Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 20 de decembro de 2001 Páx. 16.237

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 21 de novembro de 2001 pola que se regulan os procedementos para a obtención dos carnés profesionais e as autorizacións a empresas dedicadas a montaxe, mantemento e reparación de instalacións de productos petrolíferos.

O artigo 50 da sección quinta relativa a instalacións petrolíferas do Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial establecía que «As instalacións incluídas dentro do ámbito de aplicación da presente sección só poderán ser realizadas, mantidas e reparadas por empresas instaladoras que teñan no seu cadro de persoal instaladores auto

rizados. O carné de instalador autorizado, así como autorización de empresa instaladora, será concedido pola delegación provincial a quen acredite o cumprimento dos requisitos que se establezan».

Nas disposicións transitorias segunda e terceira do devandito decreto determinábase, pola súa vez, que en canto non se regulasen de forma específica os requisitos para a obtención do carné, a instalación sería realizada por instaladores de productos petrolíferos líquidos (en diante PPL) regulados pola Orde do 3 de outubro de 1969 do Ministerio de Industria, e que as condicións técnicas contidas no anexo IV do decreto terían validez ata a publicación das instruccións técnicas específicas de cada almacenamento.

Coa publicación do Regulamento de instalacións petrolíferas aprobado polo R.D. 2085/1994, de 20 de octubre, no que se incluían as instruccións técnicas complementarias MI-IP01 e MI-IP02 (esta última modificada polo R.D. 1562/1998, do 17 de xullo) e o R.D. 1523/1999, do 1 de outubro que o modifica, variando, ademais, o ámbito de aplicación orixinal das instruccións técnicas MI-IP03 e MI-IP04 (aprobadas nos reais decretos 1427/1997 e 2201/1995 respectivamente), o anexo IV do Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial quedaba substituído polas devanditas normas, tal como resolve a Consellería de Industria e Comercio o 26 de xuño de 1998.

No capítulo II do regulamento establécense os requisitos dos instaladores en xeral para todo tipo de instalacións petrolíferas, así como nos puntos 37 e 38 das instruccións MI-IP03 e MI-IP04 onde se sinalan as obrigas sen que se cheguen a desenvolver detalladamente os requisitos nin o procedemento concreto da autorización para exerce-la actividade.

Neste sentido a Orde do 27 de decembro de 2000 veu establecer na Comunidade Autónoma o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e as esixencias ás empresas autorizadas para a instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial na que non foron incluídos os profesionais e ás empresas dedicadas ás instalacións petrolíferas por non existir ningunha disposición legal que os regulase especificamente ata aquela data.

Polo exposto, en uso das competencias que esta consellería ten atribuídas en materia de seguridade industrial, resulta necesario dictar unha orde que regule especificamente as características e requisitos que deben reunir tanto as empresas como os profesionais dedicados á realización de instalacións de PPL co obxecto de lograr unha maior calidade que garanta a seguridade das persoas, bens e ambiente, as adecuadas condicións técnicas que garantan un correcto funcionamento das instalacións mediante unha adecuada cualificación profesional e para elimina-lo intrusismo que poida producirse na execución dos devanditos traballos. Na súa virtude, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é defini-los requisitos que deben cumpri-los instaladores e as empresas ins

taladoras que pretendan exercer dentro da Comunidade Autónoma de Galicia as actividades de montaxe, mantemento e reparación, previstas no R.D. 2085/1994, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións petrolíferas, así como as instruccións técnicas complementarias vixentes, que o desenvolven.

Así mesmo, determínanse os temarios e a duración mínima dos cursos que deberán de ser impartidos polas entidades recoñecidas para a formación de instaladores de PPL.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos da presente orde, teranse en conta os conceptos e definicións que a continuación se sinalan:

Instalación.-É o conxunto de máquinas, equipos, recipientes e sistemas para a fabricación, transformación, trasfego e almacenamento de productos petrolíferos líquidos así como o local ou recinto que os contén e as dependencias para o seu funcionamento.

Instalador autorizado de PPL.-É a persoa física que polos coñecementos teórico-prácticos na tecnoloxía das instalacións de productos petrolíferos líquidos comprendidos no ámbito de aplicación do Regulamento de instalacións petrolíferas e das súas instruccións técnicas complementarias, acreditados mediante a posesión do carné de instalador autorizado expedido polo órgano territorial competente en materia de seguridade industrial, e efectuada a súa inscrición no rexistro correspondente, está capacitado para realizar e supervisa-la realización e o mantemento das referidas instalacións e exerce-la súa profesión no seo dunha empresa instaladora.

Empresa instaladora autorizada de PPL.-É a empresa legalmente establecida que inclúa no obxecto social as actividades de montaxe, mantemento e reparación de instalacións de PPL, cumpra cos requisitos establecidos nesta orde, acreditados mediante a autorización polo órgano territorial competente en materia de seguridade industrial e inscrita no rexistro correspondente, está capacitada para realiza-las operacións da súa categoría, axustándose á regulamentación vixente, e en todo caso, ás regras dunha boa actuación profesional.

A obtención da categoría de empresa instaladora non a habilita para efectuar operacións de reparación de tanques ou de aparellos de medida, así como a limpeza e xestión dos residuos das instalacións, para o cal deberán obte-las autorizacións correspondentes ás devanditas actividades.

Entidade recoñecida para a formación de instaladores de PPL.-É a entidade legalmente establecida que, incluíndo no seu obxecto social a actividade formativa nas instalacións de PPL e cumprindo os requisitos establecidos no artigo 13 da Orde do 27 de decembro de 2000, se encontra inscrita no rexistro específico da Dirección Xeral de Industria e, polo tanto, está capacitada para imparti-los cursos de formación relativos ás actividades obxecto desta orde.

Capítulo II

Instaladores de PPL

Artigo 3º.-Categorías dos instaladores autorizados.

Establécense dúas categorías en función das instalacións que poden efectuar:

Categoría IP-I.

Os instaladores autorizados de PPL categoría IP-I poderán realiza-los traballos correspondentes ás ins

talacións de productos petrolíferos para o seu consumo na propia instalación segundo o anexo I do Real decreto 1523/1999, do 1 de outubro.

Categoría IP-II.

Os instaladores autorizados de PPL da categoría IP-II poderán realizar, ademais dos traballos sinalados para a categoría IP-I, o resto das instalacións sometidas ás instruccións técnicas complementarias que desenvolve o vixente Regulamento de instalacións petrolíferas.

Artigo 4º.-Requisitos para a obtención do carné de instalador.

O carné de instalador autorizado de PPL, nas súas diferentes categorías, poderá obterse nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, presentando para o efecto a solicitude acompañada da fotocopia cotexada do documento nacional de identidade e cumprindo os requisitos que se indican a seguir:

Para a categoría IP-I.

Acredita-la asistencia e aproveitamento dun curso previo correspondente a esta categoría e superar un exame teórico práctico ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio sobre os requirimentos contidos no anexo A.

O carné poderase obter tamén polos seguintes procedementos:

a) Acreditar estar en posesión dun título universitario, formación profesional de grao medio ou superior ou títulos equivalentes na UE, relacionados coas materias sobre as que versa a presente orde, e aprobar un exame teórico sobre coñecemento das materias contidas na letra K), do anexo A.

a) Acreditar unha titulación con atribucións técnicas específicas conferidas pola Administración pública. (Anexo C).

Para a categoría IP-II.

Para a obtención do correspondente carné de instalador autorizado IP-II, o aspirante deberá acredita-la asistencia e aproveitamento dun curso previo correspondente a esta categoría e superar un exame teórico-práctico ante a delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, sobre os requirimentos contidos no anexo B.

O carné poderase obter tamén polos seguintes procedementos:

a) Acreditar estar en posesión dun título universitario, formación profesional de grao superior ou título equivalente na UE, relacionados coas materias sobre as que versa a presente orde, e aprobar un exame teórico sobre coñecemento das materias contidas nos puntos E e F do anexo B.

b) Acreditar unha antigüidade mínima de cinco anos en posesión dun carné de categoría IP-I tendo traballado durante o mesmo período no seo dunha empresa instaladora EP-II.

c) Acreditar unha titulación con atribucións técnicas especificas conferidas pola Administración pública. (Anexo C).

Os cursos teórico-prácticos mencionados nos puntos anteriores serán impartidos por entidades recoñecidas e inscritas na Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio, de acordo co que se establece no capítulo IV da presente orde.

As convocatorias de exames para acredita-los coñecementos necesarios efectuaranse mediante resolución da Dirección Xeral de Industria publicada oportunamente no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes, acompañadas dos documentos acreditativos (orixinais ou fotocopias debidamente cotexadas), dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio.

Artigo 5º.-Rexistro de instaladores autorizados de PPL.

A Dirección Xeral de Industria, co obxecto de configurar unha base de datos de toda a Comunidade Autónoma levará un rexistro dos carnés de instaladores expedidos que será xestionado polas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio anotando os datos correspondentes ós seus titulares, categoría, datas de expedición, renovacións posteriores, etc.

Os carnés de instalador de PPL terán ámbito estatal. A súa vixencia será de cinco anos, debendo ser renovados antes da súa caducidade polo organismo outorgante competente logo de solicitude do interesado.

Para proceder á renovación, o interesado deberá achegar, xunto coa solicitude, dúas fotografías tamaño carné e unha certificación da empresa ou empresas instaladoras de PPL nas que desenvolveu a súa actividade, na que consten realizadas como mínimo cinco instalacións no período de vixencia; no caso contrario, será obrigatorio supera-las probas de coñecemento da regulamentación correspondentes á categoría que teña.

Por razóns de evolución tecnolóxica da industria do petróleo ou de cambios importantes na súa regulamentación, a Consellería de Industria e Comercio poderá establecer singularmente requisitos adicionais para a renovación do carné de instalador.

Poderase cancela-la inscrición e proceder á retirada do carné de instalador autorizado de PPL mediante resolución motivada da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio ou da Dirección Xeral de Industria, ben de oficio ou por denuncia de parte interesada por incumprimento das obrigas contraídas.

En todo caso, o correspondente procedemento de cancelación da inscrición e a retirada do carné de instalador será tramitado de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro.

Non obstante, no caso de incumprimento das obrigas contraídas ou de infracción, conforme se define na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de Industria, ou na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, as delegacións provinciais ou a Dirección Xeral de Industria poderán suspender cautelarmente as actuacións dun instalador autorizado de PPL me

Capítulo III

Empresas instaladoras

Artigo 6º.-Categorías das empresas instaladoras de PPL.

Paralelamente ás definidas para os instaladores, establécense dúas categorías en función das instalacións nas que poden actua-las empresas autorizadas:

Categoría EP-I.

As empresas instaladoras de PPL da categoría EP-I poderán realiza-los traballos correspondentes ás instalacións de productos petrolíferos para o consumo na propia instalación reguladas pola vixente ITC MI-IP03.

Categoría EP-II.

As empresas instaladoras de PPL da categoría EP-II poderán realizar ademais dos traballos sinalados para a categoría IP-I, o resto das instalacións sometidas ás instruccións técnicas complementarias que desenvolven o Regulamento de instalacións petrolíferas.

Artigo 7º.-Requisitos para a autorización de empresas instaladoras de PPL.

A autorización como empresa instaladora de PPL poderá obterse na delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio correspondente ó domicilio do peticionario, presentando para o efecto a solicitude, acompañada da acreditación dos requisitos, en función da categoría, que se indican a continuación:

Categoría EP-I.

a) Dispor de local, de recursos humanos e técnicos adecuados e regulamentariamente esixibles para levar a cabo os traballos inherentes desta categoría.

b) Dispor no cadro de persoal da empresa, con dedicación completa, como mínimo dun instalador autorizado con carné profesional da categoría IP-I.

c) Xustificarase de acordo co artigo 13 da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, que o número de traballadores encadrados na empresa dedicados ás actividades sobre as que versa a presente orde con cargo a cada persoa con carné profesional IP-I, é como máximo de cinco.

d) Ter cuberta a responsabilidade civil que poida derivarse das súas actuacións mediante un seguro que cubra un importe mínimo de 50 millóns de pesetas por sinistro. A cobertura mínima actualizarase anualmente segundo o IPC oficial.

e) Estar constituída legalmente.

f) Estar dada de alta no epígrafe e ámbito adecuado.

g) Inscribirse no Rexistro de Establecementos Industriais da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) No caso de non figurar integrado na cadro de persoal, e para aquelas instalacións petrolíferas que precisen de proxecto técnico, debera dispor dun contrato de prestación de servicios cun técnico titulado competente para este tipo de instalacións, con funcións de asesoramento técnico, e que poderá actuar como director facultativo das obras das instalacións de PPL que o requiran, subscribindo, se é o caso, o correspondente certificado de dirección e remate de obra.

Categoría EP-II.

a) Dispor de local e de recursos humanos e técnicos adecuados regulamentariamente esixibles para levar a cabo os traballos inherentes desta categoría.

b) Dispor no cadro de persoal da empresa, a xornada completa, como mínimo dun instalador autorizado con carné profesional da categoría IP-II.

c) Xustificarase de acordo co artigo 13 da Lei 21/1992, que o número de traballadores, encadrados na empresa dedicados a instalacións sobre as que versa a presente orde, o cargo de cada persoa con carné profesional IP-II, será como máximo cinco, ou ben dez se un dos traballadores dispón do carné IP-I.

d) Ter cuberta a responsabilidade civil que poida derivarse das súas actuacións mediante un seguro que cubra un importe mínimo de 100 millóns de pesetas por sinistro. A cobertura mínima actualizarase anualmente segundo o IPC oficial.

e) No caso de non figurar integrado no cadro de persoal debera dispor dun contrato de prestación de servicios cun técnico titulado competente para este tipo de instalacións, con funcións de asesoramento técnico, e que poderá actuar como director facultativo das obras das instalacións de PPL que o requiran, subscribindo, se é o caso, o correspondente certificado de dirección e remate de obra.

f) Estar constituída legalmente.

g) Estar dada de alta no epígrafe e ámbito adecuado.

h) Inscribirse no Rexistro de Establecementos Industriais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Rexistro das empresas instaladoras de PPL.

Unha vez achegados os xustificantes dos requisitos indicados no artigo anterior e rematado o trámite, a delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio estenderá o certificado de empresa instaladora de PPL na categoría correspondente e inscribirá a empresa no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

O devandito certificado terá validez no ámbito territorial da Comunidade Autónoma por un prazo de tres anos prorrogables, logo de petición dos interesados antes do seu vencemento, por períodos iguais de tempo, sempre que se manteñan as condicións esixidas para a súa obtención.

Para exerce-la actividade no ámbito territorial doutra provincia, bastará a preceptiva comunicación á Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio correspondente antes de inicia-la súa actividade.

Poderá proceder á cancelación da inscrición e a retirada do certificado de empresa instaladora de PPL, de oficio o órgano competente ou por instancia de parte interesada, mediante resolución motivada por incumprimento das obrigacións e responsabilidades contraídas.

O correspondente expediente de cancelación da inscrición e a retirada do certificado de empresa instaladora de PPL será tramitado de conformidade

co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común.

Non obstante, no caso de infracción conforme se define na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, ou na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, o órgano competente poderá suspender cautelarmente as actuacións dunha empresa instaladora de PPL, mentres se substancie o expediente sancionador, por un período non superior a tres meses.

Artigo 9º.-Responsabilidades das empresas instaladoras.

As empresas instaladoras de PPL serán responsables:

a) Da execución, montaxe, modificación, ampliación, mantemento, reparación e conservación das instalacións que lles sexan confiadas de acordo coa regulamentación vixente, así como de que os materiais empregados sexan conformes coa normativa vixente e, se é o caso, co proxecto da instalación.

b) De que os equipos e accesorios instalados cumpran a normativa vixente en canto ás calidades e conformidade a normas.

c) De efectua-las probas e ensaios regulamentarios baixo a súa directa supervisión ou, se é o caso, baixo o control e responsabilidade do técnico director de obra, así como do resultado deles.

d) De que as operacións que teña encomendadas se efectúen na forma e prazos previstos na regulamentación vixente.

Artigo 10º.-Obrigas das empresas instaladoras de PPL.

Serán obrigas das empresas instaladoras de PPL:

a) Ter ó día o certificado de empresa instaladora de PPL expedido polo órgano competente.

b) Inscribirse nos rexistros correspondentes da Administración en relación coa localización das operacións que teñan encomendadas.

c) Dispor do número adecuado de empregados con carné profesional e, se é o caso, o contrato de colaboración con técnico competente, segundo as condicións establecidas no artigo 7º da presente orde, para a categoría na que se atope inscrita.

d) Ter vixente, en todo momento, a póliza de seguro de responsabilidade civil pola contía establecida para a categoría na que está inscrita.

e) Emiti-los preceptivos certificados de instalación de PPL ou de revisión que se fixen nas normas e regulamentos vixentes. Os devanditos certificados serán subscritos por un instalador autorizado de PPL habilitado para a operación de que se trate, e avalados pola propia empresa instaladora de PPL na que se encontre encadrado.

f) Coordinar coas empresas subministradoras e cos usuarios as operacións que impliquen interrupcións de subministración. Non obstante, naqueles casos en que se presente unha incidencia que supoña grave perigo de accidente ou este tivese lugar, interromperá o servicio nas partes afectadas, dando conta inmediatamente ós usuarios, á empresa subministradora e ó organismo competente da Administración.

g) Garantir, durante un período mínimo de 4 anos, as deficiencias derivadas dunha mala execución das instalacións que lles fosen encomendadas, así como as consecuencias que delas se deriven. Tal período de garantía deberá constar expresamente no documento mediante o cal certifiquen os traballos realizados.

h) Informar anualmente á delegación provincial na que se encontre inscrita de:

As variacións nominais que se produzan no cadro de persoal de instaladores autorizados de PPL da súa empresa e de técnicos competentes.

A vixencia do seguro de responsabilidade civil.

Relación de instalacións de PPL executadas pola empresa, sinalando os instaladores autorizados que as realizaron.

Capítulo IV

Entidades recoñecidas para a formación de instaladores de PPL

Artigo 11º.-Entidades recoñecidas para a formación de instaladores de PPL.

Para imparti-los cursos a que se fai referencia no artigo 4º, as entidades públicas ou privadas interesadas inscribiranse na Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio, para o cal deberán cumpri-los requisitos sinalados no capítulo quinto da Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e esixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial.

Capítulo V

Empresas propietarias ou arrendatarias

Artigo 12º.-Empresas propietarias ou arrendatarias.

Conforme o disposto no capítulo II, artigo 4, punto 3º do Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións petrolíferas, as empresas propietarias ou arrendatarias das instalacións incluídas no devandito regulamento poderán realiza-la montaxe das súas instalacións se xustifican ante o órgano competente da Comunidade Autónoma que cumpren os requisitos que se indican no artigo 4.1 do mencionado decreto.

Neste caso, cumprirán, ademais do anteriormente sinalado, o que ó respecto se indica nesta orde por equivalencia das diversas categorías e modalidades de instalacións que estas poidan realizar.

Nos casos de cambio de producto subministrado a instalacións existentes e cando fose preciso realizar operacións de adaptación, transformación ou modificación tanto das instalacións como nos aparellos de consumo, estas deberán ser efectuadas por instaladores autorizados de acordo coa categoría que corresponda.

Disposicións adicionais

Primeira.-Aqueles instaladores que se encontren en posesión dun carné de instalador de PPL emitido

polo organismo competente doutra Comunidade Autónoma ou doutra Administración da Unión Europea e que pretendan desenvolve-la súa actividade nunha empresa instaladora na Comunidade Autónoma de Galicia deberán presentar, xunto coa solicitude dirixida á delegación provincial de Industria unha certificación expedida polo organismo que emitiu o devandito carné comprensiva das competencias para as que está facultado e que non está sancionado nin se encontra implicado en expediente sancionador ningún.

A delegación provincial de Industria autorizará mediante resolución o instalador nas mesmas competencias para as que está autorizado polo organismo que expediu o carné habilitándoo para traballar na Comunidade Autónoma de Galicia polo prazo dun ano, sen que iso implique a expedición dun novo carné nin supoña equivalencia ningunha coas categorías establecidas nesta orde.

Segunda.-Naqueles aspectos que non estean regulados na presente disposición rexerá o disposto na Orde do 27 de decembro de 2000.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os actuais instaladores de calefacción e auga quente sanitaria que obtivesen o carné antes do 23 de outubro de 1997 poderán solicita-la concesión do carné IP-I no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor da presente orde.

Aqueles profesionais que obtivesen o devandito carné entre as datas sinaladas no parágrafo anterior poderán obte-lo carne IP-I superando unha proba sobre as materias contidas no punto K) do anexo A, nas dúas primeiras probas que convoque a Consellería de Industria e Comercio.

Segunda.-Aqueles profesionais que viñesen realizando instalacións comprendidas na actual clase MI-IP04 poderán acceder á obtención do carné IP-II, en exclusiva para realizar instalacións da devandita clase, sempre e cando acrediten unha experiencia de polo menos cinco anos inmediatamente anteriores á data de petición, na execución, reforma ou mantemento deste tipo de instalacións, e superen un exame sobre coñecemento das materias contidas no anexo B punto F) nas dúas primeiras probas que convoque a Consellería de Industria e Comercio sen que sexa necesario acreditar curso previo ningún.

A dita experiencia acreditarase mediante declaración xurada con identificación dos traballos realizados así como documentos cotexados do período de cotización ó réxime xeral da seguridade social ou especial de autónomos, segundo o caso, ou copia cotexada do contrato de traballo.

Terceira.-As actuais empresas autorizadas para a instalación de PPL deberán adaptarse ó disposto na presente orde nun prazo de tres meses a partir da publicación nos taboleiros das delegacións provinciais da primeira lista definitiva de aprobados nas probas de capacitación de instaladores de PPL.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industria para dictar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO A

TEMARIO PARA CURSO DE INSTALADORES DE PPL CLASE IP-I

Obxectivo profesional: realizar traballos de montaxe, proba, posta en marcha e mantemento de instalacións de almacenamento de productos petrolíferos líquidos para o seu consumo na propia instalación, coas garantías de seguridade e calidade adecuadas e coas limitacións que se impoñen a esta categoría, de conformidade coa regulamentación vixente.

Requirimentos teóricos.

A) Matemáticas.

a.1. Números enteiros e decimais.

a.2. Operacións básicas con números enteiros e decimais.

a.3. Números quebrados.

a.4. Proporcionalidades.

a.5. Regra de tres simple.

a.6. Porcentaxe.

a.7. Lonxitude, superficies e volumes.

a.8. Liñas rectas, curvas, paralelas, perpendiculares, etc.

a.9. Ángulos.

a.10. Polígonos.

a.11. Círculo, diámetro e circunferencia.

a.12. Superficies, cadrado, triángulo, rectángulo.

a.13. Volumes: cilindros e paralelepípedos.

B) Física.

b.1. A materia.

b.2. Estados da materia.

b.3. Forza, masa, aceleración e peso.

b.4. Masa volumétrica e densidade relativa.

b.5. Presión, concepto de presión, presión estática, Principio de Pascal, presión atmosférica.

b.6. Enerxía, potencia e rendemento.

b.7. A calor, concepto, unidades, calor específica, etc.

b.8. Temperatura: concepto, medida, escalas.

b.9. Efectos da calor.

b.10. Transmisión da calor.

b.11. Nocións de electricidade, tomas de terra.

b.12. Corpos illantes e conductores.

b.13. Lei de Ohm. Efecto Joule. Exemplos aplicados.

b.14. Correntes de fugas, correntes galvánicas.

b.15. Bases e fundamentos da protección catódica.

C) Química.

c.1. Elementos e corpos químicos presentes nos PPL.

c.2. O aire como mestura.

c.3. Productos petrolíferos líquidos comerciais. Clasificación e características.

c.4. Combustión.

c.5. Corrosión, clases e causas.

c.6. Proteccións: activas e pasivas.

D) Materiais, unións e accesorios.

d.1. Tubo: características técnicas e comerciais.

d.2. Unións mecánicas, termoplásticas e soldadas.

d.3. Accesorios: de suxeición, pasamuros, fundas, vaiñas.

d.4. Proteccións mecánicas.

d.5. Tipos de soldaduras.

E) Probas, ensaios e verificacións.

e.1. Estudio e análise das previstas na regulamentación e normativa aplicable, equipos ou elementos instalados.

e.2. Ensaios non destructivos e probas de estanquidade.

e.3. Prescricións especiais respecto ás direccións de obras e intervención da Administración ou organismos de control autorizados.

e.4. Certificados oficiais, dereitos e obrigas.

e.5. Contratos de mantemento e conservación.

F) Ventilación de locais.

f.1. Evacuación de gases.

f.2. Aire para a combustión.

f.3. Aire para ventilación.

f.4. Chemineas e conductos.

G) Protección e seguridade en instalacións.

g.1. Identificación de riscos e medidas de prevención no proceso de montaxe.

g.2. Coñecementos xerais sobre instalacións de protección contra incendios.

H) Depósitos fixos e móbiles, equipos de bombeo e trasfega, accesorios.

h.1. Equipos de distribución.

h.2. Válvulas de depósitos.

h.3. Válvulas de tres vías.

h.4. Válvulas de purga.

h.5. Mangueiras de trasfega.

h.6. Axustes.

h.7. Normas de aplicación (EN, UNE, DIN, etc.).

h.8. Bombas, coñecementos básicos.

h.9. Depósitos, tipos y características.

h.10. Instalación eléctrica básica.

I) Esquemas de instalacións.

i.1. Esbozo, uso de táboas, simboloxía, planos e esquemas de principio de instalacións.

J) Cálculo de instalacións.

j.1. Capacidade de almacenamento. Cálculo de consumos.

j.2. Trazado de conduccións e tubaxes.

j.3. Táboas de consumo por aparellos.

j.4. Táboas de determinación de diámetros en función dos caudais, lonxitudes, perdas de carga, etc.

K) Coñecementos dos regulamentos e normativa vixente.

k.1. Regulamento de instalacións petrolíferas.

k.2. Instrucción técnica complementaria MI-IPO3.

k.3. Disposicións e normas mencionadas na anterior instrucción técnica relativas ás instalacións petrolíferas (instalacións contra incendios, instalacións eléctricas, características dos equipos e compoñentes, etc.).

k.4. Lexislación aplicable sobre seguridade e saúde no proceso de montaxe.

k.3. Tramitación administrativa.

k.4. Condicións para efectua-la subministración.

Requirimentos prácticos.

L) Instalacións.

l.1. Esbozo, trazado e medición de tubos.

l.2. Curvado de tubos.

l.3. Corte de tubos.

l.4. Soldaduras de tubos de aceiro, cobre e plásticos.

l.5. Enxertos e derivacións.

l.6. Unións mecánicas, racores, bridas etc.

l.7. Fixación de tubaxes e colocación de proteccións, pasamuros, vaíñas e selaxe.

l.8. Probas de estanquidade.

l.9. Tubaxes de materiais plásticos: corte, unións.

l.10. Colocación de tubaxes en gabias e arquetas.

l.11. Aplicación de proteccións pasivas: desoxidantes, pinturas, cintas, etc.

l.12. Montaxe de tanques e os seus accesorios.

l.13. Probas e tara de válvulas de seguridade.

l.14. Probas hidráulicas.

M) Aparellos.

m.1. Grupos de bombeo e trasfega.

m.2. Queimadores e caldeiras.

m.3. Aparellos de medida.

N) Práctica final.

n.1. Realización dunha instalación con depósito de subministración a caldeira ou motor.

Duración mínima do curso.

-Coñecementos teóricos: 90 horas lectivas.

-Coñecementos prácticos: 30 horas de taller.

ANEXO B

TEMARIO PARA CURSO DE INSTALADORES DE PPL CLASE IP-II

Obxectivo profesional: realizar traballos de montaxe, proba, posta en marcha e mantemento de todo tipo de instalacións de almacenamento de PPL coas garantías de seguridade e calidade adecuadas, de conformidade coa regulamentación vixente.

Requirimentos teóricos.

A) Conceptos teóricos incluídos no programa para instaladores IP-I, a excepción da letra K) (anexo A).

B) Nocións sobre mecánica de fluídos.

C) Nocións sobre termotecnia e termodinámica.

D) Deseño e calculo das instalacións. Esquemas.

d.1. Instalacións de almacenamento de combustibles para a distribución por xunto ou polo miúdo. Parques e centros de almacenamento.

d.2. Instalacións para usos industriais, comerciais ou domésticos. Usos propios.

Instalacións de almacenamento para o seu consumo na propia instalación. Instalacións de subministración a vehículos.

E) Estudio e análises da normativa respecto á protección e seguridade, ambiente, etc. aplicable a estas instalacións.

F) Estudio e análises da regulamentación e normativa aplicable:

f.1. Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

f.2. Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

f.3. Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións petrolíferas e instruccións técnicas complementarias MI-IP01 e MI-IP02 (modificada por R.D. 1562/1998, do 17 de xullo).

f.4. Real decreto 1523/1999, do 1 de outubro, polo que se modifican os seguintes decretos: Real decreto 2085/1994, Real decreto 1427/1997 e o Real decreto 2201/1995.

f.5. Disposicións e normas mencionadas nas anteriores instruccións técnicas relativas as instalacións petrolíferas (instalacións contra incendios, instalacións eléctricas , etc.) así como as disposicións autonómicas, se é o caso, que as complementen.

f.6. Normativa aplicable dos compoñentes deste tipo de instalacións no ámbito da calidade industrial e da metroloxía.

Requirimentos prácticos.

G) Os establecidos no programa para instaladores clase IP-I (anexo A).

En canto ás prácticas finais ampliaranse con aquelas que correspondan ás operacións específicas para

cada tipo de instalacións segundo o seu uso ou aplicación.

A práctica final consistirá nunha instalación básica dunha unidade de subministración para a venda ó público de gasolina para automoción.

Duración mínima do curso.

-Coñecementos teóricos: 120 horas lectivas.

-Coñecementos prácticos: 30 horas de taller.

ANEXO C

TITULACIÓNS RELACIONADAS COAS MATERIAS SOBRE AS QUE VERSA

A PRESENTE ORDE PARA OS EFECTOS DE EXENCIÓN

DO EXAME TEÓRICO PRÁCTICO

Enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en especialidades nas que se cursen as materias relacionadas nos anexos, e calquera outra titulación de grao medio ou superior que a criterio da Administración competente acredite a formación necesaria nas materias relacionadas nos anexos.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA