Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 26 de novembro de 2001 Páx. 15.105

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 14 de setembro de 2001 do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro de Barro (Pontevedra), promovido polo Concello de Barro e a Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

Segundo o artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data do 18 de xuño de 2001.

O obxecto do proxecto é a adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de RSU do concello de Barro. O proxecto define as medidas destinadas ó confinamento e selaxe da masa de vertedura depositada no citado vertedoiro en condicións de estabilidade, e propón unha xestión dos lixiviados que se poidan xerar e dos gases procedentes da descomposición da materia orgánica, así como o control das augas de escorrega e as tarefas de acondicionamento xeral e revexetación da zona.

O vertedoiro sitúase na parroquia de Perdecanal, pertencente ó concello de Barro, e ocupa unha superficie de 4.890 m, cun volume aproximado de 8.650 m de residuos. A zona caracterízase pola presencia de masas de piñeiro e matogueiras.

Co obxecto de recupera-lo lugar proponse realizar no vertedoiro de Barro unha sementeira de herbáceas e plantación de especies arbustivas. Empregaranse as seguintes especies: piorno (Genista cinerea), toruisco (Viburnum tinus), espiño albar (Crataegus monogyna), cimbro (Juniperus communis), toxo (Ulex galli o europaeus), queiruga (Erica cinerea), xesta (Cytisus striatus), fento (Pteridium aquilinum), Agrostis capillaris, Avenula sulcata, y Anthoxanthum odoratum.

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras consideradas no estudio ambiental presentado.

O estudio de impacto ambiental someteuse ó trámite de información pública, por un prazo de 30 días, mediante Resolución do 20 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 9 de xullo. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra recíbese con data do 23 de agosto de 2001 non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data do 19 de xuño de 2001 consúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública. Non tendo constancia da emisión do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro de Barro (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o concello de Barro.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o concello de Barro, a obriga de asumi-lo mantemento e a conservación das obras unha vez recibidas será do concello de Barro. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinados os documentos:

-«Estudio de impacto ambiental da clausura e selaxe do vertedoiro de Barro. Xuño de 2001».

-«Aclaracións ó estudio de impacto ambiental da clausura e selaxe do vertedoiro de Barro. Setembro de 2001».

E tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar, ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro de Barro (Pontevedra).

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Haberá que aterse ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como ó estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións meteorolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións dos pozos de desgasificación non sexa percibida de forma habitual polas poboacións do contorno e, se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

4. Sobre as augas.

Para calquera vertedura de efluentes será preceptiva autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

As regas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.

Os lixiviados acumulados no depósito durante o mantemento posterior á clausura, retiraranse cando se acade como máximo as 3/4 partes da súa capacidade e serán entregados a xestor autorizado, para o seu traslado ata unha estación depuradora de augas residuais.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través dos foxos de intercepción proxectados. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición, verificando que os foxos da pista teñen o tamaño suficiente para recibi-lo caudal procedente do sistema de drenaxe proxectado.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

Debido á presencia preto do vertedoiro do río Corles, que á súa vez verte no encoro de Portillón, realizaranse as análises de augas indicadas no plan de vixilancia nos puntos que se especificarán no plano requirido no punto 8.1.b.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas e a zona dedicada ós labores de mantemento e reparación de maquinaria, de xeito que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio, restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Previamente á realización de tarefas de mantemento e reparación da maquinaria, deberán dispoñerse na zona os medios necesarios para evita-la chegada de verteduras accidentais ó solo, facilitando a súa recollida.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán manterse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe dos vertedoiros deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

Na superficie que se vai revexetar empregarase unha dose mínima de sementes de 300 kg/ha.

As especies que se van utilizar na revexetación deben ser autóctonas, substituíndo o toruisco por outra especie propia da zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e ó fertilizado mineral de reforzo anual, á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de marras no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

Instalarase un peche perimetral no vertedoiro selado, debendo asegurarse a funcionalidade destes peches en todo momento, así como limita-la entrada só a persoal autorizado.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir, ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se van remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar así mesmo a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta, a escala 1:500 e dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela e os puntos de toma de mostras de augas superficiais.

c) Reportaxe fotográfica que reflicta o estado final. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos dende os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro, e do destino final dos lixiviados amoreados no lugar.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de Seguimento Ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contado desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. Deberá incluír, como mínimo, a seguinte documentación:

a) Resultados dos controis efectuados segundo o plan de vixilancia e medidas que se tomarán no caso de desviacións dos valores previstos ou superación dos estipulados na lexislación.

b) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado, indicando os volumes e as súas características.

c) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de vertidos. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos; ou calquera outro suceso excepcional que poida ter repercusións ambientais, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que hai que realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O concello de Barro poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ós concellos o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro.

LugarPerdecanal (Barro)

Superficie que se vai selar4.890 m

Volume de residuos actual8.650 m

Tipos de residuosRSU

Tipo de verdedoiroEn superficie

Uso do vertedoiroDesde 1988

Situación actual e situación prevista do vertedoiro de Barro coa realización do proxecto.

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNonNon

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonDepósito de almacenamento de lixiviados e traslado a EDAR

Situación

actual

Proxecto

GasesDrensNonSi

CaptaciónNonSi, 3 pozos

TratamentoNonExtracción pasiva

PluviaisFoxos de recollida perimetralNonSi

Punto de verteduraNonFoxo do camiño de acceso

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon30 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe no vertedoiro de Barro.

Capa de asentamento20 cm de zahorra

Capa de protección da impermeabilizaciónLámina de xeotéxtil

Capa de impermeabilizaciónLámina de PEAD de 2 mm de espesor

Capa de drenaxe de augasXeomalla con xeotéxtil

Capa de coberturaSolo seleccionado (0,5 m) e terra vexetal (0,3 m)

Resumo das medidas preventivas e correctoras

* Atmosfera:

-Revisións periódicas da maquinaria.

-Mante-la superficie dos camiños de acceso húmida.

* Solo:

-No acondicionamento das diferentes superficies compactarase o mínimo posible para favorece-la revexetación.

-Desmantelaranse as instalacións auxiliares.

-En caso de derrames, limparanse os solos contaminados axeitadamente.

* Augas:

-Instalaranse gabias e/ou diques no perímetro do vertedoiro.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental