Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 03 de decembro de 2001 Páx. 15.389

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2001, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 355 que afecta o monte Brañas, Fenllos, Cruciña e Cancela da Veiga de Xei, do lugar de Aldea Grande, parroquia de Buxán (concello de Rois).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes

veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 10 de maio de 2001, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o 10 de maio de 2001 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. SánchezRodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña para estudiar e resolve-lo

Expediente: 355.

Monte: Brañas, Fenllos, Cruciña e Cancela da Veiga de Xei.

Comunidade: Aldea Grande.

Parroquia: Buxán.

Concello: Rois.

Antecedentes de feito:

1. Segunda Mariño Torrado, veciña do lugar de Aldea Grande, parroquia de Buxán, concello de Rois, solicitó con data 14-1-1999, deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 14,53 ha.

Lindeiros:

Parcela 1. Brañas, Fenllos e Cruciña. Superficie 14,13 ha. Norte: monte de Buxán. Leste: Ramón Muíños e muro. Sur: regato. Oeste: monte de Buxán.

Parcela 2. Cancela da Veiga de Xei. Superficie: 0,40 ha. Norte: camiño. Leste: camiño. Sur: muro. Oeste: camiño.

2. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 17-11-1999, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructora del a Ana Mª Díaz López, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Padrón, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Rois, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 83, do 2-5-2000), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3. Os veciños de Aldea Grande fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común en que o dito monte viña aproveitándose polos veciños do citado lugar en réxime de man común. Presentan copia do documento privado de partición do monte entre os veciños do lugar de Buxán, do 16-11-1942, así como copia de documentación en relación ó xuízo declarativo de menor contía 107/1996 seguido ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Padrón. Así mesmo, presentan certificación xustificativa de que o lugar de Aldea Grande resulta se-lo mesmo lugar de Buxán mencionado na sentencia.

4. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito:

1. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1889, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da citada Lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños do lugar de Aldea Grande parroquia de Buxán, municipio de Rois son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4. De acordo co informe achegado ó expediente polo Servicio de Montes e I.F. desta delegación, o monte solicitado está incluído en parte no antiguo monte do catálogo de utilidade pública Valiñas e Pedregal, o cal foi excluído de tal catálogo mediante orde do conselleiro de Agricultura de data 7-5-1985. O Valiñas e Pedregal tiña sido obxecto dos expedientes de cualificación do Xurado números 68 e 222, resoltos mediante os acordos das datas 9-7-1976 e 21-5-1984, nos que se consideraba que o exposto era cuestión relativa ó dominio de tales montes, da competencia dos tribunais da xurisdicción ordinaria. No presente expediente non se xus

tifica a existencia dalgún cambio nas circunstancias xa entón determinantes de tales resolucións.

5. Non se acreditan suficientemente ante este xurado os aproveitamentos alegados polos veciños de Aldea Grande. Polo contrario, e segundo se deduce do mencionado informe do Servicio de Montes, o monte solicitado encóntrase dividido en parcelas, aproveitadas de forma individual por cada veciño-propietario.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta da instructora,

Acorda non cualificar como veciñal en man común o monte Brañas, Fenllos, Cruciña e Cancela da Veiga de Xei, afectado polo presente expediente».

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da sua publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 10 de maio de 2001.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña