Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 27 de novembro de 2001 Páx. 15.152

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2001, da División de Recursos Humanos, pola que se adopta a medida cautelar relativa ó baremo de médicos de familia acordada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na tramitación do recurso interposto polo Colexio Oficial de Médicos de Ourense contra o vixente pacto de selección temporal das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde.

Na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tramítase o recurso número 1/381/2000, interposto polo Colexio Oficial de Médicos de Ourense contra o pacto de selección temporal publicado no Diario Oficial de Galicia do 25 de febreiro de 2000.

Solicitada polo colexio recorrente a adopción de determinadas medidas cautelares, a sala, en auto do 1 de outubro de 2001 (notificado o 16 de outubro), resolveu que se modifique o baremo pactado para a selección de médicos de familia (convocatoria do ano 2000) no sentido de que a Administración estableza unha importante mellora na proporcionalidade da puntuación outorgada ós cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Real Academia de Medicina e colexios oficiais de médicos, ou avalados en debida forma polo Sergas, fronte ó conxunto dos cursos realizados en aplicación do acordo de formación continua das administracións públicas ou no plan de formación continua do Sergas.

En cumprimento deste mandato, a Administración sanitaria solicitou unha proposta á comisión central de seguimento do citado pacto. Reunida a dita comisión con data do 7 de novembro, acordouse incrementa-la puntuación outorgada ós cursos incluídos no primeiro dos dous grupos anteriormente referidos (exclusivamente, cómpre reiterar, no baremo fixado para médicos de familia e para a convocatoria do ano 2000), ata acada-las seguintes contías:

-Duración de 40-100 horas: 0,17 puntos.

-Duración de 101-250 horas: 0,35 puntos.

-Duración de 251-450 horas: 0,70 puntos.

A comisión ratificou a puntuación outorgada ós cursos de duración superior ás 450 horas (1,20 puntos), en canto puntuación máxima outorgada desde o primeiro pacto de vinculacións temporais a calquera curso de formación, con independencia da natureza pública ou privada da entidade convocante, e que as partes ratifican por estimala debidamente ponderada no marco do baremo vixente.

Para a plena efectividade do acordado, este centro directivo resolve que se proceda a barema-los cursos de formación dos aspirantes que figuran nas listas

vixentes de médicos de familia de conformidade cos termos expostos. Para tal fin, os servicios centrais do Sergas ordenarán a realización dun proceso automatizado de revisión.

Rematado o proceso, as direccións provinciais xestionarán a publicación das novas listas provisionais e definitivas de xeito simultáneo, nos termos previstos na norma xeral sexta do pacto de selección temporal. Mentres non se publiquen as ditas listas definitivas, os chamamentos a vinculacións realizaranse coas listas de médicos de familia actualmente vixentes.

As listas que resulten da nova baremación serán substituídas no seu momento polas listas que se elaboren trala segunda convocatoria de aspirantes prevista no pacto de selección temporal, na cal xa será de aplicación o novo baremo de formación único previsto no seu epígrafe II.B.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2001.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde