Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 07 de decembro de 2001 Páx. 15.539

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2001 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro para repara-los danos causados polas choivas e temporais nos parques de cultivo de moluscos do Carril.

Con data do 29 de novembro de 2001, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e o Igape asinaron un convenio de apoio financeiro para repara-los danos causados polas choivas e temporais nos parques de cultivo de moluscos do Carril.

Polo que antecede, en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e o artigo 11.1º a) do Decreto

317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio de apoio financeiro para repara-los danos causados polas choivas e temporais nos parques de cultivo de moluscos do Carril, que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Igape

ANEXO

Convenio de apoio financeiro para repara-los danos causados polas choivas e temporais nos parques

de cultivo de moluscos do Carril

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2001.

O presente convenio, asinado por unha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Antonio Orza Fernández e, por outra parte, por Enrique César López Veiga, conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia, inscríbese dentro do marco da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia para repara-los danos causados polas choivas e temporais nos parques de cultivo de moluscos, acaecidos desde os últimos días de outubro de 2000 ata finais do mes de xaneiro de 2001.

Dadas as especiais características dos beneficiarios e gastos atendidos neste convenio, non foi posible encadralo no marco xeral de axudas para este fin, considerándose necesario habilitar un mecanismo específico.

A axuda consistirá na subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos formalizados para estes efectos con entidades financeiras que foran destinados a financia-la reparación ou reposición de instalacións, maquinaria, area e semente que se viran danados como consecuencia dos fenómenos atmosféricos mencionados no ámbito dos parques de cultivo de moluscos do Carril.

Estes préstamos poderán ser subsidiados polo Igape, con suxeición ás seguintes

Cláusulas:

Cláusula 1ª.-Obxecto e dotación orzamentaria.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de axudar ó financiamento dos danos producidos polas choivas e temporais acaecidos desde os últimos días de outubro de 2000 ata finais do mes de xaneiro de 2001 no ámbito dos parques de cultivo de moluscos do Carril.

A axuda consistirá na subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos formalizados para estes efectos con entidades financeiras que foran destinados a financia-la reparación ou reposición de instalacións, maquinaria, area e semente que se viran danados como consecuencia dos fenómenos atmosféricos mencionados no ámbito dos parques de cultivo de moluscos do Carril.

A axuda someterase ás directrices horizontais e sectoriais dictadas pola Comisión Europea, ás normas específicas contidas no presente convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

O crédito dispoñible para a concesión da axuda ascende a un máximo de 240.404,84 euros (equivalentes a 40.000.000 de pesetas) e financiarase con cargo á partida 02.01 01/01/12 656700 dos orzamentos do Igape para o ano 2002.

Cláusula 2ª.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas no presente convenio os socios da Confraría do Carril ou da Asociación de Parquistas do Carril, que sexan:

a) Titulares de concesións de parques de cultivo.

b) Persoas físicas ou xurídicas que teñan en trámite a solicitude de concesión, renovación ou transmisión das concesións.

c) Persoas que exploten directamente os parques de cultivo e que tiveran xa formalizadas, no período comprendido entre o mes de novembro do ano 2000 e á entrada en vigor deste convenio, operacións de préstamo ou crédito que cumpran os termos e condicións previstos nel.

2. En calquera caso, os beneficiarios das axudas previstas neste convenio deberán te-la consideración de pequenas e medianas empresas (Pemes) conforme a definición adoptada pola Comisión da Unión Europea do 3 de abril de 1996. Para estes efectos, terá a consideración de PEME a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores,

b) Que teña un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de euros (equivalentes a 6.655.440.000 pesetas), ou ben un balance xeral anual, activo total, non superior a 27 millóns de euros (equivalentes a 4.492.422.000 pesetas), e

c) Que cumpra o criterio de independencia tal como se define a continuación:

Consideraranse empresas independentes as empresas nas que o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenzan a outra empresa, ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de PEME. Este límite poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou investidores institucionais, sempre que estes non exerzan, individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa;

-Se o capital está distribuído de tal forma que non é posible determinar quén o posúe e se a empresa declara que pode presumir que o 25% ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de PEME.

Para o cálculo dos límites considerados nas letras a) e b) engadiranse as cifras correspondentes da empresa beneficiaria e de tódalas empresas nas que posúa

directa ou indirectamente o 25% ou máis do seu capital ou dos dereitos de voto.

Os solicitantes deberán acreditar esta circunstancia segundo o formulario establecido no anexo I a este convenio.

Cláusula 3ª.-Vixencia e prazo de presentación de solicitudes.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e o prazo de presentación de solicitudes de subsidiación finalizará ós 30 días naturais seguintes. O convenio desenvolverá a súa vixencia mentres persistan as obrigas económicas derivadas del.

Cláusula 4ª.-Modalidade e destino das axudas.

1. A axuda consistirá na subsidiación ata 4 puntos porcentuais dos tipos de xuro dos préstamos que os beneficiarios tivesen xa formalizado para financia-la reparación ou reposición de instalacións, maquinaria, area e semente que se viran danadas como consecuencia dos fenómenos atmosféricos mencionados no ámbito dos parques de cultivo de moluscos do Carril.

2. A axuda financeira que se conceda pagarase dunha soa vez e para o seu cálculo procederase do seguinte modo:

a) Calcularanse en pesetas correntes segundo o previsto na cláusula 4.1 deste convenio (ou o seu contravalor en euros) os valores absolutos das subvencións que se van percibir, segundo o sistema de liquidación establecido no contrato de crédito ou préstamo, tomando como data de devengo a da formalización do contrato.

b) Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro vixente á data da entrada en vigor deste convenio.

3. No momento do aboamento da subvención, o importe resultante destinarase en primeiro lugar á cancelación do principal pendente de amortizar, podendo a cantidade restante aplicarse a xuros, comisións e outros gastos do beneficiario.

4. Tipo de xuro resultante para o beneficiario.

Para os efectos de aplicación dos puntos de subsidiación, o tipo de xuro resultante para o beneficiario, é dicir, o tipo de xuro nominal no momento da formalización menos os puntos de subsidiación, non poderá ser inferior ó 1%. No caso de que o tipo resultante sexa inferior a ese límite, reducirase a subsidiación nos puntos correspondentes.

5. As referencias que se fan neste convenio ó tipo de xuro, entenderanse sempre ó tipo de xuro nominal anual.

Cláusula 5ª.-Tramitación.

1. Solicitudes e documentación:

As solicitudes de subsidiación presentaranse na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e nas súas delegacións provinciais, no modelo normalizado que se publicará no Diario Oficial de Galicia (anexo II).

Á solicitude xuntaráselle a documentación establecida no anexo III, por duplicado exemplar e deberá presentarse en orixinal ou copia cotexada cos orixinais.

2. As solicitudes presentadas fóra do prazo establecido na cláusula 3ª deste convenio, serán obxecto de resolución de arquivo.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos neste convenio ou non está acompañada da documentación esixida, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ó do requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, en caso contrario, será considerado desistido da solicitude, logo de resolución declarativa de tal circunstancia.

4. No prazo de 5 días desde que o expediente estivese completo, a Secretaría Xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura remitirá os expedientes ó Igape xunto co seu informe que alomenos terá que pronunciarse sobre os seguintes extremos:

-Se o solicitante cumpre os requisitos para ser beneficiario da axuda.

-Se o préstamo formalizado para o que se solicita a subsidiación foi destinado ó obxecto do convenio.

-A contía do gasto subvencionable segundo a xustificación documental presentada (facturas, medios de pagamento, etc.) que acredite a execución e pagamento deste.

A emisión de informe da citada consellería será vinculante para a resolución da axuda polo Igape.

5. Instruído o procedemento pola Área de Financiamento do Igape e inmediatamente antes de redactar proposta de resolución, porase de manifesto ós interesados para que no prazo de 10 días poidan alegar e presenta-los documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes, e dentro dos 15 días seguintes á recepción dos expedientes no Igape, a Dirección Xeral do Igape elevará ó presidente do Igape a proposta de resolución da Dirección da Área de Financiamento. A resolución de concesión incluirá o tipo de xuro nominal vixente na data de formalización do contrato, os puntos de subsidiación efectivos, o tipo de xuro resultante para o beneficiario, o importe, prazo e condicións financeiras do préstamo ou crédito subsidiable, o importe dos gastos subvencionables, e o importe da subvención concedida. As resolucións denegatorias deberán ser motivadas.

7. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada dos expedientes completos na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas.

8. Notificación e aceptación.

O Igape notificaralle ó solicitante a concesión ou denegación da subsidiación. As resolucións de concesión deberán ser aceptadas por escrito polo beneficiario no prazo de 15 días hábiles a partir do seguinte ó da súa notificación. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia a ela, dictándose resolución neste sentido. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, neste convenio e demais disposicións aplicables.

9. Recursos.

Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde a súa notificación. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición perante o Consello de Dirección do Igape no prazo dun mes desde a súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

10. Silencio administrativo.

O prazo máximo para notifica-la resolución do procedemento será de tres meses desde a data de presentación da solicitude da axuda. Este prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

Cláusula 6ª.-Liquidación e pagamento da subsidiación.

1. Os beneficiarios que acepten a concesión da axuda deberán solicita-lo seu aboamento ó Igape, xuntando para tal efecto solicitude de cobro de subvención segundo o modelo establecido no anexo V.

2. Os beneficiarios deberán presentar no Igape, no prazo de 30 días desde a data de pagamento da subvención, certificación da entidade financeira prestamista acreditativa da amortización do principal do préstamo ou crédito.

Cláusula 7ª.-Prórroga de prazos.

En atención ó disposto polo artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, as prórrogas dos prazos establecidos neste convenio solicitaranse ó Igape cunha antelación mínima de 10 días hábiles ó vencemento do prazo que se vaia ampliar, co obxecto de que o instituto poida resolvela con anterioridade á súa expiración.

Cláusula 8ª.-Perda da subvención.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora devengados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos esixidos.

c) Incumpri-la finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumpri-las condicións impostas ó beneficiario co motivo da concesión da subvención.

e) Cando o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con outras, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

2. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida, e, se é o caso, proporcionalmente ó gasto non xustificado. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

As cantidades que se vaian reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu recobro, de se-lo caso, a vía de constrinximento.

3. O procedemento para declara-lo incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ó disposto no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, de desenvolvemento do réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Sen prexuízo do establecido nos epígrafes anteriores, os beneficiarios sométense ó réxime de infraccións e sancións establecido no artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, desenvolvido no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Cláusula 9ª.-Compatibilidade.

Non se poderán acoller ás axudas establecidas neste convenio aqueles gastos que solicitasen apoio para o mesmo fin por calquera outro programa do Igape.

A concesión das axudas deste convenio queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Nos ditos termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada -salvo as referidas no parágrafo anterior-, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán supera-los límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

Cláusula 10ª.-Control.

Os beneficiarios quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúe o Igape para verifica-la aplicación das axudas ás finalidades aprobadas e ó cumprimento dos requisitos e condicións establecidos, así como ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que, de se-lo caso, poida efectua-la Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, debendo facilitar toda a información requirida polos citados organismos.

Cláusula 11ª.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a resolución do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da contraria cun mínimo de 30 días de aviso previo.

A resolución suporá en todo caso deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Cláusula 12ª.-Seguimento do convenio.

O seguimento do convenio realizarase a través dunha comisión paritaria de vixilancia e seguimento, integrada por representantes do Igape e da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura:

Asdo.: Enrique César López Veiga

Conselleiro

Polo Igape:

Asdo.: José Antonio Orza Fernández

Presidente do Igape