Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Venres, 11 de xaneiro de 2002 Páx. 392

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 4 de xaneiro de 2002 pola que se crea a Comisión Asesora para a Implantación da Técnica de Tomografía por Emisión de Positróns no sistema sanitario público en Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o pasado día 26 de xullo de 2001 o plan estratéxico para a implantación da tomografía por emisión de positróns en Galicia, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. A tomografía por emisión de positróns (en adiante PET) é un método avanzado de diagnóstico médico por imaxe para o estudio in vivo de procesos metabólicos, baseado nunha técnica non invasiva de visualización mediante a detección de emisións de partículas. O mencionado plan establece a solución adoptada para a implantación da técnica PET no ámbito sanitario público da Comunidade Autónoma de Galicia, adecuada, entre outras, ás características da poboación, ás indicacións actualmente aprobadas para esta modalidade diagnóstica e ó estado actual da técnica.

Cuestións relativas a aspectos tecnolóxicos concretos, ou relacionados coa implantación da técnica, deberán axustarse á normativa que lle sexa de aplicación e ás indicacións clínicas e de investigación establecidas para as diferentes unidades. Para a consecución deste obxectivo, precísase da colaboración dos diferentes profesionais implicados, que asesoren en materia de deseño e implantación da técnica PET, dentro do marco establecido no mencionado plan estratéxico, facilitando deste xeito a toma das decisións técnicas adaptadas en cada momento ó marco científico, técnico e asistencial correspondente.

De feito, o mesmo plan xa contempla esta colaboración formulando o concurso dos clínicos e técnicos que desenvolverán as tarefas asistenciais, os profesionais expertos na técnica PET, as diferentes sociedades científicas, así como o persoal investigador das universidades galegas.

Sen prexuízo das competencias atribuídas á propia consellería, a outros organismos oficiais e a outras consellerías, esta contribución científica enfócase mediante a creación da Comisión Asesora para a Implantación da Técnica PET, sendo necesario regula-las súas funcións, organización e funcionamento.

Polo tanto, facendo uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1998, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformadas pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase a Comisión Asesora para a Implantación da Técnica de Tomografía por Emisión de Positróns (en adiante PET) no sistema sanitario público en Galicia.

Artigo 2º.-Composición.

A Comisión Asesora para a Implantación da Técnica PET no sistema sanitario público en Galicia estará formada por:

a) Presidente: o secretario xeral do Servicio Galego de Saúde, ou que persoa en quen delegue.

b) Secretario: a subdirectora xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento, ou que persoa en quen delegue.

c) Vocais:

-O director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde, ou persoa en quen delegue.

-O director xeral da División de Recursos Económicos do Sergas, ou persoa en quen delegue.

-A directora xeral da División de Farmacia e Productos Sanitarios, ou persoa en quen delegue.

-Tres médicos especialistas en Medicina Nuclear do Servicio Galego de Saúde, designados por este organismo, correspondentes ós centros onde se implantará a técnica.

-Un especialista en Radiofísica Hospitalaria do Servicio Galego de Saúde, designado polo este organismo.

-Un representante da Universidade de Santiago de Compostela, designado por esta institución, con actuación en áreas de investigación relacionadas directamente coa técnica PET.

Artigo 3º.-Ámbito de traballo e funcións.

1. As propostas e asesoramento da comisión contemplarán tódalas unidades implicadas no desenvolvemento e implantación da técnica PET no sistema sanitario público, dentro do marco do plan estratéxico aprobado.

2. Corresponderalle á Comisión Asesora para a Implantación da Técnica PET asesorar á Consellería de Sanidade en tódolos aspectos relativos á implantación e desenvolvemento da técnica PET, dentro do marco establecido no plan estratéxico. En concreto, desenvolverá as seguintes funcións:

a) Promove-lo uso efectivo, seguro e eficiente da técnica PET no ámbito do sistema sanitario público.

b) Informar sobre as actuacións máis axeitadas, relativas á implantación da técnica, dentro do escenario proposto para cada unidade.

c) Analiza-las solicitudes dos centros relativas ás aplicacións clínicas e de investigación, informando sobre a súa adecuación ó ordenamento establecido no plan estratéxico.

d) Propoñer criterios e características para a selección dos diferentes equipos e sistemas que configuran a técnica PET, que permitan o seu desenvolvemento más axeitado, en función das indicacións establecidas en cada centro.

e) Propoñer cantas medidas sexan necesarias para o desenvolvemento da técnica acorde ó seu estado actual, o marco científico dispoñible e a normativa que lle sexa de aplicación.

f) Emitir propostas de formación para os profesionais relacionados coa implantación e desenvolvemento da técnica PET.

g) Propoñe-los criterios de calidade aplicables ós diferentes aspectos da técnica PET, e prestar apoio ós centros na avaliación e toma de decisións sobre posibles accións correctoras.

Artigo 4º.-Duración.

A Comisión Asesora para a Implantación da Técnica PET terá carácter permanente e manterase mentres a Consellería de Sanidade o estime necesario para impulsa-lo desenvolvemento e implantación da técnica PET.

Artigo 5º.-Grupos de traballo.

1. Por proposta da Comisión Asesora para a Implantación da Técnica PET crearanse grupos de traballo dependentes dela, co fin de achegar respostas a obxectivos concretos, puidendo coincidir un ou máis grupos no tempo, traballando sobre diferentes aspectos relativos á implantación e desenvolvemento da técnica PET. Cada un destes grupos disolverase unha vez acadados os obxectivos para os que foi creado.

2. Cada un dos grupos de traballo que se constitúan estará formado polos profesionais que se considere oportuno, con relación ó tema específico que se trate. Terán estructuralmente a seguinte composición:

a) Coordinador: un profesional experto, designado polo presidente da comisión.

b) Vocais: un máximo de sete vocais, designados polo presidente da comisión, representantes da área de traballo en cuestión.

3. Correspóndenlle ós grupos de traballo da comisión asesora, as seguintes funcións:

a) Participar na confección, desenvolvemento, e/ou revisión de informes que desde a comisión se considere oportunos.

b) Elaboración de propostas e/ou documentos de consenso, obtidos a partir da evidencia científica dispoñible, o estado actual da técnica ou a realidade das unidades asistenciais.

c) Aqueloutras funcións que por parte do seu presidente se consideren oportunas.

Artigo 6º.-Asesoramento.

A comisión poderá solicitarlles asesoramento ós expertos que consideren oportunos para as funcións que se lles encomenden.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o secretario xeral da Consellería de Sanidade para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2002.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade