Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Martes, 15 de xaneiro de 2002 Páx. 523

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do transporte público de viaxeiros por estrada.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do transporte público de viaxeiros por estrada, co nº de código 3602145, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-11-2001, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Empresarios de Transportes Regulares y Discrecionales de Viaxeiros (Servicar), Asociación de Empresarios de Transportes Discrecionales de Viajeros (Asemvidi) y Transgacar-Pontevedra, en data 25-10-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de novembro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Vigo

Convenio colectivo de traballo para o transporte público de viaxeiros por estrada da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a tódalas empresas de transporte público por estrada nas actividades de transporte regular e discrecional de viaxeiros, que radiquen na provincia de Pontevedra e que, aínda residindo fóra desta, teñan establecemento dentro dela no que respecta ó seu persoal.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de dous anos, contados desde o 1 de abril de 2001, rematando os seus efectos o 31 de marzo de 2003. Entrará en vigor ós dez días da súa sinatura, aínda que os efectos económicos dos salarios pactados para o primeiro ano de vixencia do convenio se retraerán ó 1 de abril de 2001.

Entenderase prorrogado de ano en ano, agás denuncia de calquera das partes, con tres meses de anticipación, cando menos, á data do seu remate. Esta denuncia deberá facerse por escrito, dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan a totalidade do persoal contratado pola empresa, tanto se realizan función técnica como manual, agás unicamente aquelas persoas as que cita o artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º.-Compensación de melloras.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que xa viñeran rexendo por mellora voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 5º.-Absorción.

As melloras que por disposición legal ou regulamentariamente poidan establecerse no futuro, serán absorbibles polos acrecentamentos acordados no presente convenio, sempre e cando superen os beneficios que se concedan no seu conxunto.

Artigo 6º.-Situacións persoais.

Respectaranse as condicións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estrictamente ad personam.

Como as melloras económicas que se implantan ó abeiro deste convenio teñen o carácter de mínimas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas

e situacións de feito establecidas por costume xeral ou de lugar, implantadas pola empresa que signifiquen condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 7º.-Soldos e salarios.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, haberá de se rexer para o primeiro ano de vixencia do 1 de abril de 2001 ó 31 de marzo do 2002, pola táboa salarial anexa.

Para o segundo ano de vixencia, do 1 de abril de 2002 ó 31 de marzo de 2003, a devandita táboa acrecentarase no IPC consolidado do ano 2001 máis o 1%.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, maila antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e marzo, e faránse efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo respectivamente.

A gratificación extraordinaria de marzo, con independencia do seu aboamento, devengarase entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de cada ano.

Artigo 9º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de 30 días naturais, que se desfrutarán nun ou dous períodos. No caso de fraccionamento, será de 31 días naturais. En calquera caso, garántese que os devanditos períodos comprenderán 25 días hábiles, ou 26 días hábiles no caso de fraccionamento.

No caso de fraccionamento, un dos períodos non será inferior a 8 días naturais. Un deles desfrutarase preferentemente nos meses de verán. As datas de desfrute acordaranse entre empresario e traballadores.

O traballador terá dereito a que a retribución do período vacacional que lle corresponde se lle aboe antes do seu inicio.

Artigo 10º.-Traballos nocturnos.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 6 da mañá terán unha retribución específica acrecentada nun 25% sobre o salario base.

Exclúese do cobro do expresado complemento os traballadores que, coa categoría de serenos, gardas e vixilantes, así como coa de lavacoches e mecánico de taller (no límite nos dous últimos casos dun cada dez vehículos por empresa), fosen contratados especificamente para traballar no período nocturno.

Tamén se exclúen do cobro deste complemento os demais traballadores que realicen traballos nocturnos, cos que se pactaran condicións salariais máis favorables e/ou reducción de xornada laboral, na proporción antes dita.

Artigo 11º.-Conductores-perceptores.

O conductor-perceptor, cando desempeña ó mesmo tempo as funcións de conductor e cobrador, percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial polo posto de traballo igual ó 20% do seu salario base, por cada día no que se realicen ámbalas dúas funcións.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

O persoal que saia da súa residencia por causas do servicio, terá dereito ó cobro dunha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axudas de custo.

No caso de que non se traslade en vehículo da empresa, terá dereito a que se lle aboe o importe do billete en segunda clase, con dereito a liteira, se a viaxe fose nocturna.

O importe das axudas de custo para o primeiro ano da vixencia do convenio será o que a continuación se reflicte:

1. Galicia: 4.871 pesetas axuda de custo completa, repartidas en 1.328 pesetas o xantar, 1.328 pesetas a cea e 2.215 pesetas a durmida.

2. Territorio nacional e Portugal: 5.848 pesetas axuda de custo completo, repartidas en 1.595 pesetas o xantar, 1.595 pesetas a cea e 2.658 pesetas a durmida.

3. Restantes países europeos: 10.720 pesetas axuda de custo completo, repartidas en 2.923 pesetas o xantar, 2.923 pesetas a cea e 4.874 pesetas a durmida.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento do aloxamento e comida do traballador en substitución das axudas de custo.

Nos casos de destacamento, as axudas de custo establecidas no presente artigo sufrirán unha reducción do 33%, sen prexuízo da facultade que o precedente parágrafo lle recoñece á empresa.

Devengarán axudas de custo enteiras os que saian da súa residencia antes das 12 horas e regresen despois das 0 horas.

Percibirase a parte da axuda de custo correspondente ó xantar, sempre que o traballador saia da súa residencia antes das 12 horas e regrese despois das 14 horas.

Cobraranse axudas de custo para a cea, cando a saída se faga antes das 20 horas e a chegada despois das 22 horas.

A durmida correspóndelles ós que cheguen á residencia despois das 0 horas.

En viaxes superiores a 3 días de duración, o traballador terá dereito a unha axuda de custo adicional de 396 pesetas, que devengará a partir do 4º día.

O persoal de movemento que comece a súa xornada laboral antes das 6 da mañá e que non devengase axuda de custo de durmida, terá dereito a unha axuda de custo de almorzo por importe de 350 pesetas.

Para o segundo ano de vixencia, as cantidades anteriores acrecentaranse no IPC consolidado do ano 2001 máis o 1%.

Artigo 13º.-Complemento de distancia.

Co fin de compensa-los gastos que se lles producen ós traballadores para incorporarse ós seus postos de traballo habituais, dadas as características desta actividade, as empresas aboarán a cantidade de 102 pesetas por día efectivo de traballo.

Este complemento terá natureza extrasalarial e non cotizable á Seguridade Social, de acordo co establecido na lexislación vixente.

A cantidade antes dita acrecentarase para o segundo ano do convenio, no IPC consolidado do ano 2001 máis o 1%.

Artigo 14º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores. A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo. Cando a súa distribución a nivel de empresa supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose en todo caso o tempo máximo de xornada ordinaria anual antes dita.

Para efectos de xornada, será de aplicación o disposto no Real decreto 1561/96 e demais disposicións específicas para o sector de transportes.

Sen prexuízo da aplicación das normas nesta materia para o transporte por estrada, os conductores de vehículos de transporte regular de uso xeral e especial terán dereito, como norma xeral, a un descanso entre xornadas de 12 horas.

Excepcionalmente, o dito descanso poderá ser de 10 horas durante un máximo de 3 dias á semana, compensándose as diferencias de menor número de horas de descanso na semana seguinte, engadíndoas ó descanso semanal correspondente.

Por outra banda, o traballador terá dereito como mínimo a unha hora para realiza-la comida do mediodía, no período comprendido entre as 12.30 e as 16.30 horas.

No caso de que por necesidade do servicio non fora posible realiza-lo xantar nese período, o traballador terá dereito a unha axuda de custo adicional de 364 pesetas.

A contía antes dita acrecentarase para o segundo ano de vixencia do convenio, no IPC consolidado do ano 2001 máis o 1%.

Artigo 15º.-Traballos en domingos y festivos.

O persoal que por necesidades da empresa deba traballar en domingos e festivos, terá dereito a un complemento de 4.200 pesetas por cada día festivo ou domingo, con independencia do descanso compensatorio.

O establecido neste artigo entrará en vigor ó día seguinte da sinatura.

Artigo 16º.-Horas extraordinarias estructurais.

Para os efectos do previsto no Real decreto 92/1983, e a Orde do 1 de marzo de 1983, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, sobre cotización adicional de horas extraordinarias estructurais, consideraranse como tales as que se realicen con ocasión de accidentes ou para solucionar necesidades urxentes e premantes que veñan esixidas de inmediato polo servicio, as que obedecen a períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da propria natureza da actividade de transportes.

Artigo 17º.-Libreta de control.

Todo o persoal, traballe ou non horas extraordinarias, será provisto dunha libreta individual ou de ficha de control, na cal se irán anotando aquelas, así como as sucesivas liquidacións que se fagan.

Artigo 18º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais no caso de matrimonio.

b) 3 días nos casos de nacemento de fillo, enfermidade grave ou morte de fillos ou cónxuxe. O traballador terá dereito a 1 día máis de licencia, se con tal motivo tivera a necesidade de desprazarse a unha distancia mínima de 80 quilómetros, ida e volta, contados desde o núcleo do concello onde o traballador teña o seu domicilio.

No caso de falecemento de cónxuxe e fillos, o traballador tera dereito a un día máis.

c) 2 días nos casos de enfermidade grave ou morte dos demais parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

d) 1 día por traslado do domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado aplicarase o que esta dispón

en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes dito supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido, en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no número 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivera dereito na empresa.

f) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 19º.-Cesamentos.

Nos casos de extinción do contrato de traballo de duración determinada e agás despedimento, o empresario estará na obriga de lle notifica-la denuncia ó traballador coa anticipación ó seu remate a seguir se determina, 15 días se a duración é superior a un ano, e 8 días no caso de ser inferior e superior a un mes.

No caso de contratos de interinidade, sexa cal sexa a causa que a motiva, e nos temporais con duración ata un mes, non se esixirá notificación de denuncia con carácter previo.

No caso de non realiza-la denuncia coa devandita anticipación, a empresa aboaralle ó traballador o importe dun día de salario por cada día que falle para completa-los prazos sinalados no parágrafo primeiro.

Por outra banda, todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación.

Para iso, o persoal comunicaralle á dirección da empresa a data do seu cesamento, cunha anticipación mínima de 15 días, agás para o persoal non cualificado, para o cal o aviso será de 8 días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do seu contrato, deberá seguir prestando os seus servicios mentres non transcorran os prazos sinalados no presente artigo.

O abandono do posto de traballo sen que transcorresen os prazos sinalados, será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data na que, cumprido o trámite do aviso, lle correspondería o cesamento.

Artigo 20º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixen

cia, concederase pola designación ou elección para ó cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá solicitarse dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentras dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só o seu dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou semellante categoría á súa que houbera ou se producisen na empresa.

Artigo 21º.-Uniformes.

Cumprirán a empresa e o traballador canto se refire ós uniformes, conforme o que se determine na vixente ordenanza laboral para as empresas de transportes por estrada.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

As empresas que dispoñan de taller facilitaranlle ó seu persoal calzado adecuado, tendo en conta para iso o traballo específico que o dito persoal desenvolva no taller.

Artigo 23º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará, totalmente ó seu cargo, un seguro colectivo en favor dos seus traballadores, de 2.800.000 pesetas por cada un, de xeito que en caso de falecemento por accidente laboral ó servicio da empresa, a devandita cantidade sexa cobrada polo cónxuxe supérstite ou, no seu defecto, polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social, senón un complemento.

Con efectos do 1 de xaneiro de 2002, amplíase a cobertura do devandito seguro, de xeito que as empresas contratarán un seguro a favor dos seus traballadores, por un capital asegurado de 3.500.000 pesetas, que cubra os riscos de morte, invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez, de acordo coa normativa da Seguridade Social, que se deriven de accidente de traballo ó servicio da empresa.

Artigo 24º.-Accidente de traballo e enfermidade.

Durante as situacións de incapacidade transitoria derivadas de accidente de traballo, as empresas completarán ata o importe íntegro do salario do convenio e por un máximo de 3 meses, contado desde a data da baixa, a prestación económica aboada pola Seguridade Social.

Se ocorrido o accidente de traballo se hospitalizase o traballador, as empresas deberán completar, durante a hospitalización e por un máximo de 6 meses, incluído o período de 3 meses dito no pará

grafo anterior, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Por outra banda, nas situacións de incapacidade transitoria derivadas de enfermidade común que motive hospitalización, as empresas completarán durante a hospitalización e ata un máximo de 6 meses, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 25º.-Retirada do carné de conducir.

No caso de que por resolución administrativa se produza a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a 6 meses, durante a vixencia, do convenio e conducindo un vehículo da empresa para a que preste os seus servicios, esta comprometese a facilitarlle ó productor afectado o posto de traballo máis axeitado, de acordo coa súa categoría profesional.

Se a retirada do carné de conducir é por resolución xudicial firme, o período non será superior a 90 días.

Artigo 26º.-Pagamento de multas.

As multas por infraccións de tráfico imputables á culpa ou imprudencia do traballador serán aboadas por este. No caso de que a infracción non se deba á culpa ou imprudencia do traballador, as multas serán aboadas pola empresa.

Artigo 27º.-Obtención do carné escolar.

Cando un conductor, non contratado para realizar transporte escolar, sexa requirido pola empresa para obter, por primeira vez, a autorización administrativa correspondente para conducir vehículos dedicados a este tipo de transporte, a empresa estará obrigada a aboa-las taxas e demais gastos necesarios para a súa obtención perante os organismos competentes da Administración.

Artigo 28º.-Quebranto de moeda.

En concepto de quebranto de moeda, os conductores que realicen ó mesmo tempo labores de cobrador, alo menos 2 horas no día, percibirán a cantidade de 124 pesetas por cada día no que leven a cabo estas tarefas.

Para calcula-lo devandito mínimo de 2 horas, realizando servicios como cobrador, estas computaranse tendo en conta os horarios e tempos correspondentes ás expedicións autorizadas pola Xefatura Provincial de Transportes.

Por outra banda, o persoal de facturación e de despacho de billetes que realice labores de cobros en metálico, percibirá a contía de 124 pesetas por cada dia efectivo que realice o devandito labor.

Para o segundo ano de vixencia, a contía anterior acrecentarase no IPC consolidado do ano 2001 máis o 1%.

Artigo 29º.-Período de probas.

Poderá concertarse por escrito un período de probas que non poderá exceder de 4 meses para os mandos e encargados, e de 2 meses para os demais traballadores, cos efectos establecidos no Estatuto dos traballadores.

Artigo 30º.-Licencias sen soldo.

Os traballadores terán dereito a unha licencia dun día sen soldo, por necesidade debidamente xustificada de acompañar fillos menores de idade á consulta médica, ó non existir cónxuxe do traballador ou, no caso de separación ou divorcio, se o traballador tivera a custodia do fillo menor, ou cadre cos días de visita.

Artigo 31º.-Desprazamentos temporais.

Cando por razóns de servicio a empresa desprazase temporalmente os seus traballadores, por tempo superior a 3 meses, que esixa residencia en localidade distinta do seu domicilio habitual, os traballadores terán dereito a acumula-los medios días do descanso semanal non desfrutados, ata un total de 6,5 días, sendo por conta do empresario os gastos do desprazamento do traballador ata o seu domicilio para desfrutar do devandito descanso.

No caso de que o traballador retorne ó seu domicilio antes de chegar a acumula-los 6,5 días de descanso, segundo o disposto no parágrafo anterior, terá dereito a desfruta-lo tempo acumulado de descansos a partir do primeiro día do retorno.

Artigo 32º.-Xubilación forzosa.

Establécese a xubilación forzosa ós 65 anos de idade dos traballadores que cumpran cos requisitos esixidos para iso pola Seguridade Social.

Artigo 33º.-Xubilación anticipada.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ámbalas dúas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no R.D. 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos, ó tempo do seu cesamento por xubilación, por outros traballadores nas condicións previstas no devandito real decreto.

Artigo 34º.-Xubilados e pensionistas.

Os xubilados, pensionistas de longa enfermidade, viúvas e orfos de menos de 18 anos dos traballadores falecidos en activo, das empresas de liñas regulares, terán dereito a viaxar nas liñas das súas respectivas empresas, como se o traballador estivese en activo.

Artigo 35º.-Aprendices.

Os traballadores contratados en formación terán dereito a unha retribución equivalente ó 90% do salario base dun oficial de 3ª, no primeiro ano de

duración do contrato, e do 95%, durante o segundo ano de vixencia deste.

Artigo 36º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, consideradas na súa totalidade.

Artigo 37º.-Categoría de azafata.

Nas táboas salariais anexas aparece como nova categoría profesional a de azafata.

Entenderase por tal aquela traballadora encargada de prestar asistencia ós viaxeiros naqueles servicios que así o requiran, por imposición legal ou por decisión da empresa, tanto por razóns de seguridade como de atención ó cliente.

Artigo 38º.-Complemento de circulación.

Co nome de complemento de circulación, creáse un complemento de posto de traballo para as azafatas que desempeñen os labores ós que se refire o artigo anterior, por un importe de 226 pesetas por cada día no que efectivamente realicen tal cometido.

A devandita cantidade acrecentarase no segundo ano de vixencia do convenio no IPC consolidado do ano 2001 máis o 1%.

Artigo 39º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral para entender en cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes económicos e das centrais sindicais asinantes do convenio, a razón de un membro por cada central sindical. A devandita comisión elixirá o presidente, que non poderá ser membro do devandito órgano.

Artigo 40º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio, aplicarase o disposto na lexislación vixente, así como na ordenanza laboral de transportes por estrada, aínda que esta sexa derrogada polo Goberno e ata a súa substitución por convenio colectivo.

Disposicións adicionais.

Primeira.-As diferencias salariais debidas polas empresas como consecuencia da entrada en vigor deste convenio con posterioridade ós seus efectos económicos do 1 de abril, serán aboadas no prazo máximo de 60 días, contado desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-As partes asinantes do presente convenio son as seguintes:

En representación dos traballadores, as centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG.

En representación dos empresarios, a Asociación de Empresarios de Transportes Regulares e Discrecionais de Viaxeiros, Servicar, a Asociación de Empresarios de Transportes Discrecionais de Viaxeiros, Asemvidi e Transgacar-Pontevedra.

Terceira.-As partes comprométense a constituí-la mesa negociadora do próximo convenio durante a primeira quincena do mes de febreiro do ano 2003.

Táboa de salarios

(Vixencia 1-4-2001 a 31-3-2002)

Grupo I. Persoal superior e técnicos:

Subgrupo A).

I. Xefe de servicio: 159.142 ptas./mes.

II. Inspector principal: 139.248 ptas./mes.

Subgrupo B).

I. Enxeñeiros e licenciados: 146.087 ptas./mes.

II. Enxeñeiros T. e aux. titul: 111.898 ptas./mes.

III. Axudantes técnicos sanitarios: 101.956 ptas./mes.

Grupo II. Persoal administrativo.

I. Xefe de sección: 121.722 ptas./mes.

II. Xefe de negociado: 113.028 ptas./mes.

III. Oficial de primeira: 105.304 ptas./mes.

IV. Oficial de segunda: 96.521 ptas./mes.

V. Auxiliar administrativo: 91.553 ptas./mes.

Grupo III. Persoal de movemento.

Subgrupo A) Estacións e administracións.

Sección 1ª. Persoal de estacións.

Clase 1ª

I. Xefe de estación de primeira: 120.190 ptas./mes.

II. Xefe de estación de segunda: 114.658 ptas./mes.

Clase 2ª

I. Xefe de administración de primeira: 120.190 ptas./mes.

II. Xefe de administración de segunda: 114.658 ptas./mes.

Clase 3ª

I. Xefe de administración en ruta: 109.135 ptas./mes.

II. Despachadores/as de billetes: 93.479 ptas./mes.

III. Factor: 93.479 ptas./mes.

IV. Encargado de consigna: 93.479 ptas./mes.

V. Repartidor de mercadorías: 3.103 ptas./día.

VI. Mozo: 3.103 ptas./día.

Subgrupo C) Transporte de viaxeiros en autobuses, microbuses e trolebuses interurbanos.

Subgrupo D) Transporte de viaxeiros en autobuses urbanos.

I. Xefe de tráfico de primeira: 120.190 ptas./mes.

II. Xefe de tráfico de segunda: 114.658 ptas./mes.

III. Xefe de tráfico de terceira: 109.135 ptas./mes.

IV. Inspector: 3.455 ptas./día.

V. Conductor: 3.437 ptas./día.

VI. Conductor-perceptor: 3.437 ptas./día.

VII. Cobrador: 2.927 ptas./día.

VIII. Azafata: 94.215 ptas./mes.

Grupo IV. Persoal de taller.

I. Xefe de taller: 131.719 ptas./mes.

II. Encargado ou contramestre: 112.807 ptas./mes.

III. Encargado xeral: 110.202 ptas./mes.

IV. Encargado de almacén: 105.953 ptas./mes.

V. Xefe de equipo: 3.768 ptas./día.

VI. Oficial de primeira: 3.621 ptas./día.

VII. Oficial de segunda: 3.464 ptas./día.

VIII. Oficial de terceira: 3.329 ptas./día.

IX. Mozo de taller: 2.973 ptas./día.

X. Traballadores en formación segundo artigo 35.

Grupo V. Persoal subalterno.

I. Cobrador de facturas: 87.279 ptas./mes.

II. Telefonista: 87.279 ptas./mes.

III. Porteiro: 87.279 ptas./mes.

IV. Vixilante: 87.279 ptas./mes.

V. Limpadora (por horas): 323 ptas./hora.

VI. Mozos dos recados de 16 e 17 anos SMI segundo a súa idade.

Vigo, 25 de outubro de 2001.