Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 18 de decembro de 2001 Páx. 16.130

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de Ferrol, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de Ferrol, S.A. (código 1502872), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-9-2001, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo delegado de persoal, o día 6-6-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 2 de outubro de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo dos estibadores portuarios do porto de Ferrol 1999-2004

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regulará as relacións laborais e de asistencia social entre a Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de Ferrol, S.A. (Seydfe) e as empresas asociadas, co colectivo de traballadores en réxime de relación laboral especial e común, que interveñan na realización das actividades portuarias, constitutivas do servicio público de estiba e desestiba de buques, e relacionadas no Real decreto lei 2/1986, Real decreto 371/1987 e III Acordo para a Regulación das Relacións Laborais no Sector Portuario, así como as complementarias, sen o carácter de servicio público a que se refiren os artigos 2 e 6 do R.D. 371/1987, de entrega e recepción, enchido e baleirado de contedores e consolidación e desconsolidación de mercadorías, sempre que se realicen no porto.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan sometidos a este convenio:

* A Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de Ferrol, S.A.

* As empresas estibadoras que teñan encargada a xestión do servicio público de estiba e desestiba e que realicen as tarefas complementarias.

* Como traballadores, afectará á totalidade dos estibadores portuarios contratados polas sociedades de estiba e desestiba, en réxime de relación laboral especial, ou polas empresas estibadoras, en réxime de relación laboral común, e aqueles traballadores procedentes do parágrafo terceiro do punto dous da disposición transitoria segunda do Real decreto lei 2/1986.

Artigo 3º.-Garantía ad personam.

Respectaranse as situacións persoais que, en concepto de percepcións de calquera clase e no seu conxunto en cómputo global anual, sexan máis beneficiosas cás fixadas neste convenio colectivo, entendéndose estrictamente ad personam.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1999 e estenderá a súa vixencia temporal ata o 31 de decembro de 2004. Calquera dos asinantes poderá denuncialo con dous meses de antelación ó seu vencemento. A denuncia formularase por escrito e notificaráselles ás partes subscribentes e á autoridade laboral. En todo caso, en materia de prórroga observarase o que dispoña a lexislación vixente.

Artigo 5º.-Ámbito territorial.

Este convenio é de aplicación á zona de servicio do porto de Ferrol.

Para efectos deste convenio entenderase por zona portuaria a definida como tal polo órgano da Administración que teña as competencias xerais sobre as actividades do porto de Ferrol, de acordo co artigo 2 do Real decreto 371/1987, do 13 de marzo.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente. No suposto previsto no 90.5º do Estatuto dos traballadores, terase en conta o que resolva a xurisdicción competente.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria prevista no artigo 85.2º e) do Estatuto dos traballadores estará composta por seis (6) membros, tres (3) en representación dos traballadores (sindicatos asinantes), e outros tres (3) en representación da sociedade e empresas estibadoras (2 representantes da sociedade estatal e 1 das empresas estibadoras), que serán designados polas respectivas representacións na comisión negociadora deste convenio.

Poderán asistir ás sesións da comisión paritaria, con voz pero sen voto, os asesores que as partes consideren convenientes, cun máximo de dous por cada parte.

Serán funcións xerais da comisión paritaria, ademais das que se lle asignan especificamente no texto do convenio, as seguintes:

* A interpretación auténtica deste convenio.

* A mediación entre as partes, acordando estas someterse á súa conciliación e arbitraxe, intervindo con carácter preceptivo e previo, en tódolos conflictos que poidan xurdir; para os indicados efectos, consideraranse conflictos os seguintes: o exercicio do dereito de folga, as medidas de conflicto colectivo promovidas por empresarios ou traballadores, a modificación das condicións de traballo, os despedimentos colectivos ou por circunstancias obxectivas, e aqueloutros que as partes acorden no seo da comisión.

Corresponderá á representación social ou empresarial que decida iniciar conflictos a convocatoria da comisión paritaria, para presenta-lo conflicto e as alternativas de solución, debendo reunirse esta, como máximo, dentro das 48 horas seguintes á convocatoria. Para estes efectos a comisión paritaria poderá acorda-la designación dun ou tres árbitros, para a solución de calquera conflicto por vía do arbitraxe de equidade, sen prexuízo das competencias atribuídas á comisión mixta do III Acordo para a Regulación das Relacións Laborais no Sector Portuario (en diante III Acordo sectorial).

A preceptiva intervención da comisión paritaria non impedirá á parte social ou empresarial a ini

ciación dos trámites conciliatorios ou de aviso previo que teñan carácter obrigatorio e previo ó exercicio de accións ante órganos xurisdiccionais, administrativos ou de medidas de presión, cando así se esixa por disposición legal.

* A colaboración nos traballos asumidos pola comisión mixta do III Acordo sectorial cando así lle sexa solicitada por esta.

* Para a súa validez, os acordos da comisión paritaria deben ser adoptados pola maioría dos votos de cada unha das representacións.

Así mesmo, a comisión paritaria recolle o seu compromiso de estudio e análise, dentro da vixencia do convenio, encamiñado á posible implantación dun plan de pensións.

Capítulo II

Plan de emprego

Artigo 8º.-Estructura de persoal.

De acordo co previsto no III Acordo sectorial, e cumprindo o disposto no seu artigo 6, co obxecto de conseguir uns criterios obxectivos para tomar decisións sobre novos ingresos de persoal, deberanse ter en conta as seguintes estipulacións:

* Entenderase por nivel óptimo de emprego dos estibadores suxeitos a relación laboral especial, o 85% da xornada máxima convencional, computada a nivel de porto, anualmente, e a rendemento habitual. A este respecto, a devandita xornada suporá un máximo de 228 quendas anuais en xornada de 8 horas e de 274 en xornada de 6 horas.

* Co obxecto de determina-lo nivel de ocupación, para o establecemento do nivel óptimo de emprego, computaranse as quendas traballadas a rendemento habitual, con aplicación da polivalencia e mobilidade pactadas no III Acordo sectorial. De non concorre-las indicadas condicións de polivalencia e mobilidade, computarase, nas operacións portuarias efectuadas, o tempo de traballo a rendemento habitual dentro da quenda, calquera que sexa a denominación ou cómputo que a nosa normativa outorgue ó tempo contratado.

O cómputo será realizado anualmente, e atendendo ó traballo dos estibadores portuarios con relación laboral especial en activo. Deduciranse os períodos de baixas ou xornadas non realizadas polas causas de suspensión do contrato de traballo, sen superar, para estes efectos, o 5% anual.

* En canto á mobilidade funcional e polivalencia, terase en conta o disposto no artigo 11 do III Acordo sectorial.

Cando nunha xornada se esgoten as listas de rotación de cada grupo profesional, implantarase a polivalencia e mobilidade funcional entre grupos, sendo preferente o de relación laboral especial en caso de dobraxe, coa única limitación da capacitación profesional.

* Para efectos de axusta-lo actual nivel de cadro de persoal ó nivel de ocupación existente, a representación empresarial (Seydfe e empresas estibadoras) comprométese, á sinatura do convenio, a elevar á comisión mixta do III Acordo sectorial a proposta de incremento de cadro de persoal en dous estibadores e, sempre e cando o 31 de decembro de 2001 se reúnan os requisitos recollidos no artigo 6.1º a) do III Acordo sectorial, a dun terceiro traballador. As incorporacións destes traballadores efectuaríase dentro do grupo profesional 0.

* As condicións de ingreso e laborais dos traballadores que puidesen ser contratados por Seydfe para a súa inclusión no grupo profesional 0 serán as establecidas no artigo 6.3º do III Acordo sectorial. Sobre o particular, cómpre sinalar que o salario bruto mensual establecido pola comisión mixta do III Acordo sectorial para este grupo profesional se poderá incrementar con complementos por cantidade de traballo cunha contía que non poderá ser superior ó 30% del.

Capítulo III

Solicitude de traballadores portuarios

Artigo 9º.-Procedemento.

As empresas estibadoras solicitarán da sociedad estatal de estiba os traballadores portuarios que precisen para a realización das súas actividades portuarias constitutivas do servicio público e, se así da sociedade estatal o precisasen, aquelas complementarias que necesitasen, e esta deberállelos proporcionar, organizando diariamente a distribución e adscrición dos seus traballadores mediante o sistema de rotación.

Os cargos de capataces, controladores de mercadorías, oficiais (ós que lles corresponderán as funcións de sinalización das operacións; manexo de guindastres de bordo; guinches e outros elementos mecánicos cando se utilicen nas operacións) e especialistas (que realizarán a manipulación de traspaletas, xa sexan manuais ou eléctricas), unha vez dado cumprimento ó disposto no artigo 11 do R.D.L. 2/1986, do 23 de maio, serán ocupados con absoluta preferencia con persoal fixo da sociedad estatal de estiba, que será repartido homoxeneamente entre tódolos barcos. Os postos de capataz, controlador de mercadorías, oficial e especialista, unha vez nomeado todo o persoal de Seydfe, poderán ser ocupados por traballadores que teñan a debida cualificación, unha vez cumpridos os requisitos do Real decreto lei 2/1986, e III Acordo.

As empresas estibadoras, con antelación de quince minutos a cada nomeamento, formularán a solicitude por escrito, con determinación do número de traballadores e especificación das acreditacións profesionais interesadas e con mención das particularidades seguintes, ademais das que fixe o impreso existente para o efecto:

a) Identificación do lugar de prestación dos servicios.

b) Natureza dos servicios que se van prestar.

c) Natureza das mercadorías que se van manipular.

d) Medios mecánicos que se van utilizar.

e) Horario de traballo.

Capítulo IV

Contratación de traballadores portuarios polas empresas estibadoras

Artigo 10º.-Procedemento de incorporación de traballadores en relación laboral común.

As empresas estibadoras que desexen contratar como fixos do seu cadro de persoal estibadores portuarios vinculados á sociedade de estiba, efectuarán unha oferta nominativa, sempre que exista acordo expreso entre a empresa estibadora e o traballador, ou innominada, con detalle do grupo profesional, especialidade e función que se vai desenvolver.

A sociedade de estiba comunicaralles de forma inmediata oferta á representación legal dos traballadores e, se é o caso, ós traballadores nos que concorran as condicións da proposta. No caso de que a oferta fose innominada, publicarao no taboleiro de anuncios para xeral coñecemento e polo termo de seis días.

Os traballadores que voluntariamente opten ó posto de traballo ofertado, comunicaranllo á sociedade de estiba e esta, unha vez transcorrido o prazo previsto no parágrafo anterior, trasladaralle á empresa solicitante as ofertas recibidas, incluíndo os datos profesionais dos traballadores e a orde de antigüidade deles. Á vista dos datos indicados, a empresa decidirá libremente.

De non existir voluntarios, a sociedade de estiba comunicarallo de forma inmediata á empresa estibadora interesada, remitíndolle ó mesmo tempo a lista de traballadores pertencentes ó grupo profesional requirido, coa especialidade pertinente. Igualmente, a empresa estibadora será informada da antigüidade destes traballadores, así como da súa capacitación e experiencia profesional.

A empresa estibadora, no prazo de dous días desde que reciba esta documentación, remitiralle á sociedade de estiba oferta nominativa de emprego, quen lla deberá comunicar inmediatamente ó traballador.

O estibador e a sociedade de estiba poderán, de mutuo acordo, fixar un tempo determinado para a suspensión do contrato especial de traballo que os une. O período de suspensión pactado non poderá ser inferior a tres anos. Este pacto de suspensión deberase incluír no contrato de traballo que subscriba o traballador coa empresa estibadora.

As empresas nas ofertas deberán facer consta-las condicións laborais e económicas que, como mínimo, serán iguais ás dos traballadores de relación laboral especial en condicións de traballo homoxéneas.

Esgotado o procedemento regulado nos epígrafes anteriores e no suposto de que unha empresa estibadora non teña contratado como persoal de relación laboral común ou da transitoria segunda, parágrafo terceiro do epígrafe dous do Real decreto lei 2/1986, un número de traballadores portuarios suficiente para cubrir unha porcentaxe non inferior ó 25 por 100 das súas actividades integrantes do servicio público (base 3.e. da Orde do 15 de abril de 1987, de bases para a xestión do servicio público de estiba e desestiba de buques nos portos de interese xeral), completará esta porcentaxe con traballadores procedentes do grupo 0-auxiliar e xa encadrados no seu novo grupo profesional, co obxecto de completa-la súa formación e por un período non inferior a un ano, nas condicións económicas e laborais que correspondan ó seu novo grupo profesional.

Para cualificar como reiterado o rexeitamento dunha oferta adecuada aplicarase o que a normativa vixente establece ó respecto.

Artigo 11º.-Efectos da contratación.

Os traballadores procedentes de Seydfe contratados polas empresas estibadoras quedarán vinculados a elas por relación laboral común (artigo 10, R.D.L. 2/1986).

A contratación por unha empresa estibadora dun traballador portuario vinculado á sociedade de estiba producirá a suspensión da relación laboral especial que os unía, a cal quedará restablecida no suposto de que se produza a extinción do seu contrato coa empresa polas causas previstas no Estatuto dos traballadores coas excepcións que se establecen no parágrafo segundo do artigo 10 do Real decreto lei 2/1986.

O traballador que suspenda a relación laboral especial, por iniciar unha relación laboral común cunha empresa afectada por este acordo, conservará os dereitos económicos de antigüidade na sociedade de estiba e desestiba anteriores á data de suspensión.

No caso de que se reiniciase a relación laboral especial por algunha das causas previstas no Real decreto lei 2/1986, o traballador non percibirá indemnización ningunha da empresa estibadora e reintegrarase na sociedade de estiba e desestiba coas condicións de traballo e os dereitos económicos dos traballadores desta correspondentes ó seu mesmo grupo profesional.

O tempo de traballo prestado baixo o réxime de relación laboral común con suspensión da especial será computado para efectos de antigüidade pola sociedade de estiba e desestiba.

Artigo 12º.-Contratación de fixos de cadro de persoal.

Durante a vixencia deste convenio as empresas estibadoras ocuparán, como fixos dos seus cadros de persoal, unha cota de traballadores portuarios equivalente ós necesarios para atender, como mínimo, o 25% do total de quendas traballadas no porto

en labores portuarias de servicio público, segundo se recolle no vixente prego de cláusulas de explotación do servicio público de estiba e desestiba de buques no porto de Ferrol, aínda que se deberá crear en cada empresa unha estructura mínima dun traballador portuario, todo iso de acordo coas disposicións de aplicación.

Capítulo V

Xornada, horarios, festas, vacacións

Artigo 13º.-Xornada.

A xornada ordinaria de traballo será de 40 horas semanais de traballo efectivo de media en cómputo anual. Dada a irregularidade na prestación do traballo no porto, o control e cómputo da xornada (unha ou dúas quendas, en suposto de reenganche), recollidos no artigo 8, parágrafo segundo, realizarase anualmente para cada traballador. No relativo a ordenación da xornada, duración e descansos legais, dadas as peculiaridades do tipo de traballo, no que se suceden de forma aleatoria días de gran concentración de traballo con outros de absoluta inactividade, o número de horas efectivas de traballo poderá ser superior a nove diarias. Así mesmo, dado o valor primordial que nestes casos a lei lle outorga á negociación colectiva, as partes fan expreso recoñecemento de que o réxime de funcionamento pactado non redunda en modo ningún nin nunha ampliación da xornada nin nunha reducción dos descansos, senón nunha ordenación máis flexible de ambos.

Artigo 14º.-Horario.

Os horarios de traballo dispoñibles serán os seguintes:

A) De luns a venres:

Primeira quenda: das 8 ás 12/das 13.30 ás 17.30.

Segunda quenda: das 13.30 ás 19.30.

Terceira quenda: das 17.30 ás 23.30.

B) Sábado:

Primeira quenda: das 8 ás 14.

Segunda quenda: das 14 ás 20.

C) Domingos e festivos:

Primeira quenda: das 8 ás 14.

Durante todo o ano, para todo tipo de buques e mercadorías habilitarase, respectando os arriba indicados, un novo horario de traballo que, en catro xornadas intensivas (das 8 ás 14, 14 ás 20, 20 ás 2, 2 ás 8), garantirá a actividade continuada durante toda a xornada. Terase presente que, unha vez elixidas as xornadas intensivas das 20 ás 2, ou das 2 ás 8, non se poderá cambiar a xornada partida; debe, polo tanto, efectuarse o resto da operación con xornadas intensivas.

A partir da fixación no primeiro trimestre de 2001 do incremento aplicable ó convenio, as contías remuneratorias estableceranse de acordo cos seguintes tipos de xornadas:

Xornadas ordinarias: as comprendidas entre as 8 horas e as 20 horas.

Xornadas nocturnas: as comprendidas entre as 20 horas e as 8 horas.

Xornadas de sábado: as comprendidas entre as 8 horas e as 14 horas e as comprendidas entre as 14 e as 8 horas.

Xornadas de domingos e festivos: as comprendidas entre as 8 horas e as 8 horas.

Para estes efectos, a denominada ata o 31 de decembro de 2000 xornada seminocturna (ver anexo I, táboa de salarios operación-2000), aplicado a partir do 1 de xaneiro de 2001 o incremento salarial que corresponda, pasará a denominarse xornada nocturna, sendo os valores así determinados para esta xornada, e non outros, os que fixen o valor da dita xornada a partir do 1 de xaneiro de 2001.

Para tódolos efectos, as 24 horas de xornada computaranse a partir das 8 horas de cada día e non das 00 horas.

O traballo en domingos e festivos será realizado exclusivamente mediante xornadas intensivas das 8 ás 14/14 ás 20/20 ás 2 ou 2 ás 8.

Os quince minutos de descanso das xornadas continuadas (19.15-19.30/ 23.15-23.30/ 13.45-14/ 19.45-20/ 1.45-2 e 7.45-8) terán a consideración de tempo de traballo efectivo.

Tódolos traballadores de relación laboral especial deberán mante-la plena dispoñibilidade para a súa ocupación conforme as quendas de traballo, sistema de nomeamento e xornadas establecidas, debendo cumprir coa realización das tarefas nos seus respectivos postos de traballo.

Computarase como xornada realizada cando, xa nomeado o traballador, por causas alleas á súa vontade, non se realicen operacións.

Calquera irregularidade, observada tanto por parte da empresa estibadora coma polos traballadores, seralle notificada ó capataz da operación e este comunicaralla ó xerente de Seydfe. Calquera outra xornada poderá ser acordada pola dirección da sociedad estatal e o delegado de persoal en función das necesidades.

As actividades de estiba e desestiba nos portos de interese xeral constitúen un servicio público esencial e, por este carácter, estas deberán estar sempre garantidas. Por iso, o traballo en sábados tarde, domingos e festivos tentaranse cubrir inicialmente con persoal voluntario da sociedad estatal, respectándose a orde da lista de rotación e complementándose co persoal que sexa necesario. Respectaranse sempre aqueles traballadores que realizasen xa as 40 horas semanais ou 6 xornadas de traballo na dita semana. Igualmente, respectaranse para o traballo en sábados tarde aqueles traballadores que efectuasen xornada pola mañá. No caso de se realiza-las xornadas de sábado tarde, domingo ou festivo, traballador e sociedad estatal poranse de acordo

para desfrutar obrigatoriamente o descanso correspondente na forma habitual. A remuneración, en todos estes casos (sábados a partir das 14 horas, e as 24 horas de domingos e festivos) terá un complemento de xornada do 100% sobre o valor asignado en táboas ós xornais realizados de luns a venres, das 13.30 ás 19.30 en xornada intensiva, sen aboamento, no caso de se producir, do cambio de operación.

Dada a irregularidade do tráfico marítimo, os traballadores manifestan a súa disposición de atender voluntariamente os reenganches que se ofrezan polas empresas estibadoras, debidos á concentración de traballo. Para tal obxecto, o reenganche non poderá exceder dun ó día.

Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, a representación legal dos traballadores poderá acordar non atender colectivamente os pedidos das empresas que poidan supoñer reenganche. En tal caso, deberao poñer en coñecemento da sociedade de estiba cun aviso previo mínimo de 72 horas, sen prexuízo da competencia propia da comisión paritaria.

Prohíbese, con carácter xeral, que un mesmo traballador da sociedade de estiba realice dúas quendas no mesmo día cando exista outra da mesma sociedade que, podendo efectuar tal actividade, non tivese ocupación efectiva no día, a non ser que fose o de descanso regulamentario.

Co obxecto de obter un equitativo reparto do emprego existente, os traballadores de relación laboral común teñen prioridade para o traballo diario, excepto en caso de dobraxe; neste caso a preferencia será para os traballadores de relación laboral especial.

Os días de Noiteboa, Fin de Ano e 16 de xullo a xornada única será das 8 ás 14 horas.

Artigo 15º.-Remate de buque.

Para finaliza-la operación do buque, as empresas estibadoras poderán dispoñer de 1 hora de remate, en tódalas xornadas sen ningunha limitación. A retribución da hora de remate será a recollida nas táboas de salarios operación, anexo I. Non procederá a percepción da hora de remate se o traballador a realizase dentro doutra xornada para a cal xa fose nomeado previamente.

Artigo 16º.-Nomeamentos.

A sociedade de estiba ten a facultade de distribución rotacional do persoal para os distintos traballos para os que este foi requirido, distribuíndoo de acordo coas necesidades do porto. Realizaranse da seguinte maneira:

Os nomeamentos realizaranse de luns a venres ás 7.45, e ás 13.15 horas. O nomeamento para sábados tarde, domingos e festivos realizarase, no caso de sábado tarde, no nomeamento de sábado ás 7.45 e, para domingos e festivos, as vésperas no das 7.45 e 13.15 respectivamente. Só no caso de que, nese

sábado ou véspera de festivo, se estivese traballando nun buque en xornada continuada de 24 horas, e se soubese con certeza a continuidade da operación ó día seguinte, poderán as empresas estibadoras pedir un novo nomeamento para ese buque que se realizaría, neste caso, ás 7.45 horas do domingo ou festivo en cuestión. Así mesmo, en caso de coincidencia de dous festivos contiguos, ou dun domingo e un festivo, e condicións de traballo nun buque idénticas ás mencionadas anteriormente, disporase tamén dun nomeamento para ese buque ás 7.45 horas no segundo dos días.

Comezarase a nomear sempre polo traballador que está de primeiro na lista de rotación de cada grupo profesional. A sociedade de estiba, segundo nomea, deberá inescusablemente comunicarlle a todo o persoal o cometido que se vai realizar e o grupo profesional para a que é nomeado, segundo as follas de petición das empresas estibadoras, e de acordo coas normas mínimas establecidas neste convenio.

Os capataces distribuirán os traballadores ó seu cargo tal e como son nomeados. As ordes efectuadas polos capataces deberán ser respectadas polos traballadores, cumprindo en todo momento as normas establecidas por este convenio. Os xornais complementarios, non mans, solicitados en xornada partida, non comportarán capataz sempre que para estes non se supere o tempo de xornada do capataz nomeado. A non asistencia inxustificada ó nomeamento poderá traer consigo a correspondente sanción de acordo co artigo 35º deste convenio.

Artigo 17º.-Festas.

As festas que cada ano desfrutarán os traballadores, serán as que estableza a autoridade laboral no calendario correspondente da localidade respectiva. Sen prexuízo de que nas ditas festividades se poidan realizar actividades portuarias, cando sexa necesario, e de acordo co recollido sobre traballo en festivos no artigo 14º deste convenio. Igualmente, consideraranse festivos o 16 de xullo e o 1º de maio.

Artigo 18º.-Vacacións.

Os traballadores portuarios, tanto vinculados por relación laboral común como por relación laboral especial, desfrutarán de 30 días naturais de vacacións anuais, retribuídas para os grupos profesionais I ó IV na forma que se indica no artigo 26º. O período de desfrute, dentro do plan de vacacións establecido, será fixado de común acordo entre o traballador e a empresa.

Dentro dos tres primeiros meses do ano natural, Seydfe confeccionará e publicará un plan de desfrute de vacacións coas diversas quendas por grupos profesionais, ás que poderán optar tódolos traballadores afectados por este convenio.

As ditas quendas estenderanse desde o 1 de xuño ó 30 de setembro, e o mes de decembro. A preferencia para elixi-las quendas efectuarase, en cada grupo profesional, por rotación anual entre os traballadores

que o integren, de acordo co artigo 38 do Estatuto dos traballadores.

A relación das vacacións asignadas será publicada no taboleiro de avisos da sociedad estatal e no de tódalas empresas estibadoras, para coñecemento dos traballadores.

Fóra das quendas programadas, o desfrute das vacacións en calquera outra época do ano quedará supeditado ó acordo individual do traballador coa súa empresa, podéndose fraccionar en períodos mínimos de 7 días, ou superiores que sexan múltiplos de 7, e o resto necesario ata completa-los 30 días.

Artigo 19º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e con causa xustificada, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algúns dos seguintes motivos e polo tempo que se indica a continuación:

-20 días naturais en caso de matrimonio.

-2 días por nacemento de fillo/a. En caso de gravidade 5 días.

-2 días en caso de enfermidade grave de parentes ata o segundo grao de consanguinidade: 5 días en caso de requirir desprazamento a outra provincia.

-3 días en caso de falecemento de familiar ata o segundo grao. 5 días en caso de requirir desprazamento a outra provincia.

-1 día por cambio de domicilio.

-Polo tempo imprescindible para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

En todos estes casos o traballador percibirá o salario día de inactividade, que se lle aboará na nómina correspondente do mes en que se produzan as ditas licencias.

Capítulo VI

Condicións retributivas

Artigo 20º.-Estructura da retribución.

Os traballadores afectados por este convenio colectivo percibirán as súas retribucións mediante o sistema de cheque nominativo ou transferencia bancaria ás contas correntes ou de aforro que libremente comunique cada un deles á sociedade de estiba ou empresa estibadora.

Establécese unha estructura salarial de acordo cos seguintes criterios:

-Salario base.

-Salario día ocupación.

-Complemento persoal non absorbible.

-Complemento de transporte.

-Pagas extras.

-Vacacións.

Artigo 21º.-Salario base.

O salario base queda recollido no anexo I.

Artigo 22º.-Salario mínimo garantido mensual.

De conformidade co establecido sobre salarios no III Acordo sectorial, todo o persoal que se incorpore a Seydfe con posterioridade á sinatura deste convenio non percibirá aboamento ningún por día de inactividade, tendo garantido no ano 1999, no caso de non alcanzalo a través dos seus xornais de actividade e resto de conceptos salariais, un salario mínimo mensual, por tódolos conceptos, de 120.000 pesetas.

Artigo 23º.-Complemento persoal non absorbible.

O complemento persoal de antigüidade desaparece como concepto retributivo. Respectaranse as cantidades vixentes e o devengo dos futuros tramos temporais, na forma ata o de agora pactada, a que teña dereito o persoal do censo existente á sinatura do III Acordo marco (5.778 pesetas por quinquenio, igual para os grupos profesionais I ó IV, e para percibir nos doce meses naturais do ano). O mencionado persoal pasará a percibir este concepto como complemento persoal non absorbible, con contías de 5.882 e 6.000 pesetas por quinquenio, para os anos 1999 e 2000 respectivamente, igual para os grupos profesionais I ó IV, e para percibir nos doce meses naturais do ano.

O persoal de novo ingreso non xerará nin percibirá ningunha cantidade en concepto de antigüidade.

Artigo 24º.-Xornais, cambio de operación, complemento de actividade e complementos de IT.

Os días que o traballador preste servicios para as empresas estibadoras, en substitución do salario base diario, percibirá os xornais establecidos na táboa de salarios operación, anexo I, de acordo co traballo que desempeñe. De igual maneira, a diferencia entre os días laborais do mes (descontados os días laborais en IT, vacacións e folga, faltas, descanso e permisos) e o número de xornais traballados no dito mes (inactividade), aboaranse a 5.872 e 5.989 pesetas/día nos anos 1999 e 2000 respectivamente.

Como garantía ad personam, só serán aboados os cambios de operación (reenganches) que sexan realizados polo persoal que á sinatura deste convenio pertenza xa ó cadro de persoal de Seydfe, quedando os seus valores retributivos recollidos nas devanditas táboas de salarios operación. Así mesmo, baixo esta mesma garantía ad personam, o dito persoal, en caso de IT proveniente de enfermidade, percibirá durante os 20 primeiros días dela o 75% da súa base reguladora día/enfermidade do mes anterior á baixa. Igualmente, se o tempo que estivese o traballador en situación de IT por enfermidade superase o período dun mes, a partir del terá garantido un devengo de 176.158 e 179.681 pesetas para os anos 1999 e 2000 respectivamente, durante un período máximo de seis meses. En caso de IT proveniente de accidente laboral, estes traballadores percibirán un complemento de 700 pesetas por día de accidente, duran

te un período máximo de doce meses. No dito período, en caso de hospitalización por IT por accidente laboral, debidamente xustificada, este complemento ampliarase ata garanti-lo devengo do 100% da base reguladora/día accidente do mes anterior á baixa, durante o tempo de hospitalización.

Establécese un sistema de prima en función da cantidade de traballo realizado de forma que, superado por un estibador a realización de 22 xornais mensuais, percibirá no dito mes unha prima por complemento de actividade de 5.000 e 5.100 pesetas nos anos 1999 e 2000 respectivamente, igual para as categorías dos grupos I ó IV.

Os labores complementarios, sen o carácter de servicio público a que se refire o artigo 6 do Real decreto 371/1987, tales como a entrega e recepción de mercadorías, solicitadas á sociedade de estiba, serán realizadas, prioritariamente, por persoal do grupo 0-auxiliar, cun salario para 1999 de 120.000 pesetas brutas mensuais por tódolos conceptos (14 pagas ó ano). Este salario bruto poderase incrementar con complementos por cantidade de traballo, que non poderán supera-lo 30% do referido salario.

Artigo 25º.-Complemento de transporte.

Para efectos de compensa-los gastos que neste concepto se producen no período laboral (11 meses), establécese no dito período para tódolos traballadores portuarios dos grupos I ó IV un complemento de transporte de 11.125 e 11.348 pesetas mensuais para os anos 1999 e 2000 respectivamente, independentemente do número de horas traballadas. Cada vez que un traballador asista ó nomeamento en domingo ou festivo e saia nomeado en calquera quenda diferente á das 8 ás 14; adicionaranse a este complemento 341 e 348 pesetas para os anos 1999 e 2000 respectivamente.

Artigo 26º.-Pagas extraordinarias.

Os días 15 dos meses de xullo e decembro, tódolos traballadores portuarios dos grupos I ó IV percibirán unha paga dunha contía bruta de 163.929 e 167.208 pesetas para os anos 1999 e 2000 respectivamente. Para os efectos de percepción destas pagas considerarase como efectivamente traballado o tempo de IT derivado de accidente laboral. En caso de enfermidade garántese un mínimo de 146.364 e 149.291 pesetas para os anos 1999 e 2000 respectivamente.

Nos supostos de ingreso ou cesamento do traballador no curso do ano, as pagas de referencia percibiranse en proporción ós meses traballados posterior ou anteriormente.

Artigo 27º.-Retribución das vacacións.

No mes de vacacións os traballadores portuarios dos grupos I ó IV percibirán a media das retribucións brutas correspondentes ós últimos doce meses (período xuño/maio) sen a inclusión do complemento de actividade. No período de vacacións non se percibirá complemento de transporte.

Artigo 28º.-Cotización á Seguridade Social.

A cotización á Seguridade Social será en función dos correspondentes grupos profesionais, de acordo co que establecen as normas do réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, aplicable ós traballadores portuarios.

Capítulo VII

Formación profesional, clasificación profesional, ascensos

Artigo 29º.-Formación profesional.

As partes conveñen na necesidade prioritaria de establecer uns plans permanentes de formación profesional dos estibadores portuarios, asumindo o contido íntegro do II Acordo Nacional de Formación Continua e I Acordo Estatal de Formación Continua para o Sector de Estiba.

A sociedade de estiba, por iniciativa propia, ou por proposta da comisión tripartita de formación de Seydfe, asume a responsabilidade de impulsar e coordina-las accións formativas, en colaboración coas empresas estibadoras, os estibadores portuarios e a Administración do Estado.

Para este fin as empresas porán en coñecemento da comisión tripartita de formación calquera proxecto de implantación de novas tecnoloxías, maquinaria ou instalacións que requiran a formación de profesionais de especialidades non existentes na actualidade. A dita comunicación realizarase coa antelación suficiente para que se poidan organiza-las accións formativas de forma que as empresas poidan dispoñer de persoal capacitado antes de se inicia-la implantación da innovación.

Tódalas accións formativas deberán garantírlle-la igualdade de oportunidades a tódolos traballadores portuarios.

A comisión tripartita de formación virá obrigada a velar polo cumprimento das instruccións, normas e resolucións que estableza a comisión paritaria sectorial de estiba e desestiba.

Os traballadores están obrigados a asistir ós cursos de formación que aprobe a comisión paritaria sectorial de estiba e desestiba, por proposta da comisión tripartita da sociedade de estiba, en desenvolvemento do plan de formación que anualmente se estableza.

A asistencia obrigatoria ós cursos dálle dereito ó traballador asistente, no suposto de que perdese a súa quenda de traballo, a ser nomeado con preferencia no seguinte chamamento.

Os cursos de formación impartiranse, preferentemente e sempre que sexa posible, fóra da xornada de traballo. A falta de asistencia ós cursos establecidos pola comisión, sen causa xustificada, será notificada á comisión mixta do III Acordo sectorial.

Artigo 30º.-Clasificación profesional: grupos profesionais.

Sobre esta materia, as partes asumen o texto do III Acordo Marco para a Regulación das Relacións Laborais no Sector Portuario (artigo 12.1º), subscrito polas súas representacións o 27 de setembro de 1999, e que entra a formar parte integrante deste convenio como anexo III.

Artigo 31º.-Sistemas de clasificación e promoción profesional.

A clasificación profesional e os sistemas para a promoción corresponderanlle, exclusivamente, á sociedade de estiba.

No suposto de que un traballador de relación laboral común acceda a un grupo profesional superior e non exista posto de traballo dese grupo na empresa onde viñese prestando os seus servicios, este poderá pacta-la súa incorporación á sociedade de estiba ou a outra empresa estibadora que requira traballadores portuarios con tal cualificación.

En caso de discrepancia sobre a materia contida neste artigo, sobre o grupo ou especialidade asignado a un traballador, ou sobre o sistema de promoción establecido para el, ou os prexudicados, formulará de maneira previa e con carácter preceptivo a cuestión ante a comisión mixta, que resolverá de acordo cos seguintes criterios:

a) O sistema garantirálle-la plena igualdade de oportunidades ós estibadores suxeitos a relación laboral especial ou común, para accederen a tódalas promocións e ascensos que se efectúen no seu ámbito.

As ofertas de promoción serán publicadas no taboleiro de anuncios da sociedade de estiba e das empresas estibadoras, e comunicadas á representación dos traballadores nas respectivas entidades, e terán acceso, logo da selección correspondente, tódolos traballadores independentemente do grupo profesional e especialidades que teñan recoñecidas, sen prexuízo dos criterios de preferencia que se conveñan.

b) O órgano cualificador da profesionalidade esixible para a promoción será único e contará coa participación dos representantes dos traballadores e das empresas estibadoras, e presidirao o representante que nomee a sociedade de estiba.

c) A sociedade de estiba, mediante a realización e superación dos cursos de formación ou perfeccionamento, acreditará as especialidades correspondentes, con informe-consulta da representación dos traballadores. Os actos de adscrición ou denegación dela poderán ser obxecto de recurso ante a xurisdicción social.

d) As promocións ou reclasificacións dos traballadores de relación laboral común terán que se realizar conforme os criterios e o sistema previsto anteriormente.

Capítulo VIII

Réxime disciplinario

Artigo 32º.-Procedemento.

A potestade disciplinaria para a avaliación e imposición de sancións por incumprimentos contractuais dos traballadores vinculados ás empresas estibadoras por relación laboral común correspóndelles exclusivamente a estas.

A potestade disciplinaria para a avaliación e imposición de sancións por incumprimentos contractuais dos traballadores vinculados por relación laboral especial coa sociedade de estiba correspóndelle exclusivamente a esta, aínda que cando unha empresa estibadora considera que un traballador portuario da cadro de persoal da sociedade de estiba posto á súa disposición incorreu nun incumprimento contractual, comunicarallo inmediatamente por escrito á sociedade de estiba para que esta adopte as medidas cautelares e disciplinarias que coide conveniente no ámbito da súa competencia, sen prexuízo de que a sociedade de estiba poida acorda-las ditas medidas por propia iniciativa, de ter coñecemento da infracción por outras vías.

As sancións que se lles impoñan ós traballadores portuarios, ben sexan de relación laboral especial ou de relación laboral común, efectuaranse sempre por escrito, calquera que sexa o grao da infracción, e débense indica-los feitos que a motivan, a avaliación da falta segundo a súa gravidade, a sanción que se impón e a data en que se fará efectiva a sanción.

Tódalas sancións poderán ser recorribles directamente ante a xurisdicción laboral, nos termos da Lei de procedemento laboral.

Non obstante, os traballadores sancionados poderán, facultativamente, presentar un escrito de descargos contra a sanción no que non poderán esixirlle á empresa a práctica de probas, pero ó que poderán xuntar aquelas de que dispoñan ou que consideren conveniente achegar. O escrito de descargos deberá presentarse dentro dos tres días hábiles seguintes ó da notificación da sanción, e deberá ser resolto pola empresa que sancionase, dentro dos tres días seguintes ó da recepción do escrito de descargos.

De non contestar expresamente a empresa no prazo de tres días, entenderase tacitamente confirmada a sanción. De contesta-lo escrito de descargos no sentido de modifica-lo acordo sancionador, quedará sen efecto a primeira cualificación da falta e a sanción e, contra a segunda, quedará aberta a vía do recurso xurisdiccional.

A presentación do escrito de descargos implicará a suspensión da sanción e, consecuentemente, interromperá os prazos de prescrición da falta e das accións para recorrela, desde o momento da presentación do escrito de descargos e ata a data da resolución, expresa ou tácita, da empresa. No suposto de non se presentar escrito de descargos quedará imposta a sanción.

Das sancións que se impoñan por faltas graves e moi graves daráselles conta ós representantes legais e sindicais dos traballadores.

Así mesmo, cando o traballador sexa representante legal dos traballadores ou delegado sindical establecerase, con carácter previo á imposición da sanción por faltas graves e moi graves, un prazo de tres días hábiles co fin de lles dar audiencia a este e ós restantes membros da representación a que o traballador pertencese, así como ós delegados sindicais no suposto de que o traballador sancionado estivese afiliado a un sindicato e así lle constase á empresa.

Entenderase que o procedemento arriba indicado servirá, para tódolos efectos, de expediente contradictorio para os representantes legais e sindicais.

Para estes efectos non se computarán como días hábiles os sábados.

Artigo 33º.-Prescrición.

Das faltas:

As faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós vinte días e as moi graves ós sesenta días, a partir da data en que a empresa que teña a potestade sancionadora tivese coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido.

Das sancións:

As sancións firmes impostas por faltas moi graves prescribirán ós noventa días, por faltas graves ós sesenta días e as impostas por faltas leves ós trinta días.

O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza o acordo polo que se impón a sanción.

Artigo 34º.-Extinción da responsabilidade disciplinaria.

A responsabilidade disciplinaria extínguese pola prescrición da falta, prescrición da sanción, cumprimento da sanción ou falecemento do traballador.

Artigo 35º.-Clasificación das faltas.

Faltas leves:

1. Faltar á lista de chamamento dous días consecutivos ou máis de dous alternos ó mes, sen xustificación, ou non facelo no prazo dos tres días seguintes á falta. Considérase falta á lista de chamamento a inobservancia das normas de control da asistencia establecidas no porto.

2. Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo (máis de dez minutos de atraso), sen a debida xustificación durante o período dun mes.

3. Non lle comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

4. As discusións sobre asuntos estraños ó traballo durante a xornada. Se tales discusións producisen escándalo notorio, poderán ser consideradas como falta grave.

5. Incorrer en pequenos descoidos na conservación dos materiais e útiles ou efectos que o traballador teña ó seu cargo.

Faltas graves:

1. Faltar á lista de chamamento tres días consecutivos ou cinco alternos no período dun mes, sen xustificar a súa causa dentro dos tres días seguintes a cada falta.

2. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas durante o período dun mes. Cando tivese que relevar a un compañeiro, abondará unha soa falta de puntualidade para que esta se considere como falta grave.

3. A falta de asistencia ó traballo despois de ser contratado ou facelo cun atraso superior a unha hora por causa imputable ó traballador, abandona-lo traballo antes da finalización das operacións ou negarse a realiza-lo que lle corresponda segundo a quenda de rotación. Se como consecuencia do anterior se causase prexuízo de consideración ou fose causa de accidente, esta falta será considerada como moi grave.

4. Simula-la presencia dun traballador durante a lista de chamamento, ou a súa substitución no traballo por outro traballador, ou permutar para a realización de determinadas faenas sen coñecemento ou anuencia da empresa.

5. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte á boa marcha deste, a diminución voluntaria do rendemento, ou retarda-lo cumprimento das ordes recibidas dos seus superiores, sen causa que habilite para iso.

6. Non lles comunicar ás empresas, coa puntualidade debida, os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social, e que causen prexuízo á empresa. A falta maliciosa destes datos considerarase como falta moi grave.

7. A asistencia á lista de chamamento, ó traballo, así como a permanencia dentro da zona portuaria en estado de embriaguez ou derivado do consumo de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas, cando non sexa habitual.

8. A negativa a someterse ós controis de alcoholemia ou drogadicción, por requirimento da sociedade de estiba.

9. Ofender ou faltarlles ó respecto ós compañeiros de traballo. Se implicase quebrantamento da disciplina, ou dela se derivase prexuízo notorio para as empresas ou compañeiros de traballo, considerarase como falta moi grave.

10. Neglixencia na observación e no cumprimento das normas ou instruccións sobre seguridade e hixiene ou das medidas que sobre a materia se deban observar. Se da dita neglixencia se derivase accidente, esta falta poderá ser considerada como moi grave.

11. A negativa por parte do traballador a utilizar medios de protección persoal ou a deterioración maliciosa deles.

12. A negativa a realizar traballos en horas extraordinarias ou de remate nos termos pactados en convenio colectivo.

13. Mal uso dos medios auxiliares de carga e descarga e instalacións dos peiraos que orixinen rotura ou maior desgaste do que normalmente produce o seu uso.

14. A imprudencia grave en acto de servicio. Se implicase risco de accidente para el ou para os seus compañeiros, ou perigo de avaría para as instalacións poderá ser considerada como falta moi grave.

15. A negativa por parte do traballador a realizar labores en polivalencia ou mobilidade funcional, nos termos pactados en convenio colectivo e/ou acordos sectoriais.

16. A non comunicación polos capataces das infraccións realizadas polos traballadores que se encontren baixo as súas ordes. Se existise conivencia por parte do capataz, esta considerarase como moi grave.

17. Esixi-lo pagamento de gratificacións, primas ou outras remuneracións non previstas no convenio de aplicación, pola práctica de determinadas faenas.

18. A negativa por parte do traballador a recibi-los cursos de formación organizados pola sociedade de estiba, para acadar unha adecuada cualificación profesional ó seu posto de traballo.

Faltas moi graves:

1. Faltar ás listas de chamamentos durante catro veces consecutivas ou dez alternas no mes, sen xustificación, ou non facelo dentro dos tres días seguintes a cada falta.

2. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas nun período de seis meses.

3. As faltas inxustificadas ó traballo máis de tres días nun período dun mes.

4. A embriaguez e o estado derivado do consumo de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas durante o traballo, sempre que fose habitual.

5. Orixinar rifas e pendencias cos seus compañeiros, e/ou participar activamente nelas.

6. Permitirlles ós encargados ou capataces o traballo de persoal para a realización de labores incluídos no ámbito funcional do convenio colectivo de aplicación, incumprindo as normas legais ou o pactado nel.

7. Facer desaparecer, inutilizar, esnaquizar ou causar avarías en útiles e ferramentas, máquinas, aparellos, instalacións, edificios, pertenzas e documentos, de forma voluntaria.

8. Causar accidentes por neglixencia ou imprudencia inescusables.

9. A simulación de enfermidade ou accidente.

10. A fraude, a deslealdade, o abuso de confianza, a transgresión da boa fe contractual e, en xeral, os actos que lle produzan prexuízo grave e desprestixio á empresa.

11. Revelarlles a elementos estraños ás empresas datos de reserva obrigada.

12. Proporcionar ou usar información, declaracións ou documentos falsos, adulterados ou sabendo que son defectuosos para obter determinados beneficios económicos ou doutra índole.

13. Os malos tratos de palabra ou obra e a falta de respecto e consideración ós empresarios, encargados, capataces, así como ós compañeiros de traballo ou subordinados.

14. A desobediencia, considerándose como tal a negativa a efectua-lo traballo ordenado, infrinxíndose o disposto sobre obrigas dos traballadores.

15. O abuso de autoridade por parte dos encargados ou capataces respecto do persoal que lle estea subordinado, así como o esixir deste ou admitir del dádivas, obsequios ou favores de calquera natureza.

16. A estafa, o roubo ou furto, tanto ós seus compañeiros de traballo como de mercadorías.

17. Causar desperfectos, intencionadamente ou por neglixencia na mercadoría manipulada.

18. O accidentarse intencionadamente ou prolongar, por algún procedemento de fraude, a normal curación das lesións consecutivas ó accidente.

19. O contrabando de mercadorías e/ou divisas, con ocasión do traballo.

20. O rexeitamento por parte do traballador de dúas ofertas de emprego adecuadas ó seu grupo profesional e especialidade provenientes de empresas estibadoras que desexen establecer con el unha relación laboral común.

21. A diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado convencionalmente, ou o induci-los compañeiros para tal fin.

22. A participación en folga ilegal ou en calquera outra forma de alteración colectiva ilegal no réxime normal de traballo.

23. A negativa durante unha folga á prestación dos servicios mínimos.

Artigo 36º.-Sancións.

Por faltas leves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo dunha a tres quendas, ou igual número de días.

Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de catro a quince quendas, ou igual número de días.

Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dezaseis a noventa quendas, ou igual número de días.

-Despedimento.

Entenderase cumprida a sanción de suspensión de emprego e soldo regulada neste epígrafe cando se cumprisen as quendas ou transcorresen igual número de días que as quendas sancionadas.

Capítulo IX

Seguridade e saúde no traballo

Artigo 37º.-Normativa sobre seguridade e saúde no traballo.

Sen prexuízo do disposto pola lexislación xeral sobre constitución e competencias dos comités de seguridade e saúde nas empresas, e dadas as especificidades do traballo portuario no que realizan labores conxuntamente traballadores vinculados a diversas empresas, manterase un comité de seguridade e saúde como órgano paritario de participación dos traballadores portuarios, empresas estibadoras e sociedade de estiba.

Este comité de seguridade e saúde estará formado, por unha parte, polos delegados de prevención das empresas estibadoras e da sociedade de estiba e desestiba, e doutra, polas empresas estibadoras ou os seus representantes e a sociedade de estiba e desestiba.

En todo caso, o número de membros do comité non será superior a cinco por cada parte, podendo asistir ás reunións, con voz pero sen voto, os asesores que as partes consideren conveniente, cun máximo de dous por cada unha delas.

Así mesmo, poderán participar nas reunións, con voz pero sen voto, os delegados sindicais e os responsables técnicos da prevención nas empresas estibadoras e sociedade de estiba e desestiba, que non estean incluídos na composición do comité de seguridade e saúde.

As súas competencias e facultades serán as que lles atribúe o artigo 39 da citada Lei 31/1995, que poderán ser desenvolvidas polo grupo de traballo designado pola comisión mixta, e aprobadas por esta última.

O delegado de prevención será o delegado de persoal.

Artigo 38º.-Medidas urxentes ante problemas de seguridade e saúde.

Sen prexuízo das facultades que lle corresponden á autoridade laboral e á inspección de traballo en previsión dos problemas que poidan xurdir entre as partes por cuestións relacionadas coa seguridade e saúde, convense que a comisión paritaria do convenio designará de común acordo un mediador con coñecementos e experiencia sobre a materia, ó que

as partes poidan acudir inmediatamente cando se produzan controversias sobre as condicións de seguridade e saúde dunha determinada operación.

A función do mediador non será decisoria nin arbitral, e tan só se limitará a manifesta-lo seu criterio e da-lo seu consello ás partes sobre o problema controvertido, propiciando a solución que considera máis idónea para a garantía da seguridade e o entendemento entre as posturas discrepantes.

Artigo 39º.-Roupa de traballo.

En cumprimento da normativa vixente, a sociedade de estiba comprométese a entregarlles a tódolos seus traballadores os medios de protección e seguridade necesarios.

A tódolos traballadores, xa sexa en réxime común ou especial, se lles adxudicará o seu correspondente armario.

Capítulo X

Representación. Dereitos de reunión e información. Dereitos dos representantes dos traballadores. Dereitos sindicais

Artigo 40º.-Dereitos de reunión e información.

Sen prexuízo dos dereitos sindicais recoñecidos e declarados na lexislación vixente, os traballadores portuarios afectados por este convenio teñen os seguintes dereitos:

-A representación dos traballadores poderá convocar asembleas nos locais da sociedade de estiba. Para iso, terán dereito ó uso dos salóns de nomeamento de Seydfe ou de calquera outro que esta poña á súa disposición, antes ou ó finaliza-los chamamentos diarios, sen máis requisitos que non afectar a estes nin atrasa-la incorporación dos traballadores ós postos de traballo para os que fosen nomeados.

-A recibir información a través dos seus representantes.

-A que lles sexan facilitados, a título individual, os datos mecanizados polas empresas, nos que conste información relativa á súa persoa.

Artigo 41º.-Dereitos da representación dos traballadores.

En igual sentido que no indicado no epígrafe anterior, os representantes legais dos traballadores teñen os seguintes dereitos:

-Uso de 40 horas mensuais acumulables retribuídas para a xestión sindical. Considéranse como tales as ocasionadas por viaxes con motivos sindicais; neste caso, só se computarán as correspondentes ás quendas nas que lles correspondeu traballar efectivamente. A retribución das horas sindicais será a correspondente ó valor do xornal de oficial en xornada ordinaria.

Artigo 42º.-Dereitos sindicais.

Serán de aplicación os restantes acordos acadados no artigo 16 do III Acordo sectorial, en relación

cos dereitos que se regulan neste artigo, e nos dous anteriores.

Artigo 43º.-Representación para a negociación do convenio.

Co fin de determina-la representación dos traballadores afectados polo III Acordo sectorial, para os efectos de defini-la lexitimación para negociar este, así como os convenios colectivos de ámbito inferior, será imputada tal representación ós representantes dos estibadores de relación laboral especial e común incluídos no ámbito persoal expresado no artigo 2º.

Debido á interrelación dos traballos realizados nos portos polos traballadores de relación laboral común e especial, e a consideración de colectivo único dispoñible para o servicio público de estiba e desestiba e os labores complementarios realizados polas empresas estibadoras, as partes conveñen en sinalar, como unidade mínima de negociación, a referida ó ámbito do porto e ó persoal indicado no artigo dous deste convenio.

Para estes únicos efectos e os da representación dos traballadores, as actividades que realicen as empresas estibadoras como concesionarias do servicio público ou complementarios de estiba e desestiba que se describen no artigo 1º, constituirán unha unidade independente das demais actividades dela, á que quedarán adscritos unicamente os estibadores portuarios de cada empresa contratados a Seydfe para a realización destes traballos, por relación laboral común.

Artigo 44º.-Función da sociedad estatal de estiba y desestiba del puerto de Ferrol.

En cumprimento do obxecto que lles asigna ás sociedades estatais de estiba e desestiba o artigo 7 do Real decreto lei 2/1986, a Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de Ferrol contribuirá á realización das actividades portuarias descritas no artigo 1º deste convenio, facilitándolles ás empresas estibadoras os traballadores portuarios, de profesionalidade acreditada, que lles sexan necesarios en cada momento para a súa execución, baixo os criterios de regularidade, eficacia e o menor custo posible do servicio.

Artigo 45º.-Persoal que preste servicio ás empresas estibadoras.

Para o cumprimento da función que se describe no artigo anterior, as empresas estibadoras contarán cos traballadores portuarios propios, contratados por relación laboral común, e os traballadores portuarios pertencentes ó cadro de persoal fixo da sociedade de estiba; os servicios desta poderanos solicitar en función das súas necesidades.

Artigo 46º.-Dirección e control da actividade laboral.

É competencia da sociedade de estiba a asignación e formación dos distintos equipos de traballo con base na facultade aludida no artigo 16º deste convenio.

A dirección, o control e a responsabilidade das actividades laborais dos traballadores portuarios que interveñan nas operacións corresponderalle á empresa estibadora que os realice, e iso con independencia de se o fai con persoal propio de relación laboral común ou con persoal da sociedad estatal de estiba, aínda que, neste último caso, tal responsabilidade quedará limitada ó tempo en que os traballadores estean destinados ás operacións para as que fosen chamados pola empresa estibadora.

A transmisión e execución das ordes das empresas levarase a cabo obrigatoriamente a través da estructura orgánica dos traballadores portuarios.

Os traballadores comprométense a realiza-las tarefas que lles sexan asignadas, en calquera das empresas estibadoras, cumprindo as ordes impartidas por estas, sempre que as ditas ordes respecten o negociado no convenio colectivo con respecto ás relacións laborais dos traballadores con relación laboral especial e dos traballadores con relación laboral común.

Artigo 47º.-Prelación e concorrencia de normas.

As normas deste convenio serán de aplicación preferente e prioritaria ás relacións laborais incluídas no seu ámbito de aplicación, sempre e cando non contradiga o disposto no III Acordo para a Regulación das Relacións Laborais no Sector Portuario. Así mesmo, serán aplicables:

-O Real decreto lei 2/1986, do 23 de maio, e o Real decreto 371/1987, do 13 de marzo; o Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais e regulamentarias do Estado con suxeición á xerarquía normativa en canto sexan normas mínimas ou de dereito necesario absoluto.

-O III acordo sectorial, subscrito o 27 de setembro de 1999.

Artigo 48º.-Melloras sociais.

A empresa efectuará as seguintes melloras sociais:

Seguros: establecerase un seguro de accidentes cuns capitais en caso de morte ou invalidez permanente dunha contía de 4.250.000 pesetas.

Asistencia: establécese para efectos asistenciais unha cantidade de 205.655 e 209.768 pesetas/ano, para os anos 1999 e 2000 respectivamente, que lles será entregada pola empresa ós representantes do persoal.

Disposición derradeira.

A revisión salarial anual correspondente ó período 2001-2004 iniciarase por instancias de calquera das partes no primeiro trimestre do ano, sobre o IPC previsto da masa salarial do ano anterior, sempre que as disposicións vixentes non o impidan e nos seguintes conceptos:

-Salario base.

-Salarios ocupación.

-Salario inactividade.

-Complemento de actividade.

-Cambio operación.

-Pagas extras.

-Vacacións.

-Complemento persoal non absorbible (antigüidade).

-Complemento de transporte.

-Salario mínimo garantido mensual (novo ingreso).

ANEXO I

(a)

Táboa de salarios operación 1999

Tipo de xornada

Salario base

(pesetas/día)

Ordinaria

(Luns a venres)

8 a 12/13.30 a 17.30

13.30 a 17.30

8 a 14

14 a 20

Seminocturna

(Luns a venres)

17.30 a 23.30

20 a 2

Nocturna

(Luns a venres)

2 a 8

Sábado

(Mañá)

8 a 14

Sábado

(Tarde)

14 a 20

20 a 2

2 a 8

Domingo e festivo

8 a 14

14 a 20

20 a 2

2 a 8

Cambio

de operación

Capataz5.87210.861 (2.618)13.708 (3.057)14.108 (3.433)13.708 (3.057)21.722 (5.236)21.722 (5.236)7.495

Controlador de mercadorías5.8729.727 (2.287)13.253 (2.738)13.661 (3.137)13.253 (2.738)19.454 (4.574)19.454 (4.574)6.458

Oficial manipulante5.8729.240 (2.221)11.955 (2.628)12.386 (2.978)11.955 (2.628)18.480 (4.442)18.480 (4.442)6.176

Especialista5.8728.918 (1.935)11.446 (2.313)11.553 (2.642)11.446 (2.313)17.836 (3.870)17.836 (3.870)5.972

Notas:

O salario base día inclúe a parte proporcional de domingos e festivos.

Entre paréntese quedan recollidos os distintos valores das horas de remate en cada tipo de xornada.

ANEXO I

(b)

Táboa de salarios operación 2000

Tipo de xornada

Salario base

(pesetas/día)

Ordinaria

(Luns a venres)

8 a 12/13.30 a 17.30

13.30 a 17.30

8 a 14

14 a 20

Seminocturna

(Luns a venres)

17.30 a 23.30

20 a 2

Nocturna

(Luns a venres)

2 a 8

Sábado

(Mañá)

8 a 8

Sábado

(Tarde)

14 a 20

20 a 2

2 a 8

Domingo e festivo

8 a 14

14 a 20

20 a 2

2 a 8

Cambio

de operación

Capataz5.98911.078 (2.670)13.982 (3.118)14.108 (3.433)13.982 (3.118)22.156 (5.340)22.156 (5.340)7.645

Controlador de mercadorías5.9899.922 (2.333)13.518 (2.793)13.661 (3.137)13.518 (2.793)19.844 (4.666)19.844 (4.666)6.587

Tipo de xornada

Salario base

(pesetas/día)

Ordinaria

(Luns a venres)

8 a 12/13.30 a 17.30

13.30 a 17.30

8 a 14

14 a 20

Seminocturna

(Luns a venres)

17.30 a 23.30

20 a 2

Nocturna

(Luns a venres)

2 a 8

Sábado

(Mañá)

8 a 8

Sábado

(Tarde)

14 a 20

20 a 2

2 a 8

Domingo e festivo

8 a 14

14 a 20

20 a 2

2 a 8

Cambio

de operación

Oficial manipulante5.9899.425 (2.265)12.194 (2.681)12.386 (2.978)12.194 (2.681)18.850 (4.530)18.850 (4.530)6.300

Especialista5.9899.096 (1.974)11.675 (2.359)11.675 (2.359)11.675 (2.359)18.192 (3.948)18.192 (3.948)6.091

Notas:

O salario base día inclúe a parte proporcional de domingos e festivos.

Entre paréntese quedan recollidos os distintos valores das horas de remate en cada tipo de xornada.

ANEXO II

Cláusula adicional

Acórdase expresamente que o ámbito persoal deste convenio colectivo se estenderá exclusivamente ós traballadores portuarios que teñan a condición de fixos da Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de Ferrol, S.A. con relación laboral especial, ós traballadores portuarios que suspendan temporalmente a relación laboral especial coa sociedad estatal de estiba e que constitúan unha relación laboral común cunha empresa estibadora, de conformidade co establecido no artigo 10 do Real decreto lei 2/1986, do 23 de maio, e ós traballadores acollidos á disposición transitoria segunda 2, parágrafo 3º, do dito real decreto lei, ós que, para efectos de evitar indesexadas tensións dentro do colectivo laboral das súas respectivas empresas, se procederá a integrar plenamente dentro deste convenio, nun prazo máximo de 8 anos.

ANEXO III

Clasificación profesional das sociedades de estiba e desestiba

Grupos profesionais:

Grupo 0: auxiliar.

Grupo I: especialista.

Grupo II: oficial manipulante.

Grupo III: controlador de mercadoría.

Grupo IV: capataz.

A descrición e enumeración das funcións e especialidades de cada grupo non presupón a obrigatoriedade da súa existencia en tódolos portos.

Tódolos criterios aquí pactados se aplicarán de conformidade co que estableza a lexislación vixente.

Grupo 0: auxiliar.

É o traballador portuario, en formación, contratado de conformidade co artigo 14 do Real decreto lei 2/1986, para efectua-la manipulación de mercadorías na zona de servicio do porto.

Para este efecto pode realiza-las seguintes tarefas:

1. Entrega e recepción de mercadorías.

2. Traslados internos de mercadorías/contedores e vehículos/carga rodada posteriores á súa recepción,

ou descarga de buques e anteriores á carga a buques ou entrega, entre as terminais ou zonas do recinto portuario onde as empresas estibadoras desenvolven a súa actividade.

Reordenación, preparación e reconversión interna (roll-trailers/plataformas ou viceversa) de mercadorías e contedores previas á carga a buque e entrega, así como posteriores á recepción e descarga de buque.

3. Clasificación, unificación e consolidación de cargas.

4. Grupaxe e reconto de mercadorías.

A delimitación e o alcance das tarefas asignadas ó grupo 0-auxiliar será determinada, de entre as indicadas anteriormente, no convenio ou pacto de ámbito de cada porto, con ratificación da comisión mixta. Así mesmo, por resolución da comisión mixta, poderase amplia-la actuación laboral dos profesionais do grupo 0-auxiliar a aqueloutros labores non previstos anteriormente, pero de semellante función que se segreguen de entre os recoñecidos ó grupo profesional I.

Grupo I: especialista.

É o profesional portuario que realiza as tarefas de manipulación de mercadorías na carga/descarga, estiba/desestiba, transbordo e labores complementarios, a bordo dos buques e na totalidade da zona de servicio do porto baixo as ordes do seu superior.

Estas tarefas agrúpanse de forma indicativa da seguinte forma:

1. Realización de funcións de sinalización, tanto en cuberta como en terra, mediante a emisión de sinais manuais ou outros medios, cando así o determine o convenio colectivo para este grupo.

2. Manipulación de traspaletas, xa sexan manuais ou eléctricas, cando así estea determinado no convenio colectivo para esta función.

3. O manexo de guindastres de bordo e guinches de calquera tipo e outros aparellos ou elementos mecánicos cando se utilicen nas operacións portuarias incluídas neste acordo, cando así estea determinado no convenio colectivo para esta función.

4. Cantos traballos se deriven da manipulación de pesca fresca, no suposto de buques de máis de 100 tn, sempre e cando non exista pacto coa súa

tripulación, nin exista dispoñibilidade de persoal do grupo 0-auxiliar para o seu desempeño.

5. Enchido e baleirado de contedores.

6. Suxeición, trincaxe e solta a bordo dos buques, sempre e cando non as realicen as tripulacións dos buques.

7. O arrastre, carga e descarga das caixas de pescado, desde o peirao ata a lonxa ou o almacén e, en xeral, cantos traballos se deriven da manipulación de pesca fresca, no suposto de buques de máis de 100 tn, sempre e cando non exista pacto coa súa tripulación.

8. Realización de todo tipo de operacións de limpeza, tanto na adega como en explanadas, cando o tipo de carga así o esixa.

9. Este grupo profesional realizará tanto as tarefas de grupo 0-auxiliar, cando non estivese constituído tal grupo, como as tarefas que resulten da aplicación do disposto no parágrafo final que regula o citado grupo 0-auxiliar.

Dado o grao de mecanización crecente das actividades deste grupo, para todo o anterior utilizará tódolos medios mecánicos que a propia operativa esixa.

Grupo II: oficial manipulante.

É o profesional portuario manipulante de maquinaria que, con coñecementos de mecánica, hidráulica e electricidade, conduce e manipula os diferentes vehículos empregados na operativa portuaria e en calquera outra manipulación ou desprazamento de mercadoría dentro das instalacións portuarias.

Así mesmo, e con coñecementos sobre sinalización de operacións, cando así o determine o convenio colectivo para este grupo, pode realizar funcións de sinalización, tanto en cuberta como en terra, mediante a emisión de sinais manuais ou outros medios.

As funcións do oficial manipulante agrúpanse en:

1. Manipulación de elevadores frontais con garfos e de menos de 8 tn de potencia de elevación.

2. Manipulación de elevadores frontais con pinzas (algodón, balas e bobinas de papel, etc.).

3. Manipulación de elevadores frontais de máis de 8 tn de potencia de elevación.

4. Manipulación de cabezas tractoras con quinta roda elevable (Maffis).

5. Conductores de camión e trailer.

6. Manipulación de vancarriers.

7. Manipulación de trastainers.

8. Manipulación de pa de limpeza, pa cargadora e pa de adega.

9. Manipulación de guindastres eléctricos.

10. Manipulación de guindastres móbiles sobre rodas.

11. Manipulación de guindastres pórtico.

12. Conducción de vehículos, non comprendida no artigo 2 d) do Real decreto lei 2/1986.

13. Manipulación de Reach Stacker.

14. Manipulación de Poclain ou similar, con polbo hidráulico.

As especialidades aquí enumeradas e aquelas que se incorporen por causa dos avances tecnolóxicos non se constitúen como subdivisións deste grupo profesional; non se limita, polo tanto, a mobilidade funcional e ten a súa única razón de existencia o grao de capacitación/formación dos traballadores portuarios encadrados neste grupo profesional.

As funcións xerais deste grupo son as seguintes:

-Recoller no parque de maquinaria as que lle sexan asignadas polo capataz ou empresa estibadora e realiza-las comprobacións de estado da máquina e os seus controis antes e despois da operación.

-Comunicarlle ó capataz ou á empresa estibadora calquera anomalía da maquinaria, antes, durante e despois da operación.

-Manipular a máquina respectando a sinalización e as normas de seguridade e hixiene cara ás persoa, e as de calidade e seguridade cara á mercadoría.

Grupo III: controlador de mercadoría.

É o profesional portuario que planifica, coordina e controla física e administrativamente os movementos de mercadorías e os seus continentes, número e peso de unidades, situación e localización de elementos, clasificación, identificación, recepción, entrega, verificación da relación de mercadorías obxecto de carga, descarga e labores complementarios, recontos, ritmos e frecuencias, etc., relativos ás operativas portuarias do dito ámbito, mediante a aplicación de procedementos técnico-administrativos de obtención e fixación de datos, elaboración e procesamento da información e transmisión de resultados, inspección ocular, etc.

Para todo o anterior terá á súa disposición a documentación correspondente ás ordes, plans e programas relativos ás operativas portuarias do dito ámbito, transmitindo a quen corresponda (capataz, empresa estibadora, oficialidade do buque, transportista, etc.) a información que elabore, e é o responsable da súa obtención, veracidade, exactitude e constancia documental.

Grupo IV: capataz.

É o profesional portuario que dirixe e coordina, baixo a dirección e instruccións da empresa estibadora, as operacións portuarias, incluídos os servicios auxiliares ou complementarios, e é o responsable do desenvolvemento da operación e do equipo, con independencia da súa procedencia, informando puntualmente á dita empresa estibadora do desenvolvemento e incidencias dela.

É o responsable directo do equipo no referente a rendementos, seguridade (sen prexuízo do establecido no Real decreto lei 2/1986) e disciplina no ámbito funcional e espacial da operativa portuaria, así como da calidade e seguridade na manipulación da mercadoría e dos medios técnicos que se utilizan.

Entre as súas funcións destacan:

1. O control da planificación e programación do traballo do seu equipo, da orde da carga e do plano de estiba baixo as ordes da empresa estibadora.

2. A distribución e organización das diferentes tarefas entre o conxunto dos traballadores asignados á operación co fin de obte-lo máximo rendemento.

3. A vixilancia do cumprimento dos rendementos previstos e das súas ordes ó equipo durante toda a operación, realizando a formalización de todo tipo de partes relativos á súa función: traballo, accidentes, etc.

4. A atención e, se é o caso, adopción das ordes provenientes dos mandos do buque, da empresa estibadora ou das suxestións provenientes do seu propio equipo de traballo.

5. A supervisión da preparación, manipulación e retirada dos medios técnicos postos ó servicio da operación.

Cando se realicen operacións simultáneas nas que estean implicados varios capataces, a empresa estibadora poderá designar un responsable xeral que asuma, respecto do conxunto, a responsabilidade da coordinación dos labores portuarios que se realicen nun ou varios buques ou nunha área determinada da zona de servicio do porto.

En todo caso, entenderase que o responsable xeral, no caso de que a empresa estibadora coide necesaria a súa designación, deberá ser nomeado de entre o persoal portuario do grupo IV-capataces.