Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Martes, 15 de xaneiro de 2002 Páx. 543

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado Tea. (Expediente 00/1-0 EOL).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Eurovento, S.L. Unipersonal con enderezo para efectos de notificacións na rúa Varsovia, 4-C, 5ª planta. Área Central-As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Tea; resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-O 21 de xaneiro de 2000, José Manuel Pazo Paniagua, en nome e representación de Eurovento, S.L. Unipersonal, solicitou a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, e posteriormente, con data do 2 de febreiro do mesmo ano, recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado Tea, de 49,2 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ámbolos dous de aplicación ó presente expediente, en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Decreto

205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-As características básicas do mencionado proxecto son:

Localización e coordenadas poligonais.

NomeMunicipioVértices

TeaCovelo (Pontevedra)XY

Avión, Melón e Carballeda de Avia (Ourense)0.559.0004.687.000

0.559.0004.682.000

0.560.0004.682.000

0.562.0004.681.000

0.562.0004.687.000

Nº de aeroxeradores: 82.

Potencia unitaria por aeroxerador: 600 kW.

Xeradores: Bazán-Bonus 600 kW.

Potencia total instalada: 49,2 MW.

Producción anual estimada: 2.731 horas/ano.

Investimento previsto: 7.354.688.465 pesetas.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-Liñas de baixa tensión subterráneas para evacuación de enerxía de 0,6/1 kV, de interconexión entre os aeroxeradores e os centros de transformación.

-30 centros de transformación (1 cada 2/3 aeroxeradores) de 0,69/30 kV de 2.000 kVA de potencia, coa súa correspondente aparamenta de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 18/30 kV, de interconexión entre centros de transformación e subestación transformadora de 30/220 kV.

A subestación transformadora de 30/220 kV de 100 MVA de potencia para evacuación de enerxía producida nos parques eólicos de Tea e Deva queda incluída no proxecto de parque eólico de Deva.

Terceiro.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, xa mencionado, 2619/1996, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e Decreto 205/1995, mediante resolución da Dirección Xeral de Industria de 10 de febreiro de 2000, publicada no BOP de Pontevedra do 24-2-2000, no BOP de Ourense do 28-2-2000, no DOG do 6-3-2000 e no taboleiro de anuncios dos concellos de Covelo (Pontevedra), Avión, Melón e Carballeda de Avia (Ourense).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. José Fernández Muradas, en calidade de presidente da Xunta de Montes en Man Común da parroquia de Prado, manifesta a súa disconformidade coa liña de demarcación do parque eólico nos lugares denominados Fonte Tea e Coto do Xuíz, nos que o monte de Prado non finaliza onde figura no plano do proxecto sectorial, senón que se estende diversos metros no sinalado como de Melón.

2. O Concello de Melón alega que a explotación do parque é incompatible coa programación por parte daquel de aproveitamento enerxéticos baseados en recursos naturais renovables.

3. As alegacións ambientais foron remitidas ó órgano ambiental e consideradas na declaración de efectos ambientais do citado parque.

Cuarto.-O 2 de abril de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Quinto.-O 22 de agosto de 2001, o promotor presenta escrito solicitando un cambio dos aeroxeradores, por resultar amplamente beneficioso para a afección ambiental do proxecto, polo que as características máis significativas do cambio son as seguintes:

-Substitución de 82 máquinas de 600 kW por 37 máquinas de 1.300 kW.

-Substitución de 30 centros de transformación de 2.000 kVA por 37 centros de transformación de 1.600 kVA instalados na torre do aeroxerador.

-Potencia do parque pasa de 49,2 MW a 48,1 MW.

Sexto.-O 25 de outubro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve modifica-la declaración de efectos ambientais, concretando a posición dos 37 aeroxeradores que se van instalar.

Sétimo.-O 27 de novembro de 2001 o promotor presenta escrito no que debido a problemas técnicos administrativos non pode levar a cabo a instalación das maquinas de maior potencia polo que solicita a autorización administrativa e aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas do parque eólico de Tea de acordo cos termos do proxecto exposto a información pública.

Oitavo.-O 27 de novembro de 2001 e o 5 de decembro de 2001 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense e Pontevedra respectivamente, emitiron informe favorable sobre o citado proxecto.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, Decreto 302/2001, do 25 de outubro e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a estas por parte da empresa pro

motora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifiesto que consta:

1. Con respecto á alegación presentada polo presidente da Xunta de Montes en Man Común da parroquia de Prado, cabe dici-lo seguinte:

-Os límites provinciais e municipais que afectan ó parque eólico son os que figuran nos planos oficiais do proxecto sectorial da Consellería de Ordenación, Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (COPTOV).

-Á vista do certificado e plano solicitado ó xurado de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o linde este é coincidente co termo municipal de Melón.

2. Con respecto á alegación presentada polo Concello de Melón cabe manifestar, por unha banda, que este non presentou ningún proxecto en competencia no momento oportuno, e por outra, que os aeroxeradores e demais instalacións non teñen carácter de bens patrimoniais de titularidade municipal, senón que se instalan en montes veciñais en man común, e por tanto privados pertencentes a distintas comunidades de veciños, coas que a promotora está negociando.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os tramites procedementais sinalados no Decreto 2617/1966, sobre autorización de instalacións eléctricas e no Decreto 205/1995. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

-Autorizar a Eurovento, S.L. Unipersonal a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Tea, para unha potencia de 49,2 MW, que se situará nos concellos de Covelo (Pontevedra), Melón, Avión e Carballeda de Avia (Ourense).

-Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

-Recoñecer a esa instalación, a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo b.2) do artigo 2 do dito real decreto.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Eurovento, S.L. Unipersonal, para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de 147.093.769 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no

artigo 1.1º, epígrafe 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 7.354.688.465 pesetas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, as delegacións provinciais de Industria e Comercio de Pontevedra e Ourense poderán autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, as delegacións provinciais de Industria e Comercio de Pontevedra e Ourense inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Eurovento, S.L. Unipersonal no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribir esta no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 2 de abril de 2001, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria