Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 28 de decembro de 2001 Páx. 16.544

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de decembro de 2001 pola que se convoca concurso de méritos específico entre funcionarios de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas en niveis non universitarios, para cubrir postos de profesores en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que imparten ensinanzas de niveis non universitarios prevé no seu artigo 3.21º

que as prazas que nel se indican poderán ser cubertas mediante o correspondente concurso específico de méritos e polo prazo que se determine na convocatoria. As devanditas prazas deberán ser provistas a través dun concurso específico de méritos para a súa provisión mediante nomeamento temporal con reserva do posto de traballo de orixe e polo tempo que se estableza na correspondente convocatoria, que en ningún caso poderá exceder en máis de seis anos.

Así mesmo, o artigo 5 do devandito decreto establece que poden cubrirse por este mesmo procedemento aquelas prazas que segundo as previsións que contén o artigo 59 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, favorezan as elaboracións de proxectos, innovacións curriculares, metodoloxías, etc., entre as que existen prazas de recente implantación ou de difícil cobertura polo procedemento ordinario.

Sendo necesaria a provisión de distintas prazas por mor dos diversos convenios entre a Administración educativa e distintas institucións ou entidades a que se refire o artigo 3 do Decreto 244/1999, do 29 de xullo, e outras incluídas no artigo 5 do devandito decreto, e tendo en conta a habilitación que figura na disposición derradeira primeira do mesmo decreto que autoriza o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións que sexan precisas para a súa aplicación e desenvolvemento,

É polo que esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar concurso público de méritos específicos entre funcionarios de carreira dos corpos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarios, para adxudicar en comisión de servicios as prazas que figuran no anexo I desta orde.

Segundo.-Poderán participar nesta convocatoria os funcionarios de carreira dos corpos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarios con destino actual no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que conten, polo menos, con tres anos de servicio como docentes en centros públicos, contabilizados ata o 30 de setembro de 2002 e xustifiquen documentalmente reuni-los requisitos sinalados para cada posto. Así mesmo, poderán, se é o caso, participa-los funcionarios pertencentes ó corpo de inspectores ó servicio da Administración educativa.

Terceiro.-O prazo para a presentación de instancias para tomar parte nesta convocatoria, dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, será de vinte días naturais desde a publicación da presente orde e poderán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Orde

nación Universitaria, nas delegacións provinciais, ou ben na forma prevista no artigo 38.41º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No suposto de optar pola presentación da solicitude e demais documentación ante a oficina de correos, farase en sobre aberto para que a instancia sexa selada e datada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

Unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e demais documentación non se admitirá ningunha modificación nas peticións formuladas. Non obstante o anterior, admitirase renuncia á participación no concurso de méritos específico dentro do prazo establecido para as reclamacións sinaladas no punto sexto, entendendo que tal renuncia afecta á petición formulada.

Cuarto.-Os concursantes presentarán unha única instancia, acompañada dunha fotocopia desta e unha folla de alegacións e autobaremación, axustada ó modelo que se poñerá á disposición dos interesados nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e simultaneamente presentarán, para a demostración dos méritos, os documentos que se indican no baremo que aparece como anexo II.

Os concursantes presentarán ademais:

-Proxecto de traballo sobre as liñas básicas de actuación para o desenvolvemento das funcións inherentes ó posto que se solicita, tendo en conta as súas características, cunha extensión máxima de 20 folios.

Tódalas fotocopias que se remitan deberán ir acompañadas das dilixencias de compulsa, expedidas polos directores dos centros ou das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Non se admitirá ningunha fotocopia que careza da dilixencia de compulsa.

Quinto.-A selección dos aspirantes será realizada por unha comisión que presidirá o secretario xeral ou persoa na que delegue, e da que formarán parte:

-2 vocais coa categoría de subdirectores xerais ou xefes de servicio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-2 inspectores de Educación.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear un representante para asistir ás sesións da comisión.

A comisión poderá solicita-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas, limitándose os devanditos asesores a prestaren a súa colaboración.

Sexto.-Para a valoración dos puntos 1, 2, 3.1, 3.2 e 4.1 do baremo establecido no anexo II a comisión de selección delega esta función unha subcomisión formada por funcionarios da Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Unha vez feita esta, os resultados serán publicados nos taboleiros de anuncios da consellería e das delegacións provinciais, sinalando a relación de excluídos e a causa da súa exclusión e establecendo un prazo de 10 días naturais desde a súa exposición para presenta-las reclamacións que procedan.

Tódolos aspirantes que obteñan unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto poderán ser convocados pola comisión de selección á celebración dunha entrevista para mellor aprecia-las circunstancias que concorren neles, e que versará sobre o proxecto presentado.

Sétimo.-Os membros da comisión e subcomisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e terán dereito a percibir asistencias e axudas de custo por concorreren ás sesións, conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio, estando cualificadas na categoría primeira.

Oitavo.-Aqueles aspirantes que non acaden unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto e de 4 puntos na entrevista, no caso de ter lugar, non poderán ser propostos pola comisión. Serán seleccionados aqueles aspirantes que, obtendo as puntuacións mínimas sinaladas acaden as maiores puntuacións no total dos puntos previstos no baremo establecido no anexo II, para a praza que solicitan.

Noveno.-No caso de producírense empates no total das puntuacións outorgadas, estes resolveranse atendendo sucesivamente e por esta orde á maior puntuación nos puntos 6, 1, 3.3, 4.2, 3.1, 3.2, 4.1 e 2.

Décimo.-Unha vez realizado todo o proceso anterior, a comisión de selección proporá ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a adxudicación dos postos, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, e pola que se entenderán notificados, para tódolos efectos, os concursantes ós que lles afecte. Contra esta resolución poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición perante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación. De non considerar oportuna a interposición do citado recurso, poderase formular directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, conforme se establece nos capítulos II e III da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Décimo primeiro.-O prazo máximo para notifica-la resolución deste procedemento será de 6 meses contados desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Décimo segundo.-As prazas adxudicadas serano en comisión de servicios, por un período de dous anos prorrogables ata catro, e nos termos que figuran no artigo 3.21º do Decreto 244/1999, do 29 de xuño.

Décimo terceiro.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Convenio: Consellería de Medio Ambiente.

Destino: servicios centrais da Consellería de Medio Ambiente, Santiago de Compostela.

Prazas: 3 postos para profesorado de educación secundaria.

Especialidade: bioloxía e xeoloxía ou física e química.

Funcións: establecer fórmulas de cooperación e de coordinación entre tódolos axentes sociais e institucionais para a organización de campañas de sensibilización sobre educación ambiental.

Prestar apoio e asesoramento técnico ós diversos axentes promotores da educación ambiental en Galicia.

Revisa-los criterios de calidade educativa e de coherencia ambiental nos productos ofertados polas empresas promotoras da educación ambiental.

Colaborar no deseño e na execución de actividades de formación sobre educación ambiental.

Velar pola execución dos módulos sobre sensibilización ambiental na formación profesional específica e na formación ocupacional.

Optimiza-lo uso e aproveitamento didáctico dos equipamentos de educación ambiental.

Colaborar na edición de materiais didácticos sobre educación ambiental.

Requisitos: experiencia probada en programación, organización, coordinación e dirección de actividades de sensibilización e formación sobre educación ambiental.

Coñecementos probados da problemática do medio natural (másters, cursos, publicacións, etc.).

Observacións: horario da Administración xeral.

ANEXO II

ConceptosPuntuaciónTotal puntos

máximo

Documentos xustificativos

1. Antigüidade:

Por cada ano de servicios efectivos prestados na situación de servicio activo como funcionario de carreira dun corpo docente (non se computarán os esixidos como requisito).

0,50 puntos5 puntosFolla de alegacións e autobaremación

2. Méritos académicos:2 puntosCopia compulsada das titulacións alegadas

2.1. Polo título de doutor.1 punto

2.2. Titulacións de segundo ciclo diferentes da esixida para a presente convocatoria: por cada licenciatura, enxeñería, arquitectura ou títulos declarados legalmente equivalentes.0,5 puntos

2.3. Titulacións de primeiro ciclo: pola segunda diplomatura ou os 3 primeiros cursos dunha licenciatura diferente da esixida para esta convocatoria.0,25 puntos

3. Formación e perfeccionamento:6 puntosCopia compulsada das titulacións alegadas

3.1. Pola asistencia a actividades de formación que teñan por obxecto o perfeccionamento sobre os aspectos científicos e didácticos, organizadas ou homologadas polas administracións educativas, así como as organizadas ou homologadas polas universidades (0,10 puntos por cada 10 horas de cursos superados acreditados).Ata 2 puntos

3.2. Por outras actividades de formación e perfeccionamento en materia educativa, incluída a impartición, dirección ou coordinación de cursos.Ata 1 punto

3.3. Por actividades de formación específica directamente relacionadas co posto ó que se pretende acceder, incluída a impartición, dirección ou coordinación.Ata 3 puntos

4. Publicacións, proxectos, innovacións técnicas:3 puntosDocumentación orixinal

4.1. Por publicacións de carácter didáctico ou científico, proxectos e innovacións técnicas, de carácter xeral.Ata 1 punto

4.2. Por publicacións de carácter didáctico ou científico, proxectos e innovacións técnicas, relacionadas coa praza que se solicita.Ata 2 puntos
(Deberán conte-lo ISBN, agás as excepcións previstas na lexislación vixente)

5. Por cada ano de servicio en postos de similares características na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, noutras institucións autonómicas ou de ámbito nacional.0,20 puntos2 puntosCertificación de servicios ou nomeamento.

6. Proxecto de traballo:

O proxecto de traballo deberá conte-los obxectivos, planificación xeral, actividades, xustificación e definición á que corresponde a praza que se solicita. (Puntuación mínima esixida por este epígrafe: 4 puntos)

Ata 6 puntosAta 6 puntosOrixinal, cunha extensión máxima de 20 folios

7. Entrevista sobre o proxecto presentado (puntuación mínima esixida por este epígrafe: 4 puntos).Ata 6 puntos pola entrevistaAta 6 puntos

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN

DA POBRA DE TRIVES