Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 17 de decembro de 2001 Páx. 16.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se fixan as datas para a realización dos exames ordinarios de 2002 para a obtención de titulacións para o goberno de embarcacións de lecer.

A Orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 30 de xullo de 1998 establece a normativa xeral para a realización dos exames para a obtención das titulacións para o goberno de embarcacións de lecer, determinándose que as súas datas de realización serán fixadas pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Sendo necesario establece-la data e as condicións de inscrición nas convocatorias ordinarias previstas para 2002, esta dirección, en uso do establecido na Orde do 30 de xullo de 1998 (DOG nº 158, do 17 de agosto),

RESOLVE:

Primeiro.-Proceder á convocatoria dos exames teóricos ordinarios de xaneiro, abril e outubro de 2002 nas seguintes datas:

1.-Patrón para a navegación básica e patrón de embarcacións de lecer.

Días 22 de xaneiro, 23 de abril e 22 de outubro nas horas fixadas polos centros no seu taboleiro de anuncios.

De ser moi numeroso o número de inscritos, ó presidente do tribunal poderá trasladar o día seguinte o exame dunha das dúas titulacións, o que se anunciará no taboleiro de anuncios do centro.

Os exames terán lugar nos seguintes centros: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

2.-Patrón de iate e capitán de iate.

Días 24 e 25 de xaneiro, 25 e 26 de abril e 24 e 25 de outubro nas horas fixadas polos centros no seus taboleiros de anuncios.

De ser moi numeroso o número de inscritos, o presidente do tribunal poderá trasladar ó día seguinte o exame dunha das dúas titulacións, o que se anunciará no taboleiro de anuncios do centro.

Os exames terán lugar no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Segundo.-Proceder á convocatoria dos exames prácticos ordinarios destas convocatorias de 2002 nas seguintes datas:

1.-Patrón para a navegación básica, patrón de embarcacións de lecer, patrón de iate e capitán de iate.

A partir dos días 18 de febreiro, 20 de maio e 18 de novembro nas horas e lugares fixados polo centro no taboleiro de anuncios os candidatos inscritos.

Os exames terán lugar nos seguintes centros: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Terceiro.-Os candidatos deberán solicita-la súa admisión a exame mediante instancia dirixida ó presidente do correspondente tribunal de exame para a obtención das titulacións de referencia para os correspondentes exames teóricos na convocatoria de xaneiro: entre o 17 de decembro de 2001 e o día 11 de xaneiro de 2002; na convocatoria de abril: entre o 18 de marzo de 2002 e o 5 de abril de 2002; na convocatoria de outubro: entre o 16 de setembro de 2002 e o 4 de outubro de 2002.

E para os correspondentes exames prácticos na convocatoria de febreiro: entre os días 1 e 15 de febreiro; na convocatoria de maio: entre o 2 e 16 de maio e na convocatoria de novembro: entre o día 4 e 15 de novembro.

Xunto coa solicitude modelo, será preciso presenta-la seguinte documentación:

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Unha fotografía recente de tamaño carné.

-Xustificante, para a Administración, do correspondente impreso de consellería de taxas debidamente validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso.

a) Para o exame teórico:

-No caso de que os candidatos teñan superada unha parte do programa da titulación ó que se presentan, deberán achega-lo certificado do último exame.

-Título, tarxeta ou xustificante de trámite de patrón de embarcacións de lecer, para presentarse a patrón de iate.

-Título, tarxeta ou xustificante de trámite de patrón de iate, para presentarse a capitán de iate.

b) Para o exame práctico:

Certificado de ter aprobado o exame teórico se este se realizou fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Fotocopia da documentación da embarcación na que se vai realiza-lo exame, que acredite o cumprimento das condicións establecidas no artigo 8 da Orde do 30 de xullo de 1998 (DOG nº 158, do 17 de agosto).

Cuarto.-As mencionadas solicitudes poderán presentarse en calquera das seguintes dependencias administrativas:

a) No rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou de calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais.

b) Na secretaría do Instituto Politécnico-Marítimo Pesqueiro do Atlántico en Vigo ou das escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ribeira e Ferrol, segundo corresponda.

Quinta.-Os presidentes dos tribunais, á vista das solicitudes recibidas, farán público no taboleiro de anuncios de cada centro examinador as listas de admitidos e excluídos, así como a hora de realización (e o día se é necesario) das probas correspondentes a cada unha das titulacións.

Sexta.-Rematadas e corrixidas as probas, expoñeranse, no taboleiro de anuncios dos centros realizadores dos exames, as listas das cualificacións destas.

Os interesados poderán, se é o caso, formula-las reclamacións que coiden oportunas perante o presidente do tribunal, no prazo de 15 días, contados desde a data na que sexan publicada as listas.

Sétima.- Aqueles solicitantes que se encontren en posesión de titulacións que dan lugar á validación de partes dos programas, solicitarana perante o tribunal ó tempo que solicitan a inscrición para o exame, para o que xuntarán a documentación necesaria para acreditarlle que están en posesión das titulacións que alegan para a validación. O tribunal resolverá estas na lista pública de admitidos e excluídos.

Oitava.-Os solicitantes deberán reuni-las condicións físicas previstas na Resolución do 30 de decembro de 1997 da Dirección Xeral da Mariña Mercante.

Esta condición acreditarase mediante a presentación de certificado médico expedido de conformidade coa dita resolución, cando se solicite a tarxeta acreditativa.

Novena.-Estas convocatorias e cantos actos administrativos se deriven delas poderán impugnarse nos casos e na forma previstos na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admi

nistracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2001.

Joaquín Mariño Cadarso

Director xeral de Formación Pesqueira e

Investigación