Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 21 de xaneiro de 2002 Páx. 789

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 21 de decembro de 2001 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Tendo en conta o gran volume da actividade administrativa que a lexislación lle atribúe ó titular da consellería e co fin de evitar unha concentración

excesiva e lograr unha maior actividade administrativa en beneficio, tanto da Administración como dos administrados, así como de axilizar en todo o posible aqueles asuntos que non esixan unha atención directa e persoal do conselleiro, faise conveniente que, dentro do respecto ós principios informadores de actuación administrativa, e con suxeición á normativa legal vixente, se deleguen no secretario xeral determinadas funcións.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3ª da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, do 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos ó titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñe-los gastos xerais dos servicios da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar da Consellería de Economía e Facenda a adecuación dos pagamentos correspondentes.

c) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ó titular da consellería pola lexislación vixente.

d) As facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal da súa consellería, nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, do 8 de marzo e Lei 3/1995, do 10 de abril, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquel.

e) Dispoñer canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia do conselleiro ou doutra dirección xeral.

Artigo 2º.-As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 3º.-En calquera momento o conselleiro poderá reclama-lo exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídas, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º

da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Artigo 4º.-En caso de ausencia ou enfermidade do secretario xeral, as atribucións contidas nesta orde quedarán delegadas nos directores xerais, durante o tempo que persistan as devanditas causas e pola orde de prelación que vén establecida polo Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 17 de decembro de 1997 e cantas outras de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2001.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos