Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 27 de decembro de 2001 Páx. 16.488

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que publica a declaración de impacto ambiental do 28 de novembro de 2001 do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Xove (Lugo), promovido polo Concello de Xove e a Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

Segundo a Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificouno como sometido a avaliación de impacto ambiental, con data do 21 de setembro de 2001.

O obxecto do proxecto é a creación dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición na canteira de Áridos del Cantábrico, S.A., situada no concello de Xove (Lugo).

A zona está alterada pola presencia da actividade extractiva. No contorno da canteira as especies predominantes son arbustos, eucaliptos e piñeiro negral. Próximo á canteira atópase o rego de Guilán, ó que chegan as augas da enxurrada procedentes da explotación.

No anexo I resúmese o contido do proxecto e das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación presentada.

O estudio ambiental someteuse a información pública, por un prazo de 30 días, mediante resolución do 3 de outubro de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 201, do 17 de outubro de 2001. O resultado deste trámite recíbese con data do 23 de novembro de 2001, sen que se teña constancia da presentación de alegacións.

Con data do 3 de outubro de 2001 consúltanse as direccións xerais de Industria e Patrimonio Cultural e o organismo Augas de Galicia. O informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recíbese o 16 de novembro de 2001, e o da Dirección Xeral de Industria o 20 de novembro de 2001.

Non tendo constancia da emisión dos restantes informes no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, cómpre prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No anexo II resúmese o contido dos anteditos informes.

Formalizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os únicos efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no municipio de Xove (Lugo), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Xove.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Xove, a obriga de asumi-la explotación, mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Xove ou, se é o caso, do adxudicatario. Durante a fase de

obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopan os documentos titulados proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición, ayuntamiento de Xove, (Lugo) e aclaracións ó proxecto do vertedoiro de RDC en Xove, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación avaliada, de xeito que se asegure a minorización dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto definido no documento titulado proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición. Concello de Xove (Lugo).

Os residuos obxecto de depósito no vertedoiro serán residuos non perigosos procedentes de construcción e demolición.

2. Sobre a xestión dos residuos.

2.1. No vertedoiro só poderán admitirse residuos de construcción e de demolición, entendendo como tales os así definidos no catálogo de residuos de Galicia.

2.2. Estando algún destes residuos catalogado como perigoso, definirase e aplicarase un procedemento de control de entrada e identificación de carga, que garanta que estes residuos perigosos se entregan a xestor autorizado.

2.3. Co fin de evita-la producción de po e ruído, de facilita-la visualización dos residuos para a súa correcta xestión (facilitando a separación de residuos perigosos e a devolución do material no caso de que os residuos non cumpran cos requisitos de aceptación), considérase que a vertedura debe realizarse directamente sobre a superficie do vertedoiro. Os vehículos accederán a esta área pola porta de acceso inferior, procedendo a deposita-lo cargamento en forma de moreas separadas. Posteriormente, e de xeito periódico, procederase a estender estas moreas formando carpas.

2.4. A xestión de residuos rexerase polo principio de prevención da súa xeración, debendo limitarse a eliminación segura dos residuos a aqueles residuos ou fraccións non susceptibles de valorización, dado o estado da técnica. Co fin de cumprir estes principios é obrigatorio realizar unha clasificación previa dos residuos, separando e xestionando os residuos

valorizables; debe discriminarse nas tarifas e prezos este feito.

2.5. Para asegura-lo control dos residuos depositados no vertedoiro, o promotor deberá levar un rexistro no que se incluirán, ademais dos datos indicados no punto 4.2.b do anexo número 11. Plan de explotación, os seguintes datos: ademais da procedencia indicarase o destino do residuo (recollendo se se deposita no vertedoiro, se devolve ó propietario, se entrega a outro xestor autorizado...), natureza da carga e o código de identificación (CER).

2.6. Os labores de mantemento da maquinaria non apta para circular por estrada realizaranse dentro dunha zona delimitada con este fin, dispoñendo dos medios necesarios para evitar calquera afección ó solo por derramos accidentais. No caso da maquinaria apta para esta circulación, deberán realizarse en talleres autorizados.

2.7. Os aceites dos equipos e da maquinaria xestionaranse correctamente recolléndoos en contedores e entregándoos a un xestor autorizado.

2.8. Os lodos obtidos na balsa de decantación xestionaranse de acordo coa lexislación vixente, baleirándoo polo menos cando o seu volume quede reducido á cuarta parte.

3. Sobre o ruído.

3.1. Non se superarán os límites establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (Diario Oficial de Galicia do 20 de agosto de 1997) e, se é o caso, o establecido polo Concello de Xove.

4. Sobre a atmosfera.

4.1. Os motores de combustión da maquinaria de obras deberán cumpri-los niveis de emisión de gases estipulados polo Decreto 3025/1974, do 9 de agosto, sobre limitación da contaminación atmosférica producida polos vehículos automóbiles, debendo dispor de documentación que o acredite.

4.2. Co fin de evitar levantamentos de po no transporte dos residuos, os contedores de transporte cubriranse ata o depósito final. Procederase, ademais, a humecta-las zonas de actuación nos períodos de seca coidando de non xerar verteduras líquidas.

5. Sobre as augas.

5.1. Co fin de minimiza-la entrada da auga no oco de vertedura, as augas de escorrega externa serán captadas polo foxo proxectado, situada nun dos laterais da parcela.

5.2. A auga caída sobre os residuos será drenada e dirixida cara ó foxo de recollida de augas da enxurrada externa.

5.3. Para evita-la erosión na incorporación destas augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impe

di-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

5.4. A calidade das augas procedentes deste sistema desareador-desengraxador, previamente á súa incorporación ó medio, deberá cumprir, como mínimo, coas condicións recollidas na seguinte táboa 1:

Táboa 1:

ParámetroValor límiteUnidades

pH5,5-9,5

Sólidos en suspensión80mg/l

Materiais sedimentables0,5ml/l

Sólidos grososAusentes

5.5. Vista a proximidade do rego Guilán á instalación obxecto desta DIA, terase en conta que para a afección á zona de dominio público hidráulico se deberá contar coas preceptivas autorizacións e permisos previamente ó inicio das obras, e para a vertedura das augas ó medio deberá obterse a correspondente autorización de Augas de Galicia.

5.6. Realizaranse periodicamente labores de mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais da enxurrada interna e externa ó vertedoiro.

6. Sobre o solo.

6.1. Os sobrantes de escavacións, os residuos da fase de obra e calquera outro elemento contaminante xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente.

6.2. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente delimitado e sinalizado.

6.3. Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

7. Sobre o patrimonio cultural.

7.1. Considerando as características do proxecto que comprende a realización da totalidade da obra dentro dunha explotación mineira xa existente e que non comporta novos movementos de terra que puideran afecta-lo patrimonio cultural, considérase preciso indicar que os accesos utilizados para a construcción do proxecto sexán os existentes na actualidade.

7.2. E no caso de que as obras proxectadas ou outras obras auxiliares teñan lugar fóra do ámbito recollido no proxecto de referencia, será necesaria unha prospección arqueolóxica da área onde se vaian facer novos movementos de terra.

8. Sobre a protección paisaxística.

8.1. Nos cerramentos coa vía de acceso disporase a pantalla vexetal proposta no proxecto de restauración, formada por Thuja occidentalis. Esta pantalla deberá dipoñerse ó principio da explotación co fin de que cumpra coa súa finalidade desde o inicio da actividade.

9. Sobre a restauración.

9.1. Unha vez finalizada a explotación do vertedoiro dispoñeranse as capas de selaxe previstas no proxecto, procedendo a revexeta-la totalidade da súa superficie. Con este fin, e seis meses antes do abandono, en cumprimento do punto 10.4 desta DIA, presentarase perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o proxecto de clausura do vertedoiro no que se inclúa a descrición da revexetación que se vai realizar.

9.2. As especies que se utilizarán na revexetación deberán ser autóctonas da zona e permiti-la integración da superficie do vertedoiro selado co contorno.

9.3. As achegas externas de solo deberán contar coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas; comprobarase o nivel de fertilidade e corrixiranse as súas características.

9.4. Procederase á rega regular, fertilización mineral de reforzo anual, resementeira das superficies revexetadas e reposición de marras, ata que se asegure aviabilidade da revexetación.

9.5. Procederase a desmantela-las instalacións e a restaura-las zonas afectadas por elas.

10. Sobre o control de accesos.

10.1. Procederase a executa-lo cerramento do vertedoiro empregando malla cinexética, co fin de controla-lo libre acceso ó lugar de persoas e animais, pechándose as entradas fóra das horas de servicio.

10.2. Rexistraranse as cantidades de residuos que teñan entrada ou saída no lugar, tal e como se indica no punto 2.5.

11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódalas incidencias que se produzan, se rexistrarán no momento da súa avaliación nun libro-rexistro.

As análises que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar, así mesmo, a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

11.1. Informe final de obras de adecuación:

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos e comprenderá, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 ou maior detalle, en coordenadas UTM, onde aparezan os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar e preste especial atención ó estado do rego de Guilán e ás medidas correctoras aplicadas. Nestas fotografías deberá indicarse a localización, data e hora da toma.

d) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso, xestión dos residuos xerados durante a fase de obra e resultado dos controis. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 12.2 desta declaración.

11.2. Informe previo ó inicio da explotación:

Neste informe presentarase documentación acreditativa do inicio do trámite de autorización de vertedura do correspondente organismo de conca e proxecto de explotación do vertedoiro no que se teña en conta, ademais do indicado no anexo nº 11. Plan de explotación do proxecto, as indicacións dadas nesta declaración.

O Concello de Xove non poderá inicia-la explotación do vertedoiro ata contar co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre esta documentación.

11.3. Informe de seguimento ambiental durante a fase de explotación:

Presentarase con periodicidade semestral, contando desde a data de inicio da explotación e durante toda a súa vida útil. Conterá unha memoria descritiva dos resultados obtidos nos controis previstos no programa de vixilancia e control (anexo nº 8. Avaliación de efectos ambientais) e incluirá ademais:

a) Resumo dos rexistros de entradas e saídas na instalación de acordo co indicado no punto 2.5.

b) Reportaxe fotográfica (sinalando lugar, data e hora de toma das fotografías) na que se reflicta o estado do vertedoiro e dos seus arredores.

c) Accións levadas a cabo e previstas sobre a terra vexetal e o sistema de drenaxe e decantación (control do funcionamento; periodicidade da retirada de lodos, volume retirado e destino).

d) Análise físicoquímica trimestral das augas provenientes da zona de vertedura unha vez decantadas e antes da súa vertedura, na que se inclúan, como mínimo, os parámetros indicados na táboa 1 desta DIA. Estas análises serán feitas por un laboratorio homologado.

e) Resultado da inspección mensual do estado do cerramento e conclusións sobre a súa efectividade.

Se durante o período de explotación e control se producise unha variación significativa na calidade das augas ou calquera outro incidente de carácter ambiental, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la frecuencia dos controis que se van realizar e propoñer novas medidas.

11.4. Informe ambiental previo ó abandono:

Nun prazo de seis meses previos á finalización da vida útil do vertedeiro procederase a envia-lo proxecto de clausura do vertedoiro de residuos inertes, indicando as actuacións programadas ó respecto, as accións previstas con carácter de corrección ambiental incluíndo a revexetación, e un plan de control e seguimento ambiental para esta fase posclausura, baseado nas indicacións recollidas no punto 7.1.3 do anexo número 7: selaxe e clausura, incluído no proxecto e na lexislación de aplicación no momento da redacción.

12. Condicións adicionais.

12.1. O Concello de Xove poderá solicitar do órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó promotor o acordo adoptado.

12.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

12.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

12.4. Se, unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou

crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

12.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

12.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

12.7. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade ou modificala.

12.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O obxecto do proxecto é a creación dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición na canteira existente de Áridos del Cantábrico, S.A., no concello de Xove (Lugo).

As actuacións incluídas no proxecto son: control de acceso mediante cerramento perimetral e colocación de panel informativo, acondicionamento dos terreos, execución de sistemas para evacuación de augas pluviais, instalacións e equipamento. Tralo movemento de terras definido no proxecto, quedará un vaso de vertedura cunha profundidade media de 9,42 m e un fondo de 3.406 m, prevéndose que a capacidade útil sexa de aproximadamente 24.020 m, o que corresponde a 4 anos de explotación.

Como anexo ó proxecto inclúese un plan de explotación, no que se indica o procedemento de admisión de residuos e se valoran os custos de explotación.

Para a fase posclausura proponse a selaxe do vertedoiro mediante a realización da seguinte cuberta de impermeabilización (de abaixo a arriba): 0,3 m de capa de impermeabilización mineral; 0,3 m de capa de drenaxe constituída por unha mestura de gravas sobre a que se colocará un xeotéxtil non tecido; 0,3 m de solo e 0,2 m de terra vexetal, que se fertilizará, se sementará cunha mestura de sementes composta nun 80% de gramíneas en un 20% de leguminosas e plantase Hedera helix (hedra) e Thuja occidentalis (tuia), nos cerramentos colindantes coa vía de acceso, todo iso co fin de diminuí-lo impacto visual.

Medidas protectoras e correctoras.

Xeoloxía.

-Estabilización dos noiros xerados polo movemento de terras.

-A revexetación dos solos afectados contribúe de xeito decisivo ó control da erosión superficial e á restauración da cuberta vexetal.

Réxime hidrolóxico.

-Separación de concas mediante a construcción dun foxo perimetral que recolla a auga de chuvia.

-Recollida de aguas da enxurrada e subterráneas mediante un sistema de drenaxe.

-Construcción de arquetas para recoller estas auga e levalas ó foxo das augas da enxurrada externa.

Solos.

-Recóllese no proxecto a selaxe do terreo e posterior revexetación.

Vexetación.

-O proxecto prevé a realización de plantacións acordes co contorno, conducentes a recupera-la cuberta vexetal da zona. Esto recóllese no anexo nº 7 do proxecto.

ANEXO II

Resumo dos informes.

-A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en relación co expediente proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Xove (Lugo), á vista da documentación que consta neste Servicio de Arqueoloxía, e á vista do informe dos servicios técnicos, esta dirección xeral, no ámbito das súas competencias, emite o seguinte informe:

1. Considerando as características do proxecto, que comprende a realización da totalidade da obra dentro dunha explotación mineira xa existente, o proxecto de vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Xove (Lugo) non comporta novos movementos de terra que puidesen afecta-lo patrimonio cultural.

2. Así mesmo, os accesos utilizados para a construcción do proxecto serán os existentes na actualidade.

3. No caso de que as obras proxectadas ou outras obras auxiliares teñan lugar fóra do ámbito recollido no proxecto de referencia, será necesaria unha prospección arqueolóxica da área que leve consigo novos movementos de terra.

Por todo iso, desde o punto de vista do Patrimonio Cultural, emítese informe favorable da realización do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Xove (Lugo).

-A Dirección Xeral de Industria emite informe no que, tras facer un resumo do proxecto, fai as seguintes indicacións:

Na páxina 8.3 (anexo nº 8) punto 2.4, Sistema de drenaxe, depósito e control de lixiviados, indícase:

-«Colócase unha balsa de decantación prefabricada, na cal sedimentan os sólidos do caudal lixi

viado previamente á súa incorporación á rede de sumidoiros».

-Non existe tal rede de sumidoiros.

Na avaliación de efectos ambientais na fase de explotación obsérvase o seguinte:

-Páxina 8.26, Calidade da auga-Presencia da infraestructura: «Coa depuración das augas que atravesan o vertedoiro e a súa separación do resto da conca, prodúcese unha importante mellora da calidade do auga. O impacto é moi notable, directo, positivo e permanente». Non se trata da rexeneración dun vertedoiro existente, polo que tal afirmación é sorprendente.

-Páxina 8.27, Fauna-Tráfico de vehículos: «Na fase de explotación da infraestructura, ó se reduci-lo tráfico no acceso á zona de vertedoiro, desaparecen unha serie de afeccións que sufría a fauna: molestias por ruídos, riscos de atropelo, etc. O impacto é mínimo e permanente». ¿Cal é a reducción do tráfico?

-Páxina 8.28, Calidade do aire - Tráfico de vehículos: «Coa diminución do tráfico de vehículos cara ó vertedoiro aumenta a calidade do aire. O impacto é mínimo, positivo e permanente». ¿?

Na páxina 13.1, punto 1, Definición de lixiviados novamente indícase: «Por tanto, os únicos compoñentes que hai que separar do lixiviado antes de ser introducido na rede de sumidoiros municipal, serán os sólidos en suspensión».

Para o cálculo do caudal de lixiviados, na fase de explotación do vertedoiro tómase como caudal máximo anual a suma dos valores mensuais de infiltración do balance hídrico, sen considera-los valores máximos mensuais, e na de clausura, se parte dun balance hídrico e se toma como caudal máximo o correspondente ó valor medio mensual, en vez do valor máximo mensual de infiltración, o que pode desembocar nunha realización de obra insuficiente, ó non dimensionarse para os meses de maior precipitación.

A avaliación de efectos ambientais incluída no proxecto carece de descrición e proposta de medidas correctoras dos impactos producidos polas emisións de po e ruído e non dan cumprimento ó esixido pola Lei 7/1997 e Decreto 150/1998.

Tampouco se indica nada sobre cómo se levará a cabo a separación de residuos non perigosos pero combustibles (embalaxes, madeiras, etcétera) nas operacións de recepción durante a fase de explotación.

Da visita de confrontación realizada infórmase o seguinte:

A empresa (Áridos del Cantábrico, S.A.) é coñecedora da pretensión de establecemento da instalación proxectada, aínda que o encargado non coñece os detalles do proxecto.

A afección futura á actividade da empresa é moi significativa e pode dificulta-la explotación racional

dun elevado volume de recurso, dado que o lugar proposto está ocupado actualmente por unha instalación temporal de fabricación de productos de formigón, que é a que se aprecia nas fotografías incluídas no proxecto.

Xunto ó punto de entrada ó lugar discorre o rego de Guilán. O impacto do vertedoiro sobre a calidade das augas pode ser severo.

A pista de acceso, desde a estrada C-642 no punto coñecido como Alto do Cruceiro, mide cerca de dous quilómetros e carece de vixilancia e controis de acceso. O perigo de deterioración ambiental das súas inmediacións é evidente: pode constituír un obxectivo propicio para o abandono de todo tipo de residuos, ben para eludi-lo pagamento que comporta a súa entrega (inertes de C&D), ben para desfacerse dos rexeitables (botes de pintura, aerosois, amianto, etc.) e, en xeral, constitúe un foco de atracción para o abandono incontrolado daqueles de difícil xestión (restos de embarcacións, animais mortos, electrodomésticos vellos, etcétera), problemas que ata o de agora non se evidenciaron.

Como conclusión, no informe indícase que o proxecto é para unha actividade temporal de vertedoiro de residuos de C&D, cunha duración prevista de catro anos, aínda que os seus efectos negativos sobre o ambiente e sobre a actividade da canteira de Áridos do Cantábrico, S.A. son notables e duradeiros.

En consecuencia, emítese informe desfavorable e desaconséllase o lugar proposto.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental