Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2002 Páx. 459

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gallega de Consulting, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Gallega de Consulting, S.A. (código: 1500662) que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 28-9-2001 e complementado o 11-10-2001, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 15-9-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 24 de outubro de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Gallega de Consulting, S.A.

Ano 2001

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio será de obrigada observancia en tódolos centros de traballo de Gallega de Consulting, S.A. da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio colectivo afecta a tódolos traballadores da empresa, coa única excepción do persoal de alta dirección (nivel 0) da táboa de categorías.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

A duración do presente convenio é dun ano, iniciando a súa vixencia para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2001 prorrogarase anualmente por tácita aceptación, nos seus propios termos en tanto non se solicite a súa revisión e se formule a súa necesaria denuncia. Mentres non se alcance un novo acordo, todo o con

tido do presente convenio terá vixencia, incrementándose os conceptos salariais no IPC real de cada ano.

Artigo 4º.-Denuncia e revisión.

Calquera das partes asinantes do presente convenio colectivo poderá pedirse, mediante denuncia notificada por escrito á outra parte a súa revisión, con dous meses mínimos de antelación ó vencemento do convenio e/ou de calquera das súas prórrogas.

En caso de solicitarse a revisión do convenio, a parte que formule a súa denuncia deberá xuntar proposta sobre os puntos e contido que comprenda a revisión solicitada.

Denunciando o convenio nos termos anteriormente establecidos, as partes obríganse a comeza-las conversas para negocia-la revisión nun prazo non superior a un mes antes da data de vencemento do convenio ou da prórroga.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

Sendo as condicións pactadas un todo orgánico e indivisible, o presente convenio será nulo e non producirá efecto ningún no suposto de que a autoridade ou xurisdicción competente, no exercicio das facultades que lle sexan propias, obxectase ou invalidase algún dos seus pactos ou non aprobase a totalidade do seu contido.

Artigo 6º.-Comité paritario de vixilancia e interpretación.

Queda encomendada a vixilancia e interpretación dos pactos contidos no presente convenio, a un comité paritario que se constituirá no prazo máximo de vinte días contados desde a data da súa publicación no BOP da Coruña.

As partes asinantes acordarán o regulamento de funcionamento do citado comité, que estará integrado por un representante de cada unha das dúas partes signatarias do convenio.

Artigo 7º.-Período de proba e ingreso.

Poderá concertarse por escrito un período de proba, que en ningún caso excederá de seis meses para o persoal dos niveis 1 ó 4, de dous meses para os niveis 5 a 7 e 15 días para os demais traballadores. A empresa e o traballador están respectivamente obrigados a realiza-las experiencias que constitúen o obxecto da proba.

Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desempeñe, como se fose do cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transcorrido o período de proba sen que se producise a desistencia, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa.

Artigo 8º.-Provisión de vacantes.

Cando se produza unha vacante ou sexa preciso cubrir novos postos de traballo comunicaráselle a todo o persoal da empresa por medio dun aviso no taboleiro de anuncios. Este aviso deberá publicarse cunha antelación mínima de dez días á data fixada para o exame.

Artigo 9º.-Promoción.

Concederáselle preferencia ó persoal de niveis inferiores para que poidan ocupar praza de categoría superior, sempre que obteña igual puntuación á dos aspirantes a ingreso no exame que se convoque para tal fin.

Artigo 10º.-Regras para a provisión de vacantes e promocións.

A empresa terá en conta os seguintes principios básicos:

A) Tódolos traballadores terán dereito a concursar solicitando calquera vacante que se produza en calquera categoría de nivel superior.

B) A empresa, cando o xulgue necesario, poderá efectua-las probas pertinentes para comprobar se se dan nos aspirantes os requisitos esixidos para o posto que se pretende cubrir.

C) En caso de non reuniren os traballadores solicitantes os requisitos e coñecementos esixidos para a vacante, a xuízo da empresa, ésta poderá proceder a cubrila con persoal alleo.

D) Tódolos ascensos consideraranse a proba, confirmándose a designación ós seis meses, salvo que neste período de proba se deduza a falta de idoneidade do ascendido; neste caso volverá á súa situación anterior e a empresa pode optar por cubrir esta vacante con algún dos candidatos que participaron no proceso de selección ou convocar novamente a praza.

Artigo 11º.-Organización de traballo.

A organización práctica do traballo con suxeición á lexislación vixente, é facultade exclusiva da dirección da empresa. Sen mingua da autoridade que corresponde á dirección da empresa ou ós seus representantes legais, os delegados de persoal terán as funcións de información, orientación e proposta no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de conformidade coa lexislación específica e o presente convenio.

Artigo 12º.-Categorías profesionais.

As categorías e niveis profesionais quedan establecidos do seguinte modo, co obxecto de adaptar ás nosas necesidades específicas.

Esta relación de niveis e categorías é meramente enunciativa, sen que supoña obriga de ter provistos os enumerados:

* Nivel 0. Categoría: persoal de alta dirección (excluído do presente convenio de acordo co artigo 2º del).

* Nivel 1. Categoría: director de división.

* Nivel 2. Categoría: coordinador de división.

* Nivel 3. Categoría: director adxunto.

* Nivel 4. Categoría: xefe superior.

* Nivel 5. Categoría: xefe de área.

* Nivel 6. Categoría: director de delegación.

* Nivel 7. Categoría: especialista de área.

* Nivel 8. Categoría: oficial de primeira.

* Nivel 9. Categoría: oficial de segunda.

* Nivel 10. Categoría: auxiliar.

* Nivel 11. Categoría: traballador en prácticas titulado superior.

* Nivel 12. Categoría: traballador en prácticas titulado medio.

* Nivel 13. Categoría: persoal subalterno maior de

18 anos.

* Nivel 14. Categoría: traballadores contrato apren-

dizaxe.

Non se recolle neste convenio colectivo o persoal subalterno menor de 18 anos. No suposto de habelo, as súas condicións económicas virán determinadas polo salario mínimo vixente. (Os niveis 1 ó 6 poderán usar tarxetas de visita da empresa, personalizadas).

Artigo 13º.-Definición de categorías.

As definicións de cada categoría son as seguintes:

Persoal de alta dirección (nivel 0): comprende os cargos de: conselleiro delegado, xerente, etc. (Todos eles están excluídos do presente convenio).

Resto de niveis por orde de ascenso:

Aprendiz (nivel 14): é aquela persoa que, tendo ingresado na empresa cun contrato de aprendizaxe terá por obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o desempeño adecuado da categoría profesional; este contrato formalizarase en atención á normativa vixente.

O salario desta categoría profesional será a do salario mínimo interprofesional vixente.

Persoal subalterno (nivel 13): terá a consideración desta categoría o subalterno maior de dezaoito anos cunha misión que consiste en facer recados dentro ou fóra da oficina, recoller e entregar correspondencia, así como outros traballos secundarios ordenados polos seus xefes ou inmediatos superiores.

Traballador en prácticas (nivel 12): é o traballador titulado medio que, mediante un contrato en prácticas, realiza as funcións para a obtención da práctica profesional adecuada ó nivel de estudios cursados.

Traballador en prácticas (nivel 11): é o traballador titulado superior que mediante un contrato en prácticas realiza as funcións para a obtención da práctica profesional adecuada ó nivel de estudios cursados.

Auxiliar (nivel 10): é o empregado maior de 18 anos que ten ó seu cargo operacións elementais administrativas e en xeral as puramente mecánicas e mecanográficas.

Oficial de segunda (nivel 9): realiza as mesmas funcións que se asignan ó auxiliar, con certo grao de experiencia, seguridade e rapidez.

Oficial de primeira (nivel 8): é o empregado cualificado que, con iniciativa e responsabilidade restrinxida e subordinado a un nivel superior, realiza traballos de carácter secundario que só esixe coñecementos xerais da técnica administrativa.

Especialista de área (nivel 7): é o empregado capacitado técnica e profesionalmente que despois dun período de aprendizaxe accede a realizar traballos específicos dentro dunha área ou departamento da empresa.

Director delegación (nivel 6): é o empregado que ten ó seu cargo e baixo a súa responsabilidade cada unha das oficinas delegadas. As súas tarefas son comerciais e técnicas, dirixindo o persoal auxiliar da oficina e tendo facultade para asina-lo correo xerado nela.

Polo que respecta as súas funcións técnicas dependerán de cada unha das divisións operativas segundo a natureza dos traballos.

Xefe de área (nivel 5): é aquela persoa que realiza cometidos de xefatura e coordinación de tarefas, nun área de traballo o departamento específico. Recibe ordes dos mandos da división á que pertence. Ten ó seu mando o seu persoal auxiliar.

Xefe superior (nivel 4): é o xefe de área que, debido á súa evolución na empresa e á súa madureza no posto pode ser promovido a este nivel económico superior.

Director adxunto (nivel 3): é o empregado que ás ordes dun director de división ou coordinador realiza tarefas propias dos citados postos como axuda e asistencia auxiliar a eles, suplíndoos en caso de ausencia.

Coordinador (nivel 2): é aquel alto empregado capaz de desempeñar tarefas correspondentes ó director de división e, en estreita colaboración con el, coordinará as funcións do persoal ás súas ordes. As súas funcións de mando, organización de traballo, responsabilidade e supervisión seranlle delegados polo director de división, de quen dependerá.

Director de división (nivel 1): é a máis alta categoría laboral. O director de división é o responsable pleno e final das divisións operativas da empresa. Ten mando sobre o persoal da división e área de traballo e está facultado para asina-la correspondencia que se xere na súa división baixo a correspondente antesinatura.

Artigo 14º.-Xornada laboral.

As horas de traballo efectivas en cómputo anual serán de 1.750, de acordo co calendario laboral de

empresa (anexo II) no que se terá que recupera-las 6 horas que faltan para completar as 1.750. Estas horas recuperaranse de acordo entre a empresa e o traballador segundo as necesidades productivas dela.

Hai tres tipos de xornada laboral:

A) Xornada normal de 8 horas efectivas.

B) Xornada intensiva de verán de 7 horas efectivas.

C) Xornada intensiva de Nadal de 5 horas efectivas.

Para todas elas utilizarase un horario flexible a comodidade do traballador, de acordo coas seguintes pautas:

* Xornada A).

Mañás:

Flexible de 8.30 a 9.30.

Fixo de 9.30 a 14.

Flexible de 14 a 14.30.

Tardes:

Flexible de 15 a 16.

Fixo de 16 a 18.30.

Flexible de 18.30 a 19.

* Xornada B).

Flexible de 8 a 8.30.

Fixo de 8.30 a 15.

Flexible de 15 a 15.30.

* Xornada C).

Flexible de 8.30 a 9.30.

Fixo de 9.30 a 14.

Flexible de 14 a 14.30.

Por razóns familiares, a petición do traballador e segundo apreciación da empresa, poderá instaurarse en determinados períodos unha xornada de traballo «D», cunha peculiaridade que consiste en que o traballo o efectúa o traballador peticionario desde o seu domicilio, sen acudir ó centro de traballo.

Todo traballador desprazado a outra empresa por razón de servicio deberá aterse ó horario do centro de traballo de destino, ben que, en canto ó cómputo das horas traballadas, consideraranse extraordinarias as que excedan mensualmente do cadro horario da empresa. Se, polo contrario, estas resultasen inferiores, recuperaranse no próximo mes, ou, de ser posible, completaríanse diariamente nas oficinas da súa empresa.

Artigo 15º.-Vacacións.

Tódolos traballadores gozarán de 30 días naturais de vacacións, como mínimo, preferentemente no mes de agosto. Aqueles que por necesidades do servicio, tivesen que colle-las vacacións noutros períodos terán preferencia no próximo ano, para gozalas en

agosto, no suposto de se fraccionaren, computaranse a razón de 22 días laborables.

Ata cinco días dos trinta de vacacións poderán ser utilizados para compensación de pontes e festivos de empresa de acordo coas realidades de traballo previstas pola dirección da empresa á hora de confecciona-lo calendario anual.

O pláning de vacacións quedará previsto, para efectos informativos, dentro do mes de marzo como parte integrante do citado calendario laboral, aínda que posteriormente será posible a súa modificación por necesidades ineludibles de producción.

Todo o persoal poderá planificar individualmente as súas festas e necesidades de ocio, para o cal ten dereito a desprazar fóra do mes de agosto ata dez días das súas vacacións anuais. Esta planificación anual ten que ser comunicada por escrito á dirección de Galcosa, antes do 31 de marzo de cada año.

Artigo 16º.-Permisos.

O persoal de Galcosa poderá solicitar permisos, facéndoo por escrito ante o mando de quen dependan, e posterior informe deste á dirección, todo iso en forma previa. Se se produce ausencia sen petición de permiso será considerado como falta ó traballo. Neste caso o persoal debe avisar de tal evento polo medio mas rápido posible ó seu mando ou á dirección.

Os permisos que dan dereito a retribución son os seguintes:

A) Vinte días naturais en caso de matrimonio.

B) Catro días nos casos do falecemento do cónxuxe, pais ou fillo.

C) Dous días nos casos de nacemento de fillo, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, salvo no caso da letra B) anterior.

D) Un día por traslado de domicilio habitual.

E) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia forzosa. No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o seu importe do salario ó que tivese dereito na empresa.

F) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos pola lei.

Artigo 17º.-Faltas.

As faltas cometidas polos traballadores ó servicio da empresa clasificaranse atendendo á súa importancia, reincidencia e intención, en leves, graves

e moi graves, de conformidade co que se dispón nos puntos seguintes:

A) Considéranse faltas leves:

1. Tres faltas de puntualidade durante un mes sen que exista causa xustificada.

2. A non comunicación coa antelación debida da súa falta ó traballo por causa xustificada, a non ser que probe a imposibilidade de facelo.

3. Falta de aseo persoal e limpeza persoal.

4. Falta de atención e dilixencia co público.

5. Discusións que repercutan na boa marcha dos servicios.

6. Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xus-

tificada.

7. A embriaguez ocasional.

B) Son faltas graves:

1. Faltar dous días ó traballo sen xustificación no prazo dun mes.

2. A simulación de enfermidade ou accidente.

3. As cometidas contra o respecto debido ós seus superiores ou compañeiros de traballo.

4. A reincidencia nas faltas leves, salvo as de puntualidade, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre, cando mediasen sancións.

5. O abandono de traballo sen causa xustificada.

6. A neglixencia no traballo cando cause prexuízo grave.

C) Son faltas moi graves:

1. Faltar ó traballo máis de dous días ó mes sen causa xustificada.

2. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas funcións encomendadas.

3. O furto e o roubo, tanto ós demais traballadores como á empresa ou a calquera persoa dentro dos locais da empresa ou fóra dela, durante acto de servicio. Quedan incluídos neste número ó falsear datos ante o xurado, se tales falsidades teñen como finalidade maliciosa conseguir algún beneficio.

4. A simulación comprobada de enfermidade, inutilidade, esnaquizar ou causar desperfectos en máquinas, aparellos, instalacións, edificios, utensilios e departamentos da empresa; ter recaído sobre o traballador sentencia dos tribunais de xustiza competentes por delictos de roubo, furto, estafa e malversación cometidos fóra da empresa, que poida motivar desconfianza cara ó seu autor; a continua e habitual falta de aseo e limpeza persoal, que produza queixas xustificadas dos compañeiros; a embriaguez durante o traballo; os malos tratos de palabras ou obra ou falta grave de respecto e consideración ós xefes, compañeiros ou subordinados; abandona-lo traballo en postos de responsabilidade; a reincidencia en falta grave, aínda que sexa de

distinta natureza, dentro do mesmo trimestre, sempre que fose obxecto de sanción.

Artigo 18º.-Sancións.

As sancións que a empresa poida aplicar, segundo a gravidade e circunstancias das faltas cometidas, serán as seguintes:

A) Faltas leves:

a) Amoestación por escrito.

B) Faltas graves:

a) Suspensión de emprego e soldo dun a dez días.

C) Faltas moi graves:

a) Suspensión de emprego e soldo de once días a dous meses.

b) Despedimento.

Para a aplicación das sancións que anteceden terase en conta o maior ou menor grao de responsabilidade del e repercusión do feito nos demais traballadores e na empresa.

Artigo 19º.-Tramitación e procedemento das faltas e sancións.

A facultade de impoñe-las sancións correspóndelle á dirección da empresa, que o porá en coñecemento dos enlaces sindicais.

Será necesaria a instrumentación de expediente na imposición de sancións ós traballadores que desempeñen cargos electivos sindicais e naqueloutros casos en que a empresa estime a súa tramitación.

Artigo 20º.-Prescrición.

a) Faltas leves: 10 días.

b) Faltas graves: 20 días.

c) Faltas moi graves: 60 días.

Todas elas a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometida.

Artigo 21º.-Lexislación complementaria.

En todo o non pactado expresamente neste convenio haberá que aterse ó que dispoña en cada materia o Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

Artigo 22º.-Dimisión do traballador.

En caso de dimisión do traballador, este terá que avisar por escrito á dirección cun mínimo de 60 días de antelación para os niveis do 1 ó 6 e de 30 para os niveis restantes. Se non se realiza este aviso previo, perderá o interesado a retribución correspondente a eses días, como resarcimento dos danos e prexuízos que tal omisión do prazo lle ocasione á empresa. O establecido no parágrafo precedente enténdese sen prexuízo da indemnización prevista nos supostos que estipula o artigo 21 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Folga.

No suposto de folga, o desconto polo exercicio legal dela calcularase de acordo coas horas deixadas de traballar, valoradas na proporción retribución anual/horas anuais.

Artigo 24º.-Salario convenio.

Establécense para cada nivel de categoría en cómputo anual na táboa anexo I.

Artigo 25º.-Complemento de transporte.

Consiste nunha cantidade que se establece para efectos de compensación de gastos e tempos para situarse no lugar de traballo. Figura na táboa anexo I citada, quedando excluído da cotización á Seguridade Social o 20% do S.M.I. vixente.

Artigo 26º.-Horas extraordinarias.

Só se realizarán no suposto de necesidade perentoria e serán ordenadas e posteriormente autorizadas polo mando autorizado para iso. Serán retribuídas en recibo de salarios aplicando os importes que para cada categoría figuran na táboa salarial anexa I citada.

Por necesidades económicas da empresa, esta poderá computa-los tempos investidos en horas extras en tempos de descanso equivalente ó 175% das horas extras efectuadas.

Artigo 27º.-Axudas de custo e quilometraxe por desprazamentos.

Se o desprazamento se efectúa en vehículo da empresa ou de aluguer só se repercutirán nas notas de gastos de viaxe aqueles que correspondan ó mantemento, peaxe e consumibles do vehículo realmente pagados.

Se se utiliza vehículo propio do traballador, os quilómetros compensaranse a 28 pesetas (0,17 A) sen que proceda outro concepto de cargo excepto a peaxe.

A axuda de custo completa establecese en 8.700 pesetas (52,29 A) e a media axuda de custo en 4.350 pesetas (26,15 A).

Artigo 28º.-Comisións.

O persoal afectado por este convenio que participe nalgunha acción comercial poderá devengar unha comisión pola súa xestión na contía que previamente se concerte.

Tódalas comisións se liquidarán por trimestres naturais mediante liquidación nominativa.

Artigo 29º.-Formación profesional.

Para conseguir unha maior competitividade no mercado e especialización dos traballadores da empresa, así como o persoal de alta dirección (nivel 0 do convenio), créase unha bolsa económica consistente no 0,5 % da facturación contratada da empresa, a cal se dedicará para afronta-los gastos da dita formación.

Esta bolsa económica será xestionada e controlada pola empresa e os representantes dos traballadores.

Artigo 30º.-Compensación IT.

En caso de IT a empresa compensará en recibo de salarios o importe bruto dos devengos, mentres dura esta situación ata o 100% do que lle correspondese en caso de estar en activo.

A persoa que inicie unha situación de IT debe informar deste evento á empresa, tal e como queda indicado para os casos de permiso no art. 17º. Todo iso independente das posteriores xustificacións oficiais de asistencia a consulta e parte de baixa.

Artigo 31º.-Nupcialidade.

O persoal que contraia matrimonio canónico ou civil percibirá unha gratificación extra equivalente ó 65% do salario mensual.

Artigo 32º.-Natalidade.

O nacemento de cada fillo premiarase cunha paga extra equivalente ó 65% do salario mensual.

Artigo 33º.-Complemento de antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade calculado en quinquenios sen limitación ningunha. Cada quinquenio liquidarase en recibo de salarios ó 4% do salario base de cada categoría. O seu percibo e cobramento iniciarase o día primeiro de cada ano en que se cumpra cada quinquenio.

Como complemento deste complemento de antigüidade, tódolos traballadores fixos do cadro de persoal quedarán cubertos por un seguro de vida cos seguintes capitais de indemnización:

-Falecemento: 2.000.000 de pesetas, 12.020,25 euros.

-Falecemento por accidente: 4.000.000 de pesetas 24.040,49 euros.

-Falecemento por accidente circulación: 6.000.000 de pesetas, 36.060,73 euros.

-Invalidez absoluta e permanente: 2.000.000 de pesetas, 12.020,25 euros.

Tal seguro iniciará a súa cobertura o día 1 de xaneiro do ano seguinte ó ingreso do traballador ou da súa contratación como traballador con contrato indefinido.

Artigo 34º.-Servicio busca de emprego.

Dada a nosa actividade neste campo, calquera traballador da empresa ten dereito ó seu uso para si ou calquera familiar presentado por el, sen cargo ningún.

Artigo 35º.-Distribución do salario.

Os importes anuais recollidos nas táboas salariais anexas comprenden 14 pagas iguais (12 mensualidades e unha extra en xullo e outra en decembro).

Non obstante, acórdase redistribuí-las dúas pagas extraordinarias, aplicándoas mensualmente en cada recibo de salarios, para aquel persoal que así o solicite, por escrito, para cada período anual.

ANEXO I

Táboa salarial ano 2001

Niv.

G.T.

Categoría

Bruto anual

pesetas

Complemento

transporte

pesetas

Total ano

pesetas

Hor. ex.

pesetas

11Director división3.408.244309.6603.717.9042.112
Euros20.483,961.861,1022.345,0612,70
21Coordinador división2.737.112309.6603.046.7721.704
Euros16.450,381.861,1018.311,4712,25
31Director adxunto2.417.212309.6602.726.8721.509
Euros14.527,741.861,1016.388,839,07
41Xefe superior2.206.988309.6602.516.6481.422
Euros13.264,271.861,1015.125,368,55
51Xefe de área1.958.684309.6602.268.3441.376
Euros11.771,931.861,1013.633,038,27
64Dtor. delegación1.855.266309.6602.164.9261.376
Euros11.150,381.861,1013.011,478,27
75Espeta. de área1.468.572309.6601.778.2321.045
Euros8.826,301.861,1010.687,396,28
85Oficial de primeira1.390.396309.6601.700.056963
Euros8.356,451.861,1010.217,555,79
95Oficial de segunda1.292.704309.6601.602.364897
Euros7.769,311.861,109.630,415,40
107Auxiliar1.199.170309.6601.508.830897
Euros7.207,161.861,109.068,255,40
111Prácticas titul./super.1.109.752309.6601.419.412963
Euros6.669,751.861,108.530,845,79
122Practicas titul./medio1.009.680309.6601.319.340897
Euros6.068,301.861,107.929,405,40
137Persoal subalterno1.009.680309.6601.319.340897
Euros6.068,301.861,107.929,405,40
14-Aprendiz1.009.680-1.009.680
Euros6.068,30-6.068,30