Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 21 de decembro de 2001 Páx. 16.312

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 17 de decembro de 2001 pola que se convocan cursos de formación para o persoal da escala de axentes forestais.

O Decreto 293/1997, do 1 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da escala de axentes forestais, establece as funcións que lle corresponde desenvolver ó persoal da escala en relación coa tutela e xestión dos recursos naturais renovables e a conservación da natureza no ámbito do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. A realización das devanditas funcións require que os axentes forestais reciban formación teórica e práctica, que actualice e amplíe os seus coñecementos nun eido que require, cada vez máis, unha mellor capacidade de resposta por parte de Administración ante as demandas da sociedade.

A Lei 2/2000, do 21 de decembro, pola que se crea a escala de axentes facultativos ambientais da Xunta de Galicia, dispón no seu artigo 2.2º, que o acceso á escala se poderá levar a cabo a través da promoción interna desde a escala de axentes forestais da Xunta de Galicia, como escala do grupo D da mesma área de actividade, de conformidade co previsto na disposición adicional vixésimo segunda da Lei 30/1984, do 2 de agosto.

Por outra parte, na disposición transitoria da Lei 2/2000 recóllese que os funcionarios de carreira que á súa entrada en vigor pertenzan á escala de axentes forestais do corpo de auxiliares facultativos da Xunta de Galicia poderán integrarse na escala de axentes facultativos ambientais do corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, sempre que cumpran os requisitos de acceso establecidos na disposición adicional vixésimo segunda da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública. Para tal efecto, o parágrafo segundo da referida disposición transitoria da Lei 2/2000 prevé a convocatoria, como máximo, de dous procesos selectivos de selección que lle permitan acceder á escala ó persoal da escala de axentes forestais que os superasen.

O anteriormente exposto implica que os cursos teñan un dobre carácter; dunha banda o de ser cursos de formación para o persoal da escala de axentes forestais, e doutra o de curso específico de formación para efectos de que o persoal desta escala poida participar nos procesos de promoción interna, polo sistema de concurso-oposición, para o acceso á escala de axentes facultativos ambientais que poidan convocarse, conforme o disposto no artigo 2.2º e na disposición transitoria da precitada Lei 2/2000.

A impartición dos cursos efectuarase no marco dos acordos de colaboración subscritos pola Consellería de Medio Ambiente coa Escola Galega de Administración Pública, que expedirá os certificados e diplomas que correspondan, así como tamén coa Academia Galega de Seguridade.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu

presidente, e logo do informe favorable da Comisión de Persoal,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócase a realización de cursos de formación para o persoal da escala de axentes forestais adscrita funcionalmente á Consellería de Medio Ambiente, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública.

Artigo 2º

Os cursos compóñense de 4 módulos que se impartirán de xeito descentralizado e comprenderán as seguintes materias: montes, incendios forestais, ambiente natural e cuestións horizontais. As edicións dependerán do número de solicitantes, tendo en conta que o número de prazas por módulo non superará os 40 alumnos.

Artigo 3º

Os cursos terán unha duración de 140 horas. Cada módulo contará con 28 horas de formación teórica e 7 horas de formación práctica, impartidas en sesións diarias de 7 horas. A formación práctica desenvolverase despois de terse impartida a formación teórica correspondente a cada un dos módulos.

Artigo 4º

Ós participantes nos cursos seralles entregado o material de estudio e consulta necesario para o adecuado seguimento deles.

Artigo 5º

Terá prioridade, para efectos da admisión nos cursos, o persoal que, tendo entre cinco e dez anos de antigüidade na escala de axentes forestais no momento da publicación desta orde, non estea en posesión do título de técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos ou da titulación de técnico especialista equivalente. Todo isto sen prexuízo dos criterios de selección establecidos con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 27 de xuño de 1994 (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Artigo 6º

A partir do día seguinte ó da súa publicación ábrese un prazo de dez días hábiles para a presentación de solicitudes, que serán presentadas no rexistro xeral da Consellería de Medio Ambiente en Santiago de Compostela ou nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente, sen prexuízo de que se poidan presentar en calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 7º

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións dos cursos. Toda ausencia deberá ser xustificada polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, dará lugar á baixa no curso coa perda de tódolos dereitos.

Artigo 8º

Ós participantes nos cursos que superen, alomenos, as avaliacións de tres dos catro módulos de que se compón cada curso, outorgaráselles certificado de apto con aproveitamento.

Aqueles asistentes que non superen o referido curso tal como se sinala no parágrafo anterior recibirán un certificado de asistencia.

Artigo 9º

A superación con aproveitamento do curso habilitará para concorrer, a través da promoción interna, ós procesos selectivos para o acceso á escala de axentes facultativos ambientais da Xunta de Galicia, nos que se considere esta posibilidade, o persoal da escala de axentes forestais da Xunta de Galicia grupo D, cunha antigüidade de entre cinco e dez anos nela, que non estea en posesión da titulación de técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos ou da titulación de técnico especialista equivalente.

Artigo 10º

Mediante resolución do secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, por delegación do conselleiro, procederase á admisión ou exclusión dos aspirantes ós cursos convocados. Esta resolución dictarase no prazo dun mes a partir da publicación desta convocatoria.

Artigo 11º

A resolución de admitidos e excluídos, de se-lo caso, así como as datas e lugares de realización dos cursos publicaranse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Medio Ambiente e nos das súas delegacións provinciais.

Artigo 12º

A resolución de admitidos e excluídos poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben, poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 23 de xuño, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente para dictar cantas disposicións complementarias sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente