Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2001 Páx. 16.593

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidad Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio de 2002.

A imposibilidade de ter aprobada antes do 1 de xaneiro a Lei de orzamentos xerais do ano 2002, como consecuencia dos prazos dispoñibles tralas eleccións ó Parlamento autonómica recentemente celebradas, determina que segundo o previsto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia os orzamentos xerais de 2001 quedarán automaticamente prorrogados para o seguinte exercicio.

Resulta necesario polo tanto establece-las normas que dentro do marco legal existente regulen o alcance e aplicación da referida prórroga, tendo en conta ademais as adaptacións técnicas que deberán efectuarse nos orzamentos trala aprobación da nova estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia polo Decreto 310/2001, do 17 de decembro, contemplando igualmente a aplicación dun incremento retributivo, con carácter de a conta, para o persoal ó servicio da Administración autonómica, polo mesmo importe que figura establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2002.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Prórroga dos orzamentos xerais para o ano 2002.

Consonte o establecido no artigo 54 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do ano 2001 quedarán prorrogados a partir do 1 de xaneiro de 2002 ata que sexa aprobada e publicada no Diario Oficial de Galicia a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002.

Artigo 2º.-Estados de ingresos e gastos.

A Consellería de Economía e Facenda confeccionará os estados de ingresos previstos durante o período de prórroga, que se determinarán en función de datos válidos para sustentalos. Así mesmo, elaboraranse os correspondentes estados de gastos nos que se detallarán os importes dos créditos prorrogados.

Artigo 3º.-Alcance da prórroga do orzamento de gastos.

1. Da prórroga do orzamento de gastos quedarán excluídos os créditos que correspondan a actuacións que deban quedar finalizadas ó remate do exercicio 2001, así como aqueles que non se consideren necesarios para o exercicio seguinte.

2. Incluiranse, na medida que se considere necesaria, os créditos que correspondan a actuacións ou programas que teñan a consideración de recorrentes, así como os que permitan a continuación de accións iniciadas en exercicios anteriores ou que correspondan a actuacións novas de urxente realización e cobertura.

3. O persoal ó servicio do sector público da Comunidade Autónoma percibirá con carácter de a conta un incremento do 2 por cento respecto das retribucións establecidas para o exercicio de 2001, aplicable nos mesmos termos autorizados pola Lei de orzamentos que se prorroga.

4. Realizaranse nos estados de gastos as adaptacións técnicas que se precisen como consecuencia da aprobación do Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se establece a nova estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Sociedades públicas.

Durante o período de prórroga os orzamentos de explotación e de capital das sociedades públicas da Comunidade Autónoma, ás que se refire o artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, adecuaranse conforme as súas peculiaridades ó establecido nos artigos precedentes.

Artigo 5º.-Prórroga do texto articulado da Lei de orzamentos xerais de 2001.

O texto articulado da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, coas excepcións derivadas da súa adaptación ó establecido neste decreto, quedará prorrogado ata a aprobación e publicación da Lei de orzamentos xerais de 2002.

Disposición derradeira

Única.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación deste decreto, que entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda