Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 22 de outubro de 2001 Páx. 13.660

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2001, da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, pola que se dispón a publicación do protocolo xeral polo que se establece o acordo marco entre o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e a Xunta de Galicia para a coordinación de actuacións en materia de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

A ministra de Ciencia e Tecnoloxía, en nome e representación do dito departamento ministerial, actuando en exercicio da competencia abribuída polo artigo 12.1º g) da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado, e doutra parte, o presidente da Xunta de Galicia, en nome e representación desta Administración autonómica, e de acordo co disposto nos artigos 24 e 26 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, formalizaron, o 12 de xuño de 2001, un protocolo xeral polo que se establece o acordo marco entre o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e a Xunta de Galicia para a coordinación de actuacións en materia de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, que se inclúe como anexo a esta resolución.

En cumprimento do disposto no artigo 8.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, esta secretaría xeral dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2001.

Miguel A. Ríos Fernández

Secretario xeral de Investigación

e Desenvolvemento

ANEXO

PROTOCOLO XERAL POLO QUE SE ESTABLECE O ACORDO MARCO

ENTRE O MINISTERIO DE CIENCIA E TECNOLOXÍA E A XUNTA DE GALICIA PARA A COORDINACIÓN DE ACTUACIÓNS EN MATERIA DE INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA, DESENVOLVEMENTO E INNOVACIÓN TECNOLÓXICA

En Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2001.

Interveñen:

Dunha parte, Anna María Birulés i Beltrán, ministra de Ciencia e Tecnoloxía, cargo que ostenta en virtude do nomeamento efectuado polo Real decreto 561/2000, do 27 de abril, polo que se nomean ministros do Goberno (BOE do 28 de abril), actuando no exercicio da competencia atribuída polo artigo 12.1º g) da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado.

Doutra, Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia, en nome e representación desta Administración autonómica e actuando de conformidade co disposto nos artigos 24 e 26 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da xunta e do seu presidente.

Expoñen:

Que o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e a Xunta de Galicia desexan coordina-las súas actuacións en materia de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica co obxectivo común de promove-lo desenvolvemento dunha investigación de excelencia que contribúa ó avance do coñecemento e a eleva-lo nivel tecnolóxico das empresas co fin de mellora-la calidade de vida dos cidadáns e incrementa-la competitividade das empresas.

Que para a consecución destes obxectivos ámbalas dúas partes poñen en marcha actuacións de fomento da actividade investigadora, o Plan Nacional de I+D+I e o Plan Galego de IDT respectivamente, e coinciden na necesidade de potencia-la creación de masas críticas necesarias para afronta-los desafíos que a investigación española ten formulados, propicia-la internacionalización dos nosos grupos, en especial no contexto do espacio europeo de investigación, incrementa-la cantidade e calidade dos recursos humanos en investigación, propicia-la transferencia tecnolóxica ó sector empresarial e a difusión científica e tecnolóxica.

Que a Lei 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, creou un marco normativo para promove-la coordinación e colaboración entre as distintas administracións públicas, universidades, institucións públicas e empresas privadas no campo da investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Que con data 12 de novembro de 1999, o Consello de Ministros aprobou o Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (I+D+I) para o período 2000-2003 que lle foi presentado pola Comisión Interministerial da Ciencia e Tecnoloxía, en cumprimento do previsto no artigo 6 da Lei 13/1986, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica.

Que a Lei 12/1993, do 29 de xullo, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, establece entre os seus fins «Coordina-los recursos dedicados á investigación e ó desenvolvemento tecnolóxico, así como concertalos cos precedentes de contribucións do plan estatal e dos fondos da Comunidade Europea».

Que con data 18 de decembro de 1998, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico 1999-2001, proposto pola Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 da Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

Que un dos obxectivos do Plan Nacional de I+D+I é avanzar na cooperación coas comunidades autónomas, dentro das posibilidades que ofrece a Lei 13/1986 e de acordo co previsto no documento sobre «Mecanismos de cooperación entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas no marco do Plan Nacional de I+D+I», que foi aprobado polo Consello Xeral da Ciencia e a Tecnoloxía na súa reunión do 27 de setembro de 1999.

Que, de acordo co previsto no Plan Nacional de I+D+I, o mecanismo xeral de cooperación será o establecemento de acordos marcos que poderán dar lugar a actuacións conxuntas de cooperación que deberán de regularse a través de convenios específicos.

Que as partes veñen cooperando no pasado en diferentes aspectos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía como o testemuñan os convenios asinados de mutuo acordo.

Que ámbalas dúas partes consideran de interese intensifica-la coordinación e impulsar actuacións conxuntas de cooperación que coordinen os esforzos do Plan Nacional de I+D+I e do Plan Galego de IDT en áreas de interese común, por entender que isto contribúe ó mellor cumprimento dos seus respectivos obxectivos.

Por todo iso, as partes acordan suscribi-lo presente acordo marco, que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto do acordo marco.

1. O obxecto do presente acordo marco é regula-las relacións de coordinación e cooperación entre as partes, en especial no que se refira ó intercambio de información, á definición de áreas de actuación conxunta e prioritaria e á divulgación científica e tecnolóxica.

2. Sobre a base do presente acordo marco, as partes pretenden fomenta-la investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, potenciando a creación de masas críticas necesarias para afronta-los desafíos científico-tecnolóxicos, propicia-la internacionalización desta actividade, en especial no contexto do espacio europeo de investigación, incrementa-la cantidade e calidade dos recursos humanos no ámbito da inves-

tigación e o desenvolvemento tecnolóxico, favorece-la transferencia tecnolóxica ó sector empresarial e a difusión científica e tecnolóxica.

3. O Consello Xeral da Ciencia e a Tecnoloxía, regulado polo artigo 12 da Lei 13/1986, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, no que están representadas as partes, constitúe o instrumento esencial da coordinación de actuacións. As partes comprométense a participar activamente neste consello xeral e nos grupos de traballo que puideran constituírse no seo do consello xeral para avanzar na coordinación de actuacións.

Segunda.-Intercambio da información.

1. As partes asumen que o intercambio de información constitúe a base dunha axeitada coordinación das respectivas actuacións en materia de política científica e tecnolóxica e comprométense a avanzar nesta materia.

2. O obxecto do intercambio de información é considerado amplo polas partes. Considérase esencial abordar prioritariamente os seguintes campos:

* Estatística de I+D+I incluíndo directorios de centros de I+D e empresas.

* Prioridades nacionais e rexionais de investigación, desenvolvemento e innovación.

* Previsións orzamentarias e execución do gasto polos respectivos plans de I+D+I.

* Accións financiadas por cada parte.

* Accións de formación do persoal investigador.

* Grandes instalacións científicas.

* Cooperación internacional.

3. Alén do intercambio de información, cada parte comprométese a consultar á outra respecto a todas aquelas actuacións que se propoña emprender e poidan implicar para esta derradeira un cofinanciamento inmediato ou futuro.

4. Nun contexto máis amplo de coordinación global co resto das administracións autonómicas, as partes comprométense a afondar no coñecemento mutuo mediante o intercambio de experiencias en política e xestión de I+D+I. O desenvolvemento de seminarios ou xornadas sobre temas de interese xeral, por exemplo, en materia de prospectiva tecnolóxica, sistemas de avaliación ou experiencias de xestión, considérase un ámbito de cooperación de interese mutuo.

5. As actuacións de coordinación referiranse ó conxunto de áreas científico-tecnolóxicas cubertas polo Plan Nacional de I+D+I.

Terceira.-Áreas de actuación conxunta.

1. As actuacións conxuntas de cooperación concentraranse nas seguintes áreas identificadas polas partes como de interese común e prioritario:

Área 1: biotecnoloxía, unha área de alto interese científico, importante para o desenvolvemento de sectores con claro interese socioeconómico para

Galicia, como o agropecuario e a acuicultura, e na que se dispón con núcleos significativos de investigadores.

Área 2: tecnoloxías da información e as comunicacións, necesarias para impulsa-lo desenvolvemento da sociedade da información. Xunto co seu interese científico hai que destaca-lo interese asociado á implantación da sociedade da información en Galicia, tanto nos aspectos sociais como económico-empresariais. Hai capital humano, aínda que insuficiente, procedente, sobre todo, da Facultade de Informática e da E.T.S. de Enxeñeiros de Telecomunicacións.

Área 3: automoción. O sector da automoción é un dos que contribúen en maior proporción ó PIB de Galicia. Para a súa potenciación, sobre todo no que se refire á industria auxiliar, creouse un centro tecnolóxico do automóbil.

Área 4: áreas de recursos naturais. Responden a sectores tradicionais, importantes en Galicia e que han de ser modernizados a través da innovación tecnolóxica. Existen en Galicia centros de investigación que poden soporta-las investigacións necesarias para iso.

2. A posta en marcha de actuacións conxuntas de cooperación requirirá a adopción dun convenio específico entre as partes a través do cal se regulará a implicación das partes e se establecerá un procedemento de xestión común que incluirá o sistema de avaliación e seguimento da actuación. Para a negociación destes convenios específicos, e por iniciativa de calquera das partes, instituirase unha comisión mixta e paritaria na súa composición, que estará constituída por dous representantes da Administración xeral do Estado e dous representantes da comunidade autónoma.

3. O fomento da investigación científica e tecnolóxica nas ditas áreas contribuirá ó cumprimento dos seguintes obxectivos estratéxicos do plan nacional:

* Incrementa-lo nivel da ciencia e a tecnoloxía española, tanto en volume como en calidade.

* Eleva-la competitividade das empresas e o seu carácter innovador.

* Mellora-lo aproveitamento dos resultados de I+D por parte das empresas e da sociedade española no seu conxunto.

* Incrementa-los recursos humanos cualificados, tanto no sector público como no privado.

4. Así mesmo, as ditas actuacións contribuirán ó cumprimento dos seguintes obxectivos estratéxicos do plan rexional:

* Consegui-la maior contribución estable ó desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da competitividade baseada na innovación empresarial.

* Logra-la optimización dos recursos, sobre a base da integración e coordinación de tódolos elementos do sistema e dun control axeitado.

* Incrementa-la participación económica empresarial nas actividades IDTI.

* Facilita-la transferencia de tecnoloxía entre o sistema público de IDT e o sector productivo empresarial.

* Impulsa-las telecomunicacións e os servicios multimedia como infraestructuras de interese xeral para competir no contexto da economía globalizada.

Cuarta.-Difusión científica e tecnolóxica.

1. As partes acordan intensificar coordinadamente o seus esforzos en materia de difusión científica e tecnolóxica.

2. O obxectivo desta difusión é mellora-la percepción e o coñecemento que os cidadáns teñen da ciencia e da tecnoloxía ante a evidencia de que só unha sociedade interesada garante, a longo prazo, o desenvolvemento sustentable do sistema de ciencia e tecnoloxía español e o aproveitamento dos seus resultados.

3. A cooperación materializarase, en primeiro lugar, a través dun intercambio de información respecto ás actuacións que as partes realicen nesta materia. En segundo lugar, as partes asumen o obxectivo de organizar unha «Semana da Ciencia» que terá lugar no derradeiro trimestre do ano 2001 e na data que se determine nos vindeiros anos de vixencia do presente acordo marco. O Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía abrirá para estes efectos unha convocatoria especial do Programa Nacional de Difusión da Ciencia. A implicación da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, centrarase, ademais de no desenvolvemento das súas propias actuacións durante a Semana da Ciencia, en fomenta-la implicación nesta convocatoria dos axentes sociais, culturais, educativos, na promoción da cultura científica e tecnolóxica, no seu ámbito territorial.

Quinta.-Redes de comunicación en I+D.

1. O Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía está ampliando o ancho de banda da rede troncal de comunicación para o sistema de ciencia e tecnoloxía español, co obxectivo de acadar velocidades comparables ás dos socios membros da rede Geant europea. Así mesmo, a través das convocatorias Feder, está adaptando a infraestructura de comunicación de universidades, centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos, para adecualos a estas velocidades.

2. A Xunta de Galicia realizará os esforzos necesarios para que os tramos da rede autonómica tamén se axeiten ó mesmo nivel de conectividade.

3. Ámbalas dúas partes perseguen o obxectivo de lograr un grao de capilaridade suficiente que permita satisface-las necesidades dos investigadores españois.

Sexta.-Seguimento e avaliación.

1. Para os efectos do seguimento das actuacións previstas nas cláusulas 2ª, 4ª e 5ª do presente acordo

marco, referidas ó intercambio de información e á cooperación en materia de difusión científica e de redes de comunicación en I+D, as partes identificarán respectivamente un representante por cada unha destas actuacións.

2. Os representantes das partes serán responsables de avanzar na consecución dos obxectivos definidos para cada unha das actuacións no presente acordo marco.

3. A avaliación do desenvolvemento e grao de cumprimento dos obxectivos previstos para estas actuacións de coordinación levarase a cabo a través dun ou varios grupos de traballo, vinculados ó Consello Xeral para a Ciencia e a Tecnoloxía ó que informarán regularmente da súa actividade. Cada grupo de traballo estará integrado por unha representación paritaria da Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas en número que non supere na súa totalidade en dez representantes. A creación e composición de cada grupo de traballo acordarase no Consello Xeral para a Ciencia e a Tecnoloxía. Mediante este procedemento, as partes aceptan que a avaliación das actuacións de coordinación previstas no presente acordo marco sexa realizada no contexto global do conxunto das comunidades autónomas.

4. O seguimento e a avaliación das actuacións conxuntas de cooperación, ás que se refire a cláusula 3ª do presente acordo marco, establecerase no convenio específico que regule cada actuación.

5. Para tódalas tarefas de seguimento e avaliación teranse en conta os procedementos que, con carácter xeral, se establezan para o seguimento e a avaliación do Plan Nacional I+D+I, tanto no que se refire á avaliación ex-ante como á avaliación continua e á avaliación estratéxica anual.

Sétima.-Actualización do acordo marco.

1. O presente acordo marco poderase modificar por mutuo acordo ou cando iso sexa preciso como consecuencia das decisións da CICYT das modificacións que poidan afecta-lo Plan Nacional de I+D+I 2000-2003 ou das modificacións que poidan afectar ó Plan Galego de IDT. As modificacións ó acordo marco incorporaranse como anexo a este.

2. Así mesmo, o convenio poderá resolverse por decisión de calquera das partes, sempre que se comunique cunha antelación de polo menos catro meses á outra parte e á Secretaría do Consello Xeral da Ciencia e Tecnoloxía. A parte que denunciase o convenio asumirá as responsabilidades de calquera tipo que tivera contraídas como consecuencia das actuacións que xa se iniciasen.

Oitava.-Vixencia do acordo marco.

O presente acordo marco entrará en vigor na data da súa sinatura e estará vixente ata o remate do Plan Nacional de I+D+I, 2000-2003.

Novena.-Publicidade do convenio.

O presente acordo marco publicarase de maneira simultánea no BOE e no Diario Oficial de Galicia.

Anna María Birulés i Bertrán, ministra de Ciencia e Tecnoloxía; Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia.