Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 30 de outubro de 2001 Páx. 14.014

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 22 de outubro de 2001 pola que se modifica a do 13 de xullo de 1999, pola que se convocan subvencións a empresas vinculadas co sector audiovisual para a producción audiovisual en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dictou a Orde do 13 de xullo de 1999 (DOG nº 139, do 21 de xullo) pola que se convoca e regula o réxime de concesión de subvencións a empresas vinculadas co sector audiovisual a empresas para a producción audiovisual en lingua galega.

Na citada disposición, establécese como requisito indispensable para o libramento da axuda a presentación antes do 15 de novembro de 2001, da documentación acreditativa do investimento realizado así como a entrega de dúas copias da producción resultante.

Tendo en conta o interese dos proxectos presentados de cara a favorece-lo sector audiovisual no marco da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia e a complexidade destes que motivou un longo proceso de avaliación, considérase necesario amplia-lo prazo de xustificación dos investimentos levados a cabo polos beneficiarios á vista da complexidade da materialización da entrega das copias das produccións subvencionadas con carácter plurianual.

En consecuencia, en uso das atribucións que me son conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o punto primeiro do artigo 17 da Orde do 13 de xullo de 1999 na modalidade de axudas á producción audiovisual en lingua galega para expedientes plurianuais que queda redactado como segue:

«As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presentar un resumo dos investimentos realizados antes do 15 de novembro de cada exercicio económico do que se trate, entregándolle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo xustificación do investimento efectuado mediante xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados así como a súa relación detallada. Así mesmo, deberán facer entrega de dúas copias da producción resultante e un vídeo promocional á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo antes do 27 de decembro de 2001».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro do 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo