Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 04 de decembro de 2001 Páx. 15.406

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 298/2001, do 15 de novembro, polo que se crea a Facultade de Administración e Dirección de Empresas no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia (DOG nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema. A esta planificación contribuíron decisivamente diversos decretos de creación de centros e de autorización de implantación de estudios.

Unha vez rematado o proceso de expansión do sistema universitario de Galicia, trabállase a prol da súa consolidación, atendendo expresamente ós problemas derivados da definición específica de cada campus.

Neste decreto, baixo a formulación xeral exposta, considérase a creación dun novo centro no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, unha vez cumpridos xa tódolos requisitos previos ó acto formal de creación por parte da Xunta de Galicia.

Esta creación inscríbese no marco de reorganización dos centros existentes no sistema universitario de Galicia, e responde á necesidade de potenciación da identificación das titulacións, de potenciación da investigación destes estudios, de potenciación da vinculación do profesorado ó Campus de Lugo, de potenciación do tecido profesional lucense, así como de ampliación da oferta de especialidades.

Por todo isto, en aplicación do artigo 2.4º da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia, por instancia do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, co informe do Consello de Universidades e o informe favorable do Consello Universitario de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Créase a Facultade de Administración e Dirección de Empresas no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

2. A Facultade de Administración e Dirección de Empresas créase pola unión da Escola Universitaria de Estudios Empresariais e a Sección Delegada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Lugo.

3. Na Facultade de Administración e Dirección de Empresas no Campus de Lugo impartiranse os estudios xa autorizados de diplomatura en ciencias empresariais e o 2º ciclo de licenciatura en administración de empresas que se viñan impartindo na Escola Universitaria de Estudios Empresariais e na Sección Delegada da Facultade de Económicas e Empresariais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria