Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 03 de decembro de 2001 Páx. 15.349

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 30 de novembro de 2001 pola que se regulan os procesos electorais nas confrarías de pescadores de Galicia.

O Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia, establece no seu capítulo VIII o procedemento electoral, e fixa unhas normas básicas para o seu desenvolvemento.

Non obstante, e a pesar destas disposicións, desde a publicación do decreto, nos distintos procesos electorais realizados nas confrarías galegas xurdiron múltiples problemas que provocaron a paralización e, nalgún caso, a anulación dos procesos, coas consecuencias que isto implica de repetición do proceso, situación de provisionalidade dos órganos de goberno e enfrontamento entre os socios dos pósitos.

A razón da promulgación desta orde obedece, fundamentalmente, á necesidade de proceder ó desenvolvemento normativo recollido no Decreto 79/1998 no relativo ós procesos electorais nas confrarías de pescadores, co fin de dotalas dun corpo normativo que estableza e clarifique definitivamente as distintas circunstancias e peculiaridades destes procesos, regularizando tódalas fases, establecéndose tódolos dereitos e mecanismos legais que permitan que non se produzan as situacións xa mencionadas e que non facían nada áxiles as eleccións.

Esta orde estructúrase en catro capítulos, unha disposición adicional, unha transitoria, unha derrogatoria e unha derradeira. Como aspectos destacables dentro desta regulación, o capítulo I establece as normas electorais xerais onde se atribúe o carácter de elixible para os cargos nos órganos de goberno das confrarías a aquelas persoas que vivan coa máxima intensidade os problemas do sector que xustifican a propia existencia dos pósitos, e que polo tanto se incapacite a quen poida aparecer como titular de intereses contrarios ou distintos ós que representa unha confraría, que deberá verse beneficiada por unha dedicación principal a actividades da pesca, marisqueo ou acuicultura por parte de quen ten os cargos nos órganos de goberno. Outros aspectos que hai que destacar neste capítulo I son a distinción entre causas de inelixibilidade e de incompatibilidade.

No relativo ó capítulo II, establécese a constitución da mesa electoral e a incompatibilidade de ser membro desta comisión e candidato, así como a elaboración do censo e a declaración de censo definitivo, así como aspectos relativos á mesa electoral, voto por correo e publicidade institucional.

O capítulo III regula o desenvolvemento propiamente dito do proceso electoral establecéndose un sistema de elección a través de listas abertas. O noso réxime electoral xeral recolle na súa regulación dous sistemas de listas, abertas e pechadas. A opción que se realiza polo sistema de listas abertas obedece á necesidade de fixar un criterio único para tódolos

pósitos á hora de celebra-los procesos electorais, pois existen confrarías que utilizaban un sistema ou outro sen xustificar legal e democraticamente a súa inclinación ou preferencia polas listas abertas ou as pechadas.

A diferencia do réxime xeral que se segue para as eleccións ós distintos parlamentos, nas confrarías xa está predeterminado un criterio que desvirtúa a representatividade proporcional. Este criterio é o da paridade que vén marcado na lei e no decreto que regula as confrarías, e que vén determinar claramente xa unha primeira distribución de vocais que non reflicte fielmente a representatividade social.

A opción empregada nalgunhas confrarías de listas pechadas sería moi difícil levala á practica, pois despois de celebradas as eleccións deberíase aplicar un sistema de distribución proporcional de votos, entre sectores e colectivos, na maioría dos casos, moi reducidos en número cos conseguintes problemas de que todos estivesen representados nos órganos de goberno, tal e como marca a normativa vixente en materia de confrarías. Poderíase da-lo caso, aplicando este sistema de listas pechadas, que algún sector de producción dalgunha confraría, polo pouco número de socios que puidera ter e aplicando o sistema de distribución proporcional que sería obrigatorio, se quedase sen representantes. Non obstante, o sistema de listas pechadas seguido nalgunhas confrarías, e que propugnan as federacións de confraría, non ten amparo na normativa electoral estatal, pois non existe un sistema de listas pechadas que implique que aquela candidatura que gañe en número de votos, con independencia da

diferencia coa seguinte candidatura, obtería a totalidade dos vocais da xunta xeral. Este sistema propio do mundo anglosaxón non está autorizado na nosa lexislación, aplicándose, para as listas pechadas, un sistema de distribución proporcional, de moi difícil aplicación nas confrarías.

Por todo iso o sistema de elección directa a traves de listas abertas enténdese o máis axeitado á dimensión social e ós sectores cos que contan as confrarías de pescadores, pois permitirá que aqueles socios máis votados, con independencia da súa inclusión nunha candidatura colectiva ou individual, poidan acceder á condición de vocal da xunta xeral da confraría.

O último capítulo vén a regula-la constitución dos órganos rectores, comezando pola xunta xeral, para que unha vez constituída esta, se proceda á elección de patrón maior e posteriormente á de vocais do cabido.

En virtude do disposto no Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia, oídas as federacións provinciais de confrarías de pescadores da Coruña, Lugo e Pontevedra, esta consellería,

DISPÓN:

Capítulo I

Normas electorais xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a regulación das eleccións ós órganos rectores das confrarías de pescadores na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Duración do mandato electoral.

1. A duración do mandato dos órganos rectores das confrarías de pescadores será de catro anos, podendo ser reelixidos.

2. O prazo de catro anos empezará a contar desde o día seguinte ó da toma de posesión dos vocais da xunta xeral da confraría.

Artigo 3º.-Convocatoria.

1. Cun mes de antelación ó remate do mandato dos órganos rectores, a xunta xeral acordará a celebración de eleccións.

2. Durante o proceso electoral os órganos rectores estarán en funcións, podendo realizar unicamente actos de mero trámite ou de xestión ordinaria, concluíndo os seus mandatos coa toma de posesión dos vocais electos.

3. Naquelas confrarías onde transcorrido o prazo de catro anos non se convoquen e celebren eleccións, quedará extinguido automaticamente o mandato dos órganos rectores. Por resolución da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nomearase dunha comisión xestora formada por cinco socios da confraría, dos que tres serán o traballador e o empresario de maior antigüidade así como o socio de maior idade, e dous propostos pola Federación Provincial de Confrarías do ámbito dese Pósito, un pola parte dos traballadores e outro pola parte dos empresarios. Esta comisión xestora asumirá as funcións descritas no artigo 19.2 do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia.

Artigo 4º.-Electores.

Poderán ser electores as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser membro da confraría e estar incluído no censo electoral.

b) Non estar inhabilitado por norma legal, estatutaria ou resolución firme do órgano competente.

Artigo 5º.-Elixibles.

1. Poderán ser elixibles as persoas que, ademais de reuni-la condición de elector, cumpran os seguintes requisitos:

a) Acreditar dous últimos anos consecutivos de antigüidade e actividade profesional na confraría, estando ó día no pagamento das obrigas económicas con esta. Non obstante, o requisito da antigüidade non se esixirá cando o número de candidatos non sexa suficiente para cubri-las prazas de vocais da xunta xeral.

b) Non estar inhabilitado para o exercicio de cargo representativo por norma legal, estatutaria ou resolución firme do órgano competente.

c) Non desempeñar outra actividade profesional principal distinta á de armador de buques de pesca, ou traballador do sector extractivo.

2. Así mesmo, son inelixibles:

a) Os que carezan de título administrativo habilitante para o exercicio da actividade extractiva

b) Os que se atopen en situación de xubilación excepto aqueles que conforme coa lexislación vixente poidan desenvolver actividade empresarial.

3. A cualificación de inelixible procederá respecto dos que incorran nalgunha das causas indicadas o mesmo día da presentación de candidatura ou en calquera momento posterior ata a celebración de eleccións.

4. As causas de inelixibilidade para ser membro dos órganos de goberno tamén o son de incompatibilidade. Producida a incompatibilidade, decaerán na súa condición debendo ser ocupada a súa praza na xunta xeral, no prazo de cinco días naturais, polo primeiro candidato en número de votos non electo, e así sucesivamente. No caso de non cubrirse a vacante polo procedemento anterior, deberá procederse á convocatoria de eleccións parciais para a cobertura da vacante, nun prazo máximo de cinco días. Transcorrido o dito prazo sen que convoque eleccións o órgano competente, aplicarase o disposto no artigo 3 desta orde para a designación dunha comisión xestora que terá como única misión a de convocar e celebrar eleccións nun prazo dun mes.

Artigo 6º.-Sistema electoral.

A elección a membros da xunta xeral da confraría rexerase polo disposto nas alíneas seguintes:

a) Cada elector poderá da-lo seu voto ó número máximo de vocais atribuídos pola comisión electoral ó sector de producción da agrupación á que pertenza.

b) Serán proclamados electos aqueles candidatos que obteñan o maior número de votos, ata completa-lo de vocais atribuídos a cada sector de producción de cada agrupación. No caso de empate, resolverase a favor do socio de maior antigüidade na confraría; no caso de persistir este, a favor do de maior idade e, se fose necesario, resolverase por sorteo.

c) En caso de falecemento, incapacidade ou renuncia dun vocal da xunta xeral, a súa vacante cubrirase de conformidade co procedemento determinado no artigo 5º.4.

Artigo 7º.-Listas electorais.

1. As eleccións para a renovación dos órganos rectores desenvolveranse presentándose dúas listas separadas, unha para a agrupación de traballadores e outra para a agrupación de empresarios.

2. A distribución de vocais entre a agrupación de traballadores e empresarios respectará, sempre que sexa posible, a paridade.

3. Cando unha agrupación non conte co número suficiente de afiliados para cubri-las vacantes de vocais, estas prazas acumularanse á outra agrupación.

4. En cada candidatura de agrupación deberá existir, polo menos, un representante por cada sector da producción integrado na agrupación; a comisión electoral distribuirá o número de vocais de xeito proporcional ó número de socios cos que conte cada sector, debendo constar tal distribución no plan e normas electorais.

Artigo 8º.-Paralización do proceso electoral.

1. A anulación das eleccións dunha agrupación paralizará o proceso electoral sen invalida-la elección da outra agrupación. A anulación farase mediante resolución motivada dictada pola Consellería de

Pesca, Marisqueo e Acuicultura, xa sexa de oficio ou en virtude de reclamacións ou recursos presentados polos asociados.

2. A comisión electoral introducirá no plan electoral as modificacións dos prazos que sexan necesarios para continua-lo proceso electoral. Rectificadas as irregularidades que motivaron a paralización do proceso electoral e aprobadas as modificacións do plan electoral, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ordenará continuar con este a partir do acto que motivou a anulación.

Capítulo II

Preparación do proceso electoral

Artigo 9º.-Comisión electoral.

1. Unha vez acordada a celebración de eleccións, no prazo máximo de 5 días constituirase a comisión electoral.

2. A comisión electoral estará formada por un presidente, 4 vocais e polo secretario da confraría. Os vocais serán designados pola xunta xeral de entre os seus membros, dous por agrupación, debendo designa-lo mesmo número de suplentes. En caso de empate, o voto do presidente será dirimente.

3. Non poderán formar parte da comisión electoral os membros da xunta xeral que se presenten como candidatos nalgunha das listas. A aceptación da condición de membro da comisión electoral implica a renuncia a formar parte das candidaturas.

4. No suposto de que non se puidese constituír parcial ou totalmente a comisión electoral, a xunta xeral designará os membros desta entre os socios da confraría.

5. Compételle á comisión electoral:

a) Elabora-lo plan, normas e calendario electoral.

b) Expoñe-lo censo de afiliados ou censo electoral e resolve-las reclamacións sobre el.

c) Designa-los compoñentes da mesa electoral.

d) Aprobar e proclama-las candidaturas e resolve-las reclamacións sobre estas.

6. A comisión electoral será a encargada de confecciona-las papeletas e sobres electorais. As papeletas confeccionaranse distinguindo con claridade as que correspondan a unha agrupación e a outra, mediante a utilización de distintas cores. Así mesmo, a comisión electoral será a encargada de prepara-lo colexio electoral, as urnas e, en xeral, toda a organización material do proceso electoral.

Artigo 10º.-Plan e normas.

1. A comisión electoral elaborará as normas e o plan electoral no prazo máximo de 5 días desde a data da súa constitución e someterao á aprobación do cabido, quen o remitirá á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa ratificación, no prazo de cinco días.

2. A ratificación do plan e das normas comunicaráselle ó presidente da comisión electoral. O secretario da comisión electoral expoñerá no taboleiro de anuncios o plan e as normas electorais durante todo o proceso electoral, retirándoos cando tome

posesión a totalidade dos membros dos órganos de goberno da confraría.

3. O plan e as normas desenvolverán as diversas fases do proceso electoral reguladas nesta orde, contendo como mínimo os seguintes aspectos:

a) Os prazos para o exercicio do voto por correo.

b) Os prazos para a exposición do censo e a presentación de reclamacións a este.

c) Os prazos para a presentación de candidaturas e proclamación destas.

d) O día das votacións, tempo de duración e lugar.

e) O día de proclamación de candidatos elixidos e o da constitución dos órganos rectores.

4. Os prazos sinalados nesta orde poderán ser modificados pola comisión electoral no plan electoral de acordo coas características de cada confraría, logo de autorización da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. En ningún caso se poderán modifica-los prazos de presentación e resolución dos recursos establecidos nesta orde.

Artigo 11º.-Censo electoral.

1. Dentro dos dous días naturais seguintes á data de ratificación do plan, normas e calendario electoral, a comisión electoral expoñerá, por un período de 15 días, o censo de afiliados elaborado con anterioridade e que deberá ser facilitado polo secretario dos órganos de goberno da confraría. Durante este prazo, os socios poderán efectuar reclamacións sobre a súa inclusión ou exclusión.

2. A comisión electoral deberá resolve-las reclamacións no prazo de dous días contados desde a finalización do período de exposición ó público do referido censo. Contra a resolución das reclamacións poderá interpoñerse recurso ante o conselleiro, nun prazo de 5 días naturais a partir da notificación. Unha vez resoltas no prazo máximo de 5 días as reclamacións en vía administrativa, o censo de afiliados converterase en censo electoral, sen que nun momento posterior se poida impugnar ese censo.

Artigo 12º.-Voto por correo.

1. No suposto de que a confraría non tivese regulado nos seus estatutos o voto por correo, a comisión electoral fará a súa propia regulación con suxeición á lexislación electoral aplicable.

2. No plan electoral especificaranse os prazos para o exercicio do voto por correo, dentro dos seguintes límites:

a) O prazo de solicitude do voto por correo iniciarase unha vez resoltas as reclamacións sobre o censo.

b) O prazo para que a comisión electoral reciba os votos por correo finalizará 24 horas antes das votacións.

3. O voto persoal terá preferencia e anulará o voto emitido previamente por correo.

Artigo 13º.-Mesa electoral.

1. A comisión electoral designará os compoñentes da mesa electoral e ós suplentes e notificarálle-la a designación, que deberá ser aceptada por escrito.

2. A mesa estará formada por un presidente e 4 membros, dos que dous serán os traballadores de maior e menor idade do censo, e os outros dous, os armadores que reúnan iguais características, mailo secretario dos órganos de goberno da confraría. Así mesmo designaranse dous suplentes por cada agrupación, que serán os traballadores e armadores que sigan en idade ós membros da mesa.

3. Será nomeado presidente o patrón maior, sendo dirimente o seu voto en caso de empate. Designaranse suplentes ós vicepatróns.

4. No suposto de que algún membro da mesa electoral se presente como candidato, deberá renunciar a formar parte da mesa, para os efectos de designa-lo primeiro suplente no seu lugar. A aceptación da condición de membro da mesa implicará a renuncia a ser candidato.

5. A mesa constituirase o día da votación unha hora antes da apertura do colexio electoral e será a encargada de dirixila votación, vixia-la regularidade, realiza-lo escrutinio e velar pola legalidade do sufraxio. No caso de ausencia ou enfermidade do presidente, substituirao o primeiro suplente. En caso de que este tampouco compareza, substituirao o segundo suplente, e se este tampouco comparece, tomará posesión o primeiro vocal. Os vocais que non se presenten ou tomen posesión como presidente serán substituídos polos suplentes.

6. Non poderá constituírse a mesa electoral sen a presencia do presidente e catro vocais e o secretario. No caso de que non se poida cumprir este requisito, poderán formar parte da mesa algún dos electores que se atopen no local, sempre que non sexan candidatos.

7. A mesa electoral contará con dúas urnas, unha para a agrupación de empresarios e unha para a agrupación de traballadores.

Artigo 14º.-Secretario da comisión e da mesa electoral.

1. Será secretario da comisión e da mesa electoral quen sexa o secretario dos órganos de goberno da confraría de pescadores.

2. O secretario citará os membros da comisión e da mesa electoral para a súa constitución, e velará polo control da legalidade das actuacións de ambas, e en particular do proceso electoral no día das votacións, realizando as reservas legais nos supostos de transgresión daquela, que deberán reflectirse na acta.

3. O secretario remitirá á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no prazo de tres días, tódalas actas que redacten a comisión electoral e a mesa electoral. As actas correspondentes ás votacións remitiranse no prazo das vintecatro horas seguintes á celebración destas.

4. As funcións anteriores soamente as poderá desempeña-lo secretario dos órganos de goberno, agás nos casos de enfermidade, ausencia ou vacante, nos que poderá ser substituído nas súas funcións por quen sexa habilitado pola comisión electoral, dando conta deste cambio, no prazo de 24 horas, á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 15º.-Interventores.

1. Cada candidato poderá nomear un interventor que deberá ser acreditado como tal pola comisión electoral cunha antelación de 48 horas á celebración das eleccións. Esta acreditación deberá presentarse ante a mesa electoral.

2. Os interventores poderán asistir á mesa electoral, participar nas súas deliberacións con voz pero sen voto e exercer ante ela os dereitos inherentes á súa función, debéndose recoller en acta as alegacións que fagan.

3. O día das votacións os interventores poderán examina-lo censo que utilizará a mesa electoral.

Artigo 16º.-Publicidade institucional.

As confrarías poderán realizar publicidade institucional para promove-la participación dos electores durante o proceso electoral e ata as 24 horas antes do día fixado para a celebración das eleccións. En ningún caso esta publicidade poderá influir na orientación do voto dos electores.

Capítulo III

Desenvolvemento do proceso electoral

Artigo 17º.-Confección das candidaturas.

1. As candidaturas para participar no proceso electoral presentaranse ante a comisión electoral dentro dos quince días naturais seguintes á publicación do censo electoral definitivo.

2. As candidaturas para vocal da xunta xeral son individuais para efectos de votación e escrutinio, aínda que poden agruparse en listas a efectos de presentación e campaña electoral.

3. O escrito de presentación de cada candidato deberá expresar claramente o sector de producción da agrupación, indicando o seu nome, apelidos e DNI.

Artigo 18º.-Proclamación de candidaturas.

1. Rematado o prazo de presentación de candidaturas, a comisión electoral publicaraas no taboleiro de anuncios da confraría e comprobará, no prazo de dous días naturais, o cumprimento dos requisitos para a súa proclamación. A comisión comunicará ós candidatos as irregularidades detectadas, concedendo un prazo de dous días para a súa emenda.

2. Recibidas as alegacións, a comisión resolverá sobre elas no prazo de dous días naturais.

3. Resoltas as alegacións, a comisión electoral procederá á proclamación de candidatos. As candidaturas proclamadas deberán ser obxecto de publicación no taboleiro de anuncios da confraría.

4. No prazo de 5 días naturais desde a proclamación de candidatos, poderase interpoñer recurso contra o acordo da comisión electoral ante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que resolverá no prazo de 5 días. A partir da proclamación definitiva das candidaturas, comezará a campaña electoral que rematará ás cero horas do día inmediatamente anterior á votación.

5. Se o número dos candidatos presentados coincidise co número de membros que hai que elixir por cada un dos sectores profesionais non será necesario proceder á elección, sendo proclamados pola comisión electoral membros da xunta xeral.

Artigo 19º.-Celebración das votacións.

1. O día indicado no plan, que deberá estar comprendido no prazo de dez días desde a proclamación definitiva de candidatos, celebrarase a elección dos membros da xunta xeral.

2. Reunida a mesa electoral o día fixado para as votacións, estas non poderá iniciarse sen que previamente se levante a oportuna acta de constitución da mesa, na que deberán consta-los seus membros e a relación nominal dos interventores.

3. A votación durará desde as nove horas ata as vinte horas, salvo que no plan se sinale outro horario para facilita-la maior presencia de votantes. Unha vez iniciada non poderá suspenderse, salvo por razóns de forza maior, sempre baixo a responsabilidade do presidente da mesa electoral.

4. No caso de suspensión levantarase a correspondente acta, que será remitida no prazo de dous días naturais á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, propoñendo a comisión unha nova data de votacións.

5. O dereito a votar acreditarase pola inscrición do elector no censo electoral. O voto será secreto. Os electores depositarán o seu voto na urna correspondente mediante unha papeleta dobrada e introducida nun sobre.

6. O secretario da mesa electoral anotará os electores que voten, con indicación do número co que figure o elector no censo, así coma o seu documento nacional de identidade, pasaporte ou carné de conducir con foto, cando se trate de persoa física ou a representación coa que intenta exerce-lo seu dereito, ademais, se se trata dunha persoa xurídica.

7. O presidente da mesa electoral será o encargado de velar para que a entrada ó local das votacións sexa libre, de mante-la orde nel durante a votación e escrutinio e de asegura-la liberdade dos electores no local convertido para o efecto en colexio electoral.

8. Unicamente terán entrada no local electoral os electores, os membros das candidaturas así como os seus interventores, os notarios requiridos para dar fe de calquera extremo da votación, os axentes da autoridade requiridos polo presidente da mesa electoral e o persoal da confraría expresamente autorizado o efecto pola mesa electoral. Unha vez realizada a votación os electores deberán abandona-lo local electoral.

9. O presidente da mesa electoral, logo de consulta co resto dos compoñentes da mesa, poderá expulsar do colexio electoral a calquera persoa que interfira na boa marcha das votacións.

Artigo 20º.-Escrutinio.

1. Rematado o período sinalado para a votación, o presidente da mesa electoral anunciará que vai rematar esta e preguntará se algún dos electores presentes non votou, admitíndose os votos que se

dean a continuación e non se lle permitindo a ninguén máis a entrada no local.

2. Acto seguido, o presidente introducirá na urna os sobres que conteñan as papeletas remitidas por correo, logo de comprobación de que non exerceron o voto persoalmente. Finalmente votarán os membros da mesa e os interventores, sempre que teñan dereito, declarándose pechada a votación.

3. Declarada pechada a votación, comezará inmediatamente o escrutinio, cometido que corresponde exclusivamente á mesa electoral. Concluído o escrutinio, que non poderá ser interrompido, redactarase a oportuna acta, asinada por tódolos compoñentes da mesa electoral. Os interventores asinarán potestativamente, agás no caso que quixeran facer constar na acta observacións, debendo neste último caso asinar obrigatoriamente.

4. Na acta figurará obrigatoriamente os seguintes extremos:

a) Número de electores inscritos no censo.

b) Número de votos emitidos.

c) Votos declarados nulos, en branco e válidos.

d) Número de votos obtidos por cada candidato.

e) Observacións presentadas ante a mesa electoral sobre a votación e escrutinio polos representantes das listas, membros das candidaturas, interventores e electores.

f) Resolucións motivadas da mesa electoral sobre as observacións presentadas, cos votos particulares, se os houber.

5. O secretario da mesa electoral entregará as actas, dentro do día seguinte hábil, á comisión electoral e á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Estas actas serán expostas no taboleiro de anuncios da confraría durante dous días naturais, podéndose nese prazo presentar reclamación ante a comisión electoral, que resolverá no prazo de dous días. Contra a resolución da comisión electoral, dentro dos dous días seguintes á súa notificación, cabe recurso ante a consellería, que resolverá no prazo de 5 días.

Capítulo IV

Constitución dos órganos rectores

Artigo 21º.-Proclamación dos membros da xunta xeral.

1. Dentro dos seis días naturais seguintes á resolución dos recursos contra as actas, a comisión electoral proclamará os membros que formarán parte da xunta xeral.

2. Contra o acordo de proclamación efectuado pola comisión electoral, poderase interpoñer, no prazo de tres días naturais, recurso ante a consellería, que resolverá nun prazo de 5 días.

Artigo 22º.-Constitución da xunta xeral

Os membros electos das candidaturas tomarán posesión dos seus cargos de vocais da xunta xeral na sede da confraría no prazo de dez días desde a súa proclamación.

Artigo 23º.-Elección do patrón maior, vicepatrón maior primeiro e segundo e cabido.

1. Os candidatos a patrón maior deberán presenta-la súa candidatura no prazo de dous días desde a constitución da xunta xeral. Esta candidatura deberá ir avalada por dous membros da xunta xeral, salvo que os estatutos da confraría esixan un número distinto de avalistas. Cada vocal só poderá avala-la proposta dun candidato.

2. Ó día seguinte da data de remate de presentación de candidaturas, a comisión electoral procederá á proclamación de candidatos a patrón maior, expoñendo no taboleiro de anuncios a dita candidatura por un prazo de dous días, podéndose presentar nese prazo de exposición reclamación ante a comisión electoral que resolverá no prazo de dous días. Contra esa resolución, e no prazo de dous días desde a súa notificación, caberá interpoñer recurso ante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que se resolverá nun prazo de cinco días.

3. A mesa electoral será a mesma que a constituída para a elección de vocais da xunta xeral.

4. Ós dez días da presentación da candidatura os vocais da xunta xeral elixirán o patrón maior, por maioría simple en primeira volta. No caso de empate, repetiranse as votacións en segunda volta; de manterse aquel, resolverase a favor do de maior antigüidade na confraría e no caso de persisti-lo empate, a favor do de maior idade.

5. Elixido o patrón maior, o primeiro suplente da agrupación á que pertenza o patrón maior entrará a formar parte da xunta xeral. A xunta xeral elixirá, a continuación, de entre os seus membros os vicepatróns maiores primeiro e segundo e os vocais do cabido, respectando a paridade e proporcionalidade que se estableceu para a xunta xeral.

6. Rematadas as eleccións a patrón maior e vocais do cabido, e levantada a acta correspondente polo secretario da mesa, esta expoñerase no taboleiro de anuncios da confraría durante dous días naturais, podéndose presentar nese prazo de exposición reclamación ante a comisión electoral que resolverá no prazo de dous días. Contra esa resolución, e no prazo de dous días desde a súa notificación, caberá interpoñer recurso ante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que se resolverá nun prazo de cinco días.

7. Resoltos os recursos, a comisión electoral proclamará o patrón maior e os vocais do cabido nun prazo de dous días naturais desde a notificación das resolucións.

Artigo 24º.-Toma de posesión do cabido, patrón maior e vicepatrón maior primeiro e segundo.

1. Dentro do prazo dos dous días da proclamación prevista no artigo anterior, procederase á toma de posesión e constitución dos postos de patrón maior, vicepatrón maior primeiro e segundo e vocais do cabido.

2. Desta toma de posesión e constitución levantará a correspondente acta o secretario da comisión electoral, quen as remitirá, xunto con toda a documen

tación do proceso electoral, á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 25º.-Disolución da comisión electoral.

Unha vez constituídos tódolos órganos de goberno da confraría entenderase disolta a comisión electoral, levantará acta o seu secretario na que faga consta-la data da disolución e na que figurarán as sinaturas do presidente e secretario.

Disposición adicional

En todo o non previsto nesta orde, aplicarase o disposto na normativa do réxime electoral xeral.

Disposición transitoria

No prazo de dous meses desde a publicación desta orde, tódalas confrarías deberán adapta-lo seus estatutos ó disposto nesta orde. Aquelas confrarías que nese período non procedan á súa adaptación, entenderase modificado o articulado dos estatutos relativo ó proceso electoral, debendo adapta-lo seu proceso electoral ó contido previsto nesta norma.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2001.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura