A Secretaría Xeral para o Deporte é un órgano dependente funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, segundo establece o Decreto 309/2001, do 17 de decembro.
A necesidade de axilizar no posible todos aqueles asuntos que non esixan unha atención directa e persoal do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública aconsella que este delegue no secretario xeral para o Deporte determinadas funcións, co que se conseguirá unha maior eficacia, o que sen dúbida repercutirá beneficiosamente no funcionamento da Administración autonómica.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e polo disposto no artigo 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, polo artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e polas demais disposicións de aplicación xeral,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Deléganse no secretario xeral para o Deporte as seguintes atribucións:
a) A autorización e disposición dos gastos dos servicios contidos no programa 355.A, da sección 04, servicio 03, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento relativos a elas, agás respecto dos gastos contidos no capítulo I.
b) As funcións que como órgano de contratación estean atribuídas ó titular da consellería en temas de deportes cando as partidas orzamentarias estean contempladas dentro do programa 361.A, dos mencionados sección e servicio orzamentarios.
Artigo 2º
As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas polo órgano delegante.
Artigo 3º
O conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública poderá avocar para si, en calquera momento as delegacións contidas nesta orde, das que quedan excluídos en todo caso os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 22 de febreiro de 1999 e cantas outras disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido nesta orde.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2002.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia, Relacións
Institucionais e Administración Pública