Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2002 Páx. 656

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de xaneiro de 2002 sobre delegación de atribucións no secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento é un órgano dependente funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, segundo establece o Decreto 309/2001, do 17 de decembro.

A necesidade de axilizar no posible todos aqueles asuntos que non esixan unha atención directa e persoal do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública aconsella que este delegue no secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento determinadas funcións, o que sen dúbida repercutirá beneficiosamente no funcionamento da Administración autonómica.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

e polo disposto no artigo 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e polas demais disposicións de aplicación xeral,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento as seguintes atribucións:

a) A autorización e disposición dos gastos dos servicios contidos no programa 432.A, da sección 04, servicio 06, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento relativos a elas, agás respecto dos gastos contidos no capítulo I.

b) As funcións que como órgano de contratación estean atribuídas ó titular da consellería, incluídos os convenios de colaboración e cooperación, en temas relacionados coa investigación e o desenvolvemento tecnolóxico cando as partidas orzamentarias estean contempladas dentro do programa 432.A, dos mencionados sección e servicio orzamentarios.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

O conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública poderá avocar para si, en calquera momento as delegacións contidas nesta orde, das que quedan excluídos en todo caso os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 22 de febreiro de 1999 e cantas outras disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA