Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2002 Páx. 13

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 21 de decembro de 2001 pola que se aproba o Plan de Inspección Sanitaria para o ano 2002.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, no seu artigo 4, regula as competencias que lle corresponden á Consellería de Sanidade e, entre elas, na letra m), atribúelle a inspección sanitaria do Sergas, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

O Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre ordenación das funcións de Inspección da Comunidade Autónoma de Galicia referenda as ditas atribucións e establece:

-O desenvolvemento das actividades encomendadas á Inspección sanitaria pola lexislación vixente en materia de accidentes de traballo, enfermidades profesionais, incapacidade temporal, empresas colaboradoras coa Seguridade Social, mutuas aseguradoras, caixas de urxencias, servicios médicos dos servicios de prevención das empresas.

-A necesidade de avalia-la actuación dos centros, servicios e establecementos sanitarios, tanto desde

o punto de vista da calidade da asistencia prestada como do gasto realizado e do grao de cumprimento dos obxectivos que se lles marquen ós centros.

-O exercicio da tutela, control e avaliación eficiente sobre tódolos centros, servicios e establecementos e prestacións sanitarias de titularidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de Galicia.

-A inspección e control de todos aqueles aspectos de atención sanitaria recollidos como dereitos dos usuarios na Lei xeral de sanidade.

O Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, estipula que á Inspección sanitaria lle corresponde o exercicio das actuacións de Inspección no relativo ós centros, servicios e establecementos sanitarios públicos e privados que desempeñen a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma, así como, neste contexto, a avaliación das súas actividades con especial atención ás prestacións do sistema sanitario público.

O dito decreto establece, así mesmo, que á Inspección sanitaria lle corresponde a acreditación de centros, establecementos e servicios sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en consideración o exposto, e que para levar a cabo as actividades de inspección é imprescindible dispoñer dos recursos humanos suficientes e con formación adecuada, utilizaranse de maneira integral e coordinadamente tódolos efectivos dos que poida dispoñe-la Consellería de Sanidade co fin de cumprir adecuadamente os obxectivos fixados.

O Plan de Inspección Sanitaria para o ano 2002 elaborouse seguindo unha liña de consolidación das actividades reflectidas nos plans de Inspección sanitaria dos últimos 3 anos. Igualmente elaborouse tendo en conta os cambios producidos e as novas tendencias xurdidas no ámbito da actividade sanitaria, orientándose, así mesmo, cara a un papel incentivador e de colaboración ó mesmo tempo respecto ós cometidos de xestión que lle competen ó Servicio de Saúde.

As actividades da Inspección sanitaria de forma global deben contemplarse como garantes da eficacia-eficiencia do sistema sanitario.

Na actualidade continúa tendo unha importancia e relevancia trascendentais a loita contra a fraude, centrada especialmente no control da incapacidade temporal e a prestación farmacéutica, evitando dese modo as posibles desviacións que poidan producirse nas ditas prestacións básicas. Así mesmo, neste epígrafe merece unha actuación específica pola crecente tendencia alcista producida nos últimos anos, o control e seguimento da incapacidade temporal nos colectivos de persoal dos centros propios do Sergas e da Xunta de Galicia.

Por outra banda, de conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 48/1998, do 5 de febreiro,

polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade, e co obxecto de conformar un marco xeral aplicable a tódalas funcións de inspección atribuídas á dita consellería, resulta conveniente seguir incluíndo, tal e como xa se fixo nos tres últimos anos, na presente orde, un epígrafe específico dedicado á inspección no ámbito da saúde pública.

Por todo iso, conforme o establecido no artigo 5 do Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre ordenación das funcións de Inspección de servicios sanitarios e no artigo 10 do Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, por proposta do secretario xeral,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Plan de Inspección Sanitaria para o ano 2002, que figura como anexo á presente orde.

Os servicios de Inspección sanitaria das direccións provinciais do Sergas remitirán antes do 31 de xaneiro do ano 2003 á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade a memoria anual das actividades dos seus respectivos ámbitos competenciales; esta memoria anual de actividades da Inspección sanitaria correspondente ó ano 2002 confeccionarase acorde cos resultados obtidos respecto das actuacións incluídas no plan que se aproba.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

I. Ámbito da incapacidade temporal (I.T.) e da saúde laboral.

-Actuacións incluídas no programa específico de reducción da taxa global de absentismo por I.T. (T.G.A.) do persoal de centros propios do Sergas, e aplicación, adecuación e seguimento das medidas de optimización do dito programa.

-Optimización e consolidación do programa informático de I.T., tanto polo que respecta ó sistema de información, como ás explotacións de listaxes e indicadores estatísticos e de actividade, seguimento e avaliación da programación das tarefas de modificación e mantemento do mesmo.

-Consolidación do desenvolvemento das actuacións de seguimento derivadas das funcións dos coordinadores de I.T. das xerencias de Atención Primaria e potencia-la colaboración cos ditos coordinadores por parte das unidades de Saúde Laboral do Sergas.

-Establecer conxuntamente coas xerencias de Atención Primaria os sistemas de control e xestión documental da I.T. por parte dos facultativos prescritores.

-Establecer nas unidades de Saúde Laboral sistemas de control da calidade das súas propias funcións.

-Realización de cursos de formación dirixidos a médicos de Atención Primaria para a actualización na xestión, seguimento e control da incapacidade temporal (4ª fase-4 edicións).

-Aplicación e seguimento do convenio de control sanitario de I.T., que subscribirá a Comunidade Autónoma co INSS, no marco do financiamento dos servicios sanitarios.

-Subprograma de reducción da taxa global de absentismo (T.G.A.) do persoal da Xunta de Galicia.

-Subprograma de reducción de taxa global de absentismo (T.G.A.) da poboación en xeral.

-Desenvolvemento de actividades dirixidas á optimización da prescrición, no relativo ó enchemento da documentación clínico-laboral e indicadores mediante entrevistas e remisión de información ós facultativos de Atención Primaria, priorizándose as entrevistas cos facultativos que presenten desviacións nos seus indicadores.

-Responder nos prazos legais establecidos o 100% das propostas de alta emitidas polas entidades xestoras e o 100% das intencións de alta regulados no R.D. 1117/1998.

-Tramitación e contestación do 100% das reclamacións de empresas relacionadas cos procesos de I.T. dos seus traballadores.

-Selección e revisión de tódolos procesos de I.T. ó alcanzaren a duración estándar e revisión e informe de tódolos procesos nos prazos regulamentariamente establecidos.

-Seguimento da carteira de servicios que no futuro se concerte coas mutuas ou outras entidades interesadas no control da I.T.

-Seguimento e canalización dos acordos que se subscriban entre o Sergas e o INSS para a realización de probas diagnósticas e informes médicos.

-Verificación do mantemento das condicións de autorización sanitaria nos servicios de prevención das empresas que teñen concedida a asistencia médico-farmacéutica.

-Consolidación do programa de inspección e avaliación en materia de prevención de riscos laborais na especialidade de medicina do traballo:

a) Servicios de prevención alleos.

-Verificación do mantemento das condicións de autorización sanitaria.

-Avaliación da actividade sanitaria desenvolvida.

-Subprograma especial de verificación da non subcontratación da actividade sanitaria básica.

b) Servicios de prevención propios.

-Continuación da elaboración dun censo de servicios de prevención propios existentes na Comunidade Autónoma.

-Verificación do mantemento das condicións de autorización sanitaria.

-Avaliación da actividade sanitaria desenvolvida.

-Avaliación do cumprimento dos criterios das auditorías preceptivas realizadas para a súa aprobación.

c) Realización das inspeccións e informes de actividades sanitarias dos servicios de prevención, tanto propios como alleos, para a súa autorización sanitaria. Fíxase en 15 días como máximo o prazo para emitir estes informes por parte das unidades de Saúde Laboral.

d) Establecer sistemas de xestión e coordinación dos servicios de prevención coa rede asistencial pública: rexistro de servicios, dotación dos servicios, sistema de información sanitaria dos servicios e coordinación deles coa Administración sanitaria e Sergas.

II. Ámbito da prestación farmacéutica.

-Inspección e verificación da presencia e actuación profesional de persoal farmacéutico naquelas oficinas de farmacia con horario ampliado de atención ó público durante o horario de tarde e nocturno, segundo os requisitos establecidos no Decreto 342/1999, do 16 de decembro, sobre horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia.

-Comprobación da adaptación das actividades das oficinas de farmacia e servicios farmacéuticos que elaboren fórmulas maxistrais e preparados ó establecido no Real decreto 175/2001, do 23 de febreiro, polo que se aproban as normas de correcta elaboración e control de calidade de fórmulas maxistrais e preparados oficinais.

-Seguimento e control da correcta aplicación da Circular 5/2001, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, sobre autorización de uso de receitas oficiais do Servicio Galego de Saúde, no relativo ó cumprimento do disposto sobre a entrega de receitas oficiais ós facultativos autorizados e o rexistro no aplicativo XECORE da cantidade e numeración das receitas entregadas.

-Inspección e verificación naqueles servicios sanitarios nos que se leva a cabo a administración ós pacientes de preparacións extemporáneas de radiofármacos, do cumprimento do establecido sobre as unidades de radiofarmacia reguladas no título IV da Lei galega 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica e no Real decreto 479/1993, do 2 de

abril, polo que se regulan os medicamentos radiofármacos.

-Continuación do programa de verificación do cumprimento das prácticas correctas da súa actividade polos centros de distribución de medicamentos e productos sanitarios da nosa Comunidade Autónoma, segundo o Real decreto 2259/1994, do 25 de novembro, polo que se regulan os almacéns farmacéuticos.

-Verificación do cumprimento das normas de correcta fabricación e comercialización de medicamentos de uso humano polos laboratorios farmacéuticos instalados en Galicia.

-Participación nas campañas de control de calidade de medicamentos da Axencia Española do Medicamento, para a verificación dos estándares de calidade fixados na autorización de comercialización das especialidades farmacéuticas.

III. Ámbito de concertos.

-Control e seguimento da concertación na prestación de servicios sociosanitarios nas áreas de saúde de Pontevedra e Vigo, implantación e seguimento do desenvolvemento das modificacións introducidas pola orde de acreditación e concertación do 3 de outubro de 2000.

-Control e seguimento da prestación de servicios concertados de fisioterapia, logopedia, atención temperá e a discapacitados por enfermidades neurolóxicas nas áreas do Salnés, Pontevedra e Vigo.

-Seguimento e control da calidade dos servicios prestados en centros concertados de tratamentos logopédicos e de cirurxía maxilofacial na provincia de Ourense.

-Programa especial de seguimento e control das derivacións que se producen desde o Servicio de Urxencias do Hospital Xeral-Calde de Lugo ós centros concertados de Lugo cidade.

-Control e seguimento dos concertos establecidos para a realización de diferentes procesos sanitarios nos centros concertados da área de saúde de Pontevedra a pacientes derivados das listas de espera do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

-Control e seguimento dos concertos establecidos para a realización de diferentes procesos asistenciais nos centros concertados da área de saúde de Vigo a pacientes derivados das listas de espera dos hospitais Xeral-Cíes e Meixoeiro.

-Completa-la informatización do control da actividade derivada a centros concertados para tratamentos de fisioterapia, logopedia, atención temperá e a discapacitados por enfermidades neurolóxicas, hemodiálise e diálise peritoneal ambulatoria continua, terapia respiratoria a domicilio na provincia de Pontevedra.

-Avaliación do CMBD polo informe de alta en tódolos centros concertados da provincia de Pontevedra.

-Control e seguimento dos concertos singulares para realiza-la prestación de asistencia sanitaria a beneficiarios da Seguridade Social, establecidos nas áreas de saúde do Salnés, Pontevedra e Vigo, cos centros sanitarios: Fundación Pública Hospital do Salnés, Instituto Galego de Medicina Técnica (MEDTEC) e Policlínico Vigo, S.A.

-Avaliación da calidade asistencial nos centros concertados da Comunidade Autónoma a través da análise da historia clínica e estudio da formalización do consentimento informado.

-Asumi-los trámites dos expedientes de solicitude de asistencia en centros especializados que non son de referencia, co compromiso de deseñar no primeiro trimestre do ano 2002 unha aplicación informática que resolva os problemas actuais de información sobre esta prestación na provincia da Coruña.

-Continuación temática do establecemento dun sistema de seguimento e control, conxuntamente Unidade de Concertos da Dirección Provincial do Sergas da Coruña co Servicio de Admisión do Complexo Hospitalario Juan Canalejo, para a detección de tódolos pacientes que foron hospitalizados en centros concertados con cargo ó Sergas e precisen reingresar en calquera outro centro concertado ou público nos 15 días seguintes á alta.

-Análise do tempo medio de demora dos pacientes derivados da lista de espera cirúrxica do Complexo Hospitalario Juan Canalejo das especialidades de cirurxía vascular, traumatoloxía e uroloxía, desde a súa remisión ata que son intervidos no centro concertado asinado.

-Continuación do estudio comparativo dos consumos e custos derivados do subministración de eritropoetina ós pacientes en programa de hemodiálise por parte das unidades de diálise dos centros concertados na provincia da Coruña.

IV. Ámbito das prestacións sanitarias, incluíndo a tutela dos dereitos dos usuarios e a mellora da calidade asistencial.

-Programa especial de inspeccións periódicas dos vehículos de ambulancias co obxecto de comproba-lo cumprimento dos requisitos contidos na normativa vixente.

-Avaliación da calidade do transporte sanitario, tanto individual como colectivo, verificando a correspondencia entre prescrición efectuada e prestación realizada.

Realización de enquisas ós usuarios con tratamentos de longa duración.

Programa de información do carácter sanitario do transporte tanto a usuarios como a facultativos, para evitar exceso de prescricións por motivos sociais.

-Programa especial de inspección, seguimento e control do transporte sanitario non urxente e transporte sanitario de altas hospitalarias, analizando en ámbolos casos, como mínimo, a seguinte informa

ción: facultativo prescritor, criterio de prescrición, tipo de vehículo indicado e gasto xerado.

Este programa incluirá visitas periódicas ós servicios e facultativos prescritores, a fin de optimiza-la programación e prescrición adecuada desta prestación.

-Control e seguimento das facturacións de servicios de transporte sanitario.

-Informatizar, implantar e consolidar na Comunidade Autónoma o novo modelo de xestión de transporte sanitario non urxente, conforme os criterios establecidos no concerto subscrito entre o Sergas e as diferentes asociacións ou empresas de ambulancias.

-Análise, xestión e resolución do 100% das reclamacións sobre transporte sanitario non urxente.

-Visado da prescrición do transporte sanitario non urxente dentro das 24 horas seguintes á súa recepción na inspección sanitaria.

-Avaliación e seguimento do procedemento de reintegro de gastos de asistencia sanitaria na medicina privada. Realización por parte da Inspección sanitaria dos informes-proposta destes expedientes de reintegro de gastos nun prazo máximo de sete días.

-No relativo a medicación de diagnóstico hospitalario, establece-los mecanismos de avaliación do gasto xerado, do volume do visado (nº de primeiros visados e de visados sucesivos) e do control da indicación.

-Continuación estudio e análise funcional, sanitario e económico das próteses cirúrxicas fixas en tódolos hospitais, tanto os propios do Sergas como os concertados.

-Continuación do programa de control do grao de cumprimento por parte dos pacientes dos tratamentos domiciliarios con terapias respiratorias na Comunidade Autónoma. Avaliación da indicación e da calidade da prestación de osixenoterapia domiciliaria na Comunidade Autónoma.

-Posta en marcha na Comunidade Autónoma dun protocolo de procedemento de tramitación de reclamacións asistenciais.

-Contesta-lo 100% das reclamacións asistencias presentadas nas direccións provinciais do Sergas nun prazo de tempo non superior a 15 días.

-Realización de enquisas de satisfacción de usuarios do Sergas atendidos en centros, servicios e establecementos sanitarios concertados.

-Estudio das úlceras por decúbito en pacientes crónicos hospitalizados en centros concertados e con autorización de uso na Comunidade Autónoma.

-Seguimento, análise, estudio e avaliación interanual da prestación ortoprotésica atendendo ás vertentes económica e sanitaria.

Programa especial de inspección, seguimento e control de prestación ortoprotésica no que respecta a productos ortoprotésicos do catálogo xeral, productos ortoprotésicos da unidade de lesionados medulares e productos ortoprotésicos das unidades de atención temperá, analizando nos 3 epígrafes como mínimo a seguinte información: facultativo prescritor, criterio de prescrición, tipo de producto prescrito e gasto xerado.

-Análise pormenorizado das prescricións de cadeiras de rodas prescritas nos ámbitos de atención primaria e atención especializada anos 2000, 2001 e 2002.

-Desenvolvemento, seguimento e consolidación das explotacións estatísticas do programa informático da prestación ortoprotésica.

-Axiliza-la conformación das facturas da prestación ortoprotésica e alcanza-la súa actualización mensual no mes de xaneiro de 2002. Manter esta actualización ó longo de todo o ano 2002.

-Seguimento mensual das reclamacións patrimoniais xestionadas nas direccións provincias do Sergas. Realización de control de calidade dos informes de reclamacións patrimoniais elaborados polos instructores dos expedientes.

-Seguimento mensual das informacións previas xestionadas nas direccións provinciais do Sergas.

V. Ámbito da acreditación sanitaria e da autorización e avaliación de centros sanitarios.

-Consolidación do programa especial de acreditación sanitaria de centros hospitalarios tanto públicos e concertados como privados na Comunidade Autónoma de Galicia. Realización de auditorías.

-Realización de control de calidade dos informes de autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios elaborados polos inspectores que realizan a dita actuación.

-Realización de inspeccións dos centros sanitarios públicos e privados de reproducción humana asistida.

-Programa específico de avaliación anual, inspección e seguimento dos centros sanitarios públicos de reproducción humana asistida autorizados no último cuadrimestre.

-Avaliación da carteira de servicios de tódolos centros do Sergas tanto de Atención Primaria como de Atención Especializada, trala aprobación por parte do Sergas para as xerencias das ditas carteiras de servicios.

-Continuación da avaliación e estudio sanitario e económico da actividade RMN e TAC en tódolos hospitais do Sergas e no MEDTEC.

-Continuación avaliación da actividade de telerradioloxía en tódolos centros do Sergas nos que estea implantada e que desenvolvan a dita actividade.

-Inspeccións dos centros sanitarios públicos e privados en materia de extracción e implante de órganos e tecidos.

-Continuación e consolidación do programa de inspección e autorización dos laboratorios clínicos da Comunidade Autónoma de Galicia, promovendo a súa legalización, de conformidade coa normativa da Consellería de Sanidade publicada no ano 2000 (Decreto 252/2000).

-Posta en marcha dun novo programa informático na Consellería de Sanidade de rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios.

-Programa de inspeccións de seguimento e control a diferentes centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma. Subprograma especial de promoción de legalización administrativa de centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma. Subprogramas especiais de inspeccións e controis a establecementos de óptica e de ortopedia.

-Continuación do programa anual de inspeccións a establecementos balnearios.

(Actuación conxunta que se levará a cabo mediante programa de colaboración entre a Inspección de servicios sanitarios e a Inspección de saúde pública).

-Continuación do programa especial de análise, avaliación e estudio das MIPSE producidas durante o ano 2001 nos centros hospitalarios propios e concertados co Sergas.

(Actuación incluída no marco de especial colaboración entre a Inspección de servicios sanitarios e a Dirección Xeral de Saúde Pública).

-Programa especial de auditorías do Plan de Minimización de Riscos Microbiolóxicos nos hospitais do Sergas.

(Actuación incluída no marco de especial colaboración entre a Inspección de servicios sanitarios e a Dirección Xeral de Saúde Pública).

VI. Ámbito de saúde pública.

Plan de Protección da Saúde fronte a Riscos Espe-

cíficos:

-Inspección hixiénico-sanitaria do 100% dos campamentos públicos de turismo (campings) e dos campamentos xuvenís.

-Inspección hixiénico-sanitaria do 100% dos centros escolares de infantil e primaria e dos centros de atención á primeira infancia.

-Inspección e control hixiénico-sanitario do 100% dos establecementos de restauración colectiva de alto risco específicos.

-Inspección do 33% dos abastecementos públicos de auga de consumo humano.

-Inspección e control hixiénico-sanitario do 75% dos establecementos de restauración colectiva de alto risco non específicos.

-Inspección e control hixiénico-sanitario do 15% dos establecementos de restauración colectiva de baixo risco.

-Inspección e control hixiénico-sanitario do 100% das piscinas de uso colectivo durante o ano 2002.

-Inspección e mostraxe da auga do 100% das zonas de baño marítimas e continentais habilitadas durante o ano 2002.

-Inspección e control hixiénico-sanitario do 100% das instalacións de risco de contaminación por legionella notificadas á Dirección Xeral de Saúde Pública.

-Inspección do 100% dos establecementos e servicios de praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria rexistrados na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Tramitación do 100% das alertas a través do Sistema de Intercambio Rápido de Información sobre productos químicos.

Plan de Protección da Saúde fronte a Riscos Xe-

rais:

-Inspección do 100% das industrias alimentarias suxeitas á obriga de inscrición no Rexistro Sanitario de Alimentos, para o control de instalacións, documental e manipulación.

-Control documental diario do 100% das salas de despezamento de carnes.

-Control documental semanal do 100% dos almacéns frigoríficos de carne.

-Control documental trimestral en centros de depuración e/ou expedición e cocedoiros de moluscos bivalvos.

-Toma de mostras e análises de productos en mercado segundo contrato-programa.

-Toma de mostras e análises en depuradoras e cocedoiros, tanto de bivalvos coma de crustáceos e meixóns segundo contrato-programa.

-Avaliación do 100% das alertas comunicadas a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (SCIRI) e tramitación das que proce-

da.

-Cumprimento do 100% das mostraxes e análises do Plan Nacional de Investigación e Residuos.

-Inspección anual de seguimento de cemiterios, tanatorios, velorios, crematorios e empresas funerarias.