Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Martes, 08 de xaneiro de 2002 Páx. 196

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 14 de decembro de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Dorzán e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 30 de outubro de 2001 foi publicada no DOG a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 19 de outubro de 2001, pola que se clasifica como de interese benéfico-social a Fundación Dorzán, e se abscribe á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto cubrir necesidades sociais, con especial relevancia as de axuda e asistencia ó colectivo de anciáns e as accións que se deriven de tal asistencia.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a ) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Dorzán, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Dorzán no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios; queda obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debe solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade