Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Martes, 08 de xaneiro de 2002 Páx. 233

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación da área de cultivo e aumento da capacidade de producción do sistema de cultivo experimental de rodaballo en gaiolas de fondo na ría de Aldán, no concello de Cangas (Pontevedra), promovido pola empresa Insuíña, S.L.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 9 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación da área de cultivo e aumento da capacidade de producción do sistema de cultivo

experimental de rodaballo en gaiolas de fondo en na ría de Aldán, no concello de Cangas (Pontevedra), promovido pola empresa Insuíña, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2001.

Javier Pereiro Muñoz

Director xeral de Recursos Mariños

ANEXO

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dispón que os proxectos públicos ou privados consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Entre os proxectos previstos no antedito anexo II atópanse as instalacións de acuicultura intensiva cunha capacidade de producción superior a 500 toneladas ó ano.

Tendo en conta que a instalación prevista pretende o cultivo de 1.500 toneladas de rodaballos, podéndose producir unha afección ó medio debido ó incremento da biomasa e biodiversidade bentónica, orixinado polo aumento da materia orgánica, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.

O proxecto presentado consiste na ampliación en 12 cuadrículas no polígono B do distrito de Cangas na ría de Aldán, o que supón a instalación de 192 novas gaiolas para o cultivo de rodaballo.

Na zona abranguida polo proxecto destaca a presencia doutros cultivos mariños, como bateas de mexillón. A fauna bentónica está composta principalmente por poliquetos, moluscos e crustáceos. A instalación proxéctase nunha zona autorizada para efectos de patoloxías, pola decisión 2000/311/CE.

Con data 29 de agosto de 2001 (DOG nº 167) publícase a Resolución do 13 de agosto de 2001, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se somete a información pública o estudio ambiental correspondente ó citado proxecto, constando durante o período de exposición pública a presentación das alegacións que se recollen resumidas no anexo III.

Con data 30 de outubro de 2001 recíbese nesta dirección xeral o expediente do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Recursos Mariños, contendo, xunto co seu informe, os resultados de información pública e os informes das seguintes direccións xerais: Montes e Medio Ambiente Natural, Patrimonio Cultural e Saúde Pública.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación da área de cultivo e aumento da capacidade de producción do sis

tema de cultivo experimental de rodaballo en gaiolas de fondo na ría de Aldán, no concello de Cangas (Pontevedra), promovido pola empresa Insuíña, S.L.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Recursos Mariños e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O anexo I comprende o resumo do proxecto e das medidas protectoras e correctoras propostas no estudio ambiental (EsA).

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas foi tido en conta, no que procede, no condicionado desta DIA.

O anexo III inclúe o resumo das alegacións recibidas como resultado do trámite de información pública.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Proxecto de ampliación da área de cultivo e aumento da capacidade de producción do sistema de cultivo experimental de rodaballo en gaiolas de fondo na ría de Aldán. Xullo 2001.

-Avaliación de impacto ambiental. Proxecto técnico. Experiencia de cultivo de rodaballo en gaiolas de fondo. Xullo 2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer por esta DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese en exclusiva á instalación e explotación de 224 gaiolas (das cales 192 son novas) para o cultivo de rodaballo no polígono B do distrito de Cangas, na ría de Aldán. As cuadrículas a ocupar son: 72, 73, 79, 80, 84, 85, 86, 88, 89, 90, 93, 94, 96 e 97, o que supón unha superficie de 15 ha, aproximadamente.

2. Protección das augas.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulte afectada, tanto na fase de montaxe de gaiolas como na de funcionamento, deberá realizarse un seguimento específico, polo que o promotor deberá levar a cabo o plan de seguimento proposto no estudio ambiental, tendo en conta que:

1. As análises propostas nas fases previa á instalación, funcionamento e abandono deberán realizarse en cada unha das cuadrículas solicitadas.

2. Deberase realizar unha análise da columna de auga na fase de montaxe das gaiolas, en cada unha das cuadrículas solicitadas.

3. Ademais das análises propostas, deberanse realizar analíticas da calidade da auga das zonas de baño situadas na zona de influencia da explotación.

Para tal efecto, elaborarase un plan de seguimento e vixilancia da incidencia da granxa sobre as augas de baño na zona de influencia da granxa.

4. A toma de mostras e as análises serán realizadas por laboratorio homologado.

5. Os límites que hai que cumprir serán os establecidos regulamentarimente en función da clasificación outorgada á zona de afección (zonas de baño, protección da calidade das augas das rías de Galicia...).

3. Protección do fondo mariño.

A ocupación da zona de dominio público marítimo terreste deberá contar coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Costas.

4. Xestión de residuos.

Tódolos residuos xerados como consecuencia da instalación, explotación e abandono serán xestionados en función da súa natureza, de acordo co estipulado pola lexislación vixente de aplicación. Neste sentido, primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

A eliminación de rodaballos mortos deberá cumpri-lo establecido na Lei 10/1998, de residuos, e o Real decreto 2224/1993, sobre normas sanitarias de eliminación de animais mortos e desperdicios de orixe animal.

5. Protección da fauna.

Dado que o estudio ambiental non conta cun inventario da fauna mariña, deberase presentar un inventario detallado da fauna presente na zona, no que se inclúa un plano onde se reflictan as zonas de importancia marisqueira presentes na zona.

Deberase presentar unha lista detallada de productos zoosanitarios a utilizar, acompañado dun calendario de tratamentos e unha proposta de seguimento da afección destes productos sobre o medio e as poboacións da fauna presentes na zona.

Tendo en conta que a zona onde se proxecta instala-las gaiolas está autorizada para efectos de patoloxías pola decisión 2000/311/CE, do 7 de abril, deberase acredita-la procedencia dos rodaballos segundo o indicado no punto 7.5 desta DIA.

Así mesmo, co fin de controla-las interaccións dos rodaballos coa fauna presente na zona, deberase presentar unha proposta de seguimento da fauna mariña.

6. Protección do patrimonio cultural.

Rexerá o disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha vez avaliada a documentación requirida no punto 7.8 desta DIA.

Aínda que os resultados da prospección subacuática fosen negativos, deberá realizarse durante o transcurso das obras, un control arqueolóxico de remoción dos sedimentos mariños naquelas áreas que abrangue o proxecto de obra.

7. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, dous (2) exemplares da seguinte documentación:

7.1. Proposta dun plan de vixilancia para o control das augas de baño, conforme o indicado no punto 2.3 desta DIA. Terase en conta que debe incluí-la realización dunha análise previa ó inicio das obras. A toma de mostras e as análises deben ser efectuadas por laboratorio homologado.

7.2. Inventario detallado da fauna mariña presente na zona, no que se inclúa un plano onde se reflictan as zonas de importancia marisqueira presentes na zona de influencia da granxa.

7.3. Proposta dun plan de vixilancia para o control da fauna mariña, conforme o indicado no punto 5 desta DIA.

7.4. Plano de localización e plano en detalle do polígono de viveiros Cangas B, no que se reflictan os puntos de toma de mostras para a totalidade das análises requiridas na declaración.

7.5. Acreditación da procedencia dos rodaballos, tendo en conta o indicado no punto 5 desta DIA.

7.6. Lista detallada de productos zoosanitarios a utilizar, acompañada dun calendario de tratamentos e unha proposta de seguimento da afección destes productos sobre o medio e as poboacións da fauna presentes na zona, segundo o indicado no punto 5 desta DIA.

7.7. Datos do responsable do control ambiental, segundo o requirido no punto 11.3 desta DIA.

7.8. Estudio específico do impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural (facendo especial fincapé no patrimonio arqueolóxico), onde sexan establecidas as posibles afeccións neste patrimonio. O proxecto deberá incorpora-la prospección arqueolóxica subacuática da totalidade da superficie do polígono de viveiros Cangas B, para a catalogación e determinación dos restos arqueolóxicos localizados e, de ser necesario, un programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos xacigos arqueolóxicos, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7.9. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 6 desta DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio da instalación de gaiolas, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, que inclúa tódalas actividades que se van realizar e as medidas protectoras e correctoras.

8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudio ambiental e do condicionado desta declaración. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

8.1. Previo á instalación de gaiolas:

1. Informe e resultados das analíticas (augas, fondos, fauna...) preoperacionais propostas polo promotor, asinados por técnico competente, tendo en conta o indicado no punto 2 desta DIA.

8.2. Durante a execución da instalación de gaiolas, con carácter trimestral:

1. Resultados e conclusións de tódalas analíticas para o control da calidade das augas, fondos mariños, fauna..., tendo en conta o indicado no punto 2 desta DIA.

2. Copia da inscrición no rexistro de pequeno productor de residuos perigosos na fase de obras.

8.3. Ó final das obras comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento da granxa mariña e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

1. Definición das incidencias ou imprevistos acontecidos desde a emisión do último informe de obras.

2. Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

8.4. Seguimento ambiental trimestral, contando desde o inicio da explotación, e durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

1. Informe e resultados das analíticas propostas polo promotor, asinado por técnico competente, tendo en conta o indicado no punto 2 desta DIA.

2. Memoria resumo e resultados do plan de seguimento da fauna mariña.

3. Documentación acreditativa da inscrición no rexistro de pequenos productores de residuos perigosos.

Previamente á repoboación das gaiolas de rodaballos, deberase acredita-la procedencia dos rodaballos, segundo o indicado no punto 5 desta DIA.

8.5. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá os mesmos contidos co informe descrito no punto anterior.

8.6. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da granxa, remitirase o cronograma previsto das actuacións de retirada das instalacións.

8.7. Informe posterior ó abandono:

1. No prazo máximo de dous (2) meses contados desde a fin das accións para a retirada de gaiolas, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós diferentes residuos procedentes da retirada de gaiolas.

2. Así mesmo, deberase remitir, con perioricidade trimestral e durante o tempo que esta dirección xeral considere oportuno, os resultados das analíticas propostas polo promotor para a fase posterior ó abandono.

No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable, comunicaranse inmediatamente a esta dirección xeral, propoñendo as medidas correctoras precisas para corrixilas.

9. Condicións adicionais.

9.1. Para efectos de seguimento desta declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

9.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na DIA.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

9.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

9.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo tramite de avaliación ambiental.

9.5. Previamente ó inicio da instalación das gaiolas, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas protectoras e correctoras, así como para facer fronte ós posibles danos que se poidan causar ó medio, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. A proposta de aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, establécese no 4% do orzamento de execución por contrata.

9.6. O órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera intre e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como na fase de explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.7. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

9.8. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

9.9. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta.

9.10. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

9.11. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa realizada este trámite.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

A empresa Insuíña, S.L. posúe actualmente a explotación de dúas cuadrículas de viveiros no polígono B do distrito de Cangas, na ría de Aldán (Pontevedra), para a producción de rodaballo.

O obxecto do proxecto consiste na ampliación de 12 cuadrículas no antedito polígono, o que supón a instalación de 192 novas gaiolas para o cultivo de rodaballo. A producción estimada é de 1.500 toneladas ó ano.

As instalacións proxectadas consisten, basicamente, na instalación de 16 gaiolas por cuadrícula. As dimensións da gaiola son 6x6 m de lado e 7 m de alto, o que supón una superficie de cultivo de 216 m.

A alimentación realízase desde un barco auxiliar que alimente individualmente cada gaiola ou desde unha plataforma situada a flote que poida alimentar a varias gaiolas.

Medidas protectoras e correctoras.

-Reduci-la carga de peixes por unidade de superficie a 30 kg/m.

-Realización dun seguimento de augas, fondos e organismos bentónicos.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que conclúe:

Emitir informe favorable do estudio de impacto ambiental para a ampliación dunha autorización temporal no polígono de viveiros Cangas B (Cangas, Pontevedra), cos seguintes condicionantes para incluír na correspondente declaración ambiental:

1. É necesario destaca-la inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto da explotación sobre o patrimonio arqueolóxico.

2. Na zona na que se localiza o proxecto localízanse polo menos, dúas crebas de época indeterminada, e que poderían verse afectadas polo proxecto.

Por todo iso, é conveniente a realización dun estudio específico do impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural (facendo especial fincapé no patrimonio arqueolóxico), de acordo co artigo 32. Impacto ou efectos ambientais, da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, onde sexan establecidas as posibles afeccións neste patrimonio. O estudio debe incluír unha prospección subacuática, previa ó inicio das obras, levada a cabo por técnicos competentes de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma

de Galicia, DOG nº 150, do 6 de agosto. O proxecto de prospección arqueolóxica terá que incluír:

A prospección arqueolóxica intensiva da zona na que se localizará o proxecto. Polo tanto, débese ter en conta que:

-O proxecto deberá incorpora-la prospección arqueolóxica subacuática da totalidade da superficie do polígono de viveiros Cangas B, para a catalogación e determinación dos restos arqueolóxicos localizados.

-O proxecto da obra incorporará, de ser necesario, un programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos xacigos arqueolóxicos, en coordinación ca Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Os resultados da prospección, xunto cos planos das obras (acondicionamento dos solos mariños...) que poidan afectar a xacigos arqueolóxicos deberán remitirse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a fin de establece-las medidas correctoras que se consideren necesarias para a protección dese patrimonio, e incluírse na declaración de impacto ambiental.

Aínda que os resultados da prospección subacuática fosen negativos, deberá realizarse durante o transcurso das obras, un control arqueolóxico de remoción dos sedimentos mariños naquelas áreas que abranga o proxecto de obra.

Os traballos arqueolóxicos descritos financiaranse con cargo á execución do proxecto, tal como se indica no artigo 63.2º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite informe no que conclúe:

A actividade acuícola amosa unha serie de consecuencias negativas que afectan o medio natural por alteración do medio químico, biolóxico e físico.

A achega alimenticia é unha fonte de contaminación importante, xa sexa como penso non inxerido ou como fracción non asimilada (biodeposicións). Os pensos extrusionados utilizados minimizan o efecto contaminante que provocan os nutrientes (fósforo e nitróxeno) por acumulación nos fondos que poden dar lugar a procesos de eutrofización e alteracións na composición e estructura das comunidades bentónicas. A razón de que estes pensos sexan menos contaminantes radica en que se caracterizan por seren de baixa densidade e altamente enerxéticos, supoñendo unha elevada taxa de asimilación, uns mellores índices de conversión e unha minimización na producción de fósforo, nitróxeno e materia orgánica. Por conseguinte, se se lle aplica unha dosificación adecuada, reducen notablemente o risco de contaminación. Aínda así, o impacto sobre o medio depende da capacidade de acollida, polo que é importante resaltar que en zonas con escasa renovación de auga e/ou con grandes concentracións pode dar lugar

a fenómenos non desexados. Neste sentido as instalacións situadas na cuadrícula 45, polígono Cangas A, presenta unhas características de materia

orgánica elevada, polo que é recomendable levar un exhaustivo seguimento co fin de evitar un incremento en parámetros non desexados.

Por outra banda, requiren especial atención os efectos sobre o medio das substancias empregadas como tratamento ou profilaxes de enfermidades, destacando os antibióticos, xa que os principais efectos ambientais derivados do seu uso son a toxicidade, a presencia no medio e desenvolvemento de resistencia ós antibióticos.

Polo descrito anteriormente, e vendo a carencia da súa análise por parte do EIA, deberanse abordar estudios encamiñados a coñecer e cuantifica-los seus efectos reais sobre o medio para avalia-la súa gravidade e, se é o caso, toma-las medidas correctoras oportunas, ademais dun seguimento adecuado dos parámetros que o caracterizan.

Cómpre comentar que a minimización dos efectos sobre o medio vai depender fundamentalmente do mantemento das condicións óptimas da explotación para a vida dos peixes (capacidade de carga e condicións hidrolóxicas adecuadas), da utilización de productos de menor toxicidade (utilizar medicamentos dentro dos mecanismos legais que permite a lexislación vixente) e do seu emprego en adecuadas condicións.

Na limpeza de gaiolas non se poderán utilizar productos químicos de tratamento antialgas como sulfato de cobre e outros alguicidas.

Outro aspecto ambiental que hai que considerar, que non se comenta na EIA, é a xeración de residuos. Por conseguinte, debe optarse polas técnicas que impliquen a prevención da súa producción ou a correcta xestión daqueles residuos que xeraría esta actividade acuícola. Así mesmo, deberase ter en conta o seguinte:

-Actuar tal e como reflicte a fase de funcionamento do plan de seguimento e vixilancia ambiental. As análises serán realizadas por persoal cualificado e alleo á empresa promotora, para seren obxectivos. No caso de que se observen casos de degradación significativos ou tendencias negativas nalgún parámetro, proporanse medidas correctoras ou aquelas medidas necesarias para solucionar ese problema, así como as actuacións precisas para corrixi-los efectos negativos observados.

-Tal e como recolle o EIA, trátase dun proxecto experimental de investigación, desenvolvemento e innovación; por conseguinte será de suma importancia realiza-los informes que se recollen, ademais de facer un seguimento das variables productivas e ambientais na xestión da explotación por parte do organismo competente, que será o encargado de analiza-los resultados e toma-las medidas oportunas ó respecto, incluso paraliza-la producción, de se-lo caso.

-Incrementarase a formación e sensibilización ambiental de todo o persoal.

-Velarase por unha actuación preventiva. Dado que existen certas enfermidades infecciosas bacterianas

e víricas que afectan o rodaballo e que son controlables cun manexo adecuado sen necesidade de utilizar tratamentos sanitarios.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable, sen detrimento das competencias propias doutros organismos oficiais, coas seguintes puntualizacións:

Tendo en conta que o movemento das augas en todo o litoral se produce entrando as masas de auga nas rías pola parte sur e saída polo norte, e que tanto na ría de Aldán como na de Pontevedra existen praias que poden ver afectada a calidade das súas augas, con alimentos e deposicións de peixes e ó realiza-la limpeza mecánica das gaiolas, deberá controlarse a calidade das augas, tomando como referencia os valores dos parámetros obtidos na fase inicial do proxecto e, no caso de acadar valores maiores nas zonas de baño, toma-las medidas correctoras necesarias.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños emite informe no que conclúe:

1. Non se corresponde a petición presentada co estudio sometido a información pública e solicitude de informe de distintos departamentos. Descoñecemos cómo van se-las estructuras e a forma de cultivo, aínda que supoñemos que van se-las mesmas que as indicadas no estudio presentado.

2. Deberíase realizar un estudio de impacto ambiental sobre a futura ampliación cunha descrición completa do proxecto: infraestructuras, densidades de poboación, alimentación, tratamento, mantemento das instalacións, labores de cultivo...

3. Dado que a instalación se atopa nunha zona autorizada para efectos de patoloxías pola decisión 2000/311/CE, do 7 de abril, deberíase indica-la procedencia dos rodaballos, xa que unicamente poden vir dunha zona autorizada ou dunha explotación autorizada nunha zona non autorizada e cumpri-lo especificado na Directiva 91/67/CEE, modificada.

4. O estudio do medio físico debería centrarse na zona concreta de actuación, tanto para as variables abióticas como bióticas. Deberíase xuntar tamén dun estudio socioeconómico que tivera en conta os intereses pesqueiros, marisqueiros e de acuicultura da zona.

5. Na valoración de impactos deberían ter en conta os resultados do seguimento das instalacións que funcionan na actualidade. O polígono Cangas B 84 ten autorizadas varias inmersións que superan os 100.000 individuos. No estudio presentado indican a realización de análises tanto na fase inicial como na de funcionamento (mostraxe trimestral durante o primeiro ano) e que poderían dar unha primeira idea dos impactos sobre a calidade das augas, sedimentos e biocenose. O estudio presentado, de menor extensión, cualifica o impacto sobre os fondos e cambio na biocenose variables, de moderados a puntualmente críticos.

6. Hai que ter en conta que a zona onde van ser instaladas as gaiolas está declarada como zona de producción pola Orde do 14 de xuño de 1999 e

deberán cumpri-lo especificado no anexo IV do Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, sobre todo no referente a materias en suspensión e osíxeno disolto. Así mesmo, dado que se atopa na ría de Aldán, aínda que non se trata dunha vertedura propiamente dita, na zona deberíase cumpri-los obxectivos de calidade das augas establecido na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación de servicio público de depuración de augas residuais urbanas.

ANEXO III

Resumo das alegacións

Casiano Iglesias Piñeiro, en representación de Loitamar presenta as seguintes alegacións:

1. A finalidade e obxectivos da entidade Loitamar poden verse gravemente afectados a consecuencia da solicitude de autorización temporal con carácter experimental solicitada pola entidade Insuíña, S.L.

2. O proxecto presentado pola entidade Insuíña, S.L. lesiona gravemente non só os obxectivos da sociedade cooperativa Loitamar, senón as condicións ambientais e recursos das rías onde se pensa levar a cabo o devandito proxecto.

3. A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, indica que se debe favorece-las confrarías e pequenas entidades fronte ás grandes empresas e favorece-la diversificación de cultivos.

4. Producirase a perda de biodiversidade por desaparición progresiva dos crustáceos, moluscos e, en xeral, comunidades bentónicas propias de fondos areosos e ben provistos de osíxeno.

Por todo o exposto solicítase que se rexeite a solicitude da entidade Insuíña.

Mariano Abalo Costa como portavoz de grupo municipal da Frente Popular Galega (FPG) presenta as seguintes alegacións:

1. O estudio de impacto ambiental sementa serias dúbidas respecto das repercusións sobre a calidade das augas e dos fondos mariños, sobre a fauna e flora, e a propia ocupación en si mesma; o que debe levar á consideración de que sería preciso un estudio de impacto máis rigoroso.

2. Resulta moi significativo o nº de metros cadrados (15 ha aproximadamente) que se afectarán pola pretendida ocupación de maneira que se pode concluír, con facilidade, que este proxecto de levarse a cabo sería toda unha hipoteca para a ría de Aldán e para os sectores mariñeiros que dela dependen.

3. Este proceso privatizador que se intenta consolidar ten dúas graves consecuencias, posto que provocará unha expulsión gradual dos traballadores do mar das súas tradicionais zonas de pesca e dispón a prol de poderosos grupos económicos a explotación do medio mariño en detrimento dos mariñeiros que historicamente viven do mar de forma secular.

4. Que de ningunha maneira se pode, nin debe, utilizar como coartada a desgraciada e dramática crise do sector pesqueiro para xustifica-la ocupación.

María Josefa Pardo Vuelta como asistencia técnica da confraría de pescadores San Cipriano de Aldán-O Hío (presentada fóra de prazo)

1. A ría de Aldán ten gran parte dos seus fondos deteriorados, cubertos de lama, a causa das bateas de cultivo de mexillón.

2. Esta circunstancia está afectando negativamente o hábitat de moluscos colleitados por mariscadores da cofradía.

3. O estudio de impacto ambiental presentado por Insuíña, S.L. non achega suficientes datos acerca da posible afección das mesmas sobre os fondos, podendo esta agrava-la deterioración dos fondos, prexudicando os pescadores locais.

Por iso solicítase:

1. Que se condicione a execución do proxecto ós resultados obtidos no primeiro ano desde o seu inicio, nos estudios que se están realizando actualmente sobre as cuadrículas 72 e 84 do polígono Cangas B.

2. Que en caso de que estes estudios indiquen un impacto crítico non se instalen máis gaiolas.

3. Que no caso de un impacto moderado ou severo se propoñan as medidas correctoras que se levarán a cabo para que os pescadores non resulten prexudicados e se conte coa opinión da confraría.

4. No caso de que se instalen as gaiolas, os estudios realizados no sucesivo sobre a evolución dos fondos se poñan en coñecemento da confraría durante os cinco primeiros anos desde a instalación de gaiolas.

5. Que no caso de que se observen alteracións sobre os bancos naturais, se deteña a actividade das gaiolas que produzan esta circunstancia ata a recuperación do fondo.