Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2002 Páx. 458

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 424/2001, do 18 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Pedrafita do Cebreiro, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento do camiño de acceso ó ce-

miterio de Trabazas.

O Concello de Pedrafita do Cebreiro, en sesión do 18 de xaneiro de 2001, aprobou o proxecto de

acondicionamento do camiño de acceso ó cemiterio de Trabazas, e na sesión do 15 de marzo de 2001, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30 de novembro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 8 de xuño de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, a execución do proxecto non pode demorarse debido a que se trata dunha obra que afecta ós accesos do cemiterio de Trabazas, que nestes momentos son tan deficientes que dificultan os enterramentos dos veciños da parroquia.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Pedrafita do Cebreiro para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento do camiño de acceso ó cemiterio de Trabazas.

Santiago de Compostela, dezaoito de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais