Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2002 Páx. 501

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EDICTO de poxa (345/2000).

María Mercedes Santana Rodríguez, maxistrada-xuiza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Santiago de Compostela,

Fago saber: que neste xulgado e co nº 345/2000 tramítase procedemento xudicial sumario ó abeiro do artigo 131 da Lei hipotecaria, a instancia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, contra Eduardo Cordido Silveira, María Violante Silva, en reclamación de crédito hipotecario, no que por resolución desta data acordouse sacar a poxa pública por primeira vez e termo de vinte días os bens que logo se dirán, sinalándose para que o acto do remate teña lugar na sala de audiencia deste xulgado, o

día doce de febreiro de 2002 ás 10.30 horas, coas prevencions seguintes:

Primeiro.-Que non se admitirán ofertas que non cubran o tipo da poxa.

Segundo.-Que os licitadores para tomar parte na poxa deberán consignar previamente na conta deste xulgado no Banco Bilbao Vizcaya, S.A. nº 1583, unha cantidade igual, polo menos, ó vinte por cento do valor dos bens que sirva de tipo facéndose consta-lo número e ano do procedemento, sen o cal non serán admitidos, non aceptándose entrega de diñeiro en metálico ou cheques no xulgado.

Terceiro.-Poderán participar coa calidade de cede-lo remate a terceiros. Tendo en conta que a vivenda que se saca a poxa está cualificada como vivenda de promoción pública, a adxudicación réxese polo establecido no Decreto autonómico 98/1992, do 26 de marzo, polo que se regula a adxudicación de vivendas de promoción pública.

De acordo co disposto do antedito decreto, o adquirente da vivenda e anexos deberá reuni-los seguintes requisitos:

a) Ingresos ponderados anuais totais iguais ou inferiores a 2,5 veces o salario mínimo interprofesional.

b) Residir habitualmente ou te-lo posto de traballo no Concello de Santiago de Compostela.

c) Certificación catastral de non ser propietario de ningunha outra vivenda.

d) Declaración xurada de destina-la vivenda a domicilio habitual ou permanente.

Cuarto.-En tódalas poxas, desde o anuncio ata a súa celebración, poderán facerse ofertas por escrito en prego pechado, facendo o depósito a que se fixo referencia anteriormente.

Quinto.-Os autos e a certificación do rexistro a que se refire a regra cuarta do artigo 131 da Lei hipotecaria, están de manifesto na secretaría do xulgado, entendéndose que todo licitador acepta como bastante a titulación existente, e que as cargas ou gravames anteriores e os preferentes, se os houber, ó crédito do actor, continuarán subsistentes, entendéndose que o rematante os acepta e queda subrogado na responsabilidade deles, sen destinarse á súa extinción o prezo do remate.

Para o suposto de que non houbese ofertantes na primeira poxa, sinálase para a celebración dunha segunda o día doce de marzo de 2002 ás 10.30 horas, servindo de tipo o 75% do sinalado para a primeira poxa, sendo de aplicación as demais prevencións da primeira.

Igualmente e para o caso de que tampouco houbese licitadores na segunda poxa, sinálase para a celebración dunha terceira o día 10 de abril de 2002 ás 10.30 horas, poxa que se celebrará sen suxeición a tipo, debendo consignar quen desexe tomar parte coa mesma, o 20% do tipo que serviu de base para a segunda.

Se por forza maior ou causas alleas ó xulgado non puidera levarse a cabo a poxa no día e hora sinalados, entenderase que se levará a cabo o seguinte día hábil, á mesma hora, exceptuando os sábados.

Este edicto servirá de notificación ó/s debedor/es para o caso de non poder levarse a efecto no predio ou predios suxeitos a poxa.

Benes que se sacan a poxa:

Numero corenta e oito. Vivenda letra L da terceira planta dun edificio construído na parcela R.8.5, do polígono das Fontiñas, de Santiago de Compostela. Ten unha superficie útil de oitenta metros e trinta e seis decímetros cadrados. Linda: norte, corredor verde 10; sur, patio interior cuberto, oco de ventilación e vivenda letra K da mesma planta; leste, vivenda letra A da mesma planta, patio interior cuberto, corredor de acceso, oco de escaleira e oco de ventilación, e oeste, vía 6. Anexos: a planta de garaxe duns vinte metros cadrados, e o trasteiro duns tres metros cadrados sinalados co número corenta e oito, na planta sótano.

Tipo de poxa: sesenta e dous mil setecentos un sesenta e seis euros (62.701,66 euros). Dez millóns catrocentas trinta e dúas mil seiscentas setenta e oito pesetas (10.432.678 pesetas).

Dado en Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil un.

O/A maxistrado-xuíz

Rubricado

O/A secretario

Rubricado