Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 21 de decembro de 2001 Páx. 16.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 400/2001, do 11 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o pazo de Santa Cruz de Ribadulla e os seus xardíns, situados no concello de Vedra, provincia da Coruña.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por Resolución do 8 de febreiro de 2000 (Diario Oficial de Galicia do 9 de marzo), incoou expediente para a declaración de ben de interese cultural con categoría de monumento a favor do pazo de Santa Cruz de Ribadulla e os seus xardíns.

A tramitación do expediente levouse a cabo segundo o establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e demais disposicións vixentes.

Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o pazo de Santa Cruz de Ribadulla e os seus xardíns, sitos no concello de Vedra, provincia da Coruña.

Artigo 2º

A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación escrita contida no anexo I e no plano recollido no anexo II.

Artigo 3º

Este decreto será notificado ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ó Concello de Vedra e ós demais interesados no expediente.

Artigo 4º

Este decreto será publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO I

1-2 Estrada de Padrón á Ponte Ulla, desde o río ata o punto onde o muro de cerramento do predio cambia de dirección.

2-3 Liña que desde a esquina do muro de cerramento do predio segue paralelo a este e se une de novo á estrada de Padrón á Ponte Ulla no punto onde esta se cruza co camiño que leva ó núcleo de Outeiro.

3-4 En Outeiro, cruzamento á esquerda que sobe rodeando a muralla ata chegar ó lugar de Sol, na estrada de Vedra a Santa Cruz de Ribadulla.

4-5 Desde Sol, seguindo pola estrada que conduce á entrada do pazo, pasando polo núcleo da Torre de Abaixo ata chegar ó punto onde cruza o río.

5-1 Ribeira do río desde a estrada que conduce á entrada do pazo, ata a estrada de Padrón á Ponte Ulla.