Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 17 de decembro de 2001 Páx. 16.028

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 309/2001, do 22 de novembro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Decoradores de Galicia.

Por Decreto 88/2001, do 6 de abril, creouse o Colexio Oficial de Decoradores de Galicia, por segregación do colexio nacional.

O devandito colexio, reunido en asemblea constituínte, que tivo lugar o día 22 de setembro de 2001, procedeu á aprobación dos seus estatutos, solicitando da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a cualificación da súa legalidade e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal informou favorablemente sobre a súa adecuación á legalidade.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias á que se refire o real decreto citado, na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vintedous de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Decoradores de Galicia.

Disposición adicional

Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

TÍTULO I

Do colexio

Artigo 1º.-Denominación e carácter.

O Colexio Oficial de Decoradores de Galicia é unha corporación oficial de carácter profesional con personalidade xurídica propia e con capacidade plena para cumpri-los seus fins e exerce-las súas facultades, que se rexerá polo establecido nestes estatutos e nas disposicións que lles sexan aplicables.

Artigo 2º.-Fins e funcións do colexio.

1. Constitúen os fins esenciais do Colexio Oficial de Decoradores de Galicia ordena-lo exercicio desta profesión, a súa representación exclusiva e defende-los intereses profesionais dos colexiados.

2. De modo especial, correspóndenlle ó Colexio Oficial de Decoradores de Galicia, no seu ámbito territorial, as seguintes funcións:

a) Exercer oficialmente, en forma plena e exclusiva, a representación dos seus colexiados e a profesión nos termos previstos na lexislación vixente, en todo o ámbito territorial, incluso internacional, ante os poderes públicos, as autoridades, os tribunais e os organismos de tódalas clases e graos; polo que recollerán as necesidades e as aspiracións dos colexiados para encarreiralas, impulsalas e defendelas.

b) Colaborar coa Administración pública e cooperar cos organismos oficiais, na forma que proceda, en tódalas cuestións que atinxan a profesión.

c) Mante-lo decoro profesional e a harmonía entre tódolos colexiados, polo que se adoptarán, de acordo coas leis vixentes e co disposto nestes estatutos, as medidas que conduzan a que non sufra ningún detrimento o bo nome da profesión, así como realizar un labor de arbitraxe nas cuestións que poidan xurdir entre os membros do colexio.

d) Emiti-los dictames, os informes e as consultas que lles sexan solicitados e facilita-la relación dos colexiados que puidesen ser requiridos para interviren como peritos nos asuntos xudiciais, ou designalos el mesmo, segundo proceda.

e) Designar quen teña que representa-lo colexio nos xurados dos concursos que, para adxudica-las obras de decoración, convoquen, tanto os organismos oficiais como os particulares.

f) Visar, con carácter obrigatorio, os planos, os informes, os dictames, as valoracións ou as peritacións e demais traballos que leven a cabo os colexiados ó exerceren a súa profesión, así como tutela-lo recoñecemento da sinatura, sempre e cando sexa competencia destes profesionais.

g) Organiza-los servicios para cobra-los honorarios profesionais; cando así o solicite o decorador, fixaranse as normas e as tarifas de honorarios profesionais, que -en todo caso- terán carácter orientativo.

h) Prestarlles un servicio de asistencia xurídica ós decoradores e adopta-las medidas necesarias para que os colexiados teñan seguros de responsabilidade civil co fin de garantírlle-los riscos nos que poidan incorrer ó exerceren a profesión.

i) Impedir e, de se-lo caso, persegui-lo intrusismo profesional en tódalas súas formas; polo que se adoptarán as medidas necesarias para impedilo e exercita-las accións que procedan.

j) Contribuír á formación profesional máis completa ó organizar misións de carácter cultural, científico, técnico ou práctico relacionadas coa profesión, así como cursos para a formación profesional dos colexiados, actos culturais e de información, publicacións, intercambios e calquera outros medios idóneos.

k) Premia-los colexiados ou as persoas que polos seus méritos sexan acredoras disto e sancionar disciplinariamente as faltas nas que puidesen incorrer aqueles, de acordo co establecido nestes estatutos.

l) Intervir, na vía de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados co fin de impedi-la competencia desleal entre eles e, en xeral, procura-la harmonía e a colaboración entre estes.

m) Cumprir e facerlles cumprir ós colexiados as leis, os estatutos profesionais e os regulamentos de réxime interior, así como as normas e as decisións que adoptase o organismo colexial en materias da súa competencia.

n) Cantas outras funcións redunden a prol dos intereses profesionais e dos colexiados.

Artigo 3º.-Ámbito territorial e sede colexial.

1. O ámbito territorial do Colexio Oficial de Decoradores de Galicia é o territorio de Galicia, con carácter de colexio profesional único e, como tal, asume para a profesión as funcións atribuídas ós consellos galegos de colexios, segundo a normativa vixente.

2. O domicilio social do colexio de Galicia está na Coruña. Ten dúas delegacións que son A Coruña-Lugo e Ourense-Pontevedra.

3. Para autoriza-lo cambio de sede colexial e, de se-lo caso, a adquisición dun local novo, cómpre que o aprobe a Asemblea Xeral dos colexiados.

TÍTULO II

Dos colexiados

Capítulo I

Incorporación ó colexio

Artigo 4º.-Exercicio legal da profesión.

1. Para exercer legalmente a actividade de decorador territorial de Galicia será requisito indispensable para quen teña o domicilio nesta comunidade autónoma, estar colexiado coa cualificación de que exerce.

2. Exerce-la profesión sen este requisito será considerado intrusismo profesional e será perseguido polo colexio en tódolos ámbitos xurisdiccionais que consideren necesario ou conveniente.

3. A cada colexiado seralle asignado un número por orde de colexiación, polo que se respectará a antigüidade procedente, por segregación do Colexio Nacional de Decoradores.

Artigo 5º.-Solicitude de incorporación.

1. Tódolos que se desexen incorporar ó colexio solicitarano por escrito, con esta solicitude achegarán o título académico correspondente ou o testemuño notarial del, o documento de identidade (DNI) e demais documentación que se acorde; así mesmo, ingresarán os dereitos de incorporación que se establezan, que lles serán devoltos no caso de denegárenlle-la colexiación.

2. Na solicitude de incorporación farán constar -expresamente- se van exerce-la profesión ou se, pola contra, instan o seu ingreso no colexio como membros que non exercen.

Artigo 6º.-Titulación.

1. Para incorporarse como colexiado de pleno dereito ó Colexio Oficial de Decoradores de Galicia, o solicitante deberá acreditar que posúe a titulación de graduado en artes aplicadas correspondente ós estudios regulados polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, ou os declarados equivalentes.

2. En particular, ten carácter de colexiado de pleno dereito quen pertenza á Delegación Territorial de Galicia do Colexio Nacional de Decoradores ó constituírse, por segregación dese, este Colexio Oficial de Decoradores.

Artigo 7º.-Denega-la colexiación.

As solicitudes de incorporación serán denegadas, por acordo da xunta de goberno, nos casos seguintes:

a) Non ter cumpridos os requisitos que estes estatutos establecen para a validez da incorporación ou que non resulte acreditada a lexitimidade e a certeza dos documentos que presenten.

b) Ser anteriormente expulsado do colexio ou darse de baixa nel, despois de serlle acordada a formación de expediente disciplinario sen que transcorrese o tempo de prescribirlle a sanción.

c) Atoparse suspenso no exercicio da profesión por sentencia firme, corrección disciplinaria ou estar condenado a unha pena que leve como accesorias as de inhabilitación ou suspensión de profesión.

Artigo 8º.-Colexiados que exercen e os que non exercen.

1. Os que exercen son as persoas naturais que, logo de reuniren as condicións esixidas para isto, obtiveron a incorporación ó colexio e exercen activamente a profesión de decorador.

2. Os membros que non exercen son as persoas naturais que, tras reuniren as condicións necesarias para incorporárense ó colexio e despois de obtérena, non exercesen activamente a profesión ou, logo de exercérena, a abandonaron.

3. Os colexiados que non exercen manteránlle-lo seu número de colexiado e respectaránlle-la súa antigüidade para tódolos efectos.

Capítulo II

Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 9º.-Dereitos.

Os colexiados que exercen terán dereito de gozar de tódolos servicios, das facultades e das prerrogativas que resulten destes estatutos e demais.

a) Elixir e ser elixidos para postos de representación e ocupar cargos directivos.

b) Informar e ser informados oportunamente das actuacións, da vida da entidade e das cuestións que, con respecto do exercicio da profesión, os afecten.

c) Exerce-la representación que en cada caso se confira.

d) Intervir, de acordo coas normas legais e estatutarias, na xestión económica e administrativa do colexio e expresar libremente as opinións en materia e asuntos de interese profesional.

e) Exercita-las accións e o recurso que proceda co fin de defende-los seus dereitos como colexiados.

f) Ser amparados polo colexio no exercicio profesional ou por motivos del na defensa dos intereses lícitos e dos seus honorarios.

g) Asistir con voz e voto ás asembleas xerais do colexio, ordinarias e extraordinarias.

h) Presentar libremente as candidaturas ós postos de goberno do colexio e desempeña-los cargos para os que fosen elixidos.

i) Formular queixas ante a xunta de goberno do colexio contra a actuación profesional ou colexial de calquera dos membros que a integran.

j) Utiliza-los servicios e as dependencias colexiais, sempre, para uso estrictamente profesional.

k) Ser asistidos polo colexio, mediante os servicios que se establezan, co cobramento de honorarios profesionais.

l) Obter unha tarxeta de identificación profesional, que fose expedida polo secretario e asinada polo presidente, na que conste o seu número de colexiado xunto co selo do colexio.

Artigo 10º.-Dereitos dos colexiados que non exercen.

1. Os colexiados que non exercen terán dereito ós mesmos servicios, ás facultades e ás prerrogativas coas limitacións sinaladas nestes estatutos, de non ser aqueles dereitos que lles sexan inherentes ó exercicio profesional.

2. Terán voz nas asembleas xerais e o seu voto contará a metade do dos membros que exercen, malia non poderen presenta-la súa candidatura ós postos de goberno do colexio.

Artigo 11º.-Deberes.

Como requisito indispensable, para desempeñar legalmente a actividade de decorador, requírese:

a) Estar colexiado no Colexio Oficial de Decoradores de Galicia, aqueles que teñan o seu domicilio profesional nesta comunidade autónoma e estean ó día nos pagamentos das súas cotas colexiais, soporten tódalas contribucións económicas de carácter corporativo ou de calquera outra índole ás que se atopa suxeita a profesión.

b) Cumprir coas prescricións que conteñen os presentes estatutos, cos regulamentos que os desenvolven e cos acordos que o colexio adopte.

c) Levanta-las cargas que, con carácter xeral, lles imputasen e satisface-las cotas -ordinarias e extraordinarias- que aprobase o colexio para manter e atende-los servicios asistenciais, de previsión e aseguramento que constitúan, entre eles, obrigatoriamente, o seguro de responsabilidade civil profesional.

d) Someter obrigatoriamente ó visado do colexio tódolos traballos profesionais, calquera que estes sexan. O traballo profesional deberá ser redactado por triplicado, polo menos, remitiráselles seguidamente a encarga xunto coa memoria, o orzamento e os planos, para visalo o colexio, quen se quedará cun exemplar para rexistralo e arquivalo; en consecuencia, teñen que comprobar que o traballo profesional é correcto e que se axusta á legalidade.

e) Observar dos órganos de xestión do colexio o debido respecto e, entre os colexiados, os deberes de harmonía profesional.

f) Facerlle saber ó colexio tódolos feitos que lle poidan afecta-la profesión, tanto particular como colectivamente, e a importancia de que poida determina-la intervención corporativa con carácter oficial. En concreto, están obrigados a facerlle saber, por escrito, á xunta de goberno do colexio os casos de intrusismo e de desprestixio profesional dos que tivesen noticia, así como os casos de exercicio ilegal, tanto por non estar colexiado como por se atopar suspendido ou inhabilitado o denunciado.

Capítulo III

Competencias profesionais

Artigo 12º.-Facultades profesionais.

As facultades e as competencias profesionais dos decoradores serán as que en cada momento lles atribúa a lexislación vixente.

Capítulo IV

Intrusismo profesional e competencia desleal

Artigo 13º.-Intrusismo profesional.

1. Considérase intrusismo profesional exerce-la profesión de decorador unha persoa que non reúna as condicións da titulación establecida no artigo 6º destes estatutos.

2. O colexio exercitará fronte ó intrusismo profesional cantas accións xurisdiccionais fosen necesarias ou convenientes en beneficio dos colexiados.

Artigo 14º.-Competencia desleal.

Entre os decoradores colexiados debe haber fraternidade, lealdade e respecto recíproco que enxalcen a profesión, co fin de evitar sempre a competencia desleal, así como toda actuación que lesione estes principios e cumprir sempre os deberes corporativos.

Capítulo V

Perda da condición de colexiado

Artigo 15º.Causas da perda da condición de colexiado.

1. A condición de colexiado perderase:

a) Por deixar de pagar, dentro dos prazos sinalados, tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias acordadas, así como as demais cargas colexiais a que está obrigado, cos efectos establecidos nos arts. 58º e 61º destes estatutos.

b) Neste suposto os colexiados poderán rehabilita-los seus dereitos ó pagaren o que deben e a cantidade que lles correspondese como incorporación nova.

c) Por condena firme que leve consigo a de inhabilitación para exerce-la profesión.

d) Por expulsión do colexio que fose acordada en expediente disciplinario.

e) Por baixa voluntaria.

2. En todo caso, a perda da condición de colexiado polas causas expresadas deberanlle ser comunicada por escrito ó interesado, a partir deste momento producirá efecto.

Capítulo VI

Intercolexiación

Artigo 16º.-Relacións entre colexios.

Os distintos colexios de decoradores/deseñadores de interior, sen prexuízo das súas propias competencias e a personalidade, poderán crear un vínculo de intercolexiación e colaboración mutua.

Artigo 17º.-Comunicación ó colexio.

Os profesionais que exerzan ocasionalmente a profesión nun territorio diferente ó da colexiación teñen a obriga de comunicarlles, a través do colexio ó que pertenzan, ós colexios distintos dos que figuran inscritos as actuacións que vaian realizar nas súas demarcacións co fin de quedaren suxeitos ás súas competencias de ordenación, ó visado, ó control deontolóxico e á potestade disciplinaria do devandito colexio.

TÍTULO III

Órganos de goberno

Artigo 18º.-Órganos de goberno.

O goberno do Colexio Oficial de Decoradores de Galicia estará a cargo da asemblea xeral de colexiados e da xunta de goberno.

Capítulo I

Da asemblea xeral de colexiados

Artigo 19º.-Composición da asemblea.

19.1. A asemblea xeral estará constituida por tódolos colexiados -que exerzan e os que non exerzanque pagasen as cotas establecidas legalmente.

19.2. A asemblea xeral, validamente constituída, será o órgano soberano do colexio e os acordos, adoptados tendo en conta os estatutos, son obrigatorios para tódolos colexiados.

Artigo 20º.-Funcións e competencias.

Son funcións e competencias da asemblea xeral:

a) Adopta-los acordos relativos á representación, á xestión e á defensa dos intereses do colexio e dos seus afiliados.

b) Aprobar, de se-lo caso, a xestión que fose desenvolvida pola xunta de goberno, así como os programas e plans de actuación previstos que esta prevexa.

c) Elixir e revoga-lo mandado dos membros da xunta de goberno.

d) Aprobar, cando proceda, as normas de desenvolvemento, adicións, supresións ou modificacións dos estatutos e dos regulamentos complementarios.

e) Fixa-las cotas que teñan que satisface-los colexiados, segundo as propostas que elabore a xunta de goberno.

f) Aprobar, de se-lo caso, os regulamentos de réxime interior que fosen elaborados pola xunta de goberno.

g) Propoñe-la disolución do colexio.

h) Coñecer e resolve-las reclamacións e os recursos que formulasen os colexiados.

Artigo 21º.-Clases de asembleas.

As asembleas xerais poderán ser ordinarias e extraordinarias, a elas asistirían tódolos colexiados con voz e voto. O voto dos colexiados que exerzan terá a metade de valor có dos que non exerzan.

Artigo 22º.-Delegación de voto.

O voto é persoal; poderá delegarse por escrito e, segundo o asunto concreto do que se trate, a favor de calquera outro colexiado.

Artigo 23º.-Asembleas xerais ordinarias.

a) Dentro do primeiro trimestre do exercicio, o colexio celebrará asemblea xeral ordinaria para ler e aprobar, se procede, as contas do exercicio anterior, así como para acordar e vota-los asuntos que figuren na orde do día. Achegarase unha información xeral sobre a marcha do colexio e finalizarase coa rolda de rogos e preguntas que se propoñan.

b) Dentro do derradeiro trimestre do ano, o colexio celebrará unha asemblea xeral ordinaria, para ler e aprobar, se procede, o orzamento do ano seguinte, así como para acordar e vota-los asuntos que figuren na orde do día. Proporcionarase unha información xeral sobre a marcha do colexio e finalizarase coa rolda de rogos e preguntas que se propoñan.

Artigo 24º.-Asemblea xeral extraordinaria.

A asemblea xeral reunirase con carácter extraordinario, por iniciativa da xunta de goberno ou por solicitalo un tercio do censo dos colexiados; nela expresaranse as causas que a xustifiquen e os asuntos concretos que haxa que tratar nelas, non se poderán tratar nela máis asuntos cós expresados na convocatoria.

Artigo 25º.-Convocatoria.

1. As asembleas xerais, ordinarias ou extraordinarias serán convocadas por un comunicado do presidente. Esta notificación enviaráselles por escrito a tódolos colexiados, polo menos, con quince días naturais de antelación á data sinalada para a reunión.

2. Na notificación da convocatoria deberá figura-lo lugar, o local, o día e a hora na que se ha de realiza-la asemblea e os asuntos que se teñan que tratar segundo a orde do día, acordados previamente, e determina-la data e a hora na que terá lugar a reunión en segunda convocatoria.

Artigo 26º.-Asuntos varios.

1. A xunta de goberno no apartado de «Asuntos varios» recollerá tódalas propostas que formulen os colexiados, expostas por escrito, polo menos con cinco días naturais de antelación á data da reunión.

2. Non se poderá aprobar ningún acordo respecto ós asuntos que non figuren na orde do día.

Artigo 27º.-Quórum.

1. A asemblea xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria se o número de asistentes e representados nela suman, polo menos, a metade máis un dos votos totais do colexio, contabilizados na data da convocatoria e, en segunda, calquera que sexa o número de asistentes.

2. A representación dos colexiados, tanto que exerzan como que non exerzan, deberalle ser conferida -por escrito e debidamente acreditada- á secretaría do colexio con anterioridade a realiza-la asemblea.

Artigo 28º.-Presidencia.

A presidencia das asembleas xerais corresponderalle ó presidente do colexio (ou, na súa ausencia, ó vicepresidente), quen dirixirá e coordinará os debates, concederá a palabra por orde de solicitude, chamará á orde, de se-lo caso, ós colexiados que se excedesen no alcance das súas intervencións ou faltasen ó respecto debido ós asistentes, reiterarán a palabra ou expulsarán do local ó que, logo de chamáreno á orde tres veces, o desobedecese.

Artigo 29º.-Acordos da asemblea.

1. A mesa da asemblea quedará integrada pola xunta de goberno e actuará como secretario o da propia xunta.

2. Os acordos que adopte a asemblea xeral serán tomados pola maioría de votos dos asistentes e os representados debidamente, ademais, computarase o voto do decorador que non exerce como a metade do que exerce.

3. Os acordos que tome a asemblea xeral obrigarán a tódolos colexiados, tamén ós ausentes ou ós que se absteñan. A xunta de goberno adoptará as medidas que considere para cumpri-los acordos aprobados, contra os anteditos recursos poderá interpoñe-los recursos pertinentes.

Artigo 30º.-Acta da asemblea xeral.

Redactarase unha acta das reunións da asemblea xeral, a cal quedará rexistrada nun libro para tal fin, asinada polo secretario co visto e prace do presidente.

Capítulo II

Da xunta de goberno

Artigo 31º.-Composición.

O Colexio Oficial de Decoradores de Galicia estará rexido e representado pola xunta de goberno, que estará integrada por un presidente, un vicepresidente, un tesoureiro-contador e catro vocais numerados. Ademais, contará cun secretario que pode ser ou non un dos membros da xunta.

Artigo 32º.-Competencias da xunta de goberno.

1. Correspóndelle á xunta de goberno a dirección e a administración do colexio para cumpri-los seus fins en todo aquilo que, de maneira expresa, non lle corresponda á asemblea xeral.

2. De forma especial correspóndelle á xunta de goberno:

a) Dirixir e vixia-lo cumprimento dos cometidos corporativos.

b) Designa-las comisións encargadas de prepara-los informes e os estudios ou de dicta-los laudos ou as arbitraxes.

c) A formación do orzamento e as contas e todo o que lle concirna á cuestión económica.

d) Convocar xuntas xerais ordinarias e extraordinarias, nas que se sinalará cadansúa orde do día.

e) Esclarece-los problemas que puidesen xurdir entre os membros do colexio, polo que se atenderán tódalas queixas fundadas que lle presenten por escrito á xunta de goberno.

f) Exerce-la xurisdicción disciplinaria respecto dos colexiados, de conformidade co disposto nos estatutos e nos regulamentos.

g) Nomerar, destinar e separa-lo cadro de empregados do colexio.

h) Asistir, na representación do membro da xunta designado para tal fin, ós actos e ás xestións nas que resulte preciso para o goberno do colexio, ou no interese dos colexiados; así como aqueles que fosen elegidos por razón da profesión e o seu nomeamento o solicite o colexio, como: cargos de xurados no concurso, peritos ante os tribunais, etc.

i) Tódalas demais atribucións que establecen outros artigos destes estatutos e o Regulamento de réxime interior do colexio.

j) Emitir consultas e dictames, así como dictar arbitraxes ou laudos.

k) En xeral, exercer tódalas funcións do colexio que non estean expresamente atribuídas a outros órganos colexiais.

Artigo 33º.-Elección dos membros da xunta de goberno.

1. Os membros da xunta de goberno serán elixidos por catro anos, por votación dos colexiados, e a metade será renovada cada dous anos; os seus membros poderán ser reelixidos.

2. Ó finaliza-lo primeiro bienio, serán renovados os cargos de vicepresidente e os vocais 2º e 4º.

Ó finaliza-lo segundo bienio, serán renovados os cargos de: presidente, tesoureiro-contador e vocais 1º e 3º.

Artigo 34º.-Candidaturas.

1. Os anteditos cargos escolleranse mediante sufraxio libre e secreto e terán que recaer nos colexiados que exerzan a profesión de decorador.

2. Poderán ser candidatos tódolos colexiados que exerzan, pertencentes ó ámbito territorial do colexio, que desempeñen a profesión cunha antigüidade de, polo menos, un ano e que, malia ocuparen a condición de electores, non estean incursos en ningunha prohibición ou en incapacidade legal ou estatuaria.

Para ser candidato a presidente e vicepresidente requírese unha antigüidade de cinco anos.

3. Poderán exerce-lo dereito de sufragio activo tódolos colexiados que exerzan con, polo menos, unha antigüidade de tres meses e os que non exerzan, cunha antigüidade de seis meses.

Artigo 35º.-Eleccións ós cargos da xunta de goberno.

1. As eleccións para renova-los cargos efectuaranse no mes de novembro do ano no que corresponda celebralas; a votación verificarase durante catro horas, presidida cada unha delas por dous membros da xunta de goberno e actuarán como escrutadores os dous electores con menos antigüidade, que se atopen presentes ó comeza-la elección.

2. Con dous meses de antelación á data de elixir, expoñerase na secretaría da sede do colexio a listaxe alfabética dos colexiados con dereito de participar nela, separados en dous grupos, de colexiados que exercen e os que non exercen, así como a relación dos elixibles para cada cargo, esta candidatura terase solicitado antes do día 1 de outubro anterior.

O candidato terá que solicita-la súa candidatura do cargo concreto polo que se desexa presentar.

3. Poderán interpoñer reclamacións fundadas e pedir inclusións e exclusións na antedita listaxe, ata o día 10 de outubro, nesta data quedará cerrado este período.

4. O día 20 de outubro ou, se é inhábil, no día hábil seguinte, expoñerase na secretaría do colexio a listaxe definitiva, despois de que a xunta de goberno resolva as reclamacións e as peticións de incluírse e excluírse que formulasen.

Artigo 36º.-Votación, escrutinio e toma de posesión.

1. O voto poderao exercitar en persoa ou por correo.

2. O voto en persoa comprobarase entregándolle cada votante ó presidente da mesa electoral unha papeleta co nome dos candidatos elixidos, que será inmediatamente depositada na urna que lle corresponda, segundo se trate de votantes que exercen ou que non exercen. Na listaxe dos colexiados anotaranse os que xa depositaron o voto.

3. A tódolos colexiados enviaránselle-las papeletas dos candidatos e un sobre para votaren por correo.

Para que a votación por correo sexa válida deberán enviar un sobre que conteña a fotocopia do DNI do colexiado e a papeleta dentro do sobre de votación, co fin de identifica-lo colexiado que o envía, así como garanti-lo segredo do voto. O sobre de remisión dirixirase a este colexio, no que se indicará que é para as «eleccións», para que a secretaría do colexio non o abra e llo entregue á mesa electoral.

O sobre pode envialo por correo ou polo servicio de mensaxería ou levalo á delegación do colexio ata o día anterior á elección.

O colexiado pode revoga-lo seu voto por correo, se comparece a votar en persoa. Neste caso o sobre do voto por correo destrúese.

Os sobres interiores dos votos emitidos por correo, logo de comprobárlle-la autenticidade do sobre exterior e a acreditación do colexiado que vota, serán

introducidos nas urnas ó finaliza-lo tempo de votación e antes de comeza-lo escrutinio.

4. Os votos dos que exercen terán valor dobre có dos que non exercen.

5. O escrutinio será público e verificarao a mesa inmediatamente despois de concluí-la votación, anunciarase en alta voz o resultado, redactarase a acta da sesión, que será asinada polos membros da mesa e polos colexiados asistentes que o desexen. As listaxes dos votantes e as dos votos que obtivo cada candidato quedarán expostas na secretaría, ó dispor dos colexiados que as desexen examinar.

6. Nos casos de empate, terá preferencia a maior antigüidade profesional e, se este persistise, a maior idade.

7. Os elixidos tomarán posesión dos seus cargos nos dez días seguintes á data da votación; nese momento acabarán de actuar aqueles que lles corresponde abandona-los seus cargos.

Artigo 37º.-Vacantes.

Se por calquera causa quedase vacante, antes de finaliza-lo prazo de mandado, algún posto da xunta de goberno será cuberto, se esta o considera necesario, transitoriamente ata a vindeira asemblea xeral que se efectúe, na que, de se-lo caso, será ratificado por votación, permanecerá o elixido ocupando o cargo durante todo o tempo que faltase para renovar este, mediante el procedemento electoral previsto.

Artigo 38º.-Asistencia ás xuntas.

1. A xunta de goberno reunirase obrigatoriamente unha vez ó mes e tódalas veces que o convoquen o presidente, ou por pedimento, polo menos, de tres membros da antedita xunta.

2. A asistencia á xunta é obligatoria. Faltar a tres sesións consecutivas ou a seis alternativas no prazo dun ano sen xustificación suficiente, por consideráreno así os membros asistentes, supón renunciar ó cargo, o cal dá lugar ó cesamento automático do cargo e este quedará vacante.

Artigo 39º.-Acordos da xunta de goberno.

A xunta de goberno tomará os seus acordos pola maioría de votos, manifestados por escrito e en forma secreta; precísase para a súa validez, en primeira convocatoria, a asistencia da maioría dos membros e, en segunda convocatoria, que se poderá celebrar media hora despois da fixada na primeira calquera que sexa o número de asistentes; o voto do presidente será de calidade no caso de empate.

Artigo 40º.-Delegación de votos.

Os membros da xunta, no caso de serlles imposible a asistencia e xustificárena debidamente, poderán delega-lo seu voto noutro membro. Tales representacións deberán ser conferidas por escrito especial para cada xunta.

Artigo 41º.-Libros de actas.

Tódolos acordos que adopte a xunta de goberno serán anotados no libro de actas, que serán suscritos polo secretario e o presidente ou, no seu defecto, por quen os substitúa estatutariamente.

Artigo 42º.-Comisións.

1. A xunta de goberno poderá crea-las comisións que considere convenientes, que deberán -en todo caso- ser presididas polo presidente ou polos membro da xunta en quen este delegue.

2. Estas comisións poderán ser ampliadas con colexiados que non pertenzan á xunta de goberno, como colaboradores, con dereito a voz, pero sen voto.

Capítulo III

Do presidente e do vicepresidente

Artigo 43º.-Presidente.

Correspóndelle ó presidente:

a) Exerce-la representación xudicial e extraxudicial do colexio, con facultades de delegar e de acorda-lo exercicio de toda clase de accións, recursos e reclamacións, ante calquera autoridade, órgano, xulgado e tribunal. Poderá conceder este poderes a favor de procuradores, letrados e graduados sociais.

b) Convoca-las reunións das asembleas xerais e das xuntas de goberno.

c) Fixa-la orde do día dunha e outra, de acordo coa xunta de goberno. Presidi-las reunións da asemblea xeral e das xuntas de goberno.

d) Dirixi-las deliberacións.

e) Autorizar coa súa sinatura as actas das reunións dos órganos colexiais. As devanditas actas consideraranse aprobadas se os asistentes ás reunións non formulan obxección expresa por escrito no prazo de dez días desde que aquelas sexan expostas no taboleiro de anuncios.

f) Autorizárlle-la incorporación no colexio ós decoradores que reúnan os requisitos de admisión, tralo acordo da xunta de goberno.

g) Dárlle-lo visto e prace ás certificacións que expida o secretario.

h) Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial.

i) Autoriza-los informes e as comunicacións que oficialmente lles dirixa o colexio ás autoridades, ás corporacións e ós particulares.

j) Asina-los documentos necesarios para abrir contas correntes bancarias, depósitos, contas de crédito e, en xeral, toda clase de operacións bancarias, os talóns ou os cheques expedidos pola tesourería para retira-las cantidades que se necesiten.

k) Darlles posesión ós membros da xunta de goberno.

l) Decidir co seu voto de calidade os empates nas votacións.

Artigo 44º.-Vicepresidente.

O vicepresidente exercerá todas aquelas funcións que lle confira o presidente; asumirá automaticamente as funcións deste no caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Capítulo IV

Dos vocais

Artigo 45º.-Vocais.

Serán atribucións dos vocais da xunta de goberno:

a) Colaborar cos titulares dos restantes cargos da xunta de goberno e substituílos nas ausencias, nas enfermidades ou en calquera outra circunstancia que cause vacante temporal.

b) Asistir cos restantes vocais, ó domicilio social do colexio para atende-lo despacho dos asuntos que o requiran e as xuntas de goberno, con voz e voto.

c) Substituír, cando a xunta o considere preciso, pola orde de numeración dos vocais, o tesoureiro-contador e -incluso- o presidente ou o vicepresidente, nos casos de imposibilidade para ocupárenas os titulares ou os vacantes.

d) Desempeñar tódolos cometidos que lles concirnan ó presidente ou á xunta de goberno, así como as comisións para as que os nomeasen ou as que se constitúan para estudia-las cuestións que sexan materia do colexio, organización de actos ou calquera outro asunto que fixe a xunta.

Capítulo V

Do tesoureiro-contable

Artigo 46º.-Tesoureiro-contable.

Será misión do tesoureiro-contable:

a) Recadar e custodia-los fondos que lle pertencen ó colexio, por ser responsable deles.

b) Asinar recibos, recibir cobramentos e realizar pagamentos coas sinaturas conxuntas do presidente e, na falta deste, doutro membro da xunta que esta designe.

c) Custodia-lo fondo indispensable para as atencións ordinarias do colexio; o que exceda deste límite será ingresado no banco ou nos bancos autorizados pola xunta de goberno. Estas cantidades non se retirarán máis que coas sinaturas do presidente e a súa, ou na falta deste, doutro membro da xunta, que fose designado por ela.

d) Confecciona-las contas, balances e orzamentos que se deban someter á xunta de goberno ou á asemblea xeral de colexiados, que informarán en todo momento a xunta de goberno sobre o seu estado económico e financeiro.

e) Comunicarlle á xunta de goberno a falta de pagamento dos colexiados para que lles reclamen as cantidades debidas ou prevexan a baixa pertinente.

Artigo 47º.-Xestoría.

O tesoureiro-contador poderá ser asistido por unha xestora ou asesoría contable e fiscal, que será nomeada por acordo da xunta de goberno, para as funcións propias do seu cargo.

Capítulo VI

Do secretario

Artigo 48º.-Nomeamento.

O secretario será nomeado pola xunta xeral.

Artigo 49º.-Funcións.

Corresponderalle ó secretario:

a) Redacta-las actas das reunións.

b) Dar fe da toma de posesión de tódolos membros da xunta de goberno.

c) Expedir certificacións.

d) Darlle contas á xunta de goberno dos asuntos do colexio e das comunicacións dos colexiados.

e) Asinaren por si, ou co presidente, nos casos necesarios, as ordes, a correspondencia ordinaria de mero trámite e demais documentos administrativos.

f) Coida-lo arquivo dos documentos que lle pertencen ó colexio e da súa custodia será responsable, ó evita-la saída da sede colexial salvo por causa ineludible ou por forza maior.

g) Leva-lo libro de actas das reunións das asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias, e da xunta de goberno.

h) Levaren por si, auxiliado polo persoal de oficina no que poida delegar, o libro de colexiados; nel fará consta-los nomes e os apelidos dos colexiados, as escolas das que proceden, as especialidades que teñan cursadas, a data de expedición do título, as datas da solicitude de ingreso e da incorporación, o domicilio, a empresa na que presta os servicios e, de se-lo caso, ou se exerce a profesión libremente. O antedito libro será actualizado e posto ó día segundo vaia comunicando cada colexiado as modificacións na súa situación.

i) En xeral, tódolos que lle confiran os regulamentos particulares e os acordos adoptados pola xunta de goberno.

Capítulo VII

Dos servicios do colexio

Artigo 50º.-Servicios do colexio.

O colexio dispoñerá dun servicio de asesoría xurídica á disposición dos colexiados con dereito a esta, así como os servicios que consideren precisos para desenvolve-los fins do colexio e para cumpri-lo seu labor asistencial, o personal será nomeado e destituído pola xunta de goberno.

TÍTULO IV

Réxime de distincións e premios

Artigo 51º.-Membros de honra, premios e distincións.

1. A xunta de goberno poderá nomear como membros honoríficos as persoas naturais, sexan ou non decoradores, que por criterio desta merezan tal distinción polos seus servicios destacados ó colexio ou á profesión.

2. Así mesmo, poderán concederlles premios e distincións especiais ós colexiados que, segundo a xunta de goberno, llelo merezan.

TÍTULO V

Réxime disciplinario

Capítulo I

Facultades disciplinarias dos colexios e dereitos dos colexiados

Artigo 52º.-Normas xerais e competencia.

1. A xunta de goberno poderá sanciona-los membros do seu colexio por todos aqueles actos que realizan ou polas omisións nas que incorran e que sexan considerados constitutivos de infracción culpable dos deberes profesionais ou corporativos, ou sexan contrarios ó prestixio ou á honorabilidade da profesión ou ó respecto ós compañeiros, así como polo incumprimento das disposicións establecidas en calquera destes estatutos.

2. As sancións disciplinarias faranse constar, en todo caso, no expediente persoal do colexiado.

3. O presidente e a xunta de goberno son competentes para exerceren a xurisdicción disciplinaria, aténdose ás normas seguintes:

Estenderase a sanción de infracción de deberes profesionais ou de normas éticas de conducta en canto lle afecten á profesión.

Declararase anterior a formación do expediente seguido polos trámites que se especifiquen no Regulamento de procedemento disciplinario, salvo as faltas leves.

Comprenderá como correccións as seguintes:

a) Apercibimento por escrito.

b) Reprensión privada.

c) Suspende-lo exercicio profesional da decoración por un prazo non superior a dous anos.

d) Expulsión do colexio.

Artigo 53º.-Acordo de suspensión.

1. O acordo de suspensión, por máis de seis meses ou de expulsión, deberá ser tomado exclusivamente pola xunta de goberno, mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos membros que a compoñen.

2. A esta sesión están obrigados a asistir tódolos compoñentes da xunta. O que, sen causa xustificada, non concorrese, deixará de pertencer ó órgano rector

do colexio, sen que poida ser de novo nomeado vocal da xunta na elección na que se cubra a súa vacante.

3. Se o acordo se refire a algún dos membros da xunta, coñecerá o expediente o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Decoradores e de Deseñadores de Interior de España.

Artigo 54º.-Información previa.

1. A xunta de goberno poderá inicia-lo procedemento, abrindo un período de información previa, co fin de coñece-las circunstancias do caso concreto e a conveniencia ou non de abrirlle o expediente disciplinario.

2. Logo de finaliza-las actuacións de tal información e, en todo caso, no prazo de trinta días naturais desde a resolución que acordou abrir esta, a xunta de goberno dictará unha resolución pola que se decidirá abri-lo expediente disciplinario, ou ben arquiva-las actuacións.

Artigo 55º.-Dereitos.

Os colexiados respecto dos cales se sigan procedementos disciplinarios terán os seguintes dereitos:

a) Á presunción de inocencia.

b) A notificárlle-los feitos que lles imputen das infraccións que tales feitos poidan constituír e as sancións que, se procede, lles puidesen impoñer, así como a identidade do instructor e do órgano competente para impoñérlle-la sanción.

c) A absterse de declarar no procedemento seguido na súa contra, a formular alegacións e utiliza-los medios de defensa admitidos polo ordenamento xurídico que resulten procedentes.

Capítulo II

Das faltas e das sancións

Artigo 56º.-Clasificación das faltas.

As faltas que poidan levar consigo sanción disciplinaria clasifícanse en: moi graves, graves e leves.

Artigo 57º.-Faltas moi graves.

Son faltas moi graves:

a) A prestación de servicios profesionais se se incumpren os requisitos especificados no artigo 11º.

b) Os actos e as omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras éticas que as gobernan.

c) O atentado contra a dignidade e a honra das persoas que constitúen a xunta de goberno cando actúen no exercicio das súas funcións e contra os demais compañeiros con ocasión do exercicio profesional.

d) A comisión de delictos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión.

e) A realización de actividades, constitución de asociacións que pertenzan a estas cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias dos colexios ou interfiran neles dalgún modo.

f) O encubrimento de intrusismo profesional.

g) Cando sobre o colexiado recaese condena por sentencia firme dun feito gravemente afrontoso.

h) As queixas reiteradas por parte do cliente ante o colexio pola actuación profesional do decorador, sempre que estas sexan fundadas.

i) A reiteración de dúas faltas graves nun mesmo ano.

Artigo 58º.-Faltas graves.

Son faltas graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polo consello xeral ou polo colexio, salvo que constitúa falta moi grave.

b) A falta de respecto ós compoñentes da xunta de goberno cando actúen no exercicio das súas funcións.

c) Os actos de desconsideración manifesta cara ós compañeiros ó exerce-la actividade profesional.

d) A competencia desleal.

e) O incumpri-las normas colexiais sobre o visado profesional.

f) Os actos e as omisións descritos nos apartados a) e c) do artigo anterior cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

g) A embriaguez ou a toxicomanía habitual que lle afecte gravemente ó exercicio da profesión.

h) A reiteración de dúas faltas leves nun mesmo ano.

Artigo 59º.-Faltas leves.

Son faltas leves:

a) A falta de respecto ós membros da xunta de goberno no exercicio das súas funcións, cando non constitúa falta moi grave ou grave.

b) A neglixencia ó cumpri-las normas estatutarias.

c) As infraccións dos deberes que a profesión impón.

d) Os enumerados no artigo anterior cando non tivesen entidade suficiente para seren considerados como graves.

Artigo 60º.-Sancións.

As sancións que se poden impoñer son:

1. Por faltas moi graves:

Para a dos epígrafes a), b), c), d), e), f), g), h) e i), do artigo 57º suspensión no exercicio da profesión de decorador por un prazo superior a tres meses sen exceder de dous anos, sen prexuízo do establecido nos tres últimas alíneas do apartado b).

Para os dos epígrafes h) e i), expulsión do colexio.

Os colexiados que dentro do prazo sinalado deixasen de satisface-las cotas ordinarias ou extraordinarias acordadas obterán unha prórroga de noventa días para verificalo e, logo dun requirimento por parte do colexio neste sentido sen efectualo, daranse de baixa das listaxes do colexio automaticamente, polo que perderán tódolos dereitos de colexiado ata que as satisfaga, así como as demais que lles impuxesen ós colexiados durante o tempo que permaneceu na situación de baixa.

Así mesmo, a falta de pagamento das cotas levará consigo que lle deneguen os visados dos traballos profesionais do decorador moroso e a que o colexio non lle preste os servicios asistenciais ou de calquera outra clase.

A baixa por este concepto de falta de pagamento de cotas colexiais, durante o prazo de máis dun ano, carrexará a perda do número de colexiado e, no caso de alta posterior, asignaráselle a que lle corresponda, polo que perderá a antigüidade.

2. Por faltas graves:

Suspenderlle o exercicio da profesión de decorador por un prazo non superior a seis meses.

3. Por faltas leves:

a) Apercibimento por escrito.

b) Reprensión privada.

Artigo 61º.-Órganos competentes para impoñeren sancións.

1. As faltas leves serán sancionadas pola xunta de goberno e, no seu nome, polo presidente do colexio, sen necesidade de expediente previo e logo da audiencia a descarga do inculpado.

2. As faltas graves e moi graves sancionaraas a xunta de goberno logo de abrirlle expediente disciplinario, tramitado de acordo co Regulamento de procedemento disciplinario.

Na falta do antedito regulamento estarase ó disposto nas normas de procedemento sancionador que contén a Lei de procedemento administrativo, sen prexuízo do establecido no artigo 53º.3.

3. A xunta de goberno e o presidente poderán delega-las súas facultades de instrucción de expediente disciplinario e de proposta de resolución no órgano que se poida crear para tal fin. O acordo para impoñe-la sanción corresponderalle en todo caso á xunta de goberno.

Artigo 62º.-Recursos.

As sancións levarán consigo o efecto correspondente a cada corrección; a imposición será notificada pola secretaría e contra estas poderase recorrer en forma e cos efectos previstos nos arts. 68º e 69º destes estatutos.

Capítulo III

Prescrición e rehabilitación

Artigo 63º.-Prescrición.

As faltas que determinan sanción disciplinaria prescribirán, se son leves, ós tres meses; se son graves, ó ano e se son moi graves, ós dous anos, dos feitos que as motivaron.

Artigo 64º.-Rehabilitación.

1. Os sancionados poderán pedi-la súa rehabilitación nos seguintes prazos, contados desde o cumprimento da sanción:

a) Se fose por falta leve, ós seis meses.

b) Se fose por falta grave, ós dous anos.

c) Por falta moi grave, ós catro anos.

d) Se consistise en expulsión, o prazo será de cinco anos.

2. A rehabilitación solicitaraa a xunta de goberno e levará consigo cancela-la nota do seu expediente persoal.

TÍTULO VI

Réxime xurídico dos actos do colexio

Artigo 65º.-Execución dos acordos.

Tanto os acordos da asemblea xeral como os da xunta de goberno serán inmediatamente executivos, salvo acordo motivado en contrario pola propia xunta.

Artigo 66º.-Libros de actas.

1. No colexio levaranse obrigatoriamente, baixo a responsabilidade do secretario, os libros de actas onde se transcribirán separadamente as que lle corresponden á asemblea xeral e á xunta de goberno.

2. As anteditas actas deberán estar asinadas polo presidente ou por quen nas súas funcións presidise a asemblea ou a xunta e polo secretario, ou quen desempeñase estas funcións nela.

Artigo 67º.-Nulidade de actos e acordos.

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais nos que se dean algúns dos seguintes supostos: os manifestamente contrarios á lei, os adoptados con incompetencia notoria, aqueles que o seu contido sexa imposible ou sexa constitutivo de delicto, os dictados que prescinden total ou absolutamente do procedemento legalmente establecido para iso ou as normas que conteñen as regras esenciais para forma-la vontade dos órganos colexiados.

2. A xunta de goberno deberá, en todo caso, suspender e formular un recurso contra os actos nulos de pleno dereito.

Artigo 68º.-Recursos contra os actos e os acordos da xunta de goberno.

1. Os actos e os acordos emanados da xunta de goberno poderán ser obxecto de recurso ante a propia xunta no prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte a aquel no que se adoptasen

ou, de se-lo caso, notificárllelo ós colexiados ou ás persoas a quen lles afecte.

2. De ser rexeitado este ou non formular contestación, no prazo dun mes desde que se presentou, poderá interponer un recurso ante o consello xeral dos colexios oficiais de decoradores de España, dentro do prazo de vinte días naturais, desde a contestación ou do transcurso do mes no caso de falta de contestación; o recurso será presentado ante a xunta de goberno que dictou o acto, o cal se deberá elevar, cos antecedentes e os informes que procedan, ó consello xeral dos colexios oficiais de decoradores de España, dentro dos quince días seguintes á data de presentación.

3. O consello xeral, logo dos informes que considere procedentes, deberá dictar resolución expresa no prazo de seis meses.

4. Ó presenta-lo recurso, o recorrente poderá solicitar, e a xunta de goberno, ou o consello, de se-lo caso, poderán acordar discrecionalmente suspende-la execución do acordo obxecto de recurso.

Artigo 69º.-Recurso contencioso-administrativo.

Os actos emanados da xunta de goberno e do consello xeral, despois de esgota-los recursos corporativos, serán directamente obxectos de recurso ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 70º.-Prazos.

O mes de agosto considérase inhábil.

TÍTULO VII

Dos recursos económicos do colexio e da auditoría anual

Artigo 71º.-Recursos ordinarios e extraordinarios.

1. Os recursos económicos do colexio serán: ordinarios e extraordinarios.

2. Serán recursos ordinarios os seguintes:

a) As cotas xerais de ingreso que se establezan.

b) As cotas periódicas que se establezan, primordialmente para atende-lo orzamento xeral de gastos. Poderá acorda- la xunta as reduccións das cotas para os colexiados antes de presentaren o seu primeiro traballo profesional para visar.

c) As rendas, os froitos, os xuros e os dereitos que se obteñan dos bens que o colexio posúa.

d) Os ingresos que procedan de publicacións, impresos, suscricións, servicios, certificacións, dictames, asesoramentos e calquera outra cantidade que fose acreditada polos demais servicios.

e) Os ingresos que proceden do rexistro e do visado obrigatorio dos proxectos dos colexiados.

3. Serán recursos extraordinarios os seguintes:

a) As cotas extraordinarias que se aproben.

b) As cotas especiais para alza-las cargas corporativas.

c) As subvencións ou os donativos oficiais de calquera tipo ou procedencia.

d) Os bens mobles ou inmobles ou as cantidades efectivas ou doazóns ou calquera outro título lucrativo que entren a formar parte do capital do colexio.

e) As cantidades ou os bens que por calquera outro concepto non especificado poida recibir.

Artigo 72º.-Aprobación da xunta de goberno.

Os recursos extraordinarios para ser admitidos necesitarán que os aprobe a xunta de goberno do colexio.

Artigo 73º.-Auditorías.

Se o solicitase e o acordase a asemblea xeral en cada exercicio orzamentario, que coincidirá con cada anualidade, levarase a cabo unha auditoría externa co contido e as formalidades aplicables, segundo a normativa fiscal e administrativa en vigor en cada momento.

TÍTULO VIII

Función cultural, formativa e asistencial do colexio

Artigo 74º.-Creación de comisións.

Para contribuír á formación profesional, crear axudas e bolsas de estudio, actos culturais e de información, publicacións e calquera outros medios idóneos para tales fins, a xunta de goberno constituirá, cos vocais que dela designe, as comisións que crea convenientes para que por elas mesmas ou de acordo con outras institucións ou organismos procuren, en especial, cumpri-los anteditos fins.

Artigo 75º.-Funcións.

Corresponderanlle ás anteditas comisións:

a) Organizar conferencias e coloquios sobre temas da profesión, nas que procurarán obter para estes efectos a colaboración de destacados profesionais nacionais e estranxeiros.

b) Facilitárlle-la práctica ós alumnos de decoración nos estudios dos colexiados.

c) Organizar cursos e conferencias que lles axuden na formación dos colexiados no desenvolvemento do exercicio profesional.

d) Convocar concursos e certames de índole profesional entre os colexiados.

e) Asistir a feiras e a exposicións.

f) Editar publicacións profesionais.

g) Calquera outras de natureza análoga.

Artigo 76º.-Labor asistencial do colexio.

O colexio desenvolverá o máis amplo labor asistencial que as súas posibilidades económicas lle permitan, por medio da xunta de goberno ou polas comisións que para tal fin se constitúan, dirixida preferentemente a:

a) Regula-la contratación entre decorador e cliente, dos que elabora impresos modelo para esta.

b) Establecer clasificación de honorarios con carácter meramente orientativos e non vinculantes.

c) Encargarse de cobra-las percepcións, as remuneracións ou os honorarios profesionais cando o colexiado llo solicite libre e expresamente.

d) Visa-los traballos profesionais, o que lles será obrigatorio presentar ós decoradores, segundo o regulamento vixente.

e) Prestarlles asesoramento xurídico ós colexiados nas incidencias que xurdan por causa de exerce-la profesión.

f) Organizar un sistema para asegura-las responsabilidades civís profesionais e de auxilio e previsión, asistencia, etc. a través dos cales se poida levar a cabo e desenvolver coa máxima amplitude e eficacia os principios de cooperación, auxilio e asistencia sociais.

TÍTULO IX

Modificación dos estatutos

Artigo 77º.-Requisitos para modifica-los estatutos.

Para modifica-los estatutos esixirase un acordo da asemblea xeral extraordinaria a instancia dun quórum mínimo do 25% do total dos colexiados e, no caso de que a asemblea que o acorde non reúna un quórum de asistencia mínimo do 50% de colexiados que exercen, o tema deberá ser tratado noutra asemblea, tamén de carácter extraordinario, que poderá adopta-lo acordo por maioría simple e sen esixir un quórum especial de asistencia.

TÍTULO X

Procedemento de disolución e réxime de liquidación

Artigo 78º.-Requisitos e lexislación aplicable.

1. O acordo de disolución ou fusión con outro colexio de ámbito superior requirirá o acordo da asemblea xeral, por instancia do 25% dos colexiados que exercen, adoptado por maioría do 50% do total dos colexiados e precisará ser aprobado por decreto, despois de oí-los colexios afectados.

2. No non previsto ateranse, en todo o que sexa aplicable, ás normas sobre disolución e liquidación establecidas para as sociedades anónimas; polo que se entenderá que, cando fala de socios, se refire ós colexiados.

Disposición adicional

Única.-No non establecido nestes estatutos, aplicarase supletoriamente:

a) A Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, publicada no BOE de data 15 de febreiro de 1974 e a Lei 7/1997, do 14 de abril, así como o Real decreto lei 6/2000, do 23 de xuño.

b) A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) O Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais.

d) A Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria

Única.-As situacións creadas e os dereitos adquiridos de acordo co réxime anteriormente en vigor serán respectados.