Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 23 de outubro de 2001 Páx. 13.720

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 15 de outubro de 2001 pola que se amplían os prazos de xustificación dos investimentos realizados ó abeiro da Orde do 18 de xaneiro de 2001, pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para mellora-la eficiencia e a infraestructura enerxética de Galicia, e pola Orde do 21 de setembro de 2001 pola que se abre unha segunda convocatoria.

A Consellería de Industria e Comercio dictou a Orde do 18 de xaneiro de 2001, pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para mellora-la eficiencia e a infraestructura enerxética de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 18, do 25 de xaneiro), e unha segunda convocatoria das citadas axudas mediante Orde do 21 de setembro de 2001 (Diario Oficial de Galicia nº 197, do 10 de outubro).

Nas citadas disposicións establécese como requisito indispensable para o libramento de axudas a presentación da documentación acreditativa do investimento realizado antes do 31 de outubro de 2001.

Tendo en conta que o elevado número de solicitudes presentadas motivou un dilatado proceso de avaliación dos proxectos e resolución dos respectivos expedientes, considérase necesario amplia-lo prazo de xustificación dos investimentos levados a cabo polos solicitantes.

En consecuencia, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplia-lo prazo para a execución e xustificación dos investimentos ou actuacións subvencionables ó abeiro da orde da Consellería de Industria e Comercio, do 18 de xaneiro de 2001, ata o 15 de novembro de 2001 e ata o 30 de novembro de 2001 só para as solicitudes presentadas ó abeiro da segunda convocatoria desta mesma orde.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio