Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 30 de outubro de 2001 Páx. 14.064

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 27 de setembro de 2001 do proxecto de clausura do vertedoiro de Xove (Lugo), promovido polo Concello de Xove e a Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

Segundo a Lei 6/2001, do 8 de maio de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data do 2 de xullo de 2001.

O vertedoiro de residuos sólidos de Xove atópase localizado na parroquia de Morás, nas proximidades do vertedoiro de residuos non perigosos de Alcoa Europe.

No vertedoiro atópanse principalmente residuos de tipo doméstico, sendo as fraccións máis importantes as correspondentes á materia orgánica, vidro, plástico e metal. Apréciase unha combustión importante e unha estabilización da materia orgánica. Comenzou a súa explotación no ano 1992, interrompéndose a actividade en maio de 2001, desde ese momento atópase cuberto superficialmente por unha capa de espesor variable, entre 20 e 90 cm, de gravas de cuarzo mesturadas con area de xabre.

O vertedoiro localízase a uns 1.200 m do núcleo de poboación de Morás, enclavado nunha ladeira de pendente acusada. Os residuos atópanse dispostos en forma dunha meseta de superficie plana moi ben reperfilada e con morfoloxía de tipo rectangular. No vertedoiro non existe vexetación por estar o solo moi degradado, na zona do perímetro obsérvase un claro predominio das matogueiras, sobre todo toxeiras.

O proxecto contempla a limpeza do vertedoiro e a adecuación da superficie por medio da selaxe. Ademais para evita-la contaminación procederase a realizar unha drenaxe de recollida das augas de escorrega superficial e outra profunda para reco

lle-los lixiviados, os cales son tratados nunha estación depuradora monobloc no propio vertedoiro. Colocaranse escapes de gas para evitar posibles explosións e saídas incontroladas.

Co obxecto de recupera-lo lugar prevese realizar unha sementeira na superficie que se vai selar (5.200 m) coa seguinte mestura de sementes: falaris (Phalaris tuberosa, 5%), bromos (Bromus inermis, 15% e Bromus squarrosus, 10%), xoio (Lolium rigidum, 10%), festucas (Festuca arundinacea, 25% e Festuca rubra, 10%), trevo de cornos (Lotus corniculatos, 5%), ervellaca (Vicia sativa, 5%) e trevo (Trifolium subterraneum, 15%), ademais da plantación de 50 unidades de piñeiro galego (Pinus pinaster), 50 de carballo (Quercus rubra), 50 de xesta (Cytisus striasus) e 50 de urceira branca (Erica arborea).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras recollidas no estudio ambiental presentado.

O estudio de impacto ambiental do proxecto de clausura do vertedoiro do concello de Xove (Lugo) someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 2 de xullo de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 142, do 23 de xullo. O certificado de exposición pública na delegación da Consellería de Medio Ambiente en Lugo recíbese con data do 4 de setembro de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data do 2 de xullo de 2001 consúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública. Non tendo constancia da emisión do informe no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula ós sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro do concello Xove (Lugo), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o concello de Xove.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Xove, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Xove. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinados os documentos:

-Clausura do vertedoiro do municipio de Xove (Lugo). Proxecto de construcción. Setembro 2001,

-Clausura do vertedoiro do municipio de Xove (Lugo). Estudio de impacto ambiental. Xuño 2001,

E tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas nesta declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e esta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura do vertedoiro do Concello de Xove.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Estarase ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como ó estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións na cheminea de desgasificación non sexa percibida de forma habitual polas poboacións do contorno e, se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

4. Sobre as augas.

Deberase instalar unha arqueta tomamostras á entrada dos lixiviados á depuradora monobloc.

As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través da gabia perimetral e da drenaxe superficial proxectadas. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (empedramentos, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

Os lixiviados acumulados sobre o terreo serán recollidos e entregados a un xestor autorizado se superan os límites de vertedura recollidos na táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para efecto.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

No caso de apertura de novas canteiras co fin de obter material para a selaxe, deberase dispoñer de tódolos permisos e autorizacións pertinentes, informando a esta dirección xeral ó respecto.

6. Sobre a restauración.

Co fin de integra-la zona que se vai restaurar co contorno, plantaranse unicamente arbustos cunha densidade de plantación de 0,2 unidades/m como mínimo.

Na superficie que se vai revexetar empregarase unha dose mínima de sementes de 250 kg/ha.

As especies que se van utilizar na revexetación deben ser autóctonas da zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e a fertilización mineral de reforzo anual, á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de faltas no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

Segundo o proxecto planifícase un peche perimetral cun acceso, debe asegurarse a funcionalidade deste peche en todo momento, así como limita-la entrada polo acceso só a persoal autorizado.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se van remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar así mesmo a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de Seguimento Ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contada desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no punto 8 (Programa de Vixilancia e Control do anexo 12. Avaliación de impacto ambiental) do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lodos da depuradora a xestor autorizado.

b) Analítica nos lixiviados dos seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, D.Q.O., DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

c) Analítica do efluente tratado a saída da EDAR tendo en conta que, os límites de vertedura serán os da táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

d) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade dos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes, deberá notificarse inmediatamente a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que se van controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Xove poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxec

to de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. Esta resolución adoptada por esta dirección xeral non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

LocalizaciónParoquia de Morás, concello de Xove

Superficie da parcela5.200 m

Superficie que se vai selar5.200 m

Tipos de residuosRSU, maioritariamente incinerados

Tipo de vertedoiroMeseta-terraplén

Duración do vertedoiroOito anos

Situación actual e situación prevista

coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonDepuradora monobloc

GasesDrensNonSi

Captación NonSi, 7 pozos

TratamentoNonSistema pasivo de extracción

PluviaisGabias de recolla perimetral NonSi

Punto de verteduraNonÓ medio

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon50 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe

Superficie do vertedoiro

Capa de asento25 cm de solo natural

Capa de impermeabilizaciónXeocomposto de bentonita

Capa de drenaxeXeomalla drenante

Capa de cobertura50 cm de solo natural e 50 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

* Xeoloxía:

-Revexetación dos solos afectados, contribuíndo ó control da erosión superficial e á restauración da cuberta vexetal.

-Coidado especial na localización de canteiras para materiais de obra, e para o depósito de material sobrante de escavación.

* Réxime hidrolóxico:

-Separación de concas mediante o emprego dunha gabia perimetral que recolla a auga de chuvia que normalmente accedía ó vertedoiro.

-Correcta disposición da barreira hidráulica na capa de selaxe.

-Depuración das augas que acceden á masa de residuos mediante unha estación de tratamento.

* Solos:

-Contémplase no proxecto a rexeneración do solo da zona do vertedoiro mediante a achega de solo vexetal, que permita unha reforestación posterior.

* Vexetación:

-O proxecto contempla a realización de plantacións acordes co contorno, que conduzan a recupera-la cuberta vexetal da zona degradada pola existencia do vertedoiro.

* Medio socioeconómico:

-Debido ás escasas achegas de ruído e contaminación xeradas pola actuación, sinálanse como medidas correctoras conducentes a reduci-lo impacto ambiental a rega das pistas de acceso á maquinaria, procurando reduci-la concentración de po no aire, e o control das emisións de gas nos vehículos empregados na execución.