Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 03 de decembro de 2001 Páx. 15.392

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2001, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 353 que afecta o monte O Souto, da parroquia de Sigrás (concello de Cambre).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man

Común da Coruña, en sesión celebrada o 10 de maio de 2001, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o 10 de maio de 2001 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, para estudiar e resolve-lo

Expediente: 353.

Monte: O Souto.

Comunidade: Pª de Sigrás.

Parroquia: Sigrás.

Concello: Cambre.

Antecedentes de feito:

1. Diversos veciños da parroquia de Sigrás, concello de Cambre, solicitaron con data 10-6-1998 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 3,35 ha.

Lindeiros: situado no lugar do Souto. Consta dunha parcela atravesada polo camiño veciñal que vai a Enxertos. Norte: montes de Atocha, Antonio Andrade, Donato Moscoso e outros veciños de Sigrás. Leste: estrada, José Vázquez, Manuel González, e estrada. Sur: Donato Moscoso, Juan Ramos e outros veciños de Sigrás. Oeste: Manuel Martínez e montes de Atocha.

2. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 17-11-1999, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor del a Alfonso Vázquez-Castro Garma, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade nº 3 da Coruña, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Cambre, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 83, do 2-5-2000), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3. Os veciños de Sigrás fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento que desde tempos inmemoriais veñen facendo do citado monte. Presentan copia de diversos documentos de carácter privado nos que hai referencias á súa existencia como monte comunal, souto aberto e común ou souto veciñal.

4. Ante este expediente formulou alegación o Concello de Cambre, que afirma que o dito predio é propiedade do concello, e que como tal figura no inventario de bens do concello desde 1952, estando inscrita no Rexistro da Propiedade desde o ano 1955. Alega que nunca foi aproveitado en réxime de comunidade polos veciños da parroquia, e que o concello si ten realizado actos de disposición sobre el, como a construcción de inmobles de carácter público, zonas deportivas e outras áreas públicas. O predio está incluído nas normas subsidiarias de planeamento como solo urbano residencial de núcleo rural, cualificación que xa tiña desde o ano 1986.

5. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito:

1. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da citada Lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Sigrás, concello de Cambre, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de1992).

4. Non están suficientemente acreditados ante este xurado os aproveitamentos que alegan os veciños da parroquia de Sigrás, tanto por non encontrarse indicios deles, tal e como se reflicte no informe achegando polo Servicio de Montes e I.F. desta delegación, como pola existencia de construccións e zonas deportivas no interior das parcelas en cuestión. Tampouco, segundo o citado informe, a configuración física actual das parcelas solicitadas é a dun monte ou terreo forestal. Ademais, os ditos predios están incluídos nas normas subsidiarias de planeamento como solo urbano residencial de núcleo rural, figurando no inventario de bens municipais como pro

piedade do Concello, e como tal inscritas no Rexistro da Propiedade.

5. O xurado, á vista dos escritos de ámbalas partes, estima que os dereitos que se alegan nos aproveitamentos que puideran ter sobre as ditas parcelas os veciños da parroquia de Sigrás, así como os do Concello de Cambre, mantendo o seu dereito de propiedade e non recoñecendo o acto posesorio da comunidade solicitante, implica que, o que neste se expón, é cuestión relativa ó dominio de tales montes, da competencia exclusiva dos tribunais da xurisdicción ordinaria, para substanciar polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

Acorda non cualificar como veciñal en man común o monte O Souto afectado por este expediente».

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 10 de maio de 2001.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña