Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 23 de outubro de 2001 Páx. 13.720

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Técnicas Medioambientales, S.A. (Tecmed), no centro de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos do Concello de Ribeira.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Técnicas Medioambientales, S.A. (Tecmed), no

centro de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos do Concello de Ribeira (código convenio 1503521), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 26-7-2001, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo delegado de persoal o día 31-5-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 6 de agosto de 2001.

P.S. (Decreto 161/2000, do 29 de xuño)

Ana Mª Lado Einz

Secretaria provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Tecmed

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación a tódolos traballadores da empresa Limpiezas Tecmed, S.A. que presten os seus servicios no centro de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos do Concello de Ribeira.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórrogas.

O presente convenio entrará en vigor, independentemente da data da súa sinatura, o 1 de xaneiro de 2001.

A súa duración será de 3 anos, ata o 31 de decembro do 2003. A súa denuncia será de carácter automático.

As partes comprométense, tres meses antes do seu remate, a inicia-las negociacións dun novo convenio.

Este convenio considérase automaticamente prorrogado durante o tempo que medie entre a data de expiracióin e a de aprobación do novo convenio ou norma que o substitúa.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Do non recollido no presente convenio aplicarase o disposto no convenio do sector (convenio xeral do sector de limpeza pública, viaria, regas, recollida,

tratamento e eliminación de residuos e limpeza e conservación da rede de sumidoiros).

Artigo 4º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa natureza e orixe.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de aplicación xeral só poderán afecta-las condicións pactadas no presente convenio, cando, consideradas as novas retribucións en cómputo anual, superen as aquí pactadas.

En caso contrario, serán absorbidas e compensadas por estas últimas, subsistindo o presente convenio nos seus propios termos e sen ningunha modificación nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 5º.-Comisión mixta de garantías.

Estará formada por un representante da parte económica e un representante da parte social, que será delegado de persoal. Ambas partes poderán contar con asesores e xuntaranse por instancia de calquera delas, cantas veces sexa preciso, debendo celebrarse a reunión dentro dos seguintes cinco días hábiles á convocatoria.

As súas funcións serán:

1. Interpretación auténtica da totalidade das cláusulas deste convenio.

2. Estudio e valoración das novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor do presente convenio, que puidesen afecta-lo seu contido.

3. Cantas outras actividades tendan a unha eficacia práctica do convenio e a unha mellor solución interna dos conflictos.

As reunións da comisión paritaria non se descontarán do crédito de horas sindicais.

Artigo 6º.-Interpretación e aplicación.

As dúbidas e diverxencias que poidan xurdir sobre a aplicación deste convenio serán sometidas á comisión mixta paritaria antes de presenta-la reclamación pertinente ante o organismo competente.

A dita comisión deberá emiti-la súa resolución nun prazo máximo de cinco días hábiles, a partir do día en que foi solicitado.

As funcións e actividades da comisión mixta de garantías non obstruirán, en ningún caso, o libre acceso á xurisdicción administrativa e contenciosa previstas na lei.

Organización do traballo

Artigo 7º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade exclusiva da empresa. A empresa facilitará o exercicio do traballo de maneira que o persoal non sufra atrasos

no desenvolvemento do seu cometido debido a persoas ou feitos alleos á dita empresa.

Cada traballador/a realizará o traballo propio da súa categoría. Se por necesidade do servicio un traballador viñera desempeñando funcións de categoría superior, cobrará, desde o primeiro día, o salario desa mesma categoría.

Artigo 8º.-Promoción.

No caso de existiren prazas de superior categoríam terá preferencia, para acceder a elas, o persoal activo da empresa do centro de traballo, polo que se promocionará ás ditas categorías o persoal que demostre a súa aptitude, logo de superación das probas selectivas, coas bases e requisitos necesarios que marcará a empresa, para o que esta se compromete a da-las facilidades para que o traballador poida acada-la formación precisa ós traballadores que pretendan acceder ás ditas prazas e que reúnan os requisitos adecuados.

No caso de que as prazas quedaran vacantes a empresa podería solicita-los distintos profesionais das oficinas de emprego.

Artigo 9º.-Categorías profesionais.

As categorías profesionais para este convenio, só no relativo ás condicións económicas, son as que figuran na táboa salarial do anexo I do convenio.

Artigo 10º.-Contratación.

A contratación de novos traballadores farase sempre por medio do Inem, en oferta pública, renunciando a outro tipo de contratacións, especialmente daquelas empresas que practiquen a cesión temporal (ETT).

Condicións de traballo

Artigo 11º.-Xornada laboral.

A xornada será de 38 horas semanais, o que supón unha xornada diaria de seis horas de luns a sábado, con dúas horas máis este día (sábado) pola tarde para a limpeza do mercado, e incluíndo 20 minutos para o bocadillo, como tempo efectivo de traballo.

Os traballos que se realicen en domingos e festivos retribuiranse no ano 2001 con 6.000 pesetas máis un día de descanso, no ano 2002 con 6.500 pesetas máis un día de descanso e para o ano 2003 con 7.000 pesetas máis un día de descanso.

O día de descanso desfrutarase, como máximo, no mes seguinte do domingo ou festivo traballado, a empresa rotará ó máximo posible estes traballos, de xeito que, ó final do ano, os días traballados por tódolos traballadores sexan similares.

Artigo 12º.-Vacacións.

Todo o persoal desfrutará anualmente de 30 días naturais de vacacións retribuídas conforme a táboa salarial adxunta como anexo I.

O persoal que se incorpore á empresa ó longo do ano desfrutará da parte proporcional das vacacións que lle correspondan. Se a dita contratación fose despois do 30 de setembro, desfrutará da parte proporcional dentro do mesmo ano nunha data que se acordará coa empresa.

As vacacións desfrutaranse ó longo de todo o ano, agás entre o 15 de xullo e o 31 de agosto, de acordo co calendario exposto nos taboleiros da empresa, de acordo entre os traballadores e esta, de xeito que non existan discriminacións, e que se non hai acordo, estas sexan rotativas entre os traballadores.

Artigo 13º.-Permisos e licencias.

O persoal terá dereito ó desfrute de permisos e licencias retribuídas nos seguintes supostos:

a) 15 días hábiles en caso de contraer matrimonio.

b) 3 días en caso de enfermidade grave de familiares en primeiro grao. Se o feito se produce fóra da localidade de residencia, o permiso será de 5 días.

c) 3 días en caso de falecemento de calquera familiar en primeiro grao e 2 días se o é de segundo grao, se o feito ocorre fóra da localidade o permiso será de 2 días máis.

d) 3 días en caso de nacemento de fillos/as. Se o feito ocorre fóra da localidade de residencia, ó permiso será de 5 días.

e) 1 día por traslado de docimicilio habitual.

f) 1 día por matrimonio de fillos/as e 2 se é fóra da localidade.

g) O desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, cando se cursen estudios para a obtención dalgún título, tanto académico como profesional. Deberá ser acreditada sempre a concorrencia ós ditos exames.

h) O tempo necesario para recibir asistencia médica ou sanitaria, sempre que sexa por un médico especialista, debendo acreditarse documentalmente.

i) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

j) Polo tempo necesario para a renovación do carné de conducir, aqueles traballadores que teñan a categoría de conductor.

k) Catro días laborables ó ano sen xustificar, que se desfrutarán antes do 31 de decembro de cada ano, logo de petición con 48 horas de antelación. A empresa reserva para si o dereito de non concede-las ditas licencias cando as solicitudes coincidentes nunha mesma data supoñan unha grave deterioración no servicio. Estes días non terán carácter acumulativo dun ano a outro, nin poderán ser remunerados en caso de renunciar ó seu desfrute. Neste punto considéranse laborables aqueles festivos que por seren consecutivos sexa necesario realiza-lo servicio de recollida.

As licencias e permisos serán retribuídos a salario real, como se se estivese traballando.

As licencias e permisos empezarán a contar na data en que se produza o feito que os motiva, ou no día seguinte se o traballador finalizase xa a quenda de traballo. Cando se fala de días enténdese días naturais.

Artigo 14º.-Incapacidade temporal.

No caso de baixa por incapacidade temporal derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional, contraída como consecuencia da prestación de traballo neste centro, a empresa complementará ata o 100% do salario real, mentres dure a situación de IT. En caso de enfermidade común, a empresa completará o 100% do salario durante os primeiros 3 meses de IT, agás o complemento de nocturnidade, e transporte. En caso de maternidade ou hospitalización tamén terá dereito á dita prestación.

Artigo 15º.-Aviso previo de cesamento.

Aplicarase o que dispoña a lexislación vixente nesta materia en cada momento.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

A roupa de traballo será de uso obrigatorio para todo o persoal e a empresa facilitará cada ano as seguintes pezas, que serán homologadas tal como indique a lexislación vixente.

Conductores:

Dúas fundas ó ano, un anorak, un par de botas de seguridade, guantes anticorte, botíns de seguridade, un traxe de auga e unhas botas de auga, un traxe de inverno e un traxe de verán (cazadora, dous pantalóns, un xersei, dúas camisas e no traxe de verán, unha cazadora, dúas camisas e dous pantalóns).

Peóns:

Un traxe de inverno (cazadora, dous pantalóns, dúas camisas, un xersei), un traxe de verán (cazadora, dous pantalóns, dúas camisas).

Un anorak, un par de botas de seguridade, un par de botas de auga, un traxe de auga, guantes anticorte, un par de botíns de seguridade.

A roupa entregarase do 1 ó 15 de maio e a roupa precisa para o inverno, entre a que se consideran as botas de auga e a roupa de auga, do 15 ó 30 de setembro.

Condicións sociais

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

En caso de accidente laboral ou enfermidade profesional como consecuencia da actividade desenvolvida para a empresa, da que se derive morte, incapacidade laboral permanente absoluta ou gran invalidez para calquera actividade laboral, o traballador ou os seus beneficiarios percibirán en concepto de indemnización a cantidade de 3.000.000 de pesetas, independentemente das prestacións que puideran corresponderlle por este motivo.

Artigo 18º.-Excedencias.

Terá dereito a solicita-la excedencia todo traballador que teña unha antigüidade mínima dun ano na empresa, concedéndose esta por un período comprendida entre un e cinco anos.

A petición de excedencia deberá facerse cun mes de antelación, como mínimo.

A incorporación ó posto de traballo deberá ser solicitada un mes antes de ter finalizado a excedencia.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A excedencia considerarase forzosa, cando sexa debida a algunha das causas seguintes:

1. Nomeamento para cargo público, político ou sindical.

2. Enfermidade.

O traballador por lactación dun fillo menor de 9 meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo, que poderá ser ó principio ou ó final da xornada de traballo, esta ausencia poderá prorrogarse ata que o fillo cumpra 9 meses.

Poderá solicitar excedencia todo traballador en activo que teña un cargo sindical, tanto sexa da estructura directiva da central sindical a que pertenza, como a institución galega ou estatal en calquera das súas modalidades; esta excedencia será con dereito a reserva de posto de traballo, debendo avisar, cando menos, cunha antelación dun mes da súa reincorporación á empresa, que se fará de xeito automático, contándose o tempo de excedencia para efectos de antigüidade na empresa.

O traballador enfermo pasará á situación de excedencia forzosa cando se esgote o prazo máximo de permanencia na incapacidade temporal (IT).

A duración desta excedencia será a establecida pola lexislación da seguridade social para a invalidez provisional.

O traballador deberá solicita-lo reingreso, que será automático, dentro dos trinta días seguintes ó de alta por curación, en caso de non facelo así, agás causa de forza maior, causará baixa na empresa.

Artigo 19º.-Cobertura por retirada do carné de conducir.

Nos casos de retirada provisional do permiso de conducir, a empresa adaptará o conductor afectado a outro posto de traballo, conservándolle a categoría e soldo durante un período máximo de tres meses, transcorrido o dito prazo adaptaráselle tanto o soldo como a categoría ó seu novo posto de traballo. O traballador reintegrarase á súa categoría e posto anterior nun prazo de 3 meses a partir da devolución do mencionado carné.

Este beneficio non terá efecto cando a dita retirada sexa por imprudencia temeraria, conducción baixo os efectos das drogas ou do alcohol.

Artigo 20º.-Axuda escolar.

A empresa achegará, anualmente antes de remata-lo mes de outubro, para estudios oficiais de fillos de traballadores unha axuda que terá un importe de 7.000 pesetas por fillo para a EXB, ou gardería; 10.000 pesetas/ano por fillo en ensinanzas medias e 25.000 pesetas/ano por fillo para estudios superiores (universitarios).

Artigo 21º.-Comité de seguridade e hixiene.

Aplicarase o disposto na Lei de prevención de riscos laborais neste tema.

Artigo 22º.-Revisións médicas.

Aplicarase o disposto na Lei de prevención de riscos laborais neste tema.

Dereitos sindicais

Artigo 23º.-Dereitos sindicais.

Os delegados de persoal disporán dun crédito de horas sindicais mensuais retribuídas a salario real (como se estivese traballando), para o desenvolvemento das súas funcións representativas e sindicais. Estas horas poderán acumularse mensualmente. A empresa poderá pedir certificación xenérica da utilización destas horas.

As reunións para a negociación do convenio colectivo, así como as que convoque a representación empresarial, non se computarán para efectos do consumo de crédito de horas sindicais.

A empresa manterá en bo estado os taboleiros de anuncios de cada centro, así como facilitará ó delegado o acceso ós medios de reproducción da empresa, sempre que os escritos ou documentos teñan relación coa actividade do delegado dentro da empresa.

Artigo 24º.-Cota sindical.

A empresa descontará da nómina dos traballadores que o soliciten por escrito a cota sindical correspondente.

Condicións salariais

Artigo 25º.-Retribucións salariais.

A estructura do salario está constituída polos seguintes conceptos:

Salario base.

Antigüidade.

Complemento de asiduidade.

Complemento de nocturnidade.

Complemento tóxico, penoso ou perigoso.

Complemento transporte.

Pagas extraordinarias.

Artigo 26º.-Salario base.

É o que está recollido para cada categoría na táboa salarial que figura como anexo I deste convenio colectivo. Devengarase por día natural.

Artigo 27º.-Antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade queda establecido por bienios ó 5% sobre o salario base de cada categoría, ata un máximo dun 15% (tres bienios), e a partir deles devengaranse quinquenios dun 7%, sobre o salario base de cada categoría, respectando o tope máximo do 45%.

Este complemento devengará os mesmos días que o salario base.

Artigo 28º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte lineal de 8.248 pesetas, non cotizable, para tódalas categorías, que se devengará en 11 pagas.

Artigo 29º.-Complemento de nocturnidade.

Todo o persoal afecto a este convenio que realice máis da metade da súa xornada laboral diaria entre as 22 e as 6 horas percibirá un complemento de

nocturnidade por cada día efectivo de traballo, consistente nun 25% do salario base diario.

Artigo 30º.-Complemento de asiduidade.

Por cantidade e calidade do traballo e por día efectivo de traballo, cada traballador recibirá un complemento denominado de asiduidade, que está recollido, para cada categoría no anexo I deste convenio.

Artigo 31º.-Complementos tóxicos, penosos ou perigosos.

Todo o persoal afecto ó servicio recibirá un complemento denominado tóxicos, penosos ou perigosos, que consistirá nun 20% do salario base diario, que figura no anexo I deste convenio.

Artigo 32º.-Pagas extraordinarias.

Durante o transcurso do ano percibiranse tres pagas extraordinarias que serán as seguintes:

1. Paga extraordinaria de verán, que se aboará coa mensualidade de xuño e se devengará semestralmente día a día desde o 1 de xaneiro ata o 30 de xuño.

2. Paga de Nadal, que se aboará o día 15 de decembro e se devengará semestralmente e día a día, desde o 1 de xullo ata o 31 de decembro.

3. Paga de beneficios, que se aboará coa mensualidade de marzo, computándose anualmente día a día, e rateándose naqueles traballadores que non cumprisen o ano na empresa.

Artigo 33º.-Horas extraordinarias.

Acórdase reducir ó mínimo as horas extraordinarias, estas só se realizarán en casos excepcionais, por necesidades perentorias do servicio, danos extraordinarios e urxentes, sendo comunicadas ós representantes dos traballadores e tendo a consideración de horas estructurais, serán aboadas de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 34º.-Anticipos.

A empresa porá a disposición dos traballadores cada ano unha cantidade de dous millóns de pesetas, a que se poderán acolle-los traballadores para necesidades urxentes e perentorias e que terán que devolver, sen ningún tipo de gasto para o traballador, nun máximo de doce mensualidades.

O persoal que así o solicite por escrito, terá dereito a percibir un anticipo a conta do traballo realizado durante a mensualidade en que se solicita, por importe de ata un 80% do salario devengado.

Os anticipos deberán solicitarse con 24 horas de antelación.

Esta cantidade será distribuída, despois das peticións oportunas, por unha comisión na que estará un representante da empresa e un representante dos traballadores, que será o delegado de persoal. As decisións deberán tomarse por unanimidade.

Artigo 35º.-Pagamento do salario.

O aboamento dos salarios será mensual e o pagamento realizarase mediante transferencia bancaria, para iso a empresa ordenará as ditas transferencias, como límite, antes dos catro primeiros días do mes posterior ó que corresponda o pagamento.

Outras condicións

Artigo 36º.-Subrogación.

Ó remate, rescisión ou abandono da cointrata pola concesionaria, neste caso Tecmed, S.A., tódolos traballadores adscritos ó servicio de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos do Concello de Ribeira, pasarán a ser adscritos á nova empresa titular da dita contrata, respectando os dereitos e condicións laborais, económicas e sociais, así como as obrigas que contén este convenio colectivo.

A empresa facilitará toda a documentación e información necesaria para que poida efectuarse a dita adscrición coa nova empresa contratista.

Artigo 37º.-Dereito supletorio.

Nas materias non reguladas no presente convenio aplicarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 38º.-Incrementos salariais.

1. Para o ano 2001.

Apróbase a táboa salarial adxunta como anexo I, o que supón unha suba do 3% sobre tódolos conceptos, incluído o complemento de transporte. Os atrasos devengados no ano 2001 pagaranse nunha soa vez, na nómina que corresponda ó mes en que se asine o convenio.

ANEXO I

Salario baseTPPC. transp.C. asiduidadeP. extrasVacaciónsNocturn.Total ano

Enc. xeral205.53441.1078.24816.718205.534263.359-3.867.638

Cond. día93.15118.6308.24816.71893.151128.500-1.912.176

Cond. noite93.15118.6308.24816.71893.151128.50023.2872.168.338

Peón día89.03217.8068.24816.71889.032123.588-1.840.514

Peón noite89.03217.8068.24816.71889.032123.58822.2582.085.356

Auxiliar administ.124.630-8.24816.718124.630137.232-2.097.872

Nº veces ano11111131111

2. Para o ano 2002 e o 2003 a suba salarial será, para tódolos conceptos, a do persoal funcionario do Concello de Ribeira, sempre e cando esta non sexa inferior ó IPC, en caso contrario a suba será do IPC.