Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 28 de decembro de 2001 Páx. 16.507

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 21 de decembro de 2001 pola que se regula o traspaso dunha contabilidade en pesetas a unha contabilidade en euros na Administración xeral da Comunidade Autónoma e demais entidades suxeitas ó réxime de contabilidade pública.

A partir de 1 de xaneiro de 2002, de acordo co establecido pola Lei do Estado 46/1998, do 17 de decembro, sobre a introducción do euro, finaliza o período transitorio de convivencia no que a peseta, na súa calidade de subdivisionaria do euro, compartiu con este o carácter de unidade de conta e medio de pagamento, sendo substituída a peseta polo euro para tódolos efectos.

Durante este período, os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia viñéronse aprobando en pesetas e, polo tanto, os rexistros contables e toda a información contable efectuáronse nesa unidade de conta.

Sen embargo, a partir de 1 de xaneiro de 2002 os orzamentos aprobaranse en euros e polo tanto, nesta unidade de conta realizaranse os rexistros contables.

Polo tanto, faise preciso regula-lo traspaso dunha contabilidade en pesetas a outra en euros, de acordo cos criterios básicos xa establecidos pola Lei 46/1998, que se concretan para o sector público nesta orde.

Por todo isto, e en virtude do previsto no artigo 111.b do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e a proposta da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

DISPOÑO:

Ámbito de aplicación.

Primeira.

As normas contidas na presente orde son de aplicación á Administración xeral da Xunta de Galicia, ós seus organismos autónomos e entes públicos suxeitos ó réxime de contabilidade pública.

Unidade de conta.

Segunda.

A partir do 1 de xaneiro de 2002, a contabilidade das entidades a que fai referencia o punto anterior deberá levarse na unidade de conta euro.

A partir do 1 de xaneiro de 2002, os documentos que se utilicen como soporte para o rexistro contable das operacións deberán cubrirse na unidade de conta euro con dous decimais.

Así mesmo, as contas anuais a render ó Consello de Contas de Galicia por estas entidades relativas á exercicios que se pechen a partir de 1 de xaneiro de 2002 expresaranse en euros.

Conversión de saldos.

Terceira.

1. A conversión dos rexistros contables en pesetas correspondentes a operacións en vigor a rexistros contables en euros, efectuarase, na apertura da contabilidade a 1 de xaneiro de 2002, aplicando á información contida nos rexistros existentes en pesetas, ó peche do exercicio de 2001, o tipo de conversión e o arredondamento establecido no artigo 11 da Lei 46/1998, do 17 de decembro, sobre a introducción do euro, de acordo con procedemento establecido no parágrafo seguinte.

A conversión dos importes en pesetas a importes en euros efectuarase ó máximo nivel de desagregación co que figuren rexistrados os datos das operacións no sistema de información contable da entidade, agregando posteriormente os citados importes ó nivel establecido para cada rexistro.

Se, como consecuencia da conversión da información de pesetas a euros, se producisen diferencias de arredondamento, estas rexistraranse na contabilidade económico patrimonial da entidade, no asento de apertura da mesma, como gasto ou como ingreso financeiro a través das correspondentes contas de gasto ou ingresos por diferencias de arredondamento euro, previstas no Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia para tal fin.

2. Aqueles datos dos que non se dispoña no momento da apertura da contabilidade da información de detalle en euros poderán converterse a euros de forma agregada. Cando se dispoña desa información, deberán axustarse os rexistros contables afectados, segundo o criterio establecido no punto anterior.

Se, como consecuencia dos axustes previstos no punto anterior, debese efectuarse rectificacións dos saldos existentes a 1 de xaneiro de 2002, contabilizaranse as oportunas operacións de rectificación de saldos iniciais. Na contabilidade económico patrimonial da entidade, estas realizaranse, ata o 31 de decembro de 2002, utilizando como contrapartida as correspondentes contas de gasto ou ingreso por diferencias de arredondamento euro, previstas no Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia, segundo o seu signo.

Diferencias de arredondamento na tesourería.

Cuarta.

O saldo contable en euros das contas que a entidade teña abertas en entidades de crédito a 31 de decembro de 2001 poderá determinarse a 1 de xaneiro de 2002 por algun dos seguintes métodos:

a) Polo contravalor en euros do saldo contable en pesetas que cada unha das contas tiña a 31 de decembro de 2001.

b) Polo saldo bancario a 31 de decembro de 2001 convertido en euros máis cada unha das partidas positivas da conciliación á dita data convertidas a euros, menos cada unha das partidas negativas da

conciliación convertidas a euros, para cada unha das contas bancarias a 31 de decembro de 2001.

No caso de optar polo método da alínea a) anterior, as diferencias de arredondamento ocasionadas pola imputación bancaria de operacións xa rexistradas con anterioridade a 1 de xaneiro de 2002 reflictirase contablemente polo menos o último día hábil de cada mes, actualizando o rexistro correspondente ás existencias da entidade de crédito afectada. Na contabilidade económico patrimonial, este axuste realizarase mediante un adebedamento na conta de tesourería correspondente co aboamento á conta 7698 «Ingresos derivados do arredondamento euro» no caso de que sexan positivas e cun cargo na conta 6698 «Gastos derivados do arredondamento euro» e aboamento na conta de tesourería correspondente no caso de que sexan negativas.

Habilitados.

Quinta.

Pagamentos a xustificar.

1. Os habilitados pagadores anotarán no libro auxiliar de conta corrente, como primeiro asento do exercicio de 2002, o importe correspondente á conversión a euros do saldo en pesetas que presente o dito libro a 31 de decembro de 2001.

No caso de que este importe, corrixido se é o caso coa suma do contravalor en euros das operacións rexistradas e pendentes de imputación bancaria e a resta do contravalor en euros das operacións imputadas en conta e pendentes de rexistrar, non coincidisen co importe calculado no punto anterior, deberá anotarse no libro auxiliar de conta corrente un asento no que se faga consta-la diferencia de arredondamento producida. Este asento deberá estar apoiado por unha memoria na que se detalle o cálculo realizado para a determinaación da diferencia de arredondamento.

2. A presentación das contas correspondentes ó exercicio de 2001 pendentes de xustificación realizarase en pesetas dentro do mes de xaneiro de 2002, expedíndose os oportunos documentos contables en formalización con imputación ó orzamento de 2001.

Nesta xustificación deberá indicarse, se é o caso, os pagamentos que foron obxecto de imputación bancaria con posterioridade ó 1 de xaneiro de 2002, expresando o importe de cada un deles en pesetas e en euros.

3. O reintegro de fondos non utilizados realizarase mediante un único ingreso no Tesouro da Comunidade Autónoma polo saldo en euros que presente a conta bancaria e que deberá xustificarse ante a Intervención Delegada correspondente mediante o anexo que acompaña esta orde.

No caso de que non puidese realizarse algún pagamento por insuficiencia do saldo bancario en euros, deberá tramitarse documento ADOK nalgunha das aplicacións correspondentes de 2002 polo importe necesario para poder realiza-lo dito pagamento.

Pagamentos en firme.

Nas xustificacións das provisións de fondos para pagamentos en firme, os habilitados pagadores farán constar aqueles pagamentos que fosen obxecto de imputación bancaria con posterioridade ó 1 de xaneiro de 2002, indicando o seu importe en pesetas e en euros.

No caso de que, como consecuencia das diferencias de arredondamento producidas, resultase un saldo na conta bancaria, procederase ó seu reintegro no Tesouro da Comunidade Autónoma indicando que se trata das diferencias de arrendondamento producidas en libramentos en firme, todo isto sen perxuízo do previsto no punto seguinte.

Se, polo contrario, o importe a pagar en euros fose superior ó correspondente ó contravalor en euros do saldo en pesetas, actuarase da seguinte forma:

-Se se tivese producido algún remanente en outra provisión de fondos, poderá compensarse a dita diferencia, facéndoo constar en ámbalas dúas xustificacións.

-Se isto non fose posible, deberá tramitarse documento ADOK na aplicación correspondente de 2002 polo importe necesario para poder realizar tódolos pagamentos.

Información na memoria.

Sexta.

1. Na memoria das contas anuais do exercicio de 2002, informarase sobre o proceso de conversión da información en pesetas a euros, describindo os criterios utilizados para cada unha das contas do asento de apertura da contabilidade.

Así mesmo, xuntarase un estado xustificativo dos importes das contas do asento de apertura, que reflicta as diferencias de arredondamento de cada unha delas.

2. No estado de tesourería integraranse as diferencias de arredondamento producidas durante o exercicio, calculadas segundo o previsto no punto cuarto desta orde. Este importe sumarase ou restarase, segundo o seu signo, á diferencia entre cobramentos e pagamentos do exercicio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A partir do 1 de xaneiro de 2002, tódalas referencias a moeda estranxeira incluídas na normativa aplicable ás entidades integradas no ámbito desta orde entenderánse realizadas a «moeda distinta do euro». Da mesma forma, aquelas referencias que se fagan na mesma normativa á peseta entenderanse realizadas ó euro.

Segunda.-Autorízase a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2001.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL