Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 23 de novembro de 2001 Páx. 15.034

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, pola que se convocan seis cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro para agricultores.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipuladores destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia realizar.

A finalidade principal destes cursos é conseguir unha formación adecuada para os agricultores que realicen tratamentos na súa propia explotación, sen empregar persoal auxiliar, con productos fitosanitarios ou de uso gandeiro, de categorías toxicolóxicas nociva ou tóxica, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador para eses productos, de nivel básico, que os capacite para exerce-la dita actividade a nivel autonómico e estatal.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de seis cursos de aplicador/manipulador de praguicidas que terán lugar de acordo coas seguintes bases:

1. Clase de cursos que se van impartir:

Cursos de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios de uso gandeiro-Nivel básico.

2. Datos dos organismos organizadores:

Os organismos organizadores serán: o Servicio de Sanidade Vexetal da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal, en colaboración coas organizacións profesionais agrarias.

3. Obxectivos dos cursos:

Que os agricultores que produzan alimentos para consumo propio ou para a venda efectúen correctamente os tratamentos con praguicidas para poder garantir así que se gardan os prazos de seguridade obrigatorios para cada praguicida e se cumpren coas esixencias legais en vigor en canto a límites de residuos.

Que o aplicador utilice o equipo de protección adecuado para evita-los posibles danos á súa saúde e á doutras persoas.

Que o agricultor coñeza os primeiros auxilios que se deben prestar en caso de que se produza unha intoxicación con praguicidas.

Que as técnicas de aplicación dos praguicidas se realicen de forma que se impida a posible contaminación do ambiente.

4. Destinatarios:

a) Destinatarios: agricultores que realicen tratamentos na Comunidade Autónoma de Galicia con productos fitosanitarios ou de uso gandeiro.

b) Nº de prazas: o número de alumnos que poderá participar por curso será de 30 como máximo.

Criterios de selección: o solicitante deberá ter, alomenos, 18 anos.

Na selección terán prioridade os agricultores especificados no punto 3, e os preseleccionados polas organizacións profesionais agrarias que colaboren na realización do curso.

5. Realización:

Os lugares e datas de realización dos seis cursos son os que figuran como anexo III desta resolución.

Duración e horario:

-Duración de cada curso: 21 horas lectivas distribuídas en 13 horas de clases teóricas e 8 de clases prácticas.

O horario de cada curso será das 15 ás 19 horas de luns a xoves e das 9 ás 14 horas do venres.

Os coordinadores de cada curso poderán modifica-lo horario ou ben os días se fose necesario.

6. Programa:

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

7. Coordinación técnica do curso:

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, a coordinación do curso será realizada conxuntamente por persoal técnico do Servicio de Sanidade Vexetal da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal e das organizacións profesionais agrarias.

8. Solicitudes e inscrición:

a) Documentación: o persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a solicitude que figura como anexo I xunto cunha fotocopia compulsada do DNI e, se é o caso, certificación da preselección realizada pola organización profesional agraria que colabora na organización do curso.

A documentación sinalada anteriormente presentarase nos rexistros xerais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria das 9 ás 14 horas, ou en cualquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de instancias será de 3 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución.

b) Admisión: a relación de solicitantes admitidos exporase no taboleiro de anuncios do organismo convocante, no prazo de 2 días naturais, contados a partir do seguinte ó de finalización do prazo sinalado para a inscrición.

9. Certificado de superación do curso:

Para obte-lo certificado de superación do curso, o alumno debe asistir a tódalas sesións deste e ter superadas as probas pertinentes que avalen os coñecementos adquiridos. Unha vez obtido o dito certificado poderase solicitar da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria o carné de manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro de nivel básico, que é o único documento válido para poder exerce-la actividade para os efectos de inspección por parte dos organismos oficiais correspondentes.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2001.

Manuel Díaz Cano

Director xeral de Producción Agropecuaria

ANEXO II

Programa do curso para os productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico.

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios en caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

Mínimo de horas lectivas: 21

ANEXO III

Cursos de aplicador/manipulador de praguicidas fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico:

ProvinciaLugaresData de realización

A CoruñaAranga-Betanzos26-30 de novembro

A CoruñaPazos-Ponteceso26-30 de novembro

A CoruñaCarballo10-14 de decembro

OurenseXinzo de Limia26-30 de novembro

PontevedraParadela-A Estrada26-30 de novembro

PontevedraAgolada26-30 de novembro