Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 22 de outubro de 2001 Páx. 13.663

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2001, da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e a Xunta de Galicia para a constitución do Centro Tecnolóxico do Mar Fundación Cetmar.

A ministra de Ciencia e Tecnoloxía, en nome e representación do dito departamento ministerial, actuando en exercicio da competencia atribuída polo artigo 12.1º g) da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado, e, doutra parte, o presidente da Xunta de Galicia, en nome e representación desta Administración autonómica, e de acordo co disposto nos artigos 24 e 26 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, formalizaron, o 12 de xuño de 2001, un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía para a constitución do Centro Tecnolóxico do Mar Fundación Cetmar, que se inclúe como anexo a esta resolución.

En cumprimento do disposto no artigo 8.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, esta secretaría xeral dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2001.

Miguel A. Ríos Fernández

Secretario xeral de Investigación

e Desenvolvemento

ANEXO

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA

E O MINISTERIO DE CIENCIA E TECNOLOXÍA PARA A CONSTITUCIÓN

DO CENTRO TECNOLÓXICO DO MAR FUNDACIÓN CETMAR

En Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2001.

Reunidos:

Dunha parte, Anna María Birulés i Bertrán, ministra de Ciencia e Tecnoloxía, actuando no exercicio da competencia atribuída polo artigo 12.1º g) da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado.

E doutra, Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia, en nome e representación desta Administración autonómica e actuando de conformidade co disposto nos artigos 24 e 26 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Recoñécense a representación que posúen, capacidade para formaliza-lo presente convenio de colaboración e, en consecuencia, manifestan:

Que a Lei 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, creou un marco normativo para promove-la cooperación e colaboración entre as distintas administracións públicas, universidades, institucións

públicas e empresas privadas no eido da investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Que o Estado ten competencia exclusiva en materia de fomento e coordinación da investigación científica e técnica, de acordo co artigo 149.1.15ª da Constitución.

Que o Real decreto 1451/2000, do 28 de xullo, polo que se desenvolve a estructura orgánica básica do Ministerio de Ciencia y Tecnoloxía, establece no seu artigo 2 que a Secretaría de Estado de Política Científica e Tecnolóxica é o órgano ó que corresponde o impulso, a programación e a supervisión das actividades do departamento en materia de investigación científica e tecnolóxica, en especial do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2000-2003), así como a cooperación coas comunidades autónomas nestas materias.

Que a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencias sobre investigación científica e técnica de acordo co artigo 27.19º da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

Que Galicia é a primeira comunidade pesqueira de Europa, e ó mesmo tempo é a rexión europea máis dependente da pesca. Estas dúas características orixinaron que a formación, a investigación e a innovación tecnolóxica neste sector foran abordadas polas distintas institucións radicadas en Galicia como obxectivos prioritarios.

Os aspectos relevantes e necesarios para abordar unha explotación racional e integral dos recursos biolóxicos mariños están sendo abordados polos grupos de investigación radicados en Galicia. Paralelamente, os sectores industriais relacionados co mar e os seus productos teñen un elevado nivel tecnolóxico que lles permite estar en primeira liña a nivel mundial. A interconexión entre os sectores productivo e investigador é insuficiente.

É necesario, por tanto, cambia-la posición de ambos sectores e tratar de acadar unha maior implicación e apoio mutuo entre ambos. Nesta liña, formúlase a creación dun centro tecnolóxico que sexa capaz de dar resposta a tódolos problemas que, sobre a materia, se poidan presentar. O seu ámbito de actuación sería a investigación científica sobre a explotación, o cultivo, a elaboración, transformación e comercialización dos recursos biolóxicos mariños, co que se relacionaría con diversos sectores como a construcción naval, a pesca, o marisqueo, a acuicultura, productos conxelados, conservas. etc.

Ámbalas dúas partes manifestan a súa vontade de colaborar, no ámbito das súas respectivas competencias, mediante a coordinación dos esforzos e a optimización dos recursos respectivos, a través da constitución do Centro Tecnolóxico do Mar Fundación Cetmar, o protectorado será exercido pola Xunta de Galicia de acordo co previsto pola Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime da fundacións de interese galego, de conformidade coas seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto deste convenio de colaboración é o establecemento dun marco de colaboración para a inves

tigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico no eido dos recursos mariños, mediante o compromiso de constitución do Centro Tecnolóxico do Mar Fundación Cetmar, así como a participación nesta das partes intervenientes, en condición de patróns.

A fundación terá como fins:

a) Optimiza-lo rendemento dos equipos e infraestructuras dedicados á investigación por medio da colaboración interinstitucional e a actuación interdisciplinar.

b) A recompilación e análise dos sistemas de información dispoñibles en relación co estado de coñecemento en cada área incluíndo bases de datos técnicos, bibliografías e documentais; así como a análise de prospectiva científico-técnica nos diferentes ámbitos de actividade nacional e internacional.

c) A realización de accións executivas concretas fronte a demandas específicas (análise, informes, asesoramento, axuda nas propostas e realización de actividades de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, transferencia de tecnoloxía, formación e programas de cooperación nacional e internacional).

d) A realización de actividades de promoción, asesoramento e apoio ás empresas para a súa dinamización, incorporación e participación no ámbito da I+D+I.

e) A promoción, colaboración e organización de cursos, grupos de traballo e reunións técnicas e científicas e a divulgación e difusión daqueles traballos e resultados de investigación que se consideren de interese.

Segunda.-Constitución da fundación.

A fundación rexerase pola Lei de Galicia 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego; pola Lei de Galicia 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior; polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; pola Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; pola Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuacións de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación e por vontade do fundador manifestada nos estatutos e demais lexislación de xeral aplicación.

Terceira.-Dotación fundacional.

As partes comprométense a realizar-las seguintes achegas para a dotación da fundación:

Xunta de Galicia: tres millóns de pesetas (3.000.000 de pesetas), dezaoito mil trinta con trinta e seis euros (18.030,36 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.870.0 do exercicio 2001.

Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía: tres millóns de pesetas (3.000.000 de pesetas), dezaoito mil trin

ta con trinta e seis euros (18.030,36 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 20.08.542M.785.

Cuarta.-Sede.

A fundación terá como sede o edificio sito na rúa Eduardo Cabello, s/n, Bouzas, Vigo, coñecido como Canal de Experiencias Pesqueiras, edificio que é cedido para uso da fundación pola Xunta de Galicia.

Quinta.-Participación na fundación.

A fundación estará aberta á participación de institucións relacionadas coa investigación ou explotación dos recursos mariños. Os convenios de adhesión establecerán as condicións de participación, así como a incorporación ós órganos de goberno.

Sexta.-Comisión de seguimento.

Para asegura-la coordinación das partes asinantes deste convenio de colaboración, así como para realiza-lo seu seguimento, constituirase unha comisión de seguimento con dous representantes de cada unha das partes. A súa presidencia exercerase polas partes asinantes, anualmente e de xeito rotatorio, segundo a orde establecida na parte de comparecentes deste convenio de colaboración.

Así mesmo, corresponderá á comisión de seguimento a realización das xestións necesarias para a constitución da fundación, así como a resolución das dúbidas e controversias que puideran suscita-la interpretación e aplicación deste convenio de colaboración.

Sétima.-Resolución, duración e prórroga.

Serán causas de resolución deste convenio de colaboración o mutuo acordo das partes ou por petición dunha delas cun aviso previo en ámbolos dous casos de seis meses. En tales casos, a parte que instara a rescisión deberá achega-los fondos económicos necesarios para afronta-las obrigas contraídas en virtude deste convenio de colaboración.

Así mesmo será causa de resolución deste o incumprimento das súas cláusulas.

Este convenio de colaboración comezará a ter efectos desde o día da súa sinatura.

Oitava.-Natureza do convenio e xurisdicción.

Este convenio ten natureza administrativa e realízase ó amparo do artigo 6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do artigo 3.1º c) do texto refundido da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas.

Sen prexuízo do establecido na cláusula sexta, a xurisdicción contencioso-administrativa será a competente para coñecer das discrepancias que puideran xurdir na interpretación e aplicación do convenio.

Para dar cumprimento ó establecido neste convenio de colaboración e en sinal do mutuo acordo, as partes colaboradoras asínano por duplicado, para un só efecto e en lugar e data ó principio indicados.

Anna María Birulés i Bertrán, ministra de Ciencia e Tecnoloxía; Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia.