Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 28 de decembro de 2001 Páx. 16.561

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Corzán, situado no concello de Negreira (A Coruña), promovido pola empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 10 de outubro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Corzán no concello de Negreira (A Coruña), promovido por Unión Fenosa

Energías Especiales, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Proxecto parque eólico de Corzán. Modificado nº 1. Decembro de 2000.

-Proxecto parque eólico de Corzán. Modificado nº 1. Estudio de impacto ambiental. Decembro de 2000.

-Proxecto parque eólico de Corzán. Modificado nº 1. Anexo I. Xuño de 2001, relativo ós cambios na subestación transformadora e o punto de interconexión.

-Informe complementario do estudio de impacto ambiental. P.E. Corzán. Modificado nº 1. 19-7-2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental e documentación complementaria, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese en exclusiva á instalación e explotación dun parque eólico de 36 MW de potencia total, no concello de Negreira (A Coruña), constituído por 48 aeroxeradores modelo NEG-MICON 52 de 750 kW de potencia unitaria, dispostos ó longo de sete aliñacións no lugar de Corzán, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vérticer XVértice Y

511.5004.753.500

513.5004.753.500

516.0004.753.000

516.0004.751.500

517.0004.750.000

517.0004.748.000

514.5004.745.500

511.0004.748.500

Tendo en conta o exposto no punto 8 desta DIA, dado que a posición dalgúns aeroxeradores, entre eles o A-38 e A-41, así como as súas infraestructuras relacionadas (vías, plataformas de montaxe e gabias de conducción do cableado), poderían variar á vista dos

resultados do estudio requirido no punto 11.1 desta DIA, a localización e coordenadas definitivas destes aeroxeradores e os seus accesos e gabias do cableado, así como daquelas outras instalacións e infraestructuras que, se é o caso, fose necesario modificar, establecerase unha vez sexa recibida, avaliada e informada favorablemente a documentación requirida no antedito punto 11.1 da DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle no plano Parque eólico de Corzán. Planta Xeral. Nº plano 2921CO0001, do estudio de impacto ambiental, agás para o que se derive do cumprimento do indicado no parágrafo anterior.

As coordenadas UTM dos 46 aeroxeradores restantes son, con carácter provisional tendo en conta o antedito, as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

A - 1551.6204.751.710

A - 2511.7304.751.640

A - 3511.8404.751.560

A - 4511.9504.751.490

A - 5511.9404.751.380

A - 6511.8304.752.700

A - 7511.7904.752.820

A - 8511.7404.752.940

A - 9511.7504.753.070

A - 10511.7604.753.200

A - 11511.7604.753.340

A - 12511.7504.753.470

A - 13512.2104.752.730

A - 14512.3004.752.640

A - 15512.4004.752.550

A - 16512.5804.752.380

A - 17512.6904.752.310

A - 18512.6004.753.490

A - 19512.7104.753.420

A - 20512.7904.753.320

A - 21512.8804.753.220

A - 22512.9204.753.090

A - 23513.0004.753.000

A - 24513.0804.752.920

A - 25513.2104.752.870

A - 26513.3404.752.830

A - 27513.4504.752.760

A - 28513.5604.752.690

A - 29513.6304.752.570

A - 30513.7004.752.460

A - 31513.6204.752.180

A - 32513.7204.752.110

A - 33513.8204.752.020

A - 34513.9004.751.920

A - 35513.9404.751.800

A - 36514.4504.752.630

A - 37514.5504.752.600

A - 39514.8304.752.510

A - 40514.9604.752.500

A - 42515.1804.752.840

A - 43515.3004.752.790

A - 44515.4304.752.740

A - 45515.5404.752.680

A - 46515.7704.752.520

A - 47515.8304.752.760

A - 48515.9104.752.580

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das vías e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras irán cubertos con lonas, tal como se indica no estudio ambiental.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, realizarase un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque, de acordo co plan de control do nivel de ruído proposto no anexo IV do estudio ambiental.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

A achega das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á saída das drenaxes, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas pluviais ós cursos naturais.

Realizarase un control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe proxectados (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas pluviais á rede natural de drenaxe, de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e documentación complementaria. Indicarase a localización de tódolos dispositivos de drenaxe previstos, de acordo co requirido no punto 11.3 da presente DIA.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como na de funcionamento levaranse a cabo os controis indicados no programa de vixilancia proposto no estudio ambiental.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización de Augas de Galicia, segundo se establece na Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, e no R.D. 849/1986, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, axustándose ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

As augas residuais xeradas no edificio de control deberán ser conducidas ata unha fosa séptica ou calquera outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento, que deberá ser mantido periodicamente para garanti-lo seu correcto funcionamento, xestionando os residuos obtidos conforme o estipulado regulamentariamente.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e terraplén resultantes da execución das vías, así como das plataformas de montaxe dos aeroxeradores, foxos e a zona da subestación, mediante a súa revexetación, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se deberán axustar ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos inicialmente previstos. Procederase á súa sinalización e balizado previo, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, retirándose cando estas finalicen.

Para calquera modificación que fose necesario introducir no proxecto, independentemente da súa causa, aplicarase o indicado no punto 13.4 da presente declaración.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento e a ocupación de superficies non previstas.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas ou lonas) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona.

No caso de deterioración das vías e calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se tralo recheo das gabias do cableado e dos ocos para a cimentación dos aeroxeradores existise aínda material sobrante das escavacións, será levado e depositado en localización autorizada por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, indicando a localización, extensión e volume do préstamo que hai que efectuar.

A circulación de vehículos e maquinaria no parque restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Sobre os residuos.

Tódolos residuos xerados durante a fase de construcción, lixo, entullos, así como os materiais sobrantes de obra, serán xestionados de acordo coa súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación do parque, a zona debe quedar totalmente limpa, procedendo á xestión de tódolos residuos da obra. Neste senso, primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (non autorizada para circular por estradas, por exemplo), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables.

Os aceites, graxas e outros residuos xerados nestas tarefas de mantemento deberán ser recollidos en contedores axeitados e entregados a un xestor autorizado debidamente acreditado. En tanto non se produza a entrega ó xestor, estes contedores almacenaranse na zona destinada a instalacións de obra, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Na fase de funcionamento, os aceites dos transformadores eléctricos, graxas e calquera outro residuo que se poida xerar, deberá ser xestionado conforme a súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, os contedores de residuos almacenaranse no edificio de control.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, tendo en conta a existencia na área de implantación do proxecto de especies de gran valor ecolóxico e potencialmente vulnerables á presencia do parque eólico, como son as aves rapaces, tanto na fase de obras como na de funcionamento levaranse a cabo comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores.

Para tal fin, unha vez efectuado o estudio e campañas preoperacionais de caracterización da avifauna pro

postas no plan de vixilancia incluído no anexo IV do estudio ambiental, deberá completarse o seu contido, de acordo co requirido no punto 11.5 desta DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose sempre mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arborado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse á súa trituración e esparexido homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección do patrimonio cultural.

Cara a evitar posibles afeccións establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En todo o ámbito do parque eólico deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figure a localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (aquelas obxecto de control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tonos mate no acabado dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, telefónicas, etcétera, estarán soterradas, tal como se indica no estudio ambiental.

Así mesmo, o acabado do edificio de control e transformación adecuarase ó tradicional da zona, de xeito que as fachadas, cuberta e peches se integren no contorno.

Os afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico existentes na serra deberán ser preservados de calquera tipo de dano.

A este respecto, tendo en conta que os aeroxeradores A-38 e A-41 se situarían sobre afloramentos graníticos de singularidade paisaxística, deberá procederse á súa relocalización, así como á dos seus accesos e gabias de conducción do cableado, sendo preciso a presentación dun estudio de localización alternativa, así como unha valoración da posible incidencia das restantes infraestructuras e instalacións sobre este tipo de formacións presentes nos cumios dos montes da Pena, Castelo e Pedregal, de acordo co requirido no punto 11.1 desta DIA.

O desenvolvemento do plan de revexetación, xunto co seguimento da súa efectividade, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódolos terreos afectados ou deteriorados pola execución das obras (marxes das vías, foxos, gabias do cableado, plataformas de montaxe, contorno do edificio de control e das obras de drenaxe, zonas de almacenamento de materiais...) deberán ser recuperados mediante revexetación que restitúa a vexetación autóctona presente na zona e favoreza a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo.

Para tal fin, desenvolverase o Plan de restitución de solos y revexetación incluído no anexo IV do estudio ambiental, tanto no referente á metodoloxía, especies, doses, etcétera, realizando así mesmo o seguimento posterior da súa efectividade, tal como se recolle no plan de vixilancia proposto. Na mestura de pratenses para a hidrosementeira substituirase o Agropyron por Agrostis capillaris.

A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo e almacenada e mantida nas condicións sinaladas no antedito plan de restauración.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

O desenvolvemento dos labores de restauración realizarase conforme avanza a obra e as distintas superficies que hai que restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha meirande integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Nembargantes, o plan de restauración presentado debe ser completado no seu contido, incluíndo a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono do parque unha vez rematada a vida útil da instalación, tendo en conta os posibles usos futuros da área, de acordo co requirido no punto 11.6 desta DIA.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, no prazo máximo de tres (3) meses dende a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Proposta de localización alternativa para os aeroxeradores A-38 e A-41 e as súas infraestructuras asociadas, co obxecto de evita-la afección ós afloramentos graníticos de interese xeomorfolóxico existentes na zona de implantación prevista.

Para as restantes infraestructuras e instalacións proxectadas, presentarase un estudio valorativo da posible afección sobre as formacións deste tipo presentes nos montes da Pena, Castelo e Pedregal, xunto con reportaxe fotográfica detallada e proposta de localización alternativa de aeroxeradores e desvío de vías e gabias do cableado para os casos nos que se detecte afección, de acordo co exposto no punto 8 da presente DIA.

Incluirase, sen detrimento dos planos de detalle que se estime oportuno incluír, un plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM no que se reflicta a localización dos afloramentos rochosos que hai que preservar, relativizándoos coa obra proxectada inicialmente e a proposta para evita-la afección, indicando, para aqueles aeroxeradores que fose necesario desprazar, as coordenadas UTM da nova localización.

11.2. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflictan a poligonal do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, incorporando as modificacións derivadas do punto anterior. Diferenciaranse as vías preexistentes das de nova construcción e aqueles que hai que acondicionar (indicando lonxitude de cada tipo), reflectindo así mesmo o acceso ó parque,

os elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela, e a localización da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e zona de almacenamento de materiais.

11.3. Localización, nun plano en planta a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, dos dispositivos de drenaxe previstos, tanto transversais como lonxitudinais, indicando a dirección do fluxo de auga e a área drenada por cada unha das infraestructuras de drenaxe proxectadas. Así mesmo, describiranse os sistemas protectores e de disipación de enerxía que se vai instalar á saída das drenaxes transversais e nos puntos de vertedura dos foxos á rede natural de drenaxe da zona.

11.4. Resultados das medicións do nivel de ruído na fase preoperacional, de acordo co plan de seguimento presentado. Terase en conta que as medicións deben ser efectuadas por entidade homologada e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico desa entidade.

11.5. Resultados do estudio e campañas preoperacionais de caracterización da avifauna presente na área do parque, conforme o plan de seguimento presentado. Á vista dos resultados obtidos deberá redefinirse o plan previsto, completándoo cos seguintes contidos:

-Metodoloxía para a detección do efecto baleiro que poida xera-la presencia do parque.

-Definición dos limiares de risco por colisión (de alerta e inadmisible) e aparición do efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas correctoras específicas, xustificando o método para a súa determinación.

-Definición de medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias que se adoptarán en función das situacións de risco definidas no punto anterior. Medidas propostas para a detección de impactos puntuais imprevistos.

-Busca de aves accidentadas por colisión: na selección dos aeroxeradores que hai que revisar en cada visita terase en conta a súa posición topográfica, posible interferencia coas rutas de paso de aves na área e posición relativa destes no conxunto do parque, co fin de proceder á selección daqueles que poidan ter unha maior incidencia sobre a avifauna. O número de aeroxeradores revisados non será inferior ó 20% e nas sucesivas campañas incorporaranse novos aeroxeradores ata determina-la posible afección da totalidade destes. Describirase o criterio de selección dos aeroxeradores que hai que revisar e incluirase unha valoración da distorsión que pode introducir nos resultados o esforzo de mostraxe realizada, condicións climatolóxicas durante as mostraxes, detectabilidade e desaparición dos cadáveres por necrófagos, así como os factores de corrección que hai que introducir para corrixir posibles desviacións. A frecuencia das visitas será como mínimo mensual, contemplando un aumento nas

épocas reproductoras e de paso migratorio, e unha posible redefinición en función dos resultados do seguimento.

11.6. Addenda ó plan de restauración presentado, que inclúa a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, composta por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.7. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

11.8. En relación coa liña de evacuación da enerxía, e considerando a información preliminar xa achegada, presentarase a seguinte documentación, que será informada, se é o caso, polos órganos competentes en función da materia:

11.8.1. Descrición xeral do proxecto, indicando localización, lonxitude da liña, tipo e número de apoios, incluíndo unha lista de coordenadas UTM, puntos de inicio e fin, obra civil que se vai desenvolver e duración prevista da obra. Xuntarase, como mínimo, un plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle, en coordenadas UTM, no que se reflicta a traza prevista, numerando cada un dos apoios.

11.8.2. Estudio sobre os elementos do patrimonio cultural presentes ó longo da traza.

11.8.3. Estudio dos posibles efectos do proxecto sobre a poboación, fauna, formacións vexetais, solo, auga e paisaxe, así como espacios naturais presentes, se é o caso, ó longo da traza.

11.8.4. Descrición das medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias que hai que adoptar, con especial atención á avifauna e ós labores de restauración.

11.8.5. Programa de vixilancia ambiental, con especial atención ó seguimento da posible afección sobre as poboacións de aves.

En ningún caso poderán comeza-las obras de instalación da liña de evacuación antes de contar co informe favorable desta dirección xeral en relación co punto 11.8, sen que isto interfira no desenvolvemento das restantes obras do parque.

Coa salvidade indicada no parágrafo anterior, unha vez avaliada a documentación solicitada nos puntos 11.1 a 11.7, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral as datas de replanteo e inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, contendo tódalas actividades, incluíndo as

medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta dirección xeral a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de avance respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa:

b) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición.

c) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe, da calidade das augas e da incidencia das obras sobre a fauna, conforme o programa de vixilancia presentado polo promotor, e de acordo co indicado nos puntos 3 e 6.1 desta DIA.

d) Informe, xunto coa reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, labores de restauración levados a cabo, xestión dos residuos, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, e que reflicta o cumprimento das condicións impostas nesta DIA, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: vías, drenaxes, aeroxeradores, plataformas, gabias do cableado, subestación, etcétera.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate

dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, destino dos sobrantes de terras no caso de producirse, xestión aplicada á biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta DIA.

b) Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, noiros e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, que reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando así mesmo as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos.

b) Resultados do control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co indicado no punto 3 desta DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

d) Informe, xunto coa reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do desenvolvemento do plan de restauración, incluíndo os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das drenaxes, vías, noiros, foxos, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión, así como detalle dos con

trois ambientais efectuados e das incidencias detectadas en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, xunto cun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra, os contidos do informe descrito no punto anterior.

12.5. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda que se presentará de acordo co punto 11.6 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.6. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde a fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntarase unha de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental que hai que efectuar, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de dous centos dez millóns dúascentas corenta mil (210.240.000) pesetas. O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.6 da presente DIA.

13.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que se cumpra este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado parque eólico de Corzán. Modificado nº 1. Decembro de 200, promovido pola empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A. consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 48 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, que se situará no concello de Negreira (A Coruña).

Os aeroxeradores disporanse no lugar de Corzán, nas zonas de cume dos montes Pedra Arada, Pedregal, Castelo e Montes da Pena, en sete aliñacións localizadas no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

511.5004.753.500

513.5004.753.500

516.0004.753.000

516.0004.751.500

517.0004.750.000

517.0004.748.000

514.5004.745.500

511.0004.748.500

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

-Número de aeroxeradores: 48.

-Modelo: NEG MICON Multi Power 52.

-Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW.

-Potencia total instalada: 36 MW.

-Altura das torres: 55 m.

-Diámetro do rotor: 52 m.

-Producción neta anual prevista: 93.600 MWh/año.

-Investimento previsto: 5.256.000.000 de ptas.

A obra civil inclúe a adecuación duns 3.500 m de camiños preexistentes e a creación duns 5.600 m de vías de acceso e servicio ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 4 m e dotados de foxos de 0,40 x 0,20 m para a recollida e evacuación de pluviais, labores de cimentación dos aeroxeradores e escavación duns 7.150 m de gabias de conducción do cableado, cun largo máximo de 100 cm no caso de tres circuítos. A duración estimada da fase de obras é de oito (8) meses.

Tamén está proxectada a construcción dunha subestación transformadora de tensión 20/66 kV e

o edificio de control do parque, dotado de dous niveis. A evacuación da enerxía eléctrica producida polos aeroxeradores realizarase a través de liñas soterradas conectadas á subestación transformadora, da que partirá un tendido aéreo a 66 kV que enlazará coa subestación de Mazaricos, propiedade de Unión Fenosa, para a posterior evacuación da electricidade á rede xeral de transporte.

Medidas preventivas e correctoras

Medidas na fase de deseño e construcción

-Rega con auga para a estabilización.

-Cobertura dos camións que transporten material de natureza pulverulenta.

-Control das emisións gasosas producidas pola maquinaria.

-Control das emisións sonoras.

-Localización de lugares para préstamo e vertedoiros.

-Retirada, almacenamento, conservación e recuperación da terra vexetal.

-Optimización da ocupación do solo por maquinaria e elementos auxiliares.

-Minimización das superficies de vexetación afectadas e solo compactado.

-Construcción e adecuación das novas vías.

-Busca e traslado de exemplares de especies singulares susceptibles de ser afectados, previa á fase de construcción.

-Protexe-los troncos das árbores, raíces e polas.

-Incorporación rápida de material ó solo, diminución dos riscos de incendio e derivados de pragas e enfermidades.

-Xestión dos residuos xerados.

-Construcción dun almacén específico para os residuos perigosos.

-Control das augas sanitarias dos traballadores.

-Mellora no deseño dos aeroxeradores.

-Adecuación das edificacións á tipoloxía constructiva da zona.

-Mellora da integración dos aeroxeradores no contorno.

-Melloras socioeconómicas na comunidade na que se constrúe o parque.

-Control arqueolóxico durante a fase de roza.

Medidas na fase de explotación

-Selección e mellora no deseño dos aeroxeradores.

-Recupera-las condicións iniciais de compactación e drenaxe do solo.

-Revexetación das superficies afectadas.

-Xestión dos aceites usados.

-Desenvolver un programa de recuperación e tratamento paisaxístico.

-Comprobacións sobre afección á avifauna.

-Restitución de camiños, infraestrcuturas ou calquera outra servidume afectada e elementos rurais tradicionais.

O epígrafe de medidas preventivas e correctoras inclúe, para cada delas, unha táboa na que se indica o impacto ó que se dirixe, a definición da medida, o seu obxectivo, descrición, a entidade responsable da xestión, as precaucións de execución e xestión e as necesidades de mantemento.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental do parque eólico de Corzán. Modificado nº 1, cos seguintes condicionantes:

1. Cara a evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. A tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico coa localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

3. De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

4. Tal e como recolle no artigo 63.2º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos descritos máis arriba financiaranse con cargo á execución do proxecto.

5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levadosla cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite un primeiro informe sobre o estudio ambiental do proxecto inicial no que pon de manifesto unha serie de carencias da documentación presentada e indica unha serie de condicionantes que hai que ter en conta na execución das obras e durante a fase de funcionamento do parque.

No segundo informe sobre o proxecto Modificado nº 1, indica que a única variación destacable é que o número de aeroxeradores se incrementará a 48, mantendo a vixencia dos aspectos solicitados no primeiro informe emitido.

No terceiro informe, á vista do informe complementario do estudio de impacto ambiental. P.E. Corzán. Modificado nº 1, de xullo de 2001, indica o seguinte:

Da análise do informe complementario presentado despréndese un achegamento ós obxectivos que se perseguían en prol da integración ambiental da actividade. Aproximación que se ben é mellorable, estímase como suficiente, sempre que:

1. Non se efectúe ningunha actividade que non veña recollida na documentación presentada, ou ben non sexa proposta na declaración ambiental.

2. Se tomen irremisiblemente todas aquelas medidas preventivas e correctoras previstas no estudio ambiental. Así mesmo, adoptaranse tódalas medidas esixidas neste e anteriores informes, ademais das que se establezan na correspondente declaración ambiental.

3. Á vista do plan de vixilancia da avifauna, estímase axeitado o enfoque e obxectivos, así como a proposta para acadalos. Sen embargo, cóidase de interese que se incorporen as seguintes propostas:

-Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos.

-Presentación, de forma explícita, dos datos empregados na consecución dos resultados; zonas de mostraxe (mapificación), factores de corrección, desenvolvemento estatístico.

-A duración do plan será a da vida útil do proxecto.

-Implementaranse as medidas mínimas para detectar calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre a poboación de aves, tanto durante a execución como na explotación. Unha vez detectado o posible impacto, adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

-Determinación de limiares de alerta, cunha metodoloxía rigorosa, e que sirvan para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

-Integrar nun único plan de vixilancia de aves as afeccións polo parque eólico e a liña de evacuación. Se ben esta opción vén recollida na documentación, non está de máis cita-la súa necesidade, pola súa relevancia.

4. É de suma importancia que durante o replanteo e execución se efectúen os controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos. No momento no que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicando ó correspondente Servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifican adoptar. En todo caso caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de produci-la devandita afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie. Dentro destas afeccións, deben ser obxecto de especial atención as dirixidas sobre especies ou ecosistemas que teñan figuras de protección.

Para o cumprimento dos obxectivos expostos deberanse incluír no plan de vixilancia os medios necesarios para a súa consecución. Medios que pasan por un seguimento efectuado por profesionais especializados e capacitados, tanto para a detección destes elementos de especial interese, como do potencial impacto que sobre eles poida recaer, así como das medidas que hai que aplicar para evitalos.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada en relación co expediente, dos informes emitidos polos distintos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental co obxecto de minora-los posibles impactos ambientais, que inclúe os seguintes puntos:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado por la ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental (ruídos e colisións de aves).

A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística sobre o proxecto, que inclúe os seguintes puntos: localización e antecedentes, instalacións e propostas de valoración da incidencia turístico-ambiental, e principios normativos nos que se basea o informe. Nas conclusións derradeiras indican o seguinte:

Valórase asumible o impacto do parque eólico desde o punto de vista turístico-ambiental, sempre que

se preserven as formacións xeomorfolóxicas singulares que constitúen os afloramentos rochosos dos montes da Pena, Castelo e Pedregal.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite informe favorable, que inclúe a descrición das unidades de coñecemento na zona do parque e un resumo do proxecto avaliado, xunto co seguinte condicionado:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter entullos neles, no caso de que estes se producisen, estando ademais prohibido o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos cursos de auga.

A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal maneira que trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

Un condicionante básico sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará ó cumprimento das directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección.

Se co motivo da realización dalgún acceso ou vía con gabia do cableado se produce cruzamento con algún curso fluvial, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo se establece no R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas 29/1985.

En definitiva, ese servicio considera que a instalación do citado parque eólico non produce ningunha alteración de importancia en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe.

Sen embargo, faise indispensable unha correcta execución das vías, de tal maneira que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes.

No caso de que as características deste parque eólico precisasen do uso regular de auga para o seu normal funcionamento, tanto na fase de construcción como na de explotación, ou ben se producisen verteduras ou captacións á rede hidrolóxica, ou cruzamentos da rede fluvial, será necesaria a obtención por parte do explotador das preceptivas autorizacións, que se tramitarán, segundo a lexislación vixente, ante o organismo Augas de Galicia.