Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 22 de outubro de 2001 Páx. 13.699

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2001, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T., C.T. e R.B.T. Manán de San Cosme, concello do Corgo. (Expediente 021/2000 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa Distribución, S.A. con domicilio para os efectos de notificación na avda. de Arteixo, 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997, en relación coa disposicióin transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública se presentaron as seguintes alegacións:

1. Pilar Arias Díaz que substancialmente manifesta que non concorre situación que xustifique a declaración de utilidade pública solicitada por canto os habitantes da poboación de Manán de San Cosme dispoñen xa de subministración de enerxía eléctrica. Así mesmo, manifesta que o trazado da liña non responde a criterios técnicos e cruza o predio nº 2, da súa propiedade, voando sobre unha edificación de pedra que debe de quedar salvo da referida liña.

2. José Díaz López que nun primeiro escrito manifesta para os efectos oportunos que o trazado da liña podería afectar a outro predio da súa propiedade.

Así mesmo José Díaz López nun segundo escrito reproduce practicamente o manifestado por Pilar Arias

Díaz e alega ademais que o trazado que nos ocupa discorre polo medio do predio nº 7, da súa propiedade, limitando as súas expectativas e someténdoa a graves limitacións.

Considerando que tales alegacións, vista a contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente non impiden continuar coa súa tramitación polas seguintes razóns:

1. Porque aínda que a poboación de Manán de San Cosme evidentemente dispoña xa de electricidade, tal e como manifesta Unión Fenosa na memoria do proxecto, os puntos de consumo atópanse moi alonxados do centro de transformación actual polo que as caídas de tensión son moi elevadas facendo necesaria e plenamente xustificable a instalación proxectada.

2. Segundo o artigo 4º do Regulamento técnico de liñas aéreas de alta tensión, as liñas eléctricas estudiaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto no seu intento de logra-la solución óptima para o conxunto da instalación, é dicir correspóndelle ó autor do proxecto propoñe-lo trazado máis conveniente para o conxunto da instalación, trazado que se recolle no proxecto que consta no expediente que foi informado favorablemente polos servicios técnicos desta delegación.

3. En canto ó manifestado por Pilar Arías Díaz referente a que a liña na súa parcela voa sobre unha edificación de pedra, cómpre indicar que o proxecto foi modificado de forma que a liña non sobrevoara a devandita edificación que, de tódolos xeitos, se trata dun galpón de pedra sen tellado, polo que non existiría prohibición para a imposición de servidume de paso segundo consta en informe dos servicios técnicos desta delegación provincial que consta no expediente.

4. Polo que respecta ó manifestado por José Díaz López referente a que o trazado proxectado divide a súa parcela cruzándoa pola metade, cómpre indicar que os prexuízos que lle ocasione o trazado da liña serán obxecto de valoración nunha fase posterior do expediente segundo o procedemento establecido nos artigos 24 e seguintes da Lei de expropiación forzosa de 1954, procedemento no que se lle requirirá ó alegante que presente a súa folla de aprecio no que concrete o valor en que estime tales prexuízos derivados da imposición da servidume de paso da liña polo seu predio.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que a liña ó seu paso polos predios relacionados na información pública non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ós que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997, antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e

minas, e no exercicio de competencias atribuída polos decretos 2617 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. á C.T. de Hospital e remate no C.T. proxectado de Manán de San Cosme de 802 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón en conductor LA-56.

2. Centro de transformación aéreo de intemperie de Manán de San Cosme de 50 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

3. Conexión á R.B.T. aérea existente de Manán de San Cosme de 55 m de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución e anexo, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966 e visto o contido do informe técnico de data do 23 de abril de 2001.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 31 do Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación publicada no diario El Progreso con data do 8 de maio, Diario Oficial de Galicia con data do 7 de xuño de 2001 no BOP de Lugo do 19 de maio de 2001, expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do concello do Corgo. Ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de

conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 4 de setembro de 2001.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo