O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.
O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.
O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.
Convocada folga nos servicios de cociña, hospital de semana e na UVI do Policlínico Vigo, S.A. (Povisa) e que afectará ós cociñeiros, persoal do hospital de semana e persoal sanitario con quendas rotatorias de mañá, tarde e noite, que se iniciará desde as 22 horas do día 25 de decembro ás 22 horas do 28 de decembro de 2001, desde as 22 horas do 1 xaneiro ás 22 horas do 4 de xaneiro de 2002, e a partir do 6 de xaneiro de 2002 en días alternos, desde as 22 horas dos domingos ás 22 horas dos luns, desde as 22 horas dos martes ás 22 horas dos mércores e desde as 22 horas dos xoves ás 22 horas dos venres, con carácter indefinido; por proposta da empresa, logo da audiencia do comité de folga,
DISPÓN:
Artigo 1º
A convocatoria de folga, que afecta ó persoal do servicio de cociña, do hospital de semana e o persoal sanitario con quendas rotatorias de mañá, tarde e noite do Policlínico Vigo, S.A. (Povisa), que se
iniciará ás 22 horas do día 25 de decembro de 2001, con carácter indefinido, durante os días mencionados, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que, propostos polo Policlínico Vigo, S.A. (Povisa) se establecen a continuación.
Así, considérase que os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la necesaria cobertura dos servicios da institución sanitaria, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios.
Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.
Os servicios mínimos que se determinan responden ós criterios seguintes: o Servicio de Urxencias ten unha alta ocupación, sendo, así mesmo o Policlínico Vigo, S.A. centro de referencia da Unidade de Queimados, o que xera unha alta ocupación de pacientes.
Para garantir tales servicios de acordo coa proposta do Policlínico Vigo, S.A., establécense os seguintes servicios mínimos:
-Quirófano de urxencias: 100% do persoal.
-Servicio de urxencias: 100% do persoal.
-UVI: 100% do persoal.
-Hospital de semana: número de persoal de venres.
-Unidades de hospitalización: número de persoal de domingos.
-Radioloxía: número de persoal de domingos.
-Laboratarios: número de persoal de domingos.
Artigo 2º
A determinación de efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios faraa a dirección do centro hospitalario, procedendo á súa publicación nos taboleiros de anuncios dos centros de traballo afectados.
Artigo 3º
Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).
Artigo 4º
O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.
Artigo 5º
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.
Disposición derradeira
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2001.
José Mª Hernandez Cochón
Conselleiro de Sanidade