Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 27 de decembro de 2001 Páx. 16.440

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 18 de decembro de 2001 pola que se establece o procedemento para a elección do presidente, vicepresidente e membros da comisión permanente do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

Por medio do Decreto 127/1998, do 23 de abril, creouse o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, establecéndose no seu o artigo 9.1º que o presidente, o vicepresidente e os membros da comisión permanente serán elixidos polo pleno do consello, por un período dun ano e poderán ser reelixidos.

Desde a constitución do consello o 22 de outubro de 1998, no que se designaron por primeira vez os cargos de presidente, vicepresidente e membros da comisión permanente, só se produciu unha renovación destes, o que implica unha vulneración do citado artigo 9 do Decreto 127/1998.

Tendo en conta que a falla de convocatorias do pleno para a renovación dos cargos supón que, de feito, se está a producir unha paralización do funcionamento do consello, é polo que ante esta situación a Administración pública non pode permanecer impasible, debendo adopta-las medidas axeitadas para a súa solución.

Neste sentido, e a través desta orde establécese un procedemento automático para que se proceda á elección e renovación dos cargos de presidente, vicepresidente e membros da comisión permanente do Consello Galego de Consumidores e Usuarios evitando a vulneración do artigo 9 do Decreto 127/1998.

Por todo isto, de acordo co disposto na disposición derradeira do Decreto 127/1998, do 23 de abril, polo que se crea o Consello Galego de Consumidores e Usuarios,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Esta orde ten por obxecto establece-lo procedemento para a elección do presidente, vicepresidente e membros da comisión permanente do Consello Galego de Consumidores e Usuarios prevista no artigo 9.1º do Decreto 127/1998, do 23 de abril.

Artigo 2º

Polo transcurso do prazo dun ano establecido no artigo 9 do Decreto 127/1998, do 23 de abril, polo que se crea o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, cesarán automaticamente o presidente, o vicepresidente e os membros da comisión permanente do consello.

Artigo 3º

Con carácter previo, ou inmediatamente despois da finalización do prazo establecido no artigo 9 do Decreto 127/1998, o presidente do Instituto Galego

de Consumo procederá a convoca-lo pleno do consello para a renovación dos cargos de presidente, vicepresidente e membros da comisión permanente do consello.

Artigo 4º

Entre a convocatoria do pleno e a súa celebración deberá transcorrer un prazo mínimo de sete días, sen que poida ser condicionado a ningún outro.

Artigo 5º

As candidaturas que se propoñan para cada un dos cargos de presidente, vicepresidente e membros da comisión permanente deberán ter entrada no rexistro da sede do Instituto Galego de Consumo en Santiago de Compostela antes do día anterior á celebración da sesión do pleno do consello. Consideraranse como non presentadas as candidaturas que tiveran entrada no citado rexistro fóra do prazo establecido.

Artigo 6º

O devandito pleno do Consello Galego de Consumidores e Usuarios será presidido polo presidente do Instituto Galego de Consumo, ou persoa en quen delegue.

Disposicións adicionais

Primeira.-Ós actuais cargos de presidente, vicepresidente e membros da comisión permanente seralles de aplicación o establecido no artigo 2º desta orde, sempre que transcorrera o prazo previsto no artigo 9 do Decreto 127/998.

Segunda.-O procedemento establecido nesta orde será de aplicación, salvo o disposto no seu artigo 2º, á elección de presidente, vicepresidente e membros da comisión permanente unha vez transcorrido o mandato de catro anos dos membros do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, establecido no artigo 6 do Decreto 127/1998.

Disposición transitoria

Na primeira convocatoria do pleno para a renovación dos cargos de presidente, vicepresidente e membros da comisión permanente, que realice o presidente do Instituto Galego de Consumo, non será de aplicación o prazo de sete días establecido no artigo 4º, desta orde, estando suxeito, unicamente, ó prazo de corenta e oito horas establecido no artigo 24.1º a) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio