Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 25 de outubro de 2001 Páx. 13.840

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da acta do convenio colectivo do sector de industrias de bebidas refrescantes.

Vista a acta do convenio colectivo para o sector de industrias de bebidas refrescantes, con nº de código 3600165, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 5-9-2001, sobre interpretación dos artigos 12 e 15 e subscrita pola comisión paritaria do devandito convenio, en data 10-7-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de setembro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Parte empresarial: José Carlos Andrade.

Parte social: Luciano Vilar González.

En Vigo, 10 de xullo de 2001, reúnense as persoas que se sinalan á marxe, na súa condición de membros da comisión deliberadora do convenio colectivo de

bebidas refrescantes da provincia de Pontevedra, para trata-la seguinte orde do día:

Único.-Interpretación dos artigos 12 e 15 do convenio.

Reunida a comisión paritaria ante as diferencias de interpretación nos artigos 12 e 15 do convenio colectivo, esta comisión paritaria acorda aclara-lo seguinte con respecto ás seguintes consultas:

1. Todo traballador que o 31 de decembro de 1995 estivese cobrando o límite máximo de antigüidade establecido nese momento (2 bienios e 7 trienios), ¿a partir dese momento seguiría a xerar antigüidade?

Esta comisión paritaria entende que ten que seguir xerando antigüidade, conforme o que establece a redacción do citado artigo e as negociacións que se levaron a cabo cando se produciu o cambio desta.

Xa que no citado artigo se establece que «ós traballadores que o 31 de decembro de 1995 cumpran algún bienio ou trienio, se lles aboará este, cuantificándose a partir da dita data a antigüidade por cuadrienios». Ademais, neste non se establece límite máximo de antigüidade, tal e como se comentou na negociación do convenio.

2. En canto a qué conceptos integrarán o salario base de cualificación que un traballador percibiría en caso de baixa como consecuencia de enfermidade non profesional, estes serían os seguintes:

-Salario base.

-Antigüidade.

-Complemento de convenio.

Xa que no artigo 19 do convenio se establece que este complemento «terá carácter de salario para efectos de enfermidade».

E non habendo máis asuntos que tratar, levantouse a sesión, ás dezanove horas, de todo o cal os asistentes asinan en proba de conformidade.