Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 24 de decembro de 2001 Páx. 16.358

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de novembro de 2001 pola que se establece o deseño e características da placa da escala de letrados da Xunta de Galicia.

A escala de letrados da Xunta de Galicia ten encomendadas, de acordo coa Lei 15/1991, do 28 de decembro, que a crea, as funcións específicas de asesoramento en dereito e de representación e defensa da Administración da Comunidade Autónoma e da súa Administración institucional.

A través desta orde, de acordo co artigo 21 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e en desenvolvemento do réxime orgánico da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, establecido polo Decreto 370/1992, do 3 de decembro, e de acordo coa súa disposición derradeira primeira, establécese a placa da escala de letrados, para os efectos da súa posible utilización, entre outros ámbitos, no procesual adherida á toga, se é o caso, no marco do artigo 187 da Lei orgánica do poder xudicial e lexislación procesual aplicable, protocolaria en actos solemnes, impresión en papel de oficio, ou outras situacións nas que se requira, de acordo coas funcións que á escala lle corresponden.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-A placa da escala de letrados da Xunta de Galicia, nas súas versións metálica e bordada, terá as seguintes características:

a) Versión metálica: estará formada por unha peza de base ovoide, realizada en aliaxe metálica gris suave, que incorpora un bordo realzado por unha orla na que, entre tres vieiras que representan os tres poderes; lexislativo, xudicial e executivo, se lerá a inscrición in consulendo liber, in contendendo acer. A orla poderá realzarse en relevo esmaltado en azul e, na parte inferior, o anagrama Letrados da Xunta de Galicia, en letras brancas.

Inserido no centro irá o escudo oficial de Galicia, en alto relevo, ó que se lle sobrepón a balanza en dourado, figura alegórica da xustiza. Na parte inferior do escudo irá un libro aberto, figura alegórica da iurisprudentia, coa expresión Lex, impresa no tamaño da páxina na esquerda e en branco á dereita.

No exterior da placa poderá rematarse por unha filigrana radial inserida no perímetro, formada por segmentos de barras apuntadas tamén realizadas en aliaxe de metal dourado.

O diámetro máximo da placa, incluíndo a filigrana radial, será de 90 mm. Na parte posterior dispoñerá de enganche ou prendedor para colgar.

b) Versión bordada: estará formada por unha base de tela gris suave que servirá de soporte ós motivos bordados. No centro levará unha figura ovoide, bordada en ouro polo exterior. Na súa parte interna, unha orla bordada en azul, na que, entre tres vieiras, na parte superior, se lerá a inscrición in consulendo liber, in contendendo acer; na parte inferior lerase Letrados da Xunta de Galicia.

No interior figurará o escudo oficial de Galicia, coa coroa bordada en vermello; na súa parte superior figurará a balanza alegórica da Xustiza bordada en ouro, e na súa parte inferior o libro aberto coa inscrición, na súa páxina esquerda Lex, impresa no tamaño da páxina e en branco á dereita.

O exterior poderá estar rematado por unha filigrana radial bordada en perímetro, formada por segmentos de barras apuntadas, bordadas en ouro.

O diámetro máximo da placa bordada, incluíndo a filigrana radial, será de 90 mm.

Na parte posterior dispoñerá de corchetes ou velcro para pegar.

Disposición adicional

A placa dos letrados da Xunta de Galicia axustarase ós modelos que figuran no anexo desta orde.

ANEXO

a) Versión metálica:

b) Versión bordada:

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública