Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 27 de novembro de 2001 Páx. 15.152

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2001, da División de Recursos Humanos, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, relativos á publicación de puntuacións e á anulación dalgunhas preguntas do segundo exercicio da fase de oposición.

O número 11 da base sexta a) da resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 20 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do 29 de marzo) pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, dispón que se o tribunal, de oficio, ou de acordo coas reclamacións que os interesados poidan presentar, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio o anunciará publicamente xunto coa publicación das puntuacións dos distintos exercicios da fase de oposición, nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Sergas.

Á vista das impugnacións presentadas en prazo contra o exame, cada tribunal confirmou o seu modelo definitivo de respostas correctas polo que, para este efecto, a estimación ou desestimación das ditas

impugnacións se entenden implícitas nesta resolución, que publica as listaxes de puntuación outorgadas ós aspirantes no segundo exercicio.

Polo tanto, adoptado acordo polos respectivos tribunais sobre a modificación de respostas ou sobre a anulación, de se-lo caso, de preguntas do segundo exercicio da fase de oposición e sobre a publicación das puntuacións, procede agora darlle publicidade no DOG, facultándose para iso expresamente a esta División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, polo que,

RESOLVE:

Primeiro.-Publica-las puntuacións acadadas polos aspirantes presentados ó segundo exercicio da fase de oposición das diferentes categorías convocadas pola devandita resolución, así como anular determinadas preguntas deste segundo exercicio, que serán substituídas polas preguntas correlativas de reserva, nas seguintes categorías:

-Fisioterapeuta: pregunta nº 68.

-Traballador social: preguntas nº 23 e 44.

-Matrona: preguntas nº 4 e 7.

-Hixienista dental: preguntas nº 25 e 80.

-TEL: preguntas nº 50, 52 e 64.

-TER: preguntas nº 1, 5 e 18.

-TEAP: pregunta nº 70.

-Auxiliar de enfermería: preguntas nº 13, 31, e 56.

-Celador: pregunta nº 49.

-Pinche: pregunta nº 33.

Segundo.-Declarar aptos a todos aqueles aspirantes que obtivesen neste segundo exercicio da fase de oposición, na respectiva categoría, unha puntuación igual ou superior a 40 puntos, agás na categoría do grupo de xestión da función administrativa, que é de 22,50 puntos.

Terceiro.-Declarar expresamente excluídos do concurso-oposición a todos aqueles aspirantes que non acadasen a dita puntuación na respectiva categoría.

Cuarto.-Contra a presente resolución os interesados poderán presentar reclamación perante o tribunal no prazo de cinco días naturais, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2001.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos