A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictou a Orde do 15 de febreiro de 2001 (DOG nº 41, do 27 de febreiro) pola que se convoca
e regula o réxime de concesión de subvencións a empresas vinculadas co sector audiovisual para apoia-lo desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual, así como a producción audiovisual en lingua galega, e a Orde do 15 de febreiro de 2001 (DOG nº 42, do 28 de febreiro) pola que se convocan axudas para o desenvolvemento de guións e para a realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores.
Nas citadas disposicións, establécese como requisito indispensable para o libramento da axuda a presentación antes do 1 de novembro de 2001 da documentación acreditativa do investimento realizado así como a entrega de dúas copias da producción resultante.
Tendo en conta o interese dos proxectos presentados de cara a favorece-lo sector audiovisual no marco da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia e a súa complexidade que motivou un longo proceso de avaliación, considérase necesario amplia-lo prazo de xustificación dos investimentos levados a cabo polos beneficiarios á vista da complexidade da materialización da entrega das copias das produccións subvencionadas.
En consecuencia, en uso das atribucións que me son conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único.-Modifícanse os artigos 26 e 23 das ordes do 15 de febreiro de 2001 na modalidade de axudas á producción audiovisual en lingua galega e axudas para a realización de proxectos de producción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores, que quedan redactados como segue:
«As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presentar un resumo dos investimentos realizados antes do 1 de novembro de cada exercicio económico do que se trate, entregando á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo xustificación do investimento efectuado mediante xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados así como a súa relación detallada. Así mesmo, deberán facer entrega de dúas copias da producción resultante e un vídeo promocional á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo antes do 27 de decembro de 2001».
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2001.
Jesús Pérez Varela
Conselleiro de Cultura, Comunicación Social
e Turismo