada do bailarín no corpo de baile, a capacidade de asumi-lo papel asignado, a súa responsabilidade na unidade do conxunto e a súa adecuación ó papel asignado facendo fluí-los seus sentimentos e personalidade conseguindo a conexión emocional co público.

2. Interpretar un papel do repertorio de bailarían solista.

Con este criterio preténdese valora-lo grao técnico e a capacidade interpretativa do alumno, a asimilación do estilo e o carácter da variación escollida.

3. Interpretar un papel de repertorio de primeiro bailarín/bailarina.

Este criterio permite valora-lo grao de virtuosismo do alumno, unido ó don natural da interpretación e a sensibilidade artística.

4. Interpretar un papel de carácter de repertorio escollido polo propio alumno, onde el mesmo buscará os diferentes matices e estudiará os aspectos históricos.

Mediante este criterio preténdese comproba-la preparación observadora e analítica do alumno, así como as súas inquietudes, sensibilidade, creatividade e sentido da estética.

5. Interpretar en público un corpo de baile do repertorio clásico.

Este criterio de avaliación pretende observar que o alumno é capaz de desfrutar da danza e manter unha relación interpretativa e espacial co resto dos compoñentes do grupo.

* Materia: danzas de carácter.

Obxectivos

O ensino de danzas de carácter no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Interpreta-los pasos de carácter utilizados na maioría dos ballets clásicos chamados de repertorio, e coñece-lo seu vocabulario.

2. Improvisar formas libres de danzas, con sensibilidade creativa e sentido coreográfico.

3. Saber utiliza-los coñecementos das danzas de carácter, para a súa aplicación de forma estilizada nos ballets contemporáneos e modernos.

4. Coñece-las circunstancias xeográfico-históricas, culturais e sociolóxicas que influíron en cada país ou rexión, dando lugar ás diferentes formas, estilos e significado das distintas danzas folclóricas, co fin de interpretar coa necesaria sensibilidade e calidade as súas peculiaridades estilísticas.

Contidos

Coñecemento dos pasos de carácter que forman parte das danzas folclóricas de España, Rusia, Hungría, Polonia e Italia. Desenvolvemento do control do corpo para adquiri-la técnica, a dinámica e a coordinación necesarias dentro de cada estilo de danza. Utilización correcta do espacio, tanto en parellas como en grupos. Coñecemento das coreografías máis destacadas dentro das danzas folclóricas xa citadas. Desenvolvemento das capacidades creativas.

Criterios de avaliación

1. Realizar variacións de escola bolera e danzas folclóricas que representen as características das distintas rexións de España.

Con este criterio de avaliación preténdese comprobar que o alumno coñece os pasos básicos e o estilo propio característico das danzas españolas.

2. Realizar unha danza de estilo ruso.

Con este criterio de avaliación preténdese comprobar que o alumno coñece os pasos básicos e o estilo propio característico das danzas rusas.

3. Realizar unha danza húngara (unha Csarda).

Con este criterio de avaliación preténdese comprobar que o alumno coñece os pasos básicos e o estilo propio característico das danzas húngaras.

4. Realizar una danza polaca (a escoller entre mazurca e polonesa).

Con este criterio de avaliación preténdese comprobar que o alumno coñece os pasos básicos e o estilo propio característico das danzas polacas.

5. Realizar unha danza italiana (unha tarantella).

Con este criterio de avaliación preténdese comprobar que o alumno coñece os pasos básicos e o estilo propio característico das danzas italianas.

En tódolos criterios se avaliará a capacidade artística, a sensibilidade e a musicalidade do alumno e comprobarase que o alumno recoñece a diferencia que existe entre as danzas europeas.

* Materia: danza contemporánea.

Obxectivos

O ensino de danza contemporánea no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Coñecer e practica-los movementos da danza contemporánea e as súas diferentes calidades e matices, en busca dunha correcta execución técnica e artística.

2. Interpretar variacións de diferentes estilos, co fin de coñece-la gran variedade de formas da danza contemporánea.

3. Improvisar formas libres de danza con sensibilidade creativa e sentido coreográfico.

4. Demostra-la versatilidade necesaria para adaptarse ás esixencias que se derivan do carácter interdisciplinar da danza contemporánea.

Contidos

Exercicios no chan: diferenciación da forza e as sensacións das diferentes partes do corpo. Traballo de contraccións do torso e mobilidade da columna: utilización da respiración como orixe do movemento. Exercicios no centro: cambios no eixe do corpo, buscando o equilibrio nos diferentes pasos. Coordinación de tódalas partes do corpo. Uso correcto do espacio. Desenvolvemento da sensibilidade plástica. Práctica da improvisación libre, con e sen obxectos, individual e en grupo. Estudio de pequenas variacións. Estudio de variacións de coreógrafos contemporáneos presentes no repertorio.

Criterios de avaliación

1. Improvisar individualmente unha variación libre, a partir de distintos estilos de música.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento creativo, a expresión artística e sensibilidade musical do alumno, a partir da improvisación individual.

2. Improvisar en grupo unha variación libre, a partir de distintos estilos de música.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento creativo, a expresión artística e a sensibilidade musical do alumno, así como a súa capacidade de integrarse nunha improvisación colectiva.

3. Interpretar variacións de coreógrafos contemporáneos presentes no repertorio.

Con este criterio preténdese valora-la capacidade interpretativa do alumno, e a súa identificación co estilo da variación proposta.

b) Especialidade: danza española.

Introducción

A danza cortesá española segue durante o século XV as pautas europeas, e é no transcorrer do século XVI cando se desenvolven nesta (denominada danza de conta) e na danza teatral unhas características propias que as distinguen da danza do resto de Europa coincidindo co apoxeo artístico, político e militar que desfruta o país, que desembocará no período de eclosión de tódalas artes que coñecemos como o século de Ouro.

A súa cristalización dará lugar á aparición do bolero durante o último tercio do século XVIII; o seu desenvolvemento no século XX levará consecuencias tanto ideolóxicas coma coreográficas, constituíndo a referencia, na actualidade, para a denominación

da escola española de danza que, a mediados do século XX, pasa a chamarse escola bolera.

A diversidade e riqueza da danza tradicional dentro do territorio español, o constante intercambio de información coreográfica por toda a súa xeografía e a súa íntima relación coas danzas cortesá e teatral, irá conformando, a través dos séculos, estilos peculiares de execución nunha realidade pluricultural.

A existencia dunha gran variedade de danzas tradicionais galegas que teñen a súa orixe nas danzas festivas, relixiosas, gremiais e de espadas, entre outras, e que se vertebran no fandango, a muiñeira, a pandeirada e a xota.

A aparición en Andalucía, a partir do último tercio do século XIX, dunha variante da danza teatral (que se independiza e descende a espacios máis íntimos, -cafés cantantes, reunións privadas, tablaos, etc.-) que hoxe coñecemos como danza flamenca.

O tratamento teatral das distintas vertentes que adopta a danza en España desde principios do século XX, tanto en versión de concerto con pezas solistas e de conxunto, como no gran formato dos ballets con desenvolvemento dramático que precisan un importante número de executantes, adopta indistintamente a denominación de clásico español ou danza estilizada.

O conxunto destas realidades forma o que hoxe en día coñecemos como danza española, cun vocabulario específico para cada unha das materias que a compoñen, que esixe unha especial versatilidade para a súa interpretación.

A especial dificultade de execución e interpretación inherentes á danza española fan dela unha materia que esixe intensa preparación previa e unha sólida base técnica, sen as cales resulta imposible abordar dun modo coherente a obrigada disociación de elementos rítmicos e dinámicos entre as partes superior e inferior do corpo, o cal constitúe a base do estilo español.

O acompañamento simultáneo da percusión executada polo propio bailarín, ben cun instrumento musical, como é o caso das castañolas en calquera das súas variantes, ben coa percusión directa dos pés sobre o chan ou coa combinación das dúas posibilidades, é outra dificultade engadida que precisa dunha preparación progresiva, non diferente á de calquera outro instrumento musical cun traballo persoal á parte do ensino tutelado.

Na formación do futuro bailarín non só se terán que aborda-los aspectos mecánicos e artísticos da danza española, senón que, chegado un momento determinado, é imprescindible completa-la dita formación con aspectos teóricos (históricos, coreolóxicos, musicais, anatómicos), que lle achegarán a calidade específica que fará posible a continuación dunha forma artística que constitúe un dos máis prezados tesouros que posuímos.

Por todo iso, a danza española precisa dunha localización clara dentro do sistema educativo aparecendo como especialidade no grao medio, xa que ó acceder a este o alumno de danza posuirá a formación suficiente para poder abordar e supera-las non poucas dificultades, consecuencia da variedade e riqueza de todas e cada unha das materias que compoñen esta especialidade.

A metodoloxía que se aplicará para conseguir un óptimo aproveitamento polo alumno é similar á utilizada na danza clásica, adaptada ás características e necesidades de cada materia (sistematización, dedicación diaria, tutela do profesor, etc.). O dito aproveitamento das ensinanzas de danza española no grao medio cualificará o alumno para acceder á vida profesional como bailarín.

* Materia: danza clásica.

Obxectivos

O ensino de danza clásica de grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Aplica-la correcta colocación do corpo que permita o dominio da coordinación e o desenvolvemento correcto de tódolos movementos.

2. Saber utiliza-los coñecementos técnicos e estilísticos da danza académica adquiridos, para consegui-la necesaria calidade do movemento que permita alcanza-lo máximo grao de interpretación artística, nas diferentes manifestacións da danza española.

3. Realizar con sentido rítmico e musicalidade a execución de tódolos movementos que configuran a danza.

4. Valora-la importancia do espacio como elemento tanto estético como formal, e ser conscientes do papel que xoga na interpretación.

Contidos

Estudio da terminoloxía propia da danza clásica, e a súa aplicación descritiva de pasos, combinacións deles ou bailes. Desenvolvemento da correcta colocación do corpo que permita unha base técnica sólida, co fin de aborda-los distintos estilos da danza española. Coñecemento de tódolos pasos que compoñen o vocabulario da danza académica, a execución correcta deles de acordo cos seus tempos musicais, acentos e coordinación de movementos. Desenvolvemento do control de todo o corpo, a dinámica, o ataque do movemento e a respiración. Utilización correcta do espacio. Interiorización da música para desenvolve-la sensibilidade artística coa elegancia e enerxía que a danza require. Desenvolvemento da sensibilidade musical como premisa indispensable para a obtención dunha boa calidade de movemento. Desenvolvemento do perfeccionamento técnico e interpretativo do xiro e do salto. Desenvolvemento das capacidades creativas.

Criterios de avaliación

1. Coñecer e recoñecer tódolos pasos do vocabulario da danza clásica entendendo a súa aplicación técnica.

Este criterio de avaliación pretende comprobar que o alumno aprendeu o nome de tódolos pasos, a súa realización, as súas características e o seu significado técnico na danza.

2. Realizar unha clase de danza clásica, que o profesor marque no momento, con tódolos exercicios deste nivel no tempo musical establecido.

Con este criterio trátase de comprobar e avalia-lo dominio técnico alcanzado e o grao de madurez da súa capacidade artística, a través de:

a) A colocación do corpo.

b) O desenvolvemento muscular e flexibilidade.

c) Os acentos musicais e musculares.

d) A coordinación de tódolos movementos.

e) O dominio do equilibrio e o control do corpo.

f) A precisión na realización de tódolos pasos e as posicións das pernas, brazos, torso e cabeza.

g) A precisión e definición das direccións e desprazamentos.

h) A utilización do espacio.

i) A respiración do movemento.

j) O dominio da técnica do adagio, do xiro, do salto (pequenos, grandes e batería).

k) A sensibilidade musical.

3. Improvisar individualmente pequenas variacións de danza partindo de diferentes formas musicais.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento creativo, a expresión artística e sensibilidade musical do alumno.

4. Repetir e realizar no centro os exercicios estudiados na barra que o profesor marque no momento, empregando correctamente o tempo musical, a coordinación, o espacio e as direccións.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumno tomou conciencia do seu equilibrio e das direccións no espacio, coordinando os movementos entre eles.

5. Realizar pequenas variacións que inclúan desprazamentos polo espacio, marcados polo profesor no momento.

Con este criterio preténdese observa-lo sentido do alumno con respecto ó espacio, as dimensións e as direccións.

* Materia: escola bolera.

Obxectivos

O ensino de escola bolera no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Domina-la linguaxe e o estilo da escola bolera.

2. Coñece-lo repertorio máis significativo da escola bolera.

3. Interpreta-las danzas deste repertorio con gracia e naturalidade, dominio técnico, musicalidade, e carácter e pureza de estilo.

Contidos

Exercicios para adquiri-la técnica, dinámica, coordinación e estilo da escola bolera. Coñecer e executar tódolos pasos e movementos codificados na linguaxe da escola bolera, tendo en conta a musicalidade e os acentos do movemento, así como a súa coordinación e o correcto acompañamento das castañolas. Realización de exercicios en relación coa dinámica, estilo e carácter das danzas de repertorio e o seu correcto acompañamento das castañolas. Exercicios con desprazamentos para a correcta utilización do espacio, tanto individuais coma en grupo e parella. Exercicios que permitan o emparellamento e a comunicación para as danzas de parella. Estudio das danzas máis representativas do repertorio da escola bolera. Desenvolvemento permanente da memoria, a sensibilidade musical, a precisión e dinámica tanto do movemento como das castañolas, a respiración, a gracia, o carácter e o estilo. Interpretar danzas do repertorio, individuais, de grupo e de parella.

Criterios de avaliación

1. Realiza-las variacións que marque o profesor, sobre fragmentos musicais, con pasos da escola bolera que, cos correspondentes toques de castañolas, conteñan a dinámica, desprazamentos, musicalidade e estilo característicos.

Este criterio pretende comproba-lo uso do espacio, a calidade e a musicalidade, tanto dos movementos como da interpretación das castañolas, así como a dinámica e o estilo.

2. Interpretar e realizar no momento as coplas que sobre o bolero e a malagueña dicte o profesor.

Este criterio pretende observa-lo dominio técnico e o coñecemento da linguaxe da escola bolera.

3. Interpretar en público dous bailes do repertorio da escola bolera, á libre elección do alumno, un en grupo ou parella e o outro individual como solista.

Este criterio pretende observar que o alumno é capaz de desfrutar da danza e manter unha relación interpretativa e espacial co resto dos compoñentes do grupo, sen perde-la calidade do movemento, o carácter e estilos característicos da escola bolera, así como a súa capacidade de comunicación co público.

* Materia: danza estilizada.

Obxectivos

O ensino da danza estilizada no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Demostra-la sensibilidade artística e os coñecementos técnicos e expresivos que capaciten para interpretar unha danza, tendo en conta a forma, carácter, intención, ritmo e matices (dinámica) da obra musical.

2. Improvisar con sensibilidade artística e musical sobre unha forma musical, tendo en conta: a súa forma, carácter, intención, ritmo e matices; utilizando os instrumentos e as linguaxes propios das nosas danzas.

3. Interpretar con naturalidade e dominio técnico, tanto no relativo ós movementos como ós instrumentos utilizados (castañolas, zapatos, etc.) tendo en conta a expresividade e a fidelidade á música.

4. Consegui-lo dominio do corpo e da mente para utilizar con seguridade a técnica e o espacio escénico para chegar a unha concentración que permita unha interpretación artística de calidade.

Contidos

Realización de exercicios ata alcanza-la calidade do movemento e a expresividade requirida en canto á fidelidade á música: matices, forma, intención e tempo. Realización de traballos de improvisación utilizando as diferentes formas musicais. Análise do carácter interpretativo da danza en canto á obra musical e á súa coreografía. Interpretación de coreografías, individuais e colectivas, co máximo dominio do espacio escénico, da técnica (movemento, castañolas, zapateados, indumentaria, etc.), da expresividade, musicalidade, gracia e naturalidade. Desenvolvemento permanente da memoria. Estudio das obras dos principais compositores e coreógrafos españois. Análise comparativa das diferentes interpretacións das ditas obras.

Criterios de avaliación

1. Interpretación dunha danza de zapatilla.

Este criterio pretende valora-lo dominio técnico do alumno, no referente á limpeza de pasos e á súa execución, a musicalidade e os matices, e o carácter, a expresividade e a interpretación.

2. Interpretación dunha danza de zapato.

Este criterio pretende valora-lo dominio técnico do alumno, no referente á limpeza de pasos e á súa execución, a coordinación e fluidez tanto do movemento como das castañolas e zapateados, e o uso do espacio.

3. Interpretación dunha variación de repertorio.

Con este criterio preténdese valora-la capacidade artística do alumno, así como a súa memoria e a súa asimilación do carácter dramático do papel que representa na obra.

* Materia: flamenco.

Obxectivos

O ensino do flamenco no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Demostra-lo dominio do zapateado (escobillas) en cada un dos diferentes ritmos flamencos.

2. Utilizar con dominio, soltura e naturalidade a indumentaria requirida: bata de cola, mantón, etc. (no baile da muller).

3. Interpreta-los diferentes bailes flamencos con toda a súa forza expresiva.

4. Improvisar en calquera dos paos flamencos tendo en conta a estructura, compás e carácter.

Contidos

Estudio do ritmo e cuadratura do número de compases que ten unha letra para o desenvolvemento do cante que se require. Estudio do compás, estructura, carácter e expresión de cada forma do flamenco. Coñecemento e dominio dos ritmos, contratempos e estructuras dos diferentes paos flamencos: alegrías, tentos, farruca, tangos, soleares, bulerías, etc. Estudio da realización da marcaxe, escobillas e desplantes con bata de cola. Realización de exercicios para diferencia-las cuadraturas do compás en relación co cante. Realización de traballos de improvisación dentro das estructuras do baile flamenco. Práctica da técnica do zapateado, alcanzando un máximo de velocidade, matiz e dificultade nas súas composicións. Estudio dos diferentes bailes flamencos, coa musicalidade, dominio técnico, gusto, carácter e forza expresiva que cada un requira. Estudio da orixe e fundamentos do flamenco: historia, costumes, intérpretes, cantes, significado social, etc. Desenvolvemento permanente da memoria.

Criterios de avaliación

1. Realizar variacións de marcaxes e zapateados nos diferentes ritmos flamencos, acompañados coa guitarra e o cante, utilizando, no caso das alumnas, a bata de cola e o mantón.

Este criterio pretende comproba-lo coñecemento e dominio do compás nos diferentes ritmos do flamenco, o dominio e a soltura das alumnas no movemento coa bata de cola e o mantón, a claridade, forza e matices nos zapateados, e a cuadratura do cante (letra).

2. Interpretar un baile do repertorio flamenco.

Con este criterio valorarase o dominio da técnica, do estilo e do carácter propio do baile, da musicalidade e dos matices, así como a capacidade artística do alumno e a súa madurez interpretativa.

3. Improvisar nun dos paos flamencos.

Con este criterio preténdese comproba-lo coñecemento do alumno dos diferentes paos do flamenco: a súa estructura, compás, medida do cante (letra).

4. Interpretar en público como solista un baile característico, á libre elección do alumno.

Este criterio pretende valora-la capacidade de comunicación co público que posúe o alumno.

5. Interpretar en público un baile en grupo ou parella, á libre elección do alumno.

Con este criterio preténdese valora-la capacidade do alumno para integrarse nun grupo e manter unha relación interpretativa e espacial co resto dos seus compoñentes, sen perde-la calidade do movemento, o carácter e estilo característicos do baile flamenco, así como a súa capacidade de comunicación co público.

* Materia: folclore.

Obxectivos

O ensino de folclore en grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Coñece-la diversidade e a riqueza do noso folclore e adquirir un repertorio das danzas máis representativas.

2. Coñece-las circunstancias xeográfico-histórico-culturais e sociolóxicas que influíron en cada rexión, dando lugar ás diferentes formas, estilos e significados das nosas danzas folclóricas.

3. Saber interpretar danzas características de cada rexión.

4. Situar e identifica-lo noso folclore a través dunha mostra instrumental e/ou bailada, ou a través do traxe.

5. Esperta-lo gusto e interese por obte-la máxima información sobre o noso folclore: traxes, costumes, historia, significado social.

Contidos

Adquisición das técnicas e estilos de cada rexión para a interpretación das súas danzas. Estudio dos instrumentos de percusión con que se acompaña o bailarín nas diferentes danzas populares: castañolas, pulgaretas, cunchas, paos, etc. Realización dos pasos cos seus desprazamentos polo espacio nos bailes individuais, por parellas e en grupo. Estudio da historia de cada rexión, autonomía ou comunidade, dos seus costumes, traxes, tradición e significado social das súas danzas máis representativas. Interpretación das danzas máis características do noso folclore. Desenvolvemento permanente da memoria.

Criterios de avaliación

1. Interpretar e realiza-las coplas e variacións que no momento marque o profesor, pertencentes ó folclore español máis representativo, acompañándose do instrumento de percusión que a danza requira.

Este criterio pretende comproba-lo coñecemento e a asimilación do alumno, dos pasos, estilos e carácteres das nosas danzas populares, así como dos instrumentos de percusión con que se acompañan os danzantes.

2. Compoñer e interpretar en grupo unha danza sobre unha música popular proposta polo profesor.

Este criterio pretende comproba-la capacidade de situar e identifica-lo noso folclore a través dunha mostra musical, mostrando as súas características principais e a súa evolución polo espacio.

3. Identificar a través de imaxes de traxes folclóricos españois, ofrecidos polo profesor, o lugar ó que pertencen, ilustrándoos cos comentarios que o alumno considere pertinentes.

Este criterio pretende observa-lo grao de coñecemento adquirido polo alumno sobre as circunstancias xeográficas, históricas, culturais e sociolóxi

cas do noso folclore, así como a influencia e o acondicionamento que tanto a indumentaria como as anteriores circunstancias configuran o carácter, o estilo e a forma de bailar.

4. Interpretar unha danza folclórica á libre elección do alumno.

Este criterio pretende comproba-la versatilidade técnica e interpretativa do alumno en canto á forma, carácter e estilo.

* Materia: folclore galego.

Obxectivos

O ensino de folclore galego no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Coñece-la variedade do folclore galego e as circunstancias xeográfico-histórico-culturais e sociolóxicas que deron lugar ós diferentes tipos de danza galega: festivas, relixiosas, gremiais, de espadas e outras.

2. Coñece-las diversas posicións básicas dos pés, das pernas e dos brazos nas danzas galegas.

3. Interpreta-las danzas máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Fomenta-lo interese sobre o folclore galego: traxes, costumes, historia, xeografía, tradicións, instrumentos, etc.

Contidos

Estudio da orixe histórica das danzas galegas e a súa clasificación. Práctica e execución dos pasos básicos das danzas galegas por parella ou en grupo. Manexo de instrumentos percusivos como as cunchas, paos, castañolas, etc., cos que se acompaña habitualmente o bailarín, e identificación dos instrumentos que acompañan as danzas (pandeiro, pandeireta, gaita, etc.). Práctica e interpretación en tódalas súas variantes do fandango, muiñeira, pandeirada e xota. Coñecemento dos costumes, traxes, complementos e significado sociocultural das danzas galegas máis representativas.

Criterios de avaliación

1. Interpretar e realiza-los pasos e variacións que no momento marque o profesor, pertencentes ás danzas galegas máis representativas, acompañándose, se é o caso, do instrumento de percusión requirido.

Con este criterio de avaliación trátase de comproba-lo coñecemento e asimilación do alumno dos pasos básicos das danzas galegas, así como dos instrumentos de percusión con que acompañan os danzantes.

2. Compoñer e interpretar, en parella ou en grupo, unha danza sobre unha música popular galega proposta polo profesor.

Este criterio de avaliación pretende comproba-la capacidade de identifica-las danzas galegas a través dunha proposta musical, mostrando as súas características principais e a súa evolución polo espacio.

3. Identificar a través de imaxes de traxes e os seus complementos correspondentes, propostas polo profesor, o tipo de danza galega que corresponda.

Este criterio de avaliación pretende observa-lo grao de coñecemento adquirido polo alumno sobre as circunstancias históricas, culturais e sociolóxicas do folclore galego, así como a influencia e o condicionamento que tanto a indumentaria coma as anteriores circunstancias teñen sobre o carácter dun baile.

4. Interpretar unha danza folclórica galega á libre elección do alumno.

Con este criterio de avaliación preténdese valora-lo nivel técnico e a capacidade interpretativa do alumno á asimilación do estilo e o carácter da danza elixida.

* Materia: repertorio de danza española.

Obxectivos

O ensino de repertorio de danza española no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Interpretar obras ou pezas de repertorio da danza española, coa naturalidade do dominio técnico e a pureza de estilo da obra.

2. Interpretar danzas en grupo, papeis de solista e/ou ballets completos.

3. Coñecer e diferencia-los ballets máis significativos das diferentes épocas e tendencias artísticas, afondando na variedade de estilos e matices.

4. Relaciona-los coñecementos e as circunstancias históricas dos ballets coa súa forma e estilo interpretativo.

Contidos

Aprendizaxe de obras de repertorio de diferentes épocas e tendencias artísticas, afondando na variedade de estilos. Adquisición dos coñecementos técnicos e históricos dos ballets para a súa correcta interpretación dancística. Análise do carácter de cada personaxe para a súa correcta interpretación dramática. Estudio da interpretación dos diferentes papeis, dentro do estilo e forma requiridos pola obra escollida. Desenvolvemento da individualidade artística e do virtuosismo técnico. Práctica e interpretación de bailes de conxunto. Práctica e interpretación de variacións de semi-solista e primeiro/a bailarín/bailarina. Coñecemento e valoración das normas de comportamento para bailar en grupo. Adestramento permanente e progresivo da memoria.

Criterios de avaliación

1. Interpretar obras coreográficas dirixidas ó público no centro, ensaiadas previamente.

Este criterio pretende valora-la aptitude necesariamente disciplinada do bailarín no corpo de baile, a capacidade de asumi-lo papel asignado, a súa responsabilidade na unidade do conxunto e a súa adecuación ó papel asignado facendo fluí-los seus sen

timentos e personalidade, conseguindo a conexión emocional co público.

2. Interpretar un papel do repertorio do bailarín solista.

Con este criterio preténdese valora-lo grao técnico e a capacidade interpretativa do alumno, a asimilación do estilo e o carácter da variación escollida.

3. Interpretar un papel de repertorio de primeiro/a bailarín/bailarina.

Este criterio permite valora-lo grao de virtuosismo do alumno, unido ó don natural da interpretación e a sensibilidade artísticas.

4. Interpretar un papel de carácter de repertorio escollido polo propio alumno, onde el mesmo buscará os diferentes matices e estudiará os aspectos históricos.

Mediante este criterio preténdese comproba-la preparación observadora e analítica do alumno, así como as súas inquietudes, sensibilidade, creatividade e sentido da estética.

c) Especialidade: danza contemporánea.

Introducción

A danza moderna ten as súas orixes nos movementos de renovación da danza que se producen en Europa e Norteamérica a principios do século XX.

Durante este período e ata os nosos días apareceron novas técnicas para a formación e o perfeccionamento do bailarín que, baixo o nome xenérico de danza contemporánea, supuxeron un complemento, e a miúdo unha alternativa, á danza clásica ou ballet.

Na danza contemporánea o traballo creativo e de investigación atópanse estreitamente ligados á mesma técnica de formación. Improvisacións e xogos son, a miúdo, parte das clases que inclúen, por outro lado, exercicios sempre distintos, novas coreografías que o profesor debe preparar a partir dunha linguaxe de movemento aberto á diversidade.

A danza contemporánea explorou novos territorios do movemento corporal:

Descóbrense novas formas de relacionarse co chan, polo que o bailarín aprende a caer, a rodar e a evolucionar. En contacto co chan realízanse exercicios para desenvolve-la elasticidade das pernas e mellora-la colocación e mobilidade das costas. Deste xeito, o chan actúa como un punto de referencia complementario á barra horizontal.

O torso convértese no motor da expresión e do movemento. A pelve e a columna arquéanse e esténdense, debuxan espirais e inclínanse. O traballo sobre a verticalidade do torso, característico da danza clásica, encontra nas novas técnicas un desenvolvemento cara a unha maior expresividade.

O peso das distintas partes do corpo xera novas posibilidades de movemento a partir do xogo de balanceos, suspensións e desequilibrios. O bailarín

aprende a deixar cae-la cabeza, o torso, os brazos ou as pernas, que saen e retornan alternativamente ó punto de equilibrio.

A relación co espacio amplíase. Novas direccións son engadidas nos exercicios de preparación. A codificación da técnica clásica vese enriquecida coa incorporación de novas variables. Movementos de disociación das distintas partes do corpo dan lugar a combinacións novas. Os exercicios xogan coa alternancia de direccións e frontes.

As dinámicas ou calidades do movemento adquiren tanta ou maior importancia que os aspectos simplemente formais. O bailarín debe ser capaz de proxectar calidades de movemento, diversas e matizadas en relación co espacio, o tempo, a forza muscular e o fluxo de movemento. Debe ser capaz, polo tanto, de realizar movementos abertos e rectilíneos ou concentrados e curvos, rápidos ou lentos, fortes ou lixeiros, libres ou controlados, así como tódalas variacións resultantes da combinación destes e outros parámetros.

A danza contemporánea supón unha aproximación respectuosa ó corpo humano. Entende a formación do bailarín a partir do desenvolvemento das súas potencialidades, evitando todo tipo de adestramento artificial e prexudicial para o bo funcionamento do corpo. Na formación do bailarín contemporáneo é necesario dedicar unha atención especial ó uso da respiración, á colocación e á conciencia corporal.

A preparación do alumno debe incluír aspectos teóricos, técnicos e prácticos. O alumno debe ser capaz de analizar e comprende-las súas propias coreografías, así como do repertorio clásico e moderno. Debe mostrar coñecementos musicais suficientes, ter nocións de interpretación teatral e ter adquirida a destreza necesaria para a boa e eficaz utilización do seu corpo.

A danza contemporánea ensina unha linguaxe de movemento completo. Proporciona as ferramentas para adaptarse a tódolos estilos coreográficos e estimula os alumnos a desenvolve-lo seu talento creativo. Supón, por isto, unha preparación necesaria para o bailarín profesional ante as novas esixencias das compañías de danza.

* Materia: danza clásica.

Obxectivos

O ensino da danza clásica no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Aplica-la correcta colocación do corpo, que permita o dominio da coordinación e o desenvolvemento correcto de tódolos movementos.

2. Saber utiliza-los coñecementos técnicos e estilísticos da danza clásica adquiridos, para consegui-la necesaria calidade do movemento que permita alcanza-lo máximo grao de interpretación artística nas diferentes manifestacións da danza contemporánea.

3. Realizar con sentido rítmico e musicalidade a execución de tódolos movementos que configuran a danza.

4. Valora-la importancia do espacio como elemento tanto estético como formal, e ser conscientes do papel que xoga na interpretación.

Contidos

Estudio da terminoloxía propia da danza clásica e a súa aplicación descritiva de pasos, combinación deles ou bailes. Desenvolvemento da correcta colocación do corpo, que permita unha base técnica sólida, co fin de aborda-los distintos estilos da danza contemporánea. Coñecemento de tódolos pasos que compoñen o vocabulario da danza clásica, e a súa execución correcta de acordo cos seus tempos musicais, acentos e coordinación de movementos. Desenvolvemento do control de todo o corpo, a dinámica, o ataque do movemento e a respiración. Utilización correcta do espacio. Interiorización da música para desenvolve-la sensibilidade artística coa elegancia e a enerxía que a danza require. Desenvolvemento da sensibilidade musical como premisa indispensable para a obtención dunha boa calidade de movemento. Desenvolvemento do perfeccionamento técnico e interpretativo do xiro e do salto. Desenvolvemento das capacidades creativas.

Criterios de avaliación

1. Coñecer e recoñecer tódolos pasos do vocabulario da danza clásica entendendo a súa aplicación técnica.

Este criterio de avaliación pretende comprobar que o alumno aprendeu o nome de tódolos pasos, a súa realización, as súas características e o seu significado técnico na danza.

2. Realizar unha clase de danza clásica, que o profesor marque no momento, con tódolos exercicios deste nivel no tempo musical establecido.

Con este criterio trataríase de comprobar e avalia-lo dominio técnico alcanzado e o grao de madurez da súa capacidade artística, a través de :

a) A colocación do corpo.

b) O desenvolvemento muscular e flexibilidade.

c) Os acentos musicais e musculares.

d) A coordinación de tódolos movementos.

e) O dominio do equilibrio e o control do corpo.

f) A precisión na realización de tódolos pasos, e as posicións das pernas, brazos, torso e cabeza.

g) A precisión e definición das direccións e desprazamentos.

h) A utilización do espacio.

i) A respiración do movemento.

j) O dominio da técnica do adagio, do xiro, do salto (pequenos, grandes e batería).

k) A sensibilidade musical.

3. Improvisar individualmente pequenas variacións de danza partindo de diferentes formas musicais.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento creativo, a expresión artística e a sensibilidade musical do alumno.

4. Repetir e realizar no centro os exercicios estudiados na barra que o profesor marque no momento, empregando correctamente o tempo musical, a coordinación, o espacio e as direccións.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumno tomou conciencia do seu equilibrio e das direccións no espacio, coordinando os movementos entre eles.

5. Realizar pequenas variacións que inclúan desprazamentos polo espacio, marcados polo profesor no momento.

Con este criterio preténdese observa-lo sentido do alumno respecto ó espacio, ás dimensións e ás direccións.

* Materia: improvisación.

Obxectivos

O ensino de improvisación no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Demostra-la adaptación espontánea a un movemento, a unha idea ou a unha situación de traballo proposta, en relación con eles mesmos e co grupo.

2. Expresarse libremente, a través da improvisación dirixida para conseguir chegar á esencia da propia linguaxe.

3. Responder adecuadamente coa propia linguaxe corporal a unha idea proposta pola parella.

4. Demostrar, a través da realización de pequenas coreografías, o enriquecemento das posibilidades interpretativas do bailarín en relación co espacio.

Contidos

Desenvolvemento do concepto de liberdade do movemento, e afondamento na súa exploración, co fin de amplia-lo seu coñecemento e integralo na creación coreográfica. Desenvolvemento do impulso como motor do movemento. Relación entre chan, forza de gravidade e caída. Desenvolvemento da capacidade de improvisación, a través de movementos libres e propios a partir dunha idea. Fundamentos creativos: capacidade de estructurar unha frase de movemento a partir dunha idea, e ser capaz de repetila. Relacións básicas entre a utilización do tempo, do espacio e do esforzo, a partir da música ou de pautas determinadas. Desenvolvemento do autocontrol, a reflexión e a concentración. Desenvolvemento da retención visual, auditiva e cinestética, na execución de secuencias de movementos previamente determinadas. Práctica da danza en grupo, e desenvolvemento da iniciativa, a imaxinación e a creatividade. Utilización dos elementos do tempo, o espa

cio e o movemento e a súa relación co intérprete, a través da realización de estudios coreográficos. Desenvolvemento da capacidade de comunicación dramática que permita unha maior capacidade expresiva. Realización de pequenas coreografías.

Criterios de avaliación

1. Improvisar individualmente unha variación libre, a partir de distintos estilos de música.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento creativo, a expresión artística e a sensibilidade musical do alumno, a partir da improvisación individual.

2. Improvisar en grupo unha variación libre, a partir de distintos estilos de música.

Este criterio de avaliación pretende comproba-lo desenvolvemento creativo, a expresión artística e a sensibilidade musical do alumno, así como a súa capacidade de integrarse nunha improvisación colectiva.

3. Interpretar unhas variacións de coreógrafos contemporáneos presentes no repertorio, que inclúan a improvisación como un elemento esencial da propia coreografía.

Con este criterio preténdese valora-la capacidade interpretativa do alumno, e a súa identificación co estilo da variación proposta.

4. Realizar un pequeno estudio coreográfico a partir do desenvolvemento dun concepto ou secuencia de movemento, dun ritmo, dun texto, dun obxecto, dunha música, etc.

Mediante este criterio preténdese valora-la creatividade do alumno en relación coa súa capacidade para desenvolver unha proposta, así como o seu sentido da forma e das proporcións.

* Materia: técnicas de danza contemporánea.

Obxectivos

O ensino de técnicas de danza contemporánea no grao medio terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos as capacidades seguintes:

1. Controla-los movementos da danza contemporánea e as súas diferentes calidades e matices, na busca dunha correcta execución técnica e artística.

2. Interpretar variacións segundo as diferentes técnicas características da danza contemporánea.

3. Demostra-la versatilidade necesaria para adaptarse ás esixencias que se derivan do carácter interdisciplinar da danza contemporánea.

Contidos

Práctica da danza contemporánea para adquirir unha sólida base técnica que permita un amplo coñecemento dos diferentes estilos. Fundamentos da técnica da danza contemporánea, con especial énfase na flexibilidade da columna, o sentido do peso e o uso dinámico do espacio. Desenvolvemento dunha sensibilidade estética aberta. Coñecemento e desen

volvemento das propias capacidades expresivas. Coñecemento das diferentes técnicas recoñecidas como básicas no mundo da danza contemporánea (Graham, Cunningham, Limón, etc.). Desenvolvemento das habilidades prácticas e técnicas necesarias para adaptarse á gran variedade característica do repertorio contemporáneo.

Criterios de avaliación

1. Realizar unha variación nas diferentes técnicas recoñecidas como básicas no mundo da danza contemporánea.

Este criterio permite valora-lo coñecemento e dominio das diferentes técnicas propias da danza contemporánea (Graham, Cunningham, Limón, etc.).

2. Realizar individualmente unha variación na que se siga e dialogue musicalmente o contido dun acompañamento sonoro.

Mediante este criterio preténdese valora-la capacidade do alumno de adapta-las diferentes técnicas adquiridas a un acompañamento sonoro proposto, así como o acerto na súa elección en relación co estilo que se deriva deste acompañamento.

3. Realizar en grupo unha coreografía característica do repertorio contemporáneo.

Este criterio pretende valora-la capacidade artística do alumno para interpretar unha obra do repertorio contemporáneo.

ANEXO III

Principios metodolóxicos do grao medio

O absoluto dominio do corpo que require o exercicio da danza obriga a que o estudio destas ensinanzas deba ser iniciado en idades temperás. A longa traxectoria formativa consecuente coa dificultade destes estudios implica unha forzosa simultaneidade cos correspondentes ó destes ensino obrigatorio e ó bacharelato; iso fai aconsellable que os procesos educativos de ambos tipos de ensino sigan os mesmos principios de actividade constructiva como factor decisivo na realización da aprendizaxe que, en último termo, é construído polo propio alumno, modificando e reelaborando os seus esquemas de coñecemento.

Nun currículo aberto, os métodos de ensino son, en ampla medida, responsabilidade do profesor, e non deben ser completamente desenvolvidos pola autoridade educativa. Unicamente na medida en que certos principios pedagóxicos son esenciais á noción de contidos do currículo que se establece, está xustificado sinalalos. Por iso, coa finalidade de orienta-la práctica docente dos profesores e de desenvolve-lo currículo establecido neste decreto, sinálanse os seguintes principios metodolóxicos de carácter xeral, principios que son válidos para tódalas especialidades e materias que se regulan nesta norma.

A interpretación a través da danza, meta das especialidades reguladas, é, por definición, un feito diverso, profundamente subxectivo, resultante dunha fructífera sinestesia entre música e danza, que no seu resultado plástico-sonoro final funde en unidade indisoluble as mensaxes de ámbolos creadores -o compositor e o coreógrafo- contidos na obra e a maneira persoal de transmitilos o bailarín ou a bailarina, que fai súas ámbalas mensaxes modulándoas a través da súa propia sensibilidade. Como en toda tarefa educativa, é o desenvolvemento da personalidade e a sensibilidade propias do alumno o fin último que se persegue aquí, de maneira tanto máis acusada en canto que a danza é vehículo de expresión de emocións antes que de comunicación conceptual, e no que o subxectivo ocupa, polo tanto, un lugar primordial.

Ó longo dun proceso de aprendizaxe desta índole, o profesor será máis que nunca un guía, un conselleiro, que ó tempo que dá solucións concretas a problemas ou dificultades igualmente concretos debe, en todo aquilo que teña un carácter máis xeral, esforzarse en dar opcións e non en impor criterios, en orientar e non en conducir como da man cara a uns resultados predeterminados, e en estimular e ensancha-la receptividade e a capacidade de resposta do alumno ante o feito artístico. Na construcción da súa nunca definida personalidade artística, o alumno é protagonista principal, por non dicir único; o profesor non fai senón un labor de arte maiéutica.

Unha programación aberta, nada ríxida, faise imprescindible en materias como esta; os centros e, dentro deles, os profesores deben establecer programacións o bastantes flexibles como para que, atendendo ó incremento progresivo das capacidades interpretativas (o incremento da técnica), sexa posible adaptalas ás características e ás necesidades de cada alumno individual, tratando de desenvolver ó máximo e de forma equilibrada as súas posibilidades artísticas.

No que á técnica se refire, é necesario concibila (e facela concibir ó alumno) nun sentido profundo, como unha verdadeira técnica da interpretación, que reborda con moito o concepto do puro dominio da mecánica corporal (que, sen embargo, é parte integrante dela); de feito, a técnica, no seu sentido máis amplo, é a realización mesma da obra artística e, polo tanto, fusiónase, intégrase nela e é, simultaneamente, medio e fin.

O proceso de ensino terá que estar presidido pola necesidade de garanti-la funcionalidade das aprendizaxes, asegurando que poidan ser utilizadas nas circunstancias reais nas que o alumno as necesite. Por aprendizaxe funcional enténdese non só a posible aplicación práctica do coñecemento adquirido, senón tamén, e sobre todo, o feito de que os contidos sexan necesarios e útiles para levar a cabo outras aprendizaxes e para enfrontarse con éxito á adquisición doutros contidos. Por outra parte, estes deben presentarse cunha estructuración clara das súas rela

cións, suscitando, sempre que se considere pertinente, a interrelación entre distintos contidos dunha mesma área e entre contidos de distintas materias.

A presencia intensiva no centro por parte dos alumnos, característica destas ensinanzas, nas que, a diferencia das restantes ensinanzas do sistema, o horario lectivo é, ó mesmo tempo, horario de estudio, propicia un estreito vínculo entre profesor e alumno, do que é necesario ter conciencia co fin de poder obter del os mellores resultados.

Por iso reviste especial importancia a participación frecuente, se non continuada, dos alumnos en tódalas aquelas actividades que, como os diferentes talleres coreográficos e representacións públicas, deben incidir positivamente no proceso que conduce á súa formación, por canto estas actividades supoñen un contacto real coa experiencia da interpretación artística.

Con respecto a isto último, débese ter moi presente que as de danza son as únicas ensinanzas nas que a titulación do grao medio pode levar directamente á práctica do exercicio profesional, dado que o inicio do exercicio activo da profesión se sitúa a partir dos 18 anos. Por tanto, faise necesario planifica-los estudios do grao medio tendo presente esa realidade profesional.

Por esta razón, os proxectos e as programacións dos profesores deberán poñer de relevo o alcance e a significación que ten cada unha das especialidades e materias no ámbito profesional, establecendo unha maior vinculación do centro co mundo do traballo e considerando este como obxecto de ensino e aprendizaxe, e como recurso pedagóxico de primeira orde.

O carácter aberto e flexible da proposta curricular confire grande importancia ó traballo conxunto do equipo docente. O proxecto curricular é un instrumento ligado ó ámbito de reflexión sobre a práctica docente que lle permite ó equipo de profesores adecua-lo currículo ó contexto educativo particular do centro.

A información proporcionada pola avaliación debe servir como punto de referencia para a actuación pedagóxica. Por iso, a avaliación é un proceso que debe levarse a cabo de forma continuada e personalizada, na medida en que se refire ó alumno no seu desenvolvemento peculiar, achegándolle información sobre o que realmente progresou respecto das súas posibilidades, sen comparacións con supostas normas preestablecidas de rendemento.

Os procesos de avaliación teñen como ámbito de aplicación tanto as aprendizaxes dos alumnos coma os procesos mesmos de ensino. Os datos achegados pola avaliación serven para que o equipo de profesores dispoña de información relevante co fin de analizar criticamente a súa propia intervención educativa e tomar decisións ó respecto. Para iso, a información achegada pola avaliación continuada dos alumnos debe relacionarse coas intencións que se

pretenden e co plan de acción para levalas a cabo. Avalíase, polo tanto, a programación do proceso de ensino e a intervención do profesor como organizador destes procesos.

É preciso concretar dentro do proxecto curricular as formas, instrumentos e situacións máis adecuadas para realizar este tipo de avaliación. Nel, os equipos docentes, ademais de contextualiza-los obxectivos xerais e criterios de avaliación do grao, deberán especifica-los obxectivos e criterios de avaliación para cada un dos ciclos, incluíndo as aprendizaxes relacionadas co correspondente proxecto curricular.

É necesario que o alumno participe no proceso a través da autoavaliación e a coavaliación, nunha etapa na que se pretende impulsa-la autonomía do alumnado e a súa implicación responsable, e na que a achega de xuízos e criterios persoais sobre distintos aspectos debe revestir unha consideración preferente.