Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 28 de novembro de 2001 Páx. 15.181

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 13 de novembro de 2001 pola que se crea a Comisión Técnica de Mantemento do Servicio Galego de Saúde.

A Lei 8/1991, do 23 de xullo, modificou o artigo 3 da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, pola que se crea o Servicio Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo dotado de personalidade xurídica propia, e adscrito á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, atribuíndolle a este organismo a «xestión dos centros, servicios e establecementos sanitarios do Servicio Galego de Saúde, e dos demais adscritos provisionalmente a el».

Posteriormente, o Decreto 49/1998 (que foi modificado posteriormente a través doutros dous decretos: o 128/1999, do 23 de abril, e o 38/2001, do 1 de febreiro) estableceu a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, contemplando no seu artigo 15 a existencia da División de Recursos Económicos, á que se lle atribúen entre outras funcións a da coordinación e control dos servicios económicos administrativos, de hostalería e de mantemento técnico dos centros do organismo.

O Servicio Galego de Saúde vén fomentando a utilización de mecanismos e sistemas de coordenación e homologación, co obxecto de acadar unha maior eficiencia no desenvolvemento das súas competencias.

Por outra bada, a crecente complexidade técnica das instalacións e equipamentos dos centros sanitarios supón a necesidade de acolle-la participación de profesionais desta área do Servicio Galego de Saúde, co obxecto de levar a cabo actuacións de formación que manteñan actualizados os seus coñecementos.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación da comisión.

Pola presente orde créase a Comisión Técnica de Mantemento do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 2º.-Composición.

A Comisión Técnica de Mantemento do Servicio Galego de Saúde estará composta polos seguintes membros:

Presidente: subdirector xeral de Investimentos do Sergas.

Vicepresidente: xefe do Servicio de Subministracións, Mantemento e Instalacións.

Vocais: xefes dos servicios ou responsables de mantemento dos centros hospitalarios e de Atención Primaria do Sergas.

Secretario: actuará como secretario un dos xefes de servicio designados como vocais da comisión.

Artigo 3º.-Funcións da comisión.

Establécense como funcións da Comisión Técnica de Mantemento as seguintes:

-Propoñer accións de formación dirixidas ós profesionais da área de mantemento do Sergas.

-Avalia-la proposta de contratación agregada de varios centros do Sergas, relativa a servicios de mantemento.

Artigo 4º.-Funcionamento.

Para o funcionamento da comisión, e co fin de aborda-lo tratamento de aspectos ou cuestións específicas, poderán constituírse subcomisións cando así o acorde o Pleno da comisión.

As subcomisións que poidan crearse terán funcións de deliberación, estudio e proposta sobre o asunto ou materia encomendada pola comisión; tendo aquelas carácter temporal, de xeito que, unha vez emitido o seu dictame ou proposta, entenderase cumprido o seu cometido e polo tanto quedará sen efecto a designación dos seus membros como integrantes da subcomisión e disolta esta.

Tamén poderán participar eventualmente na comisión ou nas subcomisións que poidan constituírse outros profesionais que poidan achega-los seus coñecementos ou experiencia en relación cos temas ou asuntos obxecto de estudio naquelas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral da División de Recursos Económicos do Sergas para dicta-las disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2001.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais