Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 28 de decembro de 2001 Páx. 16.509

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 21 de decembro de 2001 pola que se regulan os convenios de colaboración para a tramitación de solicitudes de primas e axudas xestionadas polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Entre as competencias que ten asignadas o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) pola súa Lei de creación están as relativas á aplicación da política agraria común (PAC) para o cal debe xestionar diversas ordes de convocatoria de axudas e primas gandeiras en cada exercicio.

Para acada-las finalidades que ten encomendadas, a súa normativa fundacional facúltao para a sinatura de convenios con entidades de dereito público ou privado.

Trala modificación da política agraria común (PAC) producida pola Axenda 2000, os fondos comunitarios, ben sexan FEOGA-Orientación como Garantía, para o sector agropecuario, e os estatais e autonómicos que financian os distintos programas, incrementáronse en boa medida, así como as liñas de axuda das distintas organizacións comúns de mercado (OCMs) e desenvolvemento rural, o que, a súa vez, provocou o incremento do número de solicitudes.

Deste xeito, resulta necesaria a colaboración de entidades externas, como as financeiras, na tramitación das solicitudes das devanditas axudas, co fin de facilitarlles ós interesados a súa presentación, aproveitando a rede de oficinas que estas teñen espallada en todo o territorio desta Comunidade Autónoma.

Xa que logo, con base en todo o anterior, a través da presente orde preténdese establece-lo marco xurídico habilitante para que o Ilgga poida establecer convenios de colaboración para a xestión das solicitudes de axudas ou primas respecto das cales se prevexa, ben nas bases reguladoras ou nas ordes de convocatoria anual, a posibilidade de utilización deste modo de tramitación.

En consecuencia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto da presente orde a regulación das condicións e requisitos necesarios para que as entidades financeiras (EE. FF.) poidan colaborar co Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) na tramitación de determinadas solicitudes de axudas ou primas no sector agropecuario.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O Ilgga poderá contar coa colaboración das entidades financeiras, cando así se prevexa esta forma de xestión nas respectivas ordes de convocatoria anuais ou nas súas bases reguladoras, sempre e cando as anteditas entidades conten con implantación no territorio desta Comunidade Autónoma e asinen un convenio para o efecto.

Artigo 3º.-Contido do convenio.

1. No convenio que se asinará coas EE. FF. farase mención expresa, como mínimo, das seguintes cuestións:

-Competencia para a súa sinatura.

-Solvencia técnica e eficacia das entidades conveniantes.

-Incompatibilidade da condición de beneficiario coa de colaborador.

-Prohibición de realizar por medio de terceiros as funcións obxecto da colaboración.

-Dereitos e obrigas das partes.

-Medios que cada parte pon á disposición da outra para levar a cabo as actuacións obxecto do convenio.

-Procedemento para a tramitación das solicitudes, así como para o intercambio da información.

-Forma de efectua-lo seguimento e execución desta.

-Vixencia, prórroga e mecanismos de denuncia e de solucións de controversias.

-Gratuidade das prestacións de cada parte, tanto respecto da outra, como dos servicios prestados ós agricultores e gandeiros, polos asinantes dos convenios.

2. Ademais, cando o Ilgga se poña á disposición das EE. FF. datos de carácter persoal, deberase facer mención expresa á obriga destas de respecta-las obrigas establecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e, especificamente, ás esixencias dos seus artigos 9, 10 e 12, relativas ás condicións de seguridade dos datos, deber de segredo e ás condicións de acceso a eles.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural